AXUDAS SOCIAIS do ano 2010: historia dunha mala xestión
Logo da última información que vos achegamos sobre o estado da Resolución das axudas sociais do ano 2010, nos últimos días o Concello traladounos unha Resolución da Alcaldía onde nos comunica as últimas novas sobre este proceso que o Concello xa leva cun ano de atraso. Este comunicado de Resolución vai acompañado dun informe da Secretaría do que cómpre destacar, nunha primeira lectura, varios aspectos:
*O Concello admite no informe que leva anos resolvendo as axudas de xeito irregular, ao indicar que os criterios non son nada claros e que no proceso se observan irregularidades.
*Os representantes do persoal e mais do funcionariado foron convocados polo Concello a unha xuntanza cuxo único punto da orde do día era facer unha proposta de concesión das axudas. Agora o Concello di que tal convocatoria deu lugar a unha reunión fóra da legalidade cando o propio Concello foi o que convocou os representantes dos traballadores.
*O informe indica que o persoal que non está na RPT non pode entrar na proposta de distribución das axudas, discriminándoo como leva facendo anos. O curioso é que na reunión anteriormente citada o propio concelleiro de Persoal falou dun informe da Intervención que era o que determinaba que ese persoal á marxe da RPT tería dereito ou non, e que a Intervención sería quen ía ter o criterio, cando, curiosamente o informe que incita a esta discrimnación é da Secretaría, nun acto apresurado por parte do Goberno que parece buscar o informe nun departamento ou outro segundo conveña; non tería outra explicación que o propio concelleiro nomease a Intervención e agora semelle que o criterio deste departamento non se teña en conta neste proceso.
*Hai unha vontade clara de excluír do proceso á representación do persoal e mesmo recorrendo para non quedar "tal mal" a fórmulas inventadas e que consideramos irregulares.
Todos estes problemas que o Concello relata casualmente nunca os houbo cos anteriores Comités e o reparto das axudas nunca xerou conflitos que agora aparecen cando pretende haber un maior control sobre a súa distribución.
Vimos observando unha deixación de funcións por parte do Goberno municipal, posto que ningún dos escritos que se nos achega ao Comité vén asinado pola Alcaldía, sempre se nos trasladan comunicados, informes etc, asinados pola Secretaría, mais non, por exemplo, as copias das Resolución da Alcaldía e mesmo nin se nos indica o número de Resolución.
O Goberno ningunea á representación dos traballadores posto que en ningún caso dialoga as posibles solucións ao conflito nin informa puntualmente das decisións que se van tomar, comunican as decisións sen posibilidade de que a representación do persoal sexa escoitada nos procesos.
O caso é que un ano despois seguimos sen cobrar as axudas e isto evidencia un problema de funcionamento do propio Concello en todo o que teña a ver cos temas laborais.
AXUDAS SOCIAIS do ano 2011: as decisións unilaterais
Polo que respecta ás axudas sociais 2011 temos que valorar moi positivamente que o Concello por fin distribúa a información que dende o 2001 debería ter distribuído anualmente. A pesar de facer o traballo tarde, tendo en conta que xa hai persoal que presentou as súas solicitudes, mudando as bases acordadas en pleno de xeito unilateral e sen informar sobre isto ao propio Comité de Empresa hai que ter en conta que todo isto aconteceu grazas ao traballo do novo Comité, porque nunca antes o Concello distribuíra información sobre a convocatoria nin as contías máximas a que se aspira en base a cada un dos conceptos.
As contías xa as fixemos públicas neste blogue, o prazo seica muda e pódense presentar as solicitudes ata o vindeiro 31 de decembro e, por vez primeira sabemos cal é o orzamento designado para este fondo social, 23 000 euros.
Con este pasos o Concello confirma que era necesario o traballo que estamos a facer dende a CIG do Concello de Betanzos xa que a información que lle afecta ao persoal comeza a ser pública e isto facilitará que un maior número de compañeiros e compañeiras soliciten as axudas, solicitadas atas o momento por unha maioría do funcionariado fronte ás solicitudes feitas por unha mínima parte de todo o persoal laboral do Concello.
A pesar de todo isto non podemos deixar pasar o ninguneo ao que está a ser sometida a representación do persoal, que en ningún caso é consultada nin informada, á que en cinco meses non se che achegou a documentación requirida coa escusa da falta de tempo, mais pola contra hai tempo para achegarlle resolucións da Alcaldía vulnerando dereitos sindicais ou denegando a ocupación dun local onde simplemente reunirse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario