Defende a
creación dun Salario de Inserción Laboral e Social para maiores de
18 anos e subir o SMI até o 60% do salario medio
A CIG considera
que a aprobación do Ingreso Mínimo Vital (Real Decreto-Lei 20/2020,
que sae hoxe publicado no BOE) pode ser un avance, pero entende
que a súa posta en marcha resulta insuficiente se non se liga con
outras medidas que favorezan a creación de emprego estábel e de
salarios xustos. Máis se cabe nun momento no que a agresividade
da reforma laboral xunto á fonda crise industrial que atravesa
Galiza, imposibilitan ter ou acceder a un traballo digno.
Haberá ademais que
comprobar como se compatibiliza na práctica este ingreso con outras
axudas de carácter autonómico e ter en conta que non se van poder
beneficiar traballadores e traballadoras precarias que, malia ter
emprego non teñen uns ingresos suficientes para vivir dignamente, ou
as persoas xubiladas e pensionistas que sobreviven cunhas pensións
ridículas.
A este respecto, o
secretario xeral, Paulo Carril, sinala que a CIG demanda dende hai
anos a necesidade de instaurar un Salario de Inserción Laboral e
Social, na contía do SMI, ao que poidan acceder as persoas maiores
de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica. E
parella a esta proposta, un incremento do SMI até o 60% dos salario
medio (o que suporía situar o salario mínimo nos 1.200€),
cumprindo así co establecido na Carta Social Europea.
Neste senso, Carril,
lembra que, segundo datos do informe AROPE, preto do 50% da poboación
galega está no camiño da pobreza, na pobreza ou xa na estrema
pobreza.
Derrogación
das reformas laborais e das pensións
En todo caso, o
secretario xeral subliña que a CIG leva anos defendendo todas
unha serie de Propostas (como ILP polas 100 Medidas para a creación
de emprego en Galiza, propostas da central sindical en materia
laboral e social, etc.) "que agora, por mor da grave crise que
vivimos, teñen máis vixencia e razón de ser que nunca".
Ademais, reitera que
calquera medida destinada a garantir os ingresos salariais, debe
completarse coa derrogación da reforma laboral de 2010 e de 2012, da
reformas das pensións de 2010 e 2013, e cunha suba do importe da
pensión mínima equivalente á do SMI; así como recuperar as
prestacións e subsidios por desemprego nos termos anteriores á
reforma de 2012.
Emprazamento
aos grupos parlamentarios
"Desde a CIG
emprazamos a todos os grupos parlamentarios a que na
tramitación deste Real Decreto-Lei 20/2020 que estabelece o Ingreso
Mínimo Vital se tomen en consideración as nosas demandas e
propostas, porque todas elas se refiren a cambios lexislativos
necesarios para avanzar nunha posibilidade real de emprego, salarios
e pensións dignas e nunha auténtica superación da exclusión
social e da pobreza crecente", asevera Carril.
Ningún comentario:
Publicar un comentario