23/09/11

Que non te enganen! Xa estamos cans@s!

SOBRE OS PERMISOS POR DÍAS DE ASUNTOS PROPIOS

Convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos (2005)

Art. 4.

As melloras establecidas noutras disposicións de calquera rango, que sexan recoñecidas con posterioridade, serán de aplicación segundo o principio de norma máis favorable, sen perxuizo da aplicación da lexislación vixente.


Estatuto Básico do Empregado Público (2007)

Artigo 1

1. O presente Estatuto ten por obxecto establecer as bases do réxime estatutario dos funcionarios públicos incluídos no seu ámbito de aplicación.

2. Así mesmo ten por obxecto determinar as normas aplicables ao persoal laboral ao servizo das administracións públicas.


Artigo 2

1. Es Este Estatuto aplícase ao persoal funcionario e no que proceda ao persoal laboral ao

servizo das seguintes administracións públicas:

  • A Administración xeral do Estado.

  • As administracións das comunidades autónomas e das cidades de Ceuta e Melilla.

  • As administracións das entidades locais.

  • Os organismos públicos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera das administracións públicas.

  • As universidades públicas.

Artigo 48

As administracións públicas determinarán os supostos de concesión de permisos aos funcionarios públicos e os seus requisitos, efectos e duración. En defecto de lexislación aplicable os permisos e a súa duración serán, polo menos, os seguintes: m)Por asuntos particulares, seis días.

Artigo 51

Para o réxime de xornada de traballo, permisos e vacacións do persoal laboral rexerá o establecido neste capítulo e na lexislación laboral correspondente.



Lei do Estatuto dos Traballadores (1995- actualizado 2007)

Artigo 15.6

Os traballadores con contratos temporais e de duración determinada terán os mesmos dereitos que os traballadores con contratos de duración indefinida, sen prexuízo das particularidades específicas de cada unha das modalidades contractuais en materia de extinción do contrato e daquelas expresamente previstas na Lei en relación cos contratos formativos. Cando corresponda en atención á súa natureza, tales dereitos serán recoñecidos nas disposicións legais e regulamentarias e nos convenios colectivos de xeito proporcional, en función do tempo traballado.

Cando un determinado dereito ou condición de traballo estea atribuído nas disposicións legais ou regulamentarias e nos convenios colectivos en función dunha previa antigüidade do traballador, esta deberá computarse segundo os mesmos criterios para todos os traballadores, calquera que sexa a súa modalidade de contratación.

Últimas novas

Onte mesmo, 22 de agosto, o convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos foi denunciado, rexistrando esta renuncia no propio Concello en primeira instancia, e a seguir achegándonos á subdelegación do goberno para rexistrar a copia que ten que ir dirixida ao delegado de Traballo. De hoxe nun mes, pois, o Comité de Empresa ten que ser convocado polo Concello para comezar as negociacións.
Polo que respecta á nova proposta de convenio, o Comité de Empresa aínda anda nesas. Logo dunha reunión de catro horas do pasado luns onde analizamos algunhas das discrepancias existentes entre a proposta da CIG e a da UGT, o vindeiro luns, día 26, continuará a negociación. Finalmente a negociación está a levar un pouco máis do previsto e isto demora termos a proposta final e poder convocarse a asemblea de traballadores. Aínda así, agradecemos enormemente, as achegas que compañeiros e compañeiras deste Concello nos fan continuamente para mellorar as propostas que levamos ao Comité.
Igualmente, tivemos coñecemento de que o funcionariado tamén denunciou o seu acordo regulador e estaremos ao tanto de cales serán as melloras que procurará para non quedarmos, coma sempre, ata o momento, o persoal laboral deste Concello por detrás das súas melloras. A CIG, como sindicato, pedirá información puntual sobre este proceso.
Queremos agradecer, máis unha vez, o apoio de todos os traballadores e traballadoras, que está posibilitando que a CIG cada vez teña máis apoios e azos neste Concello.

21/09/11

Lembra para os teus permisos!

GRAOS DE PARENTESCO

Primeiro Grao: Nai-Pai, Filla-Fillo,
Sogra-Sogro e Nora-Xenro.

Segundo Grao: Avoa-Avó, Irma-
Irmán, Cuñada-Cuñado e Neta-
Neto.

Terceiro Grao: Bisavoa-Bisavó,
Tía-Tío, Sobriña-Sobriño, Bisneta-
Bisneto.

Cuarto Grao: Prima-Primo.

O declive imparable dos dereitos dos traballadores


Nos últimos tempos asistimos a unha sucesión de reformas laborais na contra da clase traballadora. Estas reformas realizadas coa connivencia e os acordos do Goberno cos sindicatos UGT e CCOO, non fan máis que afondar nos problemas dos traballadores e traballadoras e nomeadamente o persoal ao servizo das administracións públicas que está a ser atacado cruentamente pola opinión pública.

