A demora do SEPE na
tramitación dos centos de miles de ERTES presentados, provocará o
atraso do cobro das prestacións
De “gravísima”
cualifica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a situación á
que se enfrontan os miles de traballadores e traballadoras afectadas
por ERTES, porque a demora do SEPE na tramitación dos expedientes
presentados en Galiza – 32.206 a data de hoxe, que afectan a
205.396 traballadores/as – provocará á súa vez un atraso no
recoñecemento do dereito a cobrar unha prestación, “o que os
deixará sen ingresos até que se efectivicen os procedementos”.
Por iso Carril exixe
que “de inmediato se articulen as medidas necesarias para evitar
que se produza esta situación”. Lembra que a CIG viña advertindo
de que nos atopariamos con este problema que se podería ter evitado
se desde un primeiro momento se recoñecera o dereito das
traballadoras e traballadores a un permiso retribuído por deber
inescusable e se articulara un fondo público de compensación para
as empresas.
O secretario xeral
da CIG entende que deste xeito se evitaría a caótica situación á
que nos enfrontamos agora mesmo, consecuencia das erráticas medidas
adoptadas nos sucesivos Consellos de Ministros nos que o goberno
español se foi corrixindo a si mesmo. “Agora atopamos a un goberno
sobrepasado polos miles e miles de ERTES presentados e a unha clase
traballadora que, máis unha vez, pagará por unha situación da que
non é responsable pola falta de previsión do executivo”.
Carril denuncia
ademais as múltiples casuísticas nas que se atopan centos de miles
de traballadores e traballadoras e reclama unha solución global e
alternativas amplas para o conxunto da clase traballadora, “en
lugar da sucesión de parches que fomos vendo desde o inicio da crise
sanitaria froito da improvisación do goberno”.
Reclama ademais que
se modifique a carga fiscal cara as empresas, as grandes fortunas ou
a través da intervención pública de sectores estratéxicos da
economía, hoxe en mans privadas, para conseguir o financiamento
público necesario para enfrontar os custos das medidas
extraordinarias, de acordo cos principios de igualdade e
progresividade, no canto de optar por políticas neoliberais que
derivan novamente na clase traballadora o impacto desta crise.
Nese sentido Carril
reitera que, hoxe máis que nunca, son necesarias políticas públicas
e que se poñan ao dispor das maiorías sociais todos os recursos
necesarios para garantir unha protección social sen exclusións que
garanta o emprego, os salarios e uns ingresos dignos para a clase
traballadora.
Reclama ademais, do
goberno Feixóo, que goberne desde Galiza e para Galiza, en lugar de
escudarse nas decisións adoptadas en Madrid para eludir a súa
responsabilidade en materias nas que ten todas as competencias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario