Aínda que existen
diversos factores que inflúen en maior ou menor medida, na orixe dos
accidentes de tráfico e dos accidentes de traballo, o consumo de
medicamentos é obxecto de crecente interese. Non se pode esquecer
que os medicamentos teñen un triplo efecto: por unha banda, o efecto
beneficioso buscado (terapéutico); por outro, os efectos
secundarios; e, en terceiro lugar, os posibles efectos adversos
tanto per se como se se combinan con outro tipo de substancias
(interaccións).
Esta guía é unha
ampliación das recomendacións do proxecto europeo DRUID
(Driving under the Influence of Drugs,
Alcol and Medicines), do consenso realizado entre
profesionais sanitarios e a administración nos Países Baixos, das
recomendacións da International Pharmaceutical
Federation (FIP), da declaración de Brasília aprobada en novembro
de 2015 na Segunda Conferencia Mundial de Alto Nivel sobre Seguridade
Viaria, onde se encomenda aos Estados membros que xa adoptasen
medidas lexislativas integrais para a utilización do cinto de
seguridade, as restricións para nenos ou o uso de cascos, a
condución baixo os efectos do alcol ou a velocidade excesiva, a que
presten atención a outros factores de risco como as condicións
médicas ou medicamentos que poidan afectar á seguridade na
condución, e do documento
de consenso publicado en España en maio de 2016 sobre medicamentos e
condución de vehículos, cuxo texto completo achegamos, así
como o texto completo da propia Guía.
A presente Guía ten
como obxectivo, en primeiro lugar sensibilizar aos profesionais
sanitarios, aos técnicos de prevención de riscos laborais, aos
empresarios/as, aos traballadores/as, e á poboación xeral sobre os
efectos negativos que determinados medicamentos poden ter na
condución de vehículos, na realización de traballos perigosos e en
actividades de gran transcendencia social que comporten un risco
tanto para o propio traballador/a como para terceiras persoas, co fin
último de previr as lesións ocasionadas por este tipo de
accidentes.
Un segundo obxectivo
é proporcionar unha información adecuada tanto aos profesionais
sanitarios, aos técnicos de prevención de riscos laborais, aos
empresarios e aos traballadores, como tamén á poboación xeral
sobre a influencia dos medicamentos na condución de vehículos e nas
actividades laborais perigosas.
A Guía foi
redactada por Pere Sanz Gallen, doutor en Medicina e
Cirurxía e Especialista en Medicina do Traballo, Prof.
Asociado da Unidade de Medicina Legal, Laboral e Toxicoloxía do
Departamento de Medicina e Ciencias da Saúde da Facultade de
Medicina da Universidade de Barcelona e experto en Toxicoloxía
pola EUROTOX (Asociación Europea de Toxicoloxía).
Ningún comentario:
Publicar un comentario