Mañá terá lugar a constitución do novo Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos, que se debe reunir trimestralmente e leva sen reunirse desde o 10 de decembro de 2018. Os puntos da orde do día son a constitución do Comité e o plan de continxencia da Covid-19.
A CIG asistirá cunha representación da Sección sindical con voz mais sen voto, logo de que a CSIF e a UGT decidisen repartirse dous dos tres delegados de prevención que debe ter o persoal laboral no Comité e eliminar o terceiro en favor do funcionariado.
Os delegados de prevención do persoal laboral, Mónica Bóveda e José Ángel Montes, non incluiron na orde do día do Comité de Seguridade e Saúde nin un só dos temas que se acordaran, logo da proposta da CIG, na última reunión ordinaria do Comité de Empresa, vulnerando o acordado e demostrando unha total despreocupación polos temas de seguridade e saúde laboral. Daquela tamén se acordara que habería unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa previa á constitución do Comité de Seguridade e Saúde que nunca tivo lugar.
A CIG asistirá mañá á reunión virtual, xunto co asesor en materia de seguridade e saúde laboral e presentará varias propostas de mellora ao Plan de continxencia presentado polo Concello de Betanzos e elaborado polo Servizo de Prevención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario