29/06/11

Marcha galega polo emprego cara a Compostela

A CIG organiza a Marcha galega polo emprego, unha gran mobilización na que se agarda que participen desempregados/as de toda Galiza, que percorrerán a pé o país, partindo inicialmente das cidades, o día 29 de xuño, para rematar o 3 de xullo en Santiago de Compostela, cunha manifestación nacional. Con esta marcha preténdese sensibilizar á poboación ante o grande problema que supón o paro e exixir a posta en marcha de toda unha serie de medidas que permitan o crecemento económico e a creación de emprego, fronte as políticas neoliberais aplicadas até o de agora, que provocaron unicamente a precarización das condicións laborais.
Lugares, datas e horarios de saída:
Vigo: 30 de xuño dende Gregorio Espino (local da CIG).
A Coruña: 30 de xuño ás 10.00 horas dende Alfonso Molina (local da CIG).
Cee: 30 de xuño ás 10.00 horas dende O Son (local da CIG).
Pontevedra: 1 de xullo dende Pasantería (local da CIG).
Ferrol: 29 de xuño dende a Avenida de Esteiro (local da CIG).
Lugo: 29 de xuño dende a Ronda da Muralla (edificio sindical).
Ourense: 29 de xullo ás 9.30 horas dende o Pavillón dos Remedios



En Betanzos haberá unha Asemblea aberta ás 20:00 h na praza da Campo.

A CIG solicitou hoxe por rexistro a paralización do proceso selectivo para a praza de auxiliar administrativo publicada onte na páxina web

Hoxe mesmo, 29 de xuño, a CIG solicitou a paralización do proceso selectivo para a praza de auxiliar administrativo publicada onte na páxina web do Concello de Betanzos alegando o seguinte:


1. Que o día 28 de xuño publicouse na páxina web do Concello www.betanzos.es o anuncio da convocatoria para unha praza de auxiliar administrativo para o departamento de Servizos Sociais.

  1. Que no dito anuncio recóllese que as bases da convocatoria están no negociado de persoal do Concello, e que as recollimos neste negociado para poder obter máis información.

  2. Que segundo se recolle no propio anuncio, as bases non son accesibles e non cumpren os requisitos de publicidade, ao non ser publicadas nun dos diarios de maior de tirada en Galiza, no BOP, DOG, na páxina web do Concello e no taboleiro de anuncios.

  3. Que tal e como recollen as propias bases xerais no punto 5, o prazo de dez días hábiles ten que comezar a partir da publicación das bases nun dos diarios de maior de tirada en Galiza, no BOP, ou no DOG e non dende a súa publicación no taboleiro de anuncios do Concello de Betanzos.

  4. Que dende o Concello só se facilitaron unha “bases xerais para a selección de persoal laboral temporal” e que faltan as específicas da praza anunciada na páxina web. No punto das propias bases xerais indica que estas se complementarán coas correspondentes específicas das que non temos coñecemento.

  5. Que no punto 4, de aprobación do expediente, non se desenvolven os seguintes puntos: funcións e tarefas obxecto da contratación, requirimentos específicos dos aspirantes, duración do contrato, retribucións, tipo de contrato, criterios para a selección de candidatos e sistema de publicidade da convocatoria, falta, polo tanto, información da praza ofertada, e nin sequera se recollen os elementos mínimos que a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia marca para as convocatorias das probas selectivas.

  6. Que o punto 7, referido ás instancias, as bases xerais contradín o que se indica no anuncio da convocatoria.

  7. Finalmente, que no punto 10 das bases xerais indica que os compoñentes do tribunal cualificador serán designados pola Alcaldía e que un dos compoñentes será a proposta da representación sindical, cando en ningún momento ao Comité de Empresa do Concello de Betanzos se lle comunicou a convocatoria desta praza nin que tiña que facer unha proposta para o tribunal cualificador.