A reforma das pensións, a reforma laboral e a da negociación colectiva redundan nas políticas estatais dos últimos tempos enfocadas aos recortes sociais e á destrución do emprego. As medidas laborais aprobadas no Consello de Ministros do pasado mes de agosto supoñen un duro golpe para o fomento da estabilidade no emprego e pretenden facilitar o despedimento. A posibilidade de indefinición contractual que terían moitos compañeiros e compañeiras nesta mesma Administración ficou coutada por esta reforma que elimina “temporalmente” os dous artigos do Estatuto do Empregado Público que recollían esa posibilidade.

É por iso que dende a CIG vos animamos a que se tendes calquera problema laboral, non agardedes a facer as reclamacións pertinentes porque nos últimos tempos estamos a vivir un declive imparable dos nosos dereitos laborais como traballadores e cómpre que os exerzades mentres está na vosas mans.

Escusas...

O Concello escusouse pola exclusión do Comité dos procesos selectivos dos últimos meses e informou de que a súa vontade é que isto non volva acontecer. Certamente alegrámonos de que así sexa mais non obviamos que as escusas que se nos presentan para xustificar o acontecido nos procesos en curso nos últimos meses parécennos insatisfactorias e pouco convincentes.

Dende o Concello achegóusenos unha sentenza que non é do Tribunal Supremo, máximo responsable da interpretación da xurisprudencia no Estado, e pretendéusenos enganar ao nos dicir que en base a esta tiñan que excluír a representación do Comité dos tribunais dos procesos selectivos. Obviamente esta é unha interpretación tendenciosa do que é a xurisprudencia, posto que esta é a interpretación da lei que de modo reiterado establece o Tribunal Supremo, e non nunha soa ocasión un tribunal menor, para alén de que o texto conta con varias incorreccións ao falar de representantes sindicais nomeados polos sindicatos cando quen realmente nomea os tribunais dos procesos selectivos é a Alcaldía ou o concelleiro correspondente e, estaba, pois, na man do Concello cumprir a lei e contar cun representante proposto polo Comité.


13/09/11

Últimas novas sobre as axudas socias do 2010

Como saberedes xa se achega o período de solicitar unhas novas axudas sociais e as do ano 2010 seguen sen se resolver. O Comité de Empresa, entre as iniciativas dos primeiros meses solicitoulle por rexistro ao Concello que o convocase para a resolución destas axudas, posto que aínda que quen resolve é o Comité, quen ten a documentación é o Concello, e sen que este lla facilite non hai posibilidade de resolución. Logo de preguntar varias veces pola cuestión e de aprazarse en varias ocasións confirmáronnos que a comezos de outubro seremos convocados para a súa resolución.

Tal e como dende a CIG solicitamos dende un comezo intentaremos que se lle dea a publicidade pertinente á resolución das axudas sociais para que o persoal laboral que as solicitou saiba a contía que se lle adxudica e en que concepto, e igualmente no caso de que algunha sexa desestimada o motivo correspondente. Pretendemos pois, tamén que haxa máis transparencia a partir de agora na convocatoria e resolución das axudas sociais e así llo comunicamos ao Concello en varias ocasións.


Cara a un novo convenio




O vindeiro luns haberá reunión do Comité de Empresa e debateranse as propostas para un convenio, as diferenzas nas propostas do marco normativo que debe rexer o traballo do persoal laboral do Concello de Betanzos son substanciais e haberá, pois, que saír cunha proposta de conciliación. 
  

Ademais na semana que vén, seguindo o calendario aprobado no pasado Comité de Empresa denunciaremos o convenio que está vixente e iniciarase  o camiño cara a ese novo marco lexislativo que mellore as condicións laborais do persoal laboral do Concello de Betanzos e que supere as desigualdades que supón a aplicación do convenio vixente que xa non contemplan as leis de rango superior.

Non máis discriminacións!

Xa o dixemos nada máis chegar, dende a CIG defendemos a igualdade de dereitos de todos os traballadores e traballadoras independentemente da súa relación contractual, tal e como indica o artigo 15.6 da Lei do Estatuto dos traballadores.

Neste Concello, reiteradamente se lle negan dereitos a traballadores e traballadoras en función ás veces dun convenio obsoleto e á marxe da lei, e outras en función do capricho de quen ten a potestade das decisións. A que nos estamos a referir con isto? Todos e todas ben sabemos que moitas veces o dereito a días de asuntos propios se lle ten negado a compañeiros e compañeiras sen un criterio definido, segundo quen os pida aplícase o convenio ou non, segundo a que servizo pertenzas tes dereito ou non, seica segundo o Concello quen non está na RPT non ten dereito, mais sabemos que á hora da verdade a concesión ou non deste dereito aplícase irregularmente segundo criterios claramente discriminatorios.

Desta situación é ben sabedor o goberno municipal ao que acudimos en varias ocasións para lle relatar polo miúdo os casos, certo é que disque hai vontade de amañalo mais, entretanto, denunciamos publicamente que hai moitos compañeiros e compañeiras que son discriminadas e se lle negan este e outros moitos dereitos en función duns criterios claramente variables e de moi dubidosa legalidade.