22/07/20

Prevención de lesións relacionadas cos equipos de protección individual -EPI-

Os equipos de protección individual necesarios para garantir a seguridade biolóxica dos traballadores/as, poden converterse nun instrumento capaz de producir lesións cutáneas. As lesións máis frecuentes prodúcense en fronte, nariz, fazulas e queixo. Está demostrado que os apósitos hidrocoloides poden utilizarse como elemento de protección para a pel e previr este tipo de lesións.

A CIG presentou un engadido ás alegacións das RPT presentadas inicialmente

Logo de que o prazo de presentar alegacións se ampliase porque o Concello non publicara na sede a RPT, tal e como indicaba o anuncio do BOP, durante a totalidade do prazo de exposición, a CIG fixo algunhas achegas máis ás alegacións presentadas inicialmente logo de falar co persoal de diversos temas que ficaran pendentes.

Así mesmo, asesorou a diversos compañeiros e compañeiras que amosaron por rexistro a súa discrepancia co documento aprobado polo goberno de María Barral co sindicato dos funcionarios e apoiounos nas súas reclamacións pola discriminación que supón a exclusión do documento á práctica totalidade do cadro de persoal laboral do Concello de Betanzos.

A propia Secretaría e Intervención advertiron nos seus informes, previos á aprobación da RPT que este documento non reflectía a realidade do cadro de persoal do Concello de Betanzos e que inclumpría claramente a lexislación que determina que as relacións de postos de traballo deben ser reais e coincidir cos cadros de persoal.

Neste momento, logo das alegacións da CIG, e das realizadas por traballadores laborais e funcionarios do Concello de Betanzos, estas deben ser informadas e estimarse ou desestimarse nun pleno. No caso de que fosen desestimadas, tanto os sindicatos comos os traballadores que realizaron alegacións deberán ter unha notificación coa responsta ás as súas alegacións e será nese momento onde decidirán se ir a un contencioso co Concello. A CIG esgotará todas as vías posibles de reclamación xa que baixo ningún concepto pode permanecer impasible ante este atentado ao cadro de persoal laboral, que demostra un desprezo absoluto do goberno de María Barral polo traballo que realiza a meirande parte do persoal do Concello de Betanzos, xa que os laborais superan en número ao funcionariado.

A imposición dunhas condicións laborais inferiores para o persoal laboral con respecto ao funcionariado vén de lonxe e ten moita historia neste Concello, toda a historia dos gobernos que maiormente foron do PSOE estivo marcada polas desigualdades salariais, se ben, o goberno de María Barral é o primeiro que opta por eliminar da RPT as prazas do persoal laboral que viñan aparecendo historicamente no BOP.

No ano 2015, hai xa 5 anos, o anterior Comité de Empresa, só coa CIG e con UGT en contra, chegara a un acordo para iniciar o camiño da equiparación salarial co funcionariado e o compromiso do goberno daquela de Ramón García fora continuar nesa liña. Dous anos despois, e con moito atraso, o convenio entrou en vigor e tamén parecía que as negociacións ían continuar mais o novo goberno presidido por María Barral non só truncou xa por tres anos estas negociacións, senón que tamén eliminou de raíz a pegada da existencia do persoal laboral da Relación de Postos de Traballo co beneprácito do sindicato que ten á cabeza á Policía Local polo funcionariado e a persoal de Protección Civil, polo persoal laboral, xusto estes últimos os xefes que non despediron no ano 2011 xunto co resto de traballadores do anterior GRUMIR.

Efectivamente a discriminación salarial histórica do persoal laboral e do funcionariado é o problema, mais tamén o é o desprezo polo persoal que leva máis de trinta anos traballando nesta Administración e, de súpeto, o goberno local entende que o seu posto non é suficientemente necesario para constar na Relación de Postos de Traballo mesmo en contra das advertencias de Secretaría e Intervención. 

A Relación de Postos de Traballo que o Concello de Betanzos aprobou coa CSIF é un total despropósito e un desprezo cara ao persoal laboral e é un paso atrás no camiño da igualdade entre os traballadores e traballadoras deste Concello. A CIG, tal e como veu facendo todos estes anos, seguirá loitando polo recoñecemento do traballo e pola igualdade de salario e de condicións do persoal laboral con respecto ao funcionario e non desistirá nesta loita por moitos atrancos que lle poñan no camiño nin moitos xefes que queiran mandar máis aló dos seus servizos, porque todos e todas as traballadoras deben ser tratados en igualdade de condicións.

06/07/20

Proposta da CIG sobre o posicionamento do Comité de Empresa ante a Relación de Postos de Traballo

Logo de solicitalo en varias ocasións, a CSIF vén de convocar a reunión ordinaria do Comité de Empresa e tratarase, entre outros puntos propostos pola CIG o posicionamento do Comité de Empresa sobre a Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos que vén de se aprobar incialmente.

A CIG presentaralle ao Pleno do Comité de Empresa a seguinte proposta para a súa aprobación e solicitará o apoio de CSIF e UGT:

PRIMEIRO. Que o Comité de Empresa presente alegacións á aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos, publicada no no Boletín Oficial da Provincia núm. 89, do 17 de xuño de 2020 e en virtude da exposición pública á que a relación de postos de traballo está sometida durante quince días e a apertura do prazo de reclamacións ante o pleno dende o día seguinte á súa publicación no BOP, durante o cal os interesados poderán presentar as alegacións que consideren oportunas.

SEGUNDO. Que fundamente as alegacións á aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo sobre a base de que é un documento excluínte e discriminatorio para o persoal laboral do Concello de Betanzos segundo o seguintes motivos:

  • A RPT elimina 68 postos de persoal laboral e amortízaos con respecto ás anteriores relacións de postos de traballo e cadros de persoal existentes.
  • A RPT incumpre o artigo 79 do Convenio colectivo do persoal laboral vixente.
  • A RPT exclúe do organigrama municipal á maior parte do persoal laboral, que fica fóra da estrutura organizativa.
  • A RPT incumpre varias sentenzas xudiciais do persoal laboral na creación dos postos.
  • A RPT rebaixa os grupos e categorías profesionais dos postos do persoal laboral actuais e recollidos no Convenio colectivo.
  • A RPT carece dun sistema de valoración dos postos de traballo equitativo entre o persoal laboral e o funcionariado e redunda nas discriminacións salariais actuais, nomeadamente do complemento de destino e do complemento específico.

TERCEIRO. Que a presidencia do Comité de Empresa realice as xestións oportunas para presentar estar alegacións en prazo, é dicir, antes do 9 de xullo de 2020.


O Concello segue sen crea a Comisión de seguimento da aplicación das medidas incluídas no protocolo de reincoporación nin o grupo para a implantación do teletraballo

Un mes e medio despois de acordar na Mesa Xeral de Negociación que se crearía unha Comisión de seguimento da aplicación das medidas incluídas no protocolo de reincoporación eun grupo para a implantación do teletraballo cos sindicatos que apoiasen o Protocolo de reincorporación, o goberno de María Barral non creou nin un nin outro organismo.

Canto á aplicación das medidas deben ser actualizadas inmediatamente, non só por todas as normas posteriores ao 20 de maio, senón porque ese documento, tal e como insistiu a CIG na Mesa Xeral de Negociación, está claramente incompleto xa que faltan moitos servizos que xa están abertos ou retomarán a actividade proximamente, polo que se fai urxente e necesario que se plasmen e acorden as medidas necesarias e non que se dean paus de cego, como se viñeron dando en moitos casos nos pasados meses onde foron os propios traballadores os que reclamaron, en moitos casos, as medidas necesarias para esta situación de crise sanitaria.

Por outro lado, o protocolo, proposto polo propio goberno, tamén incluía un grupo de traballo para a implantación do teletraballo que aínda non se constituíu, a pesar de que na actualidade o Concello implantou o teletraballo en determinados servizos e para determinados traballadores, sen a existencia duns criterios que se negociasen nin de coñecemento para todo o persoal. Isto agrávase se temos en conta que en ningún lugar está regulado o sistema de control do traballo das persoas que non asisten presencialmente, é dicir, na actualidade parece que o Concello só controla a asistencia ao traballo a quen non ten teletraballo, ou polo menos non informou do sistema de fichaxe ou control de quen teletraballa. Por outro lado, tamén parece que o teletraballo está dando lugar a certa flexibilidade horaria que ata o momento a lexislación só permite nos casos de conciliación e que o goberno tamén lle aplica só a quen teletraballa.

Desde a CIG consideramos moi urxente comezar a regular isto, xa que o Concello non agardou nin pola modificación do TREBEP nin pola do Estatuto dos Traballadores para a implantación do teletraballo no Concello de Betanzos logo da finalización do Estado de alarma, polo que urxe deixar claro o procedemento de solicitude de teletraballo, os criterios da resolución e difundilos entre todo o persoal no canto de ir remendando con decisións unilaterais que poden dar lugar a discriminacións entre os traballadores e traballadoras.

A CIG solicitada as actualizacións das avaliacións de riscos

A CIG vén de solicitar as actualizacións da totalidade das avaliacións de riscos laborais co protocolo Covid-19, así mesmo solicitou unha serie de temas que deben ser tratados na vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde, toda vez que desde xaneiro, cando se acordou na reunión ordinaria do Comité de Empresa, que os delegados de prevención do persoal laboral, da UGT e CSIF, non foron quen de que estes temas se levasen ao Comité de Seguridade e Saúde, a pesar de que votaron  a favor na propia reunión.

A CIG reitéralle ao Concello a obrigatoriedade de negociar os criterios de reparto da produtividade

Desde hai 2 anos o Concello de Betanzos teima en pagar produtividades sen ter negociados os criterios de reparto, tal e como obriga a lexislación. Logo de pagar durante un ano unha importante cantidade a unha soa funcionaria, nos pasados meses botou man de novo desa partida sen deixar claros os criterios de reparto, toda vez que indicou que se repartiría entre o persoal que traballaba presencialmente ou teletraballaba durante o estado de alarma, mais na realidade non foi así porque hai persoal que traballou e teletraballou e non a cobrou.

A existencia duns criterios que obrigatoriamente deben ser negociados deixaría claros os motivos de pagamento destas retribucións complementarias e evitaría conflitos e discriminacións que o goberno perpetúa ao non aclarar os motivos polos que lla pagan a uns traballadores si e a outros non. Desde a CIG levamos 2 anos a voltas con este tema, desde que en decembro de 2018 se acordara presentar unha proposta para o reparto, mais está claro que nin ao goberno municipal, nin a CSIF nin a UGT lles interesa o máis mínimo que isto se regularice e se faga conforme á lei.

Hai uns meses puxemos unha denuncia na Inspección de Traballo polo incumprimento do Convenio colectivo que obriga á negociación dos criterios de produtividade e estamos á espera da resolución, mais independentemente disto consideramos que é un momento axeitado para negociar o reparto desta partida e que estas retribucións fiquen fixadas cuns criterios obxectivos de reparto, en igualdade de condicións e de coñecemento para todo o persoal.

Tamén entendemos que o goberno debería publicar nos taboleiros de información, a información relativa ao pagamento das produtividades por departamentos, servizos e áreas, o que para nada incumpriría ningún tipo de protección de datos e se podería facer ao abeiro da Lei de transparencia, mais xa se sabe, que a información é poder, e canto menos saiban os traballadores e traballadoras do que realmente pasa no Concello, menos se van queixar polas desigualdades e discriminacións.

A CIG presentou alegacións á Relación de Postos de Traballo

A Sección sindical da Confederación Intersindical Galega presentou alegacións á Relación de Postos de Traballo que o Concello de Betanzos aprobou inicialmente co apoio da CSIF.

O prazo de alegacións ampliouse e está a aberto ata o vindeiro 9 de xullo mais xa son moitos os traballadores e traballadores, tanto laborais como funcionarios que lle amosaron as súas discrepancias ao goberno municipal sobre o documento aprobado no pleno polo PSOE.

A CIG, tal e como veu indicando nos pasados meses e durante todo o proceso de negociación, centrou as súas alegacións nas discriminacións que recolle a RPT con respecto ao persoal laboral, principalmente pola súa exclusión, mais tamén pola non incorporación de sentenzas e a valoración discriminatoria dos postos que se traduce en que o goberno defende que por igual traballo distinto salario, menos retribucións para os laborais por facer o mesmo traballo para os funcionarios, dupla discriminación para os primeiros, xa non só salarial, senón pola temporalidade con que foron castigados durante décadas.

A maiores, a CIG tamén amosou a súa discrepancia coa rebaixa das condicións laborais con respecto ao Convenio colectivo e o incumprimento deste, así como a amortización das prazas de auxiliares administrativos para reconvertelos directamente en administrativos  e que cobren unhas retribucións propias dunha categoría superior sen superar o correspondente proceso de promoción profesional. O mesmo caso que a amortización dunha praza de chófer-alguacil que desparace e se reconverte en administrativo e que na actualidade está ocupada en propiedade por un funcionario.

Finalmente, a inexistencia dunhas normas de xestión e da definición duns criterios claros para a asignación dos niveis, e consecuentemente dos puntos que determinan a retribución do complemento específico e os informes da Secretaría e a Intervención municipal que discrepan, ao igual que a CIG, e moitos traballadores, de diversas cuestións que se recollen neste documento, cuxas alegacións deberán ser informadas e levadas ao pleno para a súa aprobación ou rexeitamento polo órgano municipal.

Logo de finalizar o prazo de alegacións continuará o proceso de tramitación e seguirémosvos informando puntualmente.

O TSXG anula unha RPT da CEEI por vulneración de dereitos, ausencia de avaliación orzamentaria e falta de motivación dos actos administrativos



O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acepta a demanda da CIG e anula a RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria publicada o 17/07/2018, por vulneración do dereito á negociación colectiva, vulneración do procedemento, ausencia de avaliación orzamentaria e falta de motivación dos actos administrativos.

En xuño do 2018 aprobouse en Comisión de Persoal unha modificación da RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria, conxuntamente cun “Plan de ordenación de recursos humanos de las oficinas de empleo y centros integrados de formación profesional“ e un “Acordo dobre condicións laborais do persoal de supervisión e seguimento da Formación Profesional para o Emprego”. A Resolución foi publicada no DOG do 17/07/2018. 

As persoas que exercen a dirección política da Administración Autonómica galega están acostumadas a facer o que lles peta, a pasar por riba dos dereitos dos traballadores e traballadoras baixo a escusa da potestade organizativa, sen repetar as súas obrigas de sentarse a negociar.

A RPT anulada destruía máis de 90 postos de traballo, creaba 70, modificaba a forma de provisión e áreas funcionais de numerosos postos, creaba diferenzas entre as Oficinas de Emprego que dividían en tres clases con diferentes formas de provisión e remuneración. Vamos, que facía importantes cambios na estrutura de postos de traballo, e facíao despachando o asunto en poucos días convertendo o deber de negociar en meros trámites formais. Finalmente a CIG quedou en solitario rexeitando a modificación da RPT proposta (CCOO, CSIF e UGT votaron a favor na Comisión de Persoal, e a CIG votou en contra).
Unha vez publicada en DOG, a CIG presentou un contencioso ante o TSXG, por:
  • Violación do dereito á negociación colectiva e información, en relación coa substitución do proceso de negociación do conxunto da RPT aprobada por un mero tráfime de consulta: a Administración consultou e resolveu as alegacións das centrais sindicais, máis eso non foi negociar a RPT.
  • Vulneración do procedemento legalmente establecido para a negociación das modificacións de RPTs: a Administración non só non negociou senón que violou o procedemento legalmente establecido, ao incorporar ao proceso un Plano de Reordenación das Oficinas de Emprego e dos CIFP a última hora, polo que modificou a proposta de RPT inicialmente entregada ás centrais sindicais sen dar opción a negociar nada.
  • Ausencia de avaliación e informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda: a Administración vulnerou o procedemento establecido polo artigo 16 da LEPG sobre o carácter previo á aprobación da RPT do informe da consellería competente en materia de orzamentos.
  • Infracción do ordenamento xurídico por falta de motivación dos actos administrativos, como garantía fronte á arbitrariedade e á incongruencia, en relación coa adecuación dos postos de traballo dos directores/as dos Centros Integrados de Formación Profesional e a nova clasificación das Oficinas de Emprego e adecuación dos postos de traballo dos seus directores e directoras (complementos, e cobertura mediante libre designación).
O 17 de xuño de 2020, foi ditada sentenza polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que estima o recurso contencioso-administrativo contra a referida RPT, que anula. A sentenza non é firme, pois cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo. 

A CIG dirixiu escrito ao DXFP solicitando unha reunión urxente para coñecer cales son agora as pretensións da Administración para solucionar os problemas xerados por eles.


O Concello da Coruña reverte a súa decisión e asume prorrogar o contrato coa empresa que xestiona as actividades deportivas

Deste xeito garántense os empregos e o dereito á subrogación deste persoal

O Concello da Coruña trasladou na reunión celebrada esta mañá coa representación do persoal que presta o servizo de actividades deportivas municipais e coa CIG que manterá a prórroga coa actual concesionaria, Amartya SL, até licitar o novo prego de condicións que sacará, segundo afirmaron, pola vía de urxencia. Deste xeito, garántese a continuidade dos empregos (o Concello determinara a finalización do contrato a 30 de xuño) e o seu dereito á subrogación na nova empresa.

Así mesmo, dende o Goberno local abríronse a atender as demandas da parte social a respecto do recoñecemento das categorías e a antigüidade, de maneira que o próximo contrato recolla a realidade laboral do servizo. Neste senso, Henrique García, da CIG-Ensino, explica que até agora nos pregos só se facía referencia ás actividades nas escolas deportivas municipais, cando na realidade este persoal ten unha carga de traballo maior, xa que atende ás tarefas do servizo municipal de deportes. "Unha realidade que non aparece reflectida no contrato e que agardamos quede corrixida na futura licitación", valorou.

Emprazamento a unha nova reunión

García sinala que por parte do Goberno local emprazaron a representación do persoal a outra xuntanza para o vindeiro xoves, de carácter máis técnico, para concretar as condicións dos/as 16 traballadores/as indefinidos/as e a carga de traballo dos vindeiros meses. "Pedímoslle ao Concello que procure atender as necesidades de actividades e rehabilitación que os propios usuarios e usuarias nos están facendo chegar, pero a Concellaría entende que non haberá carga de traballo para todo o persoal, xa que a piscina está pechada por obras, polo que a alternativa que se formula é negociar un ERTE coa empresa para unha parte do persoal", apuntou.

En todo caso, con esta posibilidade quedarían salvagardados os dereitos laborais e a subrogación, xa que se mantería a relación laboral e se garantiría un complemento do 100% dos salarios, así como computar a parte proporcional das pagas extra e das vacacións". Para o resto do persoal fixo-discontinuo mantéñense as condicións de maneira habitual.

Deste xeito, as protestas que o persoal tiña previsto desenvolver esta semana fican definitivamente suspendidas. Neste senso, a CIG destaca a unidade mantida polos traballadores e as traballadoras  para acadar os seus obxectivos e a loita levada a cabo.
Dende o colectivo de traballadores e traballadoras quixeron agradecer aos grupos da Corporación municipal e aos usuarios e usuarias o apoio e solidariedade amosado coas súas reivindicacións. E pídenlle tamén axilidade ao Concello na resolución do contrato para dar seguridade ao emprego, mais tamén para ofrecer ás coruñesas e coruñeses unhas actividades deportivas, de ocio e tempo libre axeitadas.

A CIG denuncia que o novo acordo para a prórroga dos ERTE afonda na desprotección da clase traballadora



A central reclama avanzar na derrogación da reforma laboral e ofrecer garantías reais de emprego e ingresos

 CIG advirte que, a estas alturas da evolución da crise sanitaria, convertida nunha contundente crise social e económica, chegar a un novo acordo para a prórroga dos ERTE nas características do que se acaba de asinar, supón afondar no abuso patronal e un enorme prexuízo para o conxunto dos traballadores e das traballadoras.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que estamos ante un novo episodio do diálogo social no que se vai consumando unha reedición dos Pactos das Moncloa "a través dun pacto social que en cada ocasión que se manifesta con acordos deste tipo, implica facer recaer na clase traballadora os custes desta crise". "Igual que no acordo anterior, critica Carril, este tamén ten as bendicións do PP e de Ciudadanos, confirmando así que o roubo e saqueo á clase traballadora se mantén".

Por iso, entende que resulta lamentábel que UGT e CCOO contribúan a construír esta realidade nun momento económico e social tan duro, no que as políticas neoliberais, a obsesiva recentralización e o abuso patronal campa as súas anchas, mentres a reforma laboral do PP segue vixente e sen perspectivas de ser derrogada.

Un acordo que non contribúe a resolver os problemas industriais e laborais de Galiza

Este prórroga, ademais, prodúcese nun contexto no que en Galiza estamos a vivir de forma especialmente intensa as consecuencias da crise social derivada da pandemia, "pero metidos de cheo na crise industrial que xa viñamos arrastrando. Este pacto social non resolve os problemas que padecemos, mais ben ao contrario, dificulta unha saída xusta e galega".

Carril subliña que calquera medida para afrontar o crítico momento actual non pode manterse sobre a vixencia das políticas laborais e económicas aplicadas con dureza polo PP. "Nomeadamente, manter a reforma laboral na súa integridade e non avanzar nestes acordos no seu desmantelamento significa non resolver situacións como as que temos en Galiza coas amezas ao emprego de Alcoa, os peches das térmicas ou o desmantelamento acelerado do noso tecido produtivo", salienta.

Neste senso, denuncia que o acordo que se vén de asinar amplíe a duración temporal do anterior, mantendo aqueles aspectos máis negativos, ampliando as exoneracións ás empresas e adoecendo de garantías de salvagarda do emprego. "É dicir, afonda na desprotección e na falta de solución para todos os traballadores temporais que foron despedidos dende o 14 de marzo".

Ausencia dunha política fiscal progresiva

Xunto a isto, a CIG critica que nesta situación extraordinaria se siga  xerando un enorme gasto público financiado a conta dos cartos das traballadoras e traballadores, xa que se están a derivar para tal fin fondos da Seguridade Social, do FOGASA e do SEPE; mais non se implementan políticas fiscais progresivas nin se recorre á utilización doutras partidas (como os gastos militares, ou os destinados á casa real).

Así mesmo, neste acordo evidénciase un aspecto que dende a CIG viñamos denunciando e que segue sen ten solución: a problemática tanto dos traballadores e traballadoras que están actualmente no desemprego dentro dun ERTE, como aquelas persoas traballadoras que foron despiadadamente despedidas, que non son reincorporadas a traballar e que están consumindo as prestacións por desemprego porque non lles aplica o "contador a cero".

Todas estas persoas vén reducidos drasticamente os seus ingresos a partir do día 181 do cobro da prestación, xa que pasan a percibir unicamente o 50% da súa base reguladora. Este foi un recorte que impuxo o PP no ano 2012 e que a día de hoxe segue vixente.

Obrigas de recuperación de emprego e garantir os ingresos

A CIG defende que calquera negociación sobre a aplicación dos ERTE debe facerse sobre a base de avanzar na derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012, recuperando para a súa validez o acordo coa representación sindical e o exercicio do control e, no seu caso, a autorización previa pola Administración.

Para minimizar o impacto destas regulacións debe prohibirse ás empresas poder decidir unilateralmente sobre estas medidas, así como  simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas lesivas como un descolgue salarial ou a inaplicación do convenio; garantir o cobro do 70% da base reguladora durante todo o tempo que dure a regulación e que se considere como tempo de paro non consumido.

Tamén obrigar as empresas para poder acollerse ao ERTE que completen até o 100% dos salarios; reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas (ETTs , empresas multiservizos, etc.) que foi despedido e, como data límite, facelo no último mes de vixencia do ERTE.

Así mesmo, que todas estas coberturas sexan aplicábeis a todas as persoas traballadoras, incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación por desemprego.

En definitiva, con este acordo CCOO e UGT debilitan o papel dos e das representantes sindicais nas negociacións, non recuperan a autorización da autoridade laboral, nin tampouco lle devolven á Inspección de Traballo a súa competencia para emitir informe vinculante e afondan na actual fase de unilateralismo empresarial. A clase traballadora está a sufrir un reforzamento da reforma laboral por parte do Goberno do estado e do sindicalismo español.

Guía básica do ISSGA para a elaboración do plan de continxencia COVID-19

Neste documento recóllense orientacións para a elaboración dun Plan de Continxencia co obxecto de dispoñer dun instrumento de xestión para planificar a adopción das medidas necesarias que contribúan a eliminar ou minimizar no posible a incidencia da emerxencia ocasionada polo risco comunitario que supón a pandemia provocada pola COVID-19 (SARS-Cov-2) no ámbito laboral.

Un plan de continxencia é un conxunto de instrucións e procedementos complementarios ou alternativos aos utilizados normalmente na empresa de xeito que esta poida manter a súa actividade malia que algunhas funcións deixen de facelo debido a algún incidente ou a certas condicións externas alleas á organización.

Para a súa elaboración, deberase realizar unha análise dos riscos que permita identificar un conxunto de medidas básicas e concretas a tomar como acción de resposta e coas que afrontar da maneira máis adecuada e efectiva posibles incidentes, accidentes e/ou estados de emerxencia que puidesen ocorrer tanto nas instalacións como fóra delas.
Neste documento recóllense orientacións para a elaboración dun Plan de Continxencia co obxecto de dispoñer dun instrumento de xestión para planificar a adopción das medidas necesarias que contribúan a eliminar ou minimizar no posible a incidencia da emerxencia ocasionada polo risco comunitario que supón a pandemia provocada pola COVID-19 (SARS-Cov-2) no ámbito laboral