07/10/12

Alegacións do Comité de Empresa: Plan de Emprego

Tal e como informamos con respecto ás alegacións do Comité de Empresa aos documentos relativos ao persoal e presentados no pasado mes de xullo ante o Pleno para a súa aprobación presentáronse alegacións aos tres documentos que se achegaron na Mesa Xeral de Negociación.

Con respecto ao Plan de Emprego a documentación que o Concello achegou é unha memoria de xustificación do Plan de Emprego do concelleiro de Persoal, Diego Fernández López. Nesta memoria comézase facendo alusión a un informe da Secretaría municipal sobre todos os efectivos de persoal do Concello de Betanzos que conclúe que se precisa un plan para a reasignación de efectivos. Este informe non foi facilitado xunto coa documentación achegada na Mesa Xeral do 30 de xullo e consideramos que é de vital importancia para o coñecemento da situación de todo o persoal laboral debido á falta de documentación por parte dos representantes sindicais neste Concello, por iso a CIG solicitou por rexistro este informe que non estaba en exposición pública xunto co resto da documentación durante  o período de consultas do orzamento, mais a día de hoxe o Concello aínda non llo facilitou.

Nas consideracións con respecto á formulación da nova RPT e a elaboración do Plan de Emprego hai que destacar que se propón o peche do Centro de Formación Ocupacional baseándose principalmente na escasa actividade do cento mais subliñando que no caso e que haxa cursos o monitorado cubrirase con persoal ocasional e temporal a través de contratación externa, enténdese pois que o que se está a facer é a redestinar ao persoal municipal a outros servizos para proceder a cubrir esas prazas no momento que faga falta con novo persoal, é obvio que hai moitas contradicións.

Así mesmo, indícase que como teñen en conta que non é unha modificación colectiva se lles dará aos traballadores traslado previo e audiencia no expediente durante quince días, cando en ningún momento o propio documento do Plan de Emprego foi público ata que se entregou na Mesa Xeral de Negociación do 30 de xullo e os traballadores afectados non se lles comunicou por escrito absolutamente nada ata o día de hoxe con respecto ao Plan de Emprego e as modificacións que os seus postos sufrirían, é claro, pois, se é así, que non tiveron audiencia no expediente durante quince días.

Hai que facer fincapé en que a propia memoria indica que o Plan de Emprego debería ser informado previamente á Mesa Xeral de Negociación polo Comité de Empresa tal e como indica o artigo 19 do Convenio colectivo do Persoal laboral e a día de hoxe o Comité de Empresa non foi requirido para a realización de tal informe e