Na Xunta de Goberno Local do pasado mes de febreiro o goberno de María Barral deu un paso máis na privatización dos servizos públicos e adxudicoulle a J&Tudo Consulting SL un contrato de "Asistencia técnica para elaboral un Plan de consolidación de emprego".
O Concello adxudica un contrato por valor de 6655 euros e de catro meses para:
1. Elaborar un plan de consolidación de emprego
2. Asistencia técnica ao Concello durante a negociación sindical do plan, elaborando o documento que resulte do proceso de negociación.
3. Elaborar un programa temporal para a correspondente Oferta Pública de Emprego.
Ademais, incluirá o inventario de procesos selectivos para acometer e o sistema de puntuación para cada proceso selectivo
Con este terceiro contrato do goberno municipal do PSOE admite publicamente que se considera incapacitado para negociar coa parte sindical sen o apoio dunha empresa externa que xa utilizou na negociación do convenio colectivo e do acordo regulador, posteriormente na Relación de Postos de Traballo e agora para a elaboración dun plan de consolidación de emprego.
Mais o problema real non é a incapacidade para negociar do goberno de María Barral, o problema real é a incapacidade de dar a cara antes os representantes do persoal mais tamén ante o propio persoal para xustificar a nefasta xestión interna deste departamento e escusarse nos informes das empresas que simplemente ofrecen solucións á medida do goberno do PSOE e non así como os habilitados nacionais, que tal e como pasou coa RPT informan o que corresponde e consideran legal e non fan informes a medida como as empresas externas.
Tampouco é unha cuestión menor nin casual que María Barral decida privatizar a xestión do plan de consolidación de emprego do persoal laboral que leva en fraude máis de trinta anos mais nunca antes no Concello de Betanzos nos procesos de funcionarización nin de promoción do funcionariado acudise a unha fórmula externa para a elaboración do proceso e a posterior negociación. Demostra así que efectivamente non trata igual ao persoal laboral que ao funcionariado posto que as ferramentas e os procesos para acadar unha estabilidade virán facilitados por unha empresa externa e non polo propio Concello cos medios municipais como se fixera ata este momento.
Finalmente a CIG cuestiona a pertinencia no momento actual deste paso de termos en conta a completa descomposición dos servizos municipais pola escaseza de persoal que xa non só afecta a servizos senón tamén ás propias oficinas pola falta de cobertura de vacantes, xubilacións e as insuficientes ofertas de emprego público dos últimos anos que demostran unha nula reflexión do goberno municipal sobre a verdadeira necesidade de persoal deste Concello para poderlle ofrecer un correcto servizo á cidadanía e como esta situación lle afecta ao persoal que fica en departamentos cada vez máis pequenos, con maior carga de traballo e unha situación laboral pésima. Porque por moito que defendesen que a nova Relación de Postos de Traballo ía solucionar os problemas de organización do Concello de Betanzos, esta RPT apoiada pola CSIF e liderada polo PSOE non fixo máis que afondar no desastre organizativo e na discriminación entre os traballadores e traballadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario