Na Mesa Xeral de Negociación de decembro de 2018 do Concello de Betanzos aprobouse un regulamento de axudas sociais cuns criterios un chisco máis xustos polos que levabamos anos loitando. Se ben a proposta final consideramos que non é todo o xusta que debera e que realmente non responde a uns verdadeiros criterios sociais porque as axudas son para a unidade familiar mais se teñen en conta exclusivamente os ingresos do/a traballador/a, e que o incremento das contías sen un incremento da partida orzamentaria das axudas sociais que cada ano fica escasa non vai supor unha grande mellora nos casos que máis a precisan, abstivémonos ao entender que era un avance con respecto a unha bases máis que obsoletas e vixentes desde o ano 2001 e pola loita que o anterior Comité de Empresa fixera para que se levase a cabo esta negociación.
Un ano despois do acordo da Mesa Xeral de Negociación o Concello leva ao pleno a aprobación inicial do regulamento de axudas sociais que se aprobou hai máis dun ano. Achegámosvos o documento que fora á Mesa Xeral de Negociación e que logo tivo unhas leves varias nas contías que solicitamos por rexistro que nos achegue o Concello, en todo caso logo da aprobación polo pleno aprobarase de xeito provisional no momento en que se publique no Boletín Oficial da Provincia e cando transcorra o prazo correspondente de xeito defintivo, momento no que entrará en vigor.
De ter en conta as bases das axudas sociais actuais, o Concello xa debera ter efectuada a convocatoria para as axudas sociais do ano 2020, non obstante, en anos anteriores realizáraa no mes de xaneiro, mais polo momento no Departamento correspondente non teñen constancia de cando se abrirá o prazo. Cómpre lembrar que o Comité de Empresa anterior loitara para que as axudas se convocaran e cobraran en tempo e forma, o actual, descoñecemos que pasos dá neste sentido, posto que está desaparecido e nin sequera informa aos propios membros do organismo que a CSIF utilizou para baleirar de contido e acabar co traballo sindical do Comité de Empresa a prol do persoal laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario