07/06/12

O camiño cara á privatización

Dende hai un tempo vimos observando e moitos compañeiros nos comentan como se acelerou a privatización de certos servizos no Concello de Betanzos, servizos que antes eran prestados por empregados e empregadas municipais e que cada vez con máis asiduidade son prestados por empresas. 

Este camiño cara á privatización afecta principalmente aos servizos prestados polo persoal laboral, persoal que aínda que leva moitísimos anos a traballar neste Concello non ten carácter fixo, ao final parece que sempre "pagan o pato os mesmos". 

Ano tras ano xubílanse compañeiros e non se cubren as prazas, cando menos as do persoal laboral, porque a última praza que se cubriu con carácter de interinidade foi a dun funcionario, e ano tras ano contrátanse empresas de distinto tipo, relacionadas coa fontanaría, coas obras e mesmo recentemente con xardinaría que provocan unha privatización a pasos axigantados dos servizos nesta Administración Local. O Concello, pois, externaliza servizos e isto, a curto e a longo prazo, a quen lle afecta principalmente é ao persoal laboral. A maiores, compañeiros e compañeiras de distintos servizos sufren no seu día a día a escasa cobertura das baixas laborais que provoca un incremento do traballo con cada vez menos número de traballadores.

Todo isto non pasa desapercibido para ninguén xa e vai en detrimento dos servizos públicos, mais o certo é que resulta curioso ver como hai quen se declara abertamente en contra da privatización e á hora da verdade lévaa a cabo sen présa mais sen pausa. A loita contra a privatización dos servizos públicos é un eixe vertebral que defende a CIG alí onde ten representación, mais se callar, neste Concello vén máis ao caso, cando observamos día a día os pasos axigantados que se están a dar e que coidamos que afectan principalmente ao persoal laboral, polas áreas en que está encadrado, obras e servizos, limpeza, axuda a domicilio, gardaría etc. A fin de contas semella que o Concello de Betanzos convocou postos fixos e funcionarizou ao persoal, sobre todo, administrativo xa case abrindo camiños a unha externalización de servizos que lle afecta ao persoal laboral a día de hoxe.

Pola nosa parte, dende a CIG, tal e como vimos facendo, defenderemos sempre o emprego público e posicionámonos abertamente en contra da privatización dos servizos que non fai máis que ir en detrimento da calidade destes, e aínda moito máis neste Concello onde unha parte do persoal laboral de servizos leva case toda unha vida traballando para unha Administración que non foi quen de normalizar as súas relacións contractuais e mantén a unha porcentaxe moi alta dos laborais nunha situación de temporalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario