01/04/12

Negociación do convenio: I

Como xa vos comentamos, a semana pasada, e logo de seis meses de paralización, comezou a negociación do convenio. Negociouse o capítulo I e finalmente só unha parte do II e marcouse unha nova reunión de negociación para a volta da semana santa.

Desta negociación podemos destacar que trasncorriu con normalidade e as propostas de mudanza do capítulo I por parte do Concello foron mínimas, así mesmo a base da negociación será sobre a proposta presentada polo Comité de Empresa, o que consideramos tamén positivo.

O que si que observamos é que a vontade do Concello parece que é eliminar texto que recolle o propio Estatuto Básico do Empregado Público, mais por parte da CIG na Mesa negociadora defenderemos a proposta presentada integramente polo Comité de Empresa e lembrámoslle ao Concello que o persoal laboral sempre ten como marco lexislativo os convenios colectivos e que o feito de eliminar algúns puntos non traería máis que problemas na aplicación práctica do devandito convenio e mesmo podería supor desigualdades nos dereitos con respecto aos compañeiros funcionarios, como xa leva ano acontecendo por mor de ter un convenio moi por baixo do que marcan as leis para os empregados públicos.

Nas vindeiras reunións informarémosvos da vontade por parte do Concello de que sigamos a ter un convenio de mínimos, ou, por fin, o noso convenio recolla os dereitos que as leis superiores marcan, entendemos, que como moitas cuestións simplemente as marca a lei dos empregados públicos o feito de que acepten a inclusión ou non no novo convenio é unha cuestión exclusivamente de vontade política, tal e como lle transmitimos ao concelleiro de Persoal na propia Comisión negociadora do convenio.

Finalmente, non podemos pasar por alto unha conquista que consideramos moi importante debido á situación histórica de discriminación que neste Concello padeceu o persoal non permanente, que non está na RPT, e é que no ámbito de aplicación do convenio, por fin, só se fala de persoal laboral e non se fan distincións na aplicación en función da relación contractual e a vinculación a un posto na Relación de Postos de Traballo ou non.

Ningún comentario:

Publicar un comentario