A sección sindical
critica que o protocolo para a reincorporación do persoal non foi
negociado
A Sección Sindical
da CIG no Concello da Coruña presentou este mércores unha denuncia
na Inspección de Traballo contra o Goberno municipal por
incumprimentos na lexislación laboral ao respecto da saúde laboral
dos seus traballadores e traballadoras durante o proceso de
"pretendido retorno á normalidade".
O Goberno municipal,
explican, implementou un protocolo para a reincorporación do
persoal público ao traballo presencial, así como as medidas de
prevención fronte á Covid-19 que foi "imposto sen
negociación previa, xa que o borrador que se levou ao comité de
Seguridade e Saúde non era máis que un conxunto de ideas de
carácter xeral, que non era negociábel, pois, segundo manifestou o
concelleiro de Persoal, este comité so tiña carácter consultivo e
xa non ía haber máis reunións para acadar o documento definitivo".
Falta de
coordinación e material inadecuado
Dende a Sección
Sindical advertiron no seu momento que o feito de deixar nas mans das
xefaturas dos diferentes servizos a aplicación práctica deste
protocolo ía causar unha grave falla de coordinación "cos
conseguintes agravios comparativos". Así, expoñen o caso da
reincorporación das/os conserxes de colexio que "foi unha
auténtica chapuza na entrega do material de protección, que non se
axustaba ao que determina o protocolo e que ademais é de dubidosa
calidade". De feito, engaden, algunha das pantallas de
protección rachou antes de poñela.
Ao entender da
sección sindical da CIG este protocolo, ao non facer valoracións
individualizadas, "deixa mal protexidas as empregadas e
empregados municipais. Como exemplo, salientan que naqueles lugares
de traballo onde supostamente non accede a cidadanía "a única
protección que teñen os traballadores e traballadores é a hixiene
e a separación, mais sen ter en conta que hai espazos de tránsito e
lugares comúns nos que a separación mínima non se poderá manter".
Ademais, a tres días
da reincorporación da maioría do persoal aínda non está
protocolizado nin o uso dos servizos públicos e de empregados/as,
nin os sistemas de accesos ás dependencias por parte da cidadanía,
nin a xestión das agardas ou listas de espera. Diante disto, dende a
sección sindical pídense á cidadanía que actúe con cautela á
hora de utilizar os servizos públicos, que usen medidas de
protección "e que desculpen calquera inconveniente causado por
esta nova situación".
Ningún comentario:
Publicar un comentario