Por estes e máis motivos, como que na propia convocatoria non aparece reflectido se a praza é a para persoal laboral ou funcionario, que nos indican que estas bases non están adaptadas aos procesos de selección para o persoal da Administración pública actual solicitamos a paralización deste proceso e a renegociación das bases, tendo en conta que o propio Comité era descoñecedor da publicación desta convocatoria antes da súa publicación na páxina web do Concello e, polo tanto, non tiña coñecemento das bases desta.


27/06/11

1000 visitas: MOITAS GRAZAS

E pasou algo máis dun mes e xa van algo máis de mil visitas, por iso dende este espazo de información para o persoal laboral do Concello queremos agradecervos a vosa confianza nesta canle de información da situación laboral do Concello de Betanzos e agardamos que siga a ser un medio útil para achegarvos as ultimas novas da CIG do Concello de Betanzos durante moito tempo.


MOITÍSIMAS GRAZAS ^_^

Valoración da CIG sobre a reunión do Comité de Empresa co alcalde e o delegado de Persoal

O luns 27 de xuño tivo lugar a primeira toma de contacto do novo alcalde e o delegado de persoal co Comité de Empresa do Concello de Betanzos. Nesta primeira presentación informouse sobre a situación do Concello e a perspectiva do novo goberno fronte ás demandas do persoal laboral e algúns dos representantes sindicais do Comité achegaron unha valoración xeral sobre diversos problemas do persoal laboral.


Dende a CIG do Concello de Betanzos valoramos positivamente a reunión coa nova corporación e coidamos que se abre un novo período marcado polas negociacións e un novo concepto do traballo sindical do Comité de Empresa do persoal laboral do Concello de Betanzos. Igualmente, dende o Comité achegouse, logo de facelo por escrito, a necesidade dun local para o desenvolver con normalidade o traballo do Comité e mais lembrouse que hai moita documentación que aínda non foi facilitada polo Concello e que resulta imprescindible para comezar a traballar dende o propio Comité.


Igualmente, dende a CIG queremos desaprobar o comportamento dun representante da UGT no Comité que no canto de, coma o resto dos membros e delegados dos dous sindicatos con representación neste órgano, facer unha valoración xeral dos problemas dos traballadores e traballadoras deste Concello para buscar as posibles solucións, dedicouse a falar da falta de cumprimento das obrigas laborais por parte do persoal en vez de defender melloras para o persoal laboral desta Administración. Dende logo, se algo temos claro dende a CIG é que a nosa obriga é defender aos traballadores e traballadoras deste Concello e canalizar as súas demandas e necesidades a través do Comité de Empresa e non tirar pedras contra o noso propio tellado nas reunións cos representantes do Concello.

23/06/11

Tema resolto

Onte mesmo deuse a coñecer o laudo arbitral emitido con motivo da pretensa impugnación das eleccións por parte de CCOO e a súa intención de que en Betanzos houbese menos representantes do persoal laboral dos que nos correspondían. O árbitro confirma os datos do Concello e dos sindicatos con representación e afirma que os delegados e delegadas que lle corresponden en función do número de traballadores ao Concello de Betanzos son nove, ficamos pois como estabamos e confírmase que todo foi correcto no proceso das pasadas eleccións sindicais do persoal laboral do Concello de Betanzos.


A pesar de que o tema está resolto dende a CIG insistimos en que foi unha mágoa que por culpa das malas intencións de CCOO se tivesen que desprazar a Maxistratura os compañeiros e compañeiras das Mesas das eleccións sindicais, representantes do propio Concello e os sindicatos.

20/06/11

Lembrade

CONVENIO DO PERSOAL LABORAL DO CONCELLO DE BETANZOS

CAPÍTULO VI.-ASISTENCIA E PERMANENCIA NO TRABALLO

Art. 9.º Xornada laboral

"2. Os meses de xuño, xullo e agosto, todo o persoal desfrutará dunha redución da xornada de 1 hora diaria, que se establecerá segundo as necesidades do servizo."

Unha grande parte do persoal ten esa redución horaria de 14:00 h a 15:00 h, non obstante, podería haber servizos que tivesen a redución noutro horario debido ás necesidades do servizo, tal e como marca o convenio. O que en ningún caso sería xustificable sería que algúns traballadores non tivesen dereito á redución que marca o convenio por necesidade do servizo, iso suporía un claro caso de discriminación.

Lembrade que o Convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos é o marco normativo que rexe os dereitos e deberes do persoal laboral desta Administración. Aínda que como recolle o seu artigo 4.º "As melloras establecidas noutras disposicións de calquer rango, que sexan recoñecidas con posterioridade, serán de aplicación segundo o principio de norma máis favorable, sen perxuizo da aplicación da lexislación vixente". Hai que lembrar, pois, que logo de seis anos está desactualizado e hai melloras que recolle o Estatuto Básico do Empregado Público aprobado no 2007 e que estarían por riba das que recolle o noso convenio.

Acordo regulador funcionariado Concello de Betanzos (2005)

Acordo funcionariado

Novo Comité de Empresa

Hoxe na reunión do Comité de Empresa do Concello de Betanzos constituíse un novo Comité e procedeuse á elección dos novos cargos. Logo da presentación de candidatura tan só por parte da CIG, gañou esta por maioría absoluta con 7 votos a favor e 1 abstención.

O Comité quedou composto polos seguintes delegados e delegadas.

Presidenta: Silvia Muíño Naveira (CIG)
Secretario: Jorge Amarante Rodríguez (CIG)
Tesoureiro: Marcos Dopico Sánchez (CIG)
Mónica Núñez Vales (CIG)
Raquel Fernández Rodríguez (CIG)
José Ángel Montes Patiño (UGT)
María Carmen López Rodríguez (UGT)
Alfredo Veiga Edreira (UGT)
Roberto Blanco Alexandre (UGT)


Neste pleno de constitución, ademais de aprobarse os cargos, aprobouse o regulamento de funcionamento do Comité de Empresa, que poderedes consultar proximamente nesta páxina, e mais acordouse solicitar ao Concello a documentación relativa ao persoal laboral, as mesas convocadas, a información das horas extras do último ano, a información das gratificacións extraordinarias e todos os contratos temporais do persoal laboral. Ademais, solicitouse hoxe mesmo ao Concello un local para o Comité de Empresa onde nos poder reunir con normalidade e ter un espazo de referencia para acudir os compañeiros e compañeiras a consultar as súas dúbidas.

12/06/11

Valoración da CIG sobre reforma da negociación colectiva




Avaliación da CIG sobre a reforma da negociación colectiva


A central sindical considera que o obxectivo que se busca coa reforma é facilitar a flexibilización do salario e das condicións laborais.


O Consello de Ministros vén de aprobar un Decreto Lei sobre a reforma da negociación colectiva modificando varios artigos do Estatuto dos Traballadores co obxectivo de facilitar a flexibilización do salario e das condicións de traballo, fortalecer o poder empresarial e favorecer a aplicación da reforma laboral en detrimento da clase traballadora. Unha primeira análise de urxencia require partir do que nós propomos, considerar o que agora mesmo existe e avaliar os cambios normativos que se propoñen.

09/06/11

A CIG informa

O novo Comité de Empresa constituirase o vindeiro luns, logo da disolución do anterior Comité, entretanto CCOO, sindicato que nin sequera presentou candidatura nas eleccións sindicais deste Concello, pretende impugnar as eleccións en base a feitos que non se axustan á realidade.


Dende a CIG do Concello de Betanzos consideramos inapropiada a actitude que CCOO tomou ante este proceso electoral, posto que non respecta a elección que os traballadores e traballadoras deste Concello fixeron dos seus representantes sindicais e menospreza os acordos tomados nas mesas sindicais dos dous colexios do persoal laboral.

