Por
volta destes días hai un ano este blogue botaba a andar coa ilusión
dun novo horizonte de defensa dos intereses do persoal laboral do
Concello de Betanzos. Ata aquel momento a información para o común
dos traballadores sempre fora máis ben escasa, o escurantismo era a
estratexia seguida polos distintos gobernos municipais para unha
doada manipulación do persoal, coa que tristemente en moitos casos
colaboraban algúns compañeiros funcionarios ao ofrecer información
inexacta, negar dereitos recoñecidos por lei e desinformar
dependendo de quen solicitase información.
Daquela
un grupo de compañeiros e compañeiras co apoio indispensable da CIG
e dos seus asesores decidimos abrir un camiño no que non atopamos
máis que pedras dende o comezo, o certo é que sabiamos que a tarefa
non era doada mais tamén que o terreo non era ermo e que eran
precisan moitas doses de ilusión, vontade e fortaleza para termar de
todo o que viña enriba. Hai uns días, nunha xuntanza da sección
sindical, botamos a ollada atrás e intentamos recompilar un pouco o
traballo realizado e facer a oportuna análise á vez que falarmos
sobre os principais obxectivos da CIG neste Concello unha vez
iniciado este duro camiño.
A
información e as canles de información da CIG do Concello téñense
demostrado máis que útiles e por primeira vez a información sobre
os temas laborais do Concello é de carácter público e de
coñecemento para o persoal. Neste traballo xogou un papel
fundamental a nosa páxina web www.cigconcellobetanzos.blogspot.com,
que logo dun ano e con máis de 6000 visitas demostra que é un eixe
fundamental de información, aínda así non menos importante é a
difusión do noso voceiro "Abrindo camiños" que conta xa
con 14 números e que sempre intentamos distribuír entre o máximo
número de traballadores.
O 13
de xuño o Comité de Empresa actual cumpre un ano, por primeira vez
na historia sindical do Concello o persoal laboral decidiu darlle a
maioría á CIG que nunca antes tivera representación, e os
delegados e delegadas da CIG intentamos dende ese momento amosar o
noso agradecemento coa loita pola mellora da situación do persoal
laboral. Daquela presentabamos uns compromisos de traballo que
trataban temas como o acceso e provisión de postos, a
promoción interna, a loita contra as discriminacións, un novo
convenio, o fondo social, a xornada e calendarios, a prevención de
riscos laborais e a loita contra a privatización dos servizos
públicos. Hoxe decatámonos de que a pesar da dificultade da
situación da Administración houbo algúns avances e o traballo
comezou a dar os seus froitos, o persoal non permanente xa ten
dereito a días de asuntos propios e accede ás axudas sociais,
constituíuse a Mesa Xeral de Negociación, o Comité aprobou unha
nova proposta de convenio que xa se está a negociar, intentamos que
a información sobre o fondo de acción social fose de coñecemento
para todo o persoal e presentamos unha proposta para un reparto deste
fondo máis xusto, entre outras moitas reclamacións de problemas
puntuais que se teñen feito nos últimos meses.
Fundamentalmente
houbo un cambio no procedemento onde deixamos as negociacións a
porta pechada a un lado e tentamos que todo o persoal teña
coñecemento dos temas que lle afectan no traballo. No camiño
descubrimos moitas eivas e problemas que o persoal laboral deste
Concello arrastra dende hai tempo e que motivan as importantes
diferenzas existentes fronte ao funcionariado, entre elas podemos
destacar un goberno pouco sensible ás demandas do persoal laboral, a
existencia de certos compañeiros funcionarios pouco proclives á
colaboración cos laborais ou á consecución de melloras por parte
do persoal laboral, un departamento de Persoal onde se ten ofrecido
moita información errada, tendenciosa e discriminatoria dependendo
de quen pregunte, un discurso moi forte en contra da CIG pola escasa
predisposición aos cambios nunha Administración onde estatus entre
laborais e funcionarios se pretendeu diferenciar dende as propias
nóminas, e uns compañeiros do Comité de Empresa da UGT que en
múltiples ocasións demostraron estar do lado do Concello no canto
do dos traballadores e se cadra aínda dificultaron máis a solución
nos conflitos laborais existentes.
Os
delegados e as delegadas da CIG do Concello de Betanzos iniciamos o
camiño con clara vontade de diálogo, vontade que en ningún momento
apoucou a inciativa de empregar os procedementos administrativos como
soporte aos primeiros encontros co delegado de Persoal e co propio
alcalde, sempre lembrando que nunha administración o que non se
rexistra e non está por escrito non existe tentamos acostumarnos a
rexistrar todas as reclamacións, solicitudes, comunicacións ou
peticións para poder ter un soporte documental no caso de que a vía
do diálogo non fose frutífera.
Durante
meses acudimos a reunións co concelleiro de Persoal de todo tipo,
non se ofreceron explicacións de moitos conflitos postos sobre a
mesa e mesmo nalgunha ocasión non houbo opción ao diálogo, por iso
comezaron as actuacións, logo de observar que o Concello cada vez
tiña unha actitude peor cara á representación legal do Comité de
Empresa e os propios delegados sindicais, primeiro foi a demanda de
tutela das liberdades sindicais, que a día de hoxe está recorrida,
logo foron as demandas por despido improcedemente de oito compañeiros
do GRUMIR que están pendentes do xuízo que ao longo de moitos anos
o Concello non foi quen de regularizar a situación e nos últimos
tempos mesmo houbo que recorrer á prensa que tristemente se
demostrou como unha ferramenta eficaz, e dicimos tristemente porque
iso demostra o único que lle importa a un Concello onde había un
claro conflito con respecto ás axudas sociais que viña dende hai
tempo mais que non se solucionaba é o que pensan os de fóra e non o
que pensamos os traballadores.
Unha
vez feita a reflexión cómpre mirar cara adiante, obviamente cunha
experiencia que antes non tiñamos e cuns coñecementos moito maiores
da situación do persoal mais tamén do xeito de proceder do propio
Goberno municipal que de cara á galería di unha cousa e de portas
para dentro adoita facer outra ben distinta. Agora que coñecemos o
procedemento da patronal é cando realmente podemos loitar polas
melloras, ben é certo que son tempos difíciles, mais tamén ben é
certo que este Concello en materia de persoal está ancorado no
pasado, a pouco que se mellore, haberá compañeiros e compañeiras
que o noten, e sobre todo, o que é moi importante, é que todo o
persoal teñan un coñecemento real da súa situación laboral mais
tamén da dos compañeiros para que non enganen á xente con falsas
promesas e todos e todas sexamos quen de defender os nosos dereitos
en moitos casos descoñecidos mais que existen dende hai ben tempo.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Raquel Fernández, Jorge Amarante, Marcos Dopico, Mónica Núñez e Silvia Muíño.