06/07/12

Empregados públicos... para que? Se a través dunha empresa privada doulle traballo a quen me pete!


Isto é o que deben pensar dende o Goberno municipal porque a falta de convocatorias públicas de emprego é suplida con empresas de diverso tipo cuxos traballadores mesmo chegan a traballar a carón dos empregados públicos ou ás ordes deles nun caso que se asemella á cesión ilegal de traballadores, segundo indica o artigo 43 do Estatuto dos Traballadores.

Tal e como xa temos denunciado publicamente o persoal laboral é o único afectado até o momento pola brutal privatización que se está a levar a cabo sen présa mais sen pausa no Concello de Betanzos. Isto acontece porque o persoal laboral pertence maiormente ás áreas de servizos que son as máis susceptibles de se privatizar, é unido á non existencia de ningún traballador con contrato laboral con praza fixa converte ao persoal laboral deste Concello no centro da eliminación dos postos de traballo nesta Administración pública. Con ou sen nova Relación de Postos de Traballo a última praza que se cubriu neste Concello foi a dun funcionario interino, cando levan anos quedando varias prazas por xubilación de persoal laboral e nin sequera se chegaron a cubrir temporalmente.

Pola contra, cada día vemos como unha empresa relacionada coas obras e outra xardinaría realizan traballos que antes realizaban servizos municipais, nalgúns casos mesmo vehículos do Concello e día a día rouban postos de empregados públicos. A cuestión aquí é que se non hai cartos para cubrir prazas si que os hai para contratar empresas, o que aínda por riba que de seguro sae máis caro posto que as empresas baséanse en beneficios. Esta privatización chega mesmo ás oficinas municipais cando en edificios como a Casa do Concello hai persoal que non foi contratado pola Administración, e que mesmo ten gabinete propio e que traballo ao carón dos empregados municipais nun caso que cumpre os supostos de cesión ilegal de traballadores.

Estas son as formas do goberno municipal, o enchufismo puro e duro dos amigos que lle peta sen unha convocatoria pública nin traba ningunha para que non entre quen non quere, coa de xente que a día de hoxe devecería por calquera tipo de traballo mais que grazas a formas como a do Concello de Betanzos nunca poderá ter porque polo que parece avoga pola privatización dos servizos públicos e por adelgazar o cadro de persoal laboral do Concello, iso si ao funcionariado nin tocalo, a golpe de empresa amiga.

Un repaso á lexislación... Artigo 43 do Estatuto dos Traballadores.

1. A contratación de traballadores para cedelos temporalmente a outra empresa só se poderá efectuar a través de empresas de traballo temporal debidamente autorizadas nos termos que legalmente se estabelezan.
2. En todo caso, enténdese que se incorre na cesión ilegal de traballadores contemplada neste artigo cando se produza algunha das seguintes circunstancias: que o obxecto dos contratos de servizos entre as empresas se limite a unha simple posta a disposición dos traballadores da empresa cedente á empresa cesionaria, ou que a empresa cedente careza dunha actividade ou dunha organización propia e estábel, ou non conte cos medios necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, ou non exerza as funcións inherentes á súa condición de empresario.
3. Os empresarios, cedente e cesionario, que infrinxan o sinalado nos apartados anteriores responderán solidariamente das obrigas contraídas cos traballadores e coa Seguridade Social, sen prexuízo das demais responsabilidades, mesmo penais, que procedan polos devanditos actos.
4. Os traballadores sometidos ao tráfico prohibido terán dereito a adquirir a condición de fixos, á súa elección, na empresa cedente ou cesionaria. Os dereitos e obrigas do traballador na empresa cesionaria serán os que correspondan en condicións ordinarias a un traballador que preste servizos no mesmo ou equivalente posto de traballo, aínda que a antigüidade se computase desde o inicio da cesión ilegal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario