Dende que a CIG comezou a abrirse un oco neste Concello son moitos os camiños que levamos abertos, moitas as dinámicas que estamos a mudar e cada día máis as motivacións para continuarmos a traballar.
Hai pouco menos de cinco meses o persoal laboral do Concello de Betanzos depositou a súa confianza na CIG como forza maioritaria logo das eleccións sindicais. Isto supuxo un cambio de rumbo no xeito de facer traballo sindical no Concello de Betanzos.
Ao longo destes meses son moitas as cousas que aprendimos e moitas máis a que nos quedarán por aprender, mais, sen dúbida, o que cómpre destacar é que nos decatamos da mala dinámica de funcionamento deste Concello a nivel de persoal, onde dependendo de non sabemos que criterio tes uns dereitos ou outros e onde a lexislación é claramente interpretada sempre na contra dos traballadores e traballadoras.
Se algo lle temos dito en reiteradas ocasións ao Goberno é que non entendiamos como sempre se buscaba a opción menos adecuada para defender os dereitos do persoal, e o que é peor, nunca entendimos como o Goberno se escuda para tomar as decisións no persoal ao servizo do Concello porque o xefe de todo o persoal é o alcalde e non podemos esquecer que as decisións non son máis que decisións políticas que, como noutras áreas, ás veces seguen as recomendacións técnicas e outras executan o que estiman oportuno.
Sabemos dende hai uns meses que algo está a cambiar, non só nunca antes de a CIG ter a maioría no Comité de Empresa este se reunira con tanta regularidade e solicitara absolutamente todo por escrito ao Concello, senón que tampouco conseguira que se constituíse a Comisión negociadora do Concello nin nomeara uns delegados de prevención. Efectivamente as consecuencias desta mudanza son trabas que nunca os anteriores comités atoparon, son cambadelas impropias dun Goberno que predica na prensa o diálogo co persoal.
Sen dúbida, ao Concello cústalle acostumarse a este funcionamento e realmente son moitas xa as incidencias e consecuencias soportadas por diversos delegados e delegadas da CIG en carne propia por dedicarse a realizar o seu labor sindical e representar os compañeiros.
Entendemos, logo de case cinco meses sen que o Concello nos facilite a documentación solicitada, que hai moito agochar, outra explicación posible non merece o feito de que a escusa permanente para a obstrución da información ao Comité sexa a falta de tempo, mentres si que hai tempo para continuas comunicacións de resolucións da propia Alcaldía dificultando o traballo dos delegados e buscando problemas onde nunca os houbo ata a chegada da CIG a este Concello.
Esta actitude belixerante por parte do Concello vén a confirmar que nesta Administración sempre houbo uns escurantismo enorme en todo o que ten a ver co persoal e non senta ben a difusión de calquera tipo de información que lle afecte ao persoal.
Dende a sección sindical da CIG do Concello de Betanzos sempre pretendimos difundir toda a información que coñecésemos porque entendemos que unha administración pública debe ser transparente para o persoal e que a información sobre os temas laborais debe ser de coñecemento público.
Unha valoración xeral destes primeiros meses do Concello é positiva, porque fomos quen de por primeira vez houbese un traballo sindical por parte dos delegados e das delegadas, porque grazas ao apoio de compañeiros e compañeiras a sección sindical da CIG cada vez conta con máis afiliados e as nosas posibilidades de traballo son maiores e porque fixemos que o Concello tome conciencia de as deficiencias, os problemas e as desigualdades entre o persoal son moitas.
Grazas, unha vez máis, porque sen o apoio dos traballadores e traballadoras que se achegan a nós decotío, non sería posible o noso traballo sindical e este cambio de rumbo que se está a dar cada vez máis apresuradamente neste Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario