Logo de trasladar en diversas xuntanzas esta necesidade, mesmo de levalo ao Comité de Empresa e trasladarllo aos delegados de prevención da CSIF e UGT e mesmo de solicitarllo ao goberno de María Barral por rexistro hai un mes, o Concello de Betanzos segue facendo caso omiso á obriga legal de realizar as revisións médicas preceptivas do persoal municipal que leva sen realizar desde o ano 2019.
Xa no pasado o Concello de Betanzos aforrou durante moitos anos os cartos que debera destinar ás revisións médicas e privou ao persoal municipal do dereito que vén determinado pola propia Lei de prevención de riscos laborais. Logo, e unha vez aprobado o convenio colectivo tamén furtou o dereito ás revisións complementarias de próstata e xinecolóxicas durante dous anos. Resulta lamentable todas as ocasións que nestes últimos anos houbo que acudir á Inspección de Traballo para informala dos incumprimentos do goberno municipal mais o certo é que a pesar de que a CSIF vende un amistoso entendemento co Concello que supostamente fai que todo funciona mellor, na realidade, un Comité de Empresa amigo traduciose nun atraso inxente de todo o que ten a ver coa xestión de Persoal e que lle permite vivir ao goberno de María Barral coa tranquilidade de que o presidente do Comité de Empresa, nin os delegados da CSIF e UGT nunca van denunciar publicamente como lle está a afectar ao persoal municipal a nefasta xestión de persoal, que non só vulnera continuamente dereitos relativos á saúde laboral do persoal, senón que lle adebeda salarios atrasados durante meses, incumpre reiteramente os prazos das convocatorias e obriga ao persoal a xudicializar os conflitos.
Na reiteración desta solicitude do exercicio dun dereito básico do persoal, a CIG advírtelle ao goberno de María Barral que acudirá á Inspección de Traballo no caso de que o goberno se continúe a demorar na convocatoria das revisións médicas anuais pendentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario