Tres anos despois de entrar en vigor o Convenio colectivo do persoal laboral, o goberno de María Barral, que ten completamente paralizada a Comisión Paritaria do Convenio colectivo e comete continuos incumprimentos do marco legal dos traballadores laborais deste Concello, pola interpretación unilateral do texto, levou ao pleno da corporación un acordo que incumpre abertamente o recollido no artigo 79 do Convenio:
Artigo 79.º A Relación de Postos de Traballo.
3) O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste Convenio ocupará postos de traballo, singularizados ou non singularizados, de acordo coa correspondente relación. A relación de postos de traballo incluirá os correspondentes a todo o cadro de persoal funcionario e laboral, así como os que haxa que dotar a través da correspondente oferta de emprego.
Os propios delegados de laborais da CSIF votaron na Mesa Xeral de Negociación a favor dun acordo que contravén o Convenio colectivo, porque consideran máis importante o beneficio que algúns postos de funcionarios tiran na RPT que o marco normativo do propio persoal laboral, aínda cando o seu voto supón a exclusión do colectivo da RPT.
A pesar disto, e entendendo que o Comité de Empresa se debera posicionar na contra da vulneración do Convenio colectivo co acordo da Mesa Xeral de Negociación e do pleno da Corporación, a CIG vén de lle propoñer ao presidente do Comité de Empresa, Santiago Ois, que na vindeira reunión do Comité de Empresa, que segundo o regulamento debera ser o 4 de xaneiro de 2021, inclúa o seguinte punto na orde do día:
Acordo do Comité de Empresa sobre a presentación dunha demanda de conflito colectivo contra o Concello de Betanzos polo incumprimento do artigo 79 do Convenio colectivo do persoal laboral coa exclusión da maior parte dos postos do persoal laboral da nova Relación de Postos de Traballo.
O motivo dunha explicación tan demorada do punto vén determinada porque a presidencia e a secretaría do Comité se teñen negado a realizar votacións de puntos da orde do día ao indicar que non poñían expresamente que se trataba dun acordo, dificultan os debates e a liberdade de expresión no seo do Comité de Empresa e non executan os acordos que se adoptan cando non lle veñen ben á CSIF, como cando o Comité acordou presentar alegacións á RPT e finalmente non as presentou por supostos defectos de forma no desenvolvemento da reunión.
A estratexia da CSIF no Concello de Betanzos está clara e no Comité de Empresa simplemente reproduce o modelo que dificulta os debates, a negociación e os acordos en beneficio dunha pequena parte do funcionariado e co beneprácito do goberno local, mais isto non impide que a CIG siga levando iniciativas ao Comité de Empresa para loitar polos dereitos do persoal laboral nun momento no que é o colectivo máis menosprezado na historia deste Concello, cunha continua xudicialización das relacións laborais e incumprimento de sentenzas por parte do goberno local ante as que o Comité de Empresa presidido por CSIF permanece impasible para alegría de certos colectivos historicamente beneficiados por esta Administración local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario