A CIG vén de achegar por rexistro as súas propostas con respecto á modificación da RPT que achegou o Concello de Betanzos á pasada Mesa Xeral de Negociación. A grandes trazos indicámoslle o seguinte ao Concello de Betanzos:
1. Coidamos que non é o momento máis adecuado para modificar a RPT cando está pendente de resolverse o recurso interposto e cuxo xuízo tivo lugar o pasado 15 de abril. Solicitamos que o Concello agarde esta sentenza e logo proceda á modificación da Relación de Postos de Traballo como corresponda.
2. Solicitámoslle ao Concello que inclúa nesta modificación a totalidade dos postos e prazas do persoal laboral que cumpren os requisitos de indefinición do Estatuto dos Traballadores e en cumprimento dos artigos 79 e 78 respectivamente do Convenio colectivo do persoal laboral e da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza.
3. Continuamos a discrepar do sistema de valoración dos postos, discriminatorio para o persoal laboral e insistimos na necesidade de modificar por completo o manual da Relación de Postos de Traballo.
4. Consideramos inxustificada e subxectiva a suba salarial proposta para Secretaría e Intervención. Se estes postos están dotados con 100 puntos e non se propón unha suba do valor do punto non se pode realizar unha suba salarial por adscrición directa.
5. Discrepamos da escasa xustificación para singularizar dous postos de administrativo e un de oficial de Policía e do sistema de adxudicación directa a determinados traballadores/as. Propoñemos que se o Concello decide singularizar estes tres postos debe crealos e deben ser provisionados polos procedementos legamente establecidos entre o funcionariado correspondente.
6. Propoñemos a equiparación na valoración do complemento de destino dos postos de persoal laboral e funcionario para os postos de auxiliar de axuda no fogar, técnico/a especialista en xardín de infancia, limpador/a, electricista e profesores/as da Escola Municipal de Folclore, entre outros, e un incremento na valoración dos complementos específicos dos postos de persoal laboral que saen claramente prexudicados na proposta de valoración do Concello de Betanzos.
Podedes consultar polo miúdo as propostas presentadas aquí:
Ningún comentario:
Publicar un comentario