01/06/20

A CIG solicítalle ao Concello que lle facilite á totalidade do persoal a información sobre o Protocolo de incorporación ao traballo e a avaliación de riscos

A pesar de que na Mesa de Negociación que tivo lugar o pasado mes o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, indicou que non habería problema en lle facilitar toda a información relativa á incorporación do persoal ao traballo presencial, así como a avaliación de riscos, o certo é que hoxe, día 1 de xuño e no que comeza a primeira fase de reincorporación, a meirando parte do persoal aínda non dispón do protocolo nin da avaliación de riscos que se levou ao Comité de Seguridade e Saúde do pasado mes de abril.

O Concello de Betanzos tan só lle enviou un decreto a todo o persoal con información xenérica mais en ningún caso o acompañou do protocolo concreto de incorporación ao traballo do Concello de Betanzos que se aprobou na última Mesa Xeral de Negociación e que acompañaba como anexo a mencionada Avaliación de riscos. É máis, desde hai semanas hai persoal reincorporado que descoñece a propia avaliación e que, segundo o propio protocolo, non debería estar reincoporado, xa que non foi designado como servizo esencial.

A CIG solicitoulle hoxe por rexistro ao Concello de Betanzos que distribúa esta información, tal e como se comprometeu, e como é a súa obriga coa máxima brevidade posible, xa que, ademais, ten coñecemento de que hai funcionariado que ao que si que se lle facilitou mentres que, ao non distribuírse entre a totalidade de persoal por correo electrónico, tal e como se indicou que se faría, a meirande parte do persoal laboral descoñece como será a reincoporación, en que condicións e con que medidas de seguridade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario