A CIG avoga por
introducir cambios legais e aprobar un paquete fiscal para minimizar
o impacto da crise da Covid19 na clase obreira
En pleno proceso de
'desescalada' as medidas que se anuncian tanto por parte do Goberno
español como polo Goberno galego (facendo un absoluto desprezo
dos órganos
institucionais existente para estas funcións como o CES ou
o CGRL), inciden na inxustiza das políticas aprobadas dende o inicio
do estado de alarma. Fronte a estas fórmulas de corte neoliberal,
que afondan na destrución de emprego e no empobrecemento da clase
obreira, a CIG defende corrixir no inmediato estas deficientes e
insuficientes medidas, introducindo modificacións legais e aprobando
un paquetes de medidas fiscais na liña da proposta
presentada pola central sindical o pasado 27 de abril.
A grave situación
que estamos a vivir confirma o erro de non terse aceptado a proposta
realizada desde o primeiro día pola CIG, a respecto da concesión
dun permiso especial retribuído, en base ao artigo 37.3 do Estatuto
dos Traballadores e Traballadoras, e da creación polo Goberno dun
Fondo Extraordinario para sufragar todas estas medidas coas que
abonar ás nóminas aos traballadores e traballadoras a través das
empresas. Desta forma estaríase facendo un mellor, máis xusto e
máis eficiente gasto público.
O recoñecemento
deste permiso retribuído ante o deber inescusábel de quedar na casa
ao coidado das persoas maiores e menores e de cumprimento do
confinamento ante a emerxencia sanitaria, evitaría o caos e
inxustiza actual, pero tamén tería minimizado as consecuencias
devastadoras que está tendo a emerxencia sanitaria.
Acada esta altura
dunha crise que xa é económica e social, e ante os anuncios sobre a
continuidade das fórmulas impostas desde o primeiro día do estado
de alarma que, fundamentadas nas regresivas reformas laborais de 2010
e 2012, consistiron basicamente en despedimentos masivos, ERTEs
indiscriminados, vacacións forzosas teletraballo sen dereitos e nos
permisos e reducións de xornada para coidados da poboación
vulnerábel con perda de salario; desde a CIG consideramos urxente as
seguintes modificacións legais e a aprobación dun paquete de
medidas para o financiamento público destas.
1. EXPEDIENTES
DE REGULACIÓN TEMPORAIS DE EMPREGO (ERTE)
En relación aos
ERTEs calquera prórroga en base ás acordadas conforme ao Decreto
8/2020, e seguintes, constitúe un abuso e un grave prexuízo para a
clase traballadora.
Cómpre, con
carácter xeral, derrogar as reformas laborais de 2010 e
2012, restabelecéndose, como versión menos mala, a
vixente con anterioridade durante todo o tempo que non poida entra en
vigor un novo marco legal. Polo tanto, recuperando para a súa
validez o acordo coa representación sindical e o exercicio do
control e, no seu caso, a autorización previa pola Administración.
Xunto a isto, co
obxecto de minimizar o impacto destas regulacións na clase
traballadora, a CIG propón:
-Estará prohibido simultanear
a aplicación dun ERTE con outra medida consistente nun descolgue
salarial, inaplicación de convenio colectivo, modificación
substancial das condicións de traballo ou mobilidade xeográfica
e/ou funcional.
- Pago
inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e
extraordinario coa confección das nóminas para
efectuar os pagos semana a semana até a posta ao día dos
expedientes, que permita retomar os pagos a mes vencido. Manter
a forma ordinaria de pago das prestación é causar un atraso de
graves consecuencias.
- Garantir
o cobro durante todo o ERTE do 70% da base reguladora de
cada persoa traballadora, sexa cal sexa a duración e aínda que teña
superado os 180 días de prestación. A tal fin, deberá de
aprobarse a derrogación da reforma feita no Goberno do PP a
través do Real Decreto-Lei 20/2012, que recortou as prestacións por
desemprego ao reducir a porcentaxe aplicábel á base
reguladora a partir do día 181 da prestación, pasando do 60% a un
50%. Así mesmo, no pago das prestacións por desemprego, como antes
da aprobación do Decreto-Lei 20/2012, á persoa traballadora non se
lle descontará o 4,7% da base de cotización que lle corresponderá
no líquido a cobrar (IRPF e a cota por continxencias comúns do
traballador ou traballadora).
-Terán a mesma
consideración á hora de acollerse ás medidas referidas a esta
protección do SEPE, todas as persoas traballadoras,
incluíndo aquelas que foron despedidas por causa desta
situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no
desemprego percibindo prestación por desemprego.
Todo o
tempo de desemprego desde a data que tivo lugar o
despedimento ou a aplicación do ERTE por causa da Covid-19
entenderase como non consumido. Así mesmo,
toda persoa traballadora, independentemente do tempo cotizado, terá
dereito á prestación por desemprego.
-As empresas
para poder acollerse ao ERTE deberán cumprir as
seguintes condicións e garantías: completar até o 100% dos
salarios; reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da
empresa principal ou externas (ETTs , empresas multiservizos, etc.)
que foi despedido e, como data límite, farano no último mes de
vixencia do ERT
2. NEGOCIACIÓN
COLECTIVA
Garantía
do incremento salarial dos convenios
colectivos pendentes de renovar de acordo ao 1%,
segundo o IPC real final do ano 2019; e garantir a aplicación das
cláusulas de revisión salarial.
3. TELETRABALLO
En relación
ao teletraballo na actual situación
demandamos unha anulación control e garantías sobre o dereito
á desconexión dixital, dereito á protección de datos e uso de
internet, así como toda medidas necesarias en materia de prevención
de riscos laborais. As propostas neste sentido están recollidas
no documento
confederal da CIG para a negociación colectiva 2020.
Todos os documentos
que recollen as condicións de teletraballo (acordos forzosos)
asumidas polas traballadoras e traballadores desde que comezou a
alerta sanitaria, deberán ser considerados como temporais e só
aplicábeis á duración desta situación, quedando sen efecto ao
remate desta. Así mesmo, deberase establecer unha compensación
extraordinaria obrigatoria para o persoal que estivese traballando
dende o seu domicilio cos seus propios medios.
4. COIDADOS
DA POBOACIÓN MAIS VULNERÁBEL E CONCILIACIÓN LABORAL
As reducións
e adaptacións de xornada para a atención á poboación vulnerábel,
deberase garantir polas empresas a concesión automática da
solicitude da persoa traballadora. Transitoriamente, durante a
situación de emerxencia sanitaria e o plan de 'desescalada'
presentado polo Goberno español, que obriga a máis dispoñibilidade
de horas para os coidados, garantirase que as persoas traballadoras
que non teñan outra alternativa non vexan os seus ingresos
reducidos en máis do 30% da súa base de cotización (100% da
cotización). Especial protección deberá terse coas familias
monoparentais.
5. FINANCIAMENTO
DAS MEDIDAS
Nesta situación
extraordinaria, tanto as medidas xa aprobadas como as propostas pola
CIG, xeran un importante gasto público que deberá financiarse por
dúas vías de execución inmediata, coa aprobación urxente e
simultánea ás anteriores propostas de:
- Un paquete de
medidas fiscais coa creación dun imposto sobre os beneficios da
banca e os activos financeiros, a eliminación dos privilexios
fiscais das SICAV e das grandes empresas.
- O desvío dentro
das partidas correspondentes que están destinadas aos gastos
militares e da Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor,
nas contías necesarias para afrontar este gasto público.

Ningún comentario:
Publicar un comentario