07/06/11

Agradecemento



Dende a CIG do Concello de Betanzos queremos agradecer o apoio que estamos a recibir de compañeiros delegados da Confederación Intersindical Galega de diversas empresas da comarca, entre os que podemos destacar os de Emesa-Grupo Isolux Corsan e Gadisa, que se achegaron a algúns dos compañeiros electos como delegados da CIG para lles dar os parabéns polo resultado das eleccións sindicais no Concello de Betanzos e amosarnos o seu apoio nesta nova andaina.


Grazas por nos dar azos para iniciar este novo camiño e ofrecernos o voso apoio e colaboración na loita común da melloras laborais dos traballadores e traballadoras da comarca!

03/06/11

Comezando...

Nestes días previos á conformación do novo Comité de Empresa dende a CIG do Concello de Betanzos andamos a recompilar información que nos sirva para afondar nas carencias e problemas que dende distintos departamentos nos achega o persoal laboral. Algunhas delas irémolas desmiuzando neste espazo de encontro entre os traballadores e traballadoras a través do que tamén vos podedes pór en contacto connosco.



Repasando o convenio vixente, reparamos en que no capítulo VI, onde nos fala de asistencia e permanencia no traballo, no punto 3 do artigo 9 onde se refire á xornada laboral indica o seguinte:



"A xornada realizarase con carácter xeral, de luns a venres, de 07:45 h a 15:00 h."


Comezamos a falar, pois, con distintos departamentos que nos confirmaron que comezan a xornada un cuarto de hora antes do que marca o convenio, é dicir, ás 07:30 h e rematan á mesma hora que o resto do persoal. Este cuarto de hora, que a primeira vista pode parecer non moi importante, non o é cando suma unha hora e cuarto á semana, cinco horas ao mes e sesenta horas ao ano. Estas sesenta horas ao ano que traballadores e traballadoras de distintos departamentos estarían a realizar son horas extras segundo o convenio vixente, posto que estarían feitas a maiores da xornada laboral de traballo, non obstante, nin aparecen recoñecidas como tal nin lles supoñen un adiantamento na hora de saída.


Certo é que por cuestións do servizo, habería departamentos que poderían ter un horario diferente que os demais, mais o que non é xustificable é que traballen sesenta horas máis ao ano que o resto do persoal laboral sen xustificación aparente.


Moitos máis son os asuntos que van xurdindo nos primeiros días, mais sempre necesitamos máis información, por iso, unha vez constituído o Comité de Empresa achegarémonos polos distintos departamentos para coñecer de primeira man, os problemas, as demandas e as eivas do persoal laboral do Concello de Betanzos e poder deseñar un plano de traballo para os vindeiros catro anos que recolla as vosas prioridades.


Lembrade que tendes o convenio aquí.

01/06/11

En www.galizacig.com (31/05/2011)




A CIG obtén a maioría da representación do persoal laboral do Concello de Betanzos na primeira ocasión que se presenta

A central conseguiu cinco dos nove delegados/as que integrarán o Comité de empresa
A CIG vén de converterse no sindicato maioritario no Comité de empresa do persoal laboral do Concello de Betanzos, logo de obter cinco dos nove delegados/as que se elixían nas eleccións celebradas o luns 30 de maio

Dende o sector de local da CIG-Administración Pública valoraron moi positivamente este resultado, xa que esta era a primeira vez que a central nacionalista presentaba candidatura no Concello de Betanzos. Dende a Federación agradeceron a confianza depositada polos traballadores e traballadoras laborais do Concello na candidatura da CIG, que asegura que agora poderá “trazar novos camiños de actuación na defensa do persoal laboral”.

O Comité de empresa estará formado por cinco delegadas/os da CIG e catro de UGT, mentres que nas eleccións á Xunta de Persoal a CSIF obtivo dous representantes e CCOO un.