A
CIG vai desenvolver unha intensa campaña de axitación con asembleas
en empresas, actos na rúa e mobilizacións para denunciar as
nefastas consecuencias que para Galiza tiveron os anos de Goberno do
PP na Xunta. A campaña concluíra nunha primeira fase coa
convocatoria de manifestacións en todas as comarcas o día 4 de
outubro –data na que se inicia a campaña electoral- que a central
pretende sexan un reflexo do descontento e rexeitamento que existe
entre a cidadanía ás políticas de axustes aplicadas polo Partido
Popular.
O
Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que compareceu acompañado do
Secretario Confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña, comezou a súa
intervención facendo un balance da xestión do PP no Goberno da
Xunta, para concluír que nos atopamos “ante un panorama nefasto”.
Seixo
non dubidou en asegurar que o Presidente e candidato popular, Alberto
Núñez Feijoo, lidera un goberno que colaborou abertamente coas
políticas de axustes promovidas pola UE (postas en marcha no Estado
seu momento polo PSOE e seguidas polo Executivo de Mariano Rajoy).
Políticas cuxas consecuencias afectan de xeito grave aos servizos
públicos e ao tecido produtivo, “e polo tanto a calidade de vida
dos galegos e galegas”.
Neste
senso, o Secretario Xeral da CIG denunciou a pasividade amosada polo
Goberno da Feijoo ante o deterioro rexistrado no tecido produtivo, a
base material do noso País, e elemento fundamental para o
desenvolvemento económico. Así puxo os exemplos da crise no sector
naval, o pesqueiro, o leiteiro ou mesmo o acontecido coas caixas de
aforros, que en breve poderían quedar definitivamente desmanteladas
e nas mans de entidades privadas.
Para
visibilizar a profunda situación de deterioro á que chegaron ás
condicións laborais e sociais nestes anos, o representante da CIG
lembrou que, segundo os últimos datos da EPA, en Galiza
contabilízanse máis de 275.000 desempregados/as (o 21% da poboación
activa), dos que 160.000 pasaron a engordar as listas do paro durante
a “era Feijoo”. “Todo un logro das políticas para
rematar co desemprego que dicía que ía pór en marcha”, ironizou.
Abundando
nestas cifras, Seixo sinalou que 50.600 desempregados/as corresponden
ao sector industrial; un sector básico para o desenvolvemento
económico de Galiza, que ao mesmo tempo é o que crea emprego de
maior calidade e estabilidade. Ademais, mentres o número de
parados/as de longa duración xa ascende a máis de 76.000 persoas, a
emigración entre a xente nova continúa en crecemento.
Ante
este panorama social e económico profundamente preocupante -que
previsibelmente empeorará ao longo do vindeiro ano en función das
medidas que se están a aplicar- e a convocatoria de eleccións para
o 21 de outubro, a CIG “non pode xogar a ambigüidade” polo que
acordou pór en marcha esta intensa campaña de axitación, para
denunciar, a través de asembleas nos centros de traballo, actos na
rúa e mobilizacións, cales son as verdadeiras consecuencias das
políticas de recortes do Partido Popular.
Esta
campaña, rematará nunha primeira fase coa convocatoria de
manifestacións comarcais o día 4 de outubro, coincidindo coa data
de inicio da campaña electoral, e chamando á cidadanía a que
rexeite na rúa as políticas aplicadas até agora.
O
obxecto destas actuacións avogan tamén polo triunfo nos comicios de
forzas políticas que estean decididas a enfrontarse ás medidas
antisociais promovidas dende a UE e o goberno español, que sexan
sensíbeis aos intereses reais da clase traballadora e de Galiza como
nación, nun momento ademais, no que se está aproveitando para
recortar competencias ás autonomías. “Votar PP é condenar a este
País a unha situación sen saída, tanto na orde material como no
que ten que ver co tecido produtivo e os dereitos sociais, culturais
e lingüísticos”, afirmou.
Convite
a CCOO e UGT
O
Secretario Xeral da CIG explicou que a central nacionalista, en aras
de dar continuidade ás mobilizacións conxuntas e acumular o maior
apoio social posíbel, xa convidou a CCOO e UGT a sumarse a esta
convocatoria. Porén, lamentou que as dúas organizacións sindicais
non vexan clara a data elixida pola central nacionalista, xa que lles
coincide coas manifestacións a nivel estatal que teñen organizadas
para o día 8 de outubro.
A
este respecto Seixo sinalou que a CIG non vai interferir nestas
convocatorias, pero subliñou que tamén se debe respectar a dinámica
propia do noso País, máxime tendo en conta que estamos en pleno
período de precampaña electoral.
Así
as cousas, a CIG estaría disposta, co obxecto de continuar coa
colaboración conxunta, a participar nestas manifestacións do día 8
de outubro, pero “agardamos que en correspondencia coa nosa
actitude CCOO e UGT estean dispostos a convocar conxuntamente para a
xornada do día 4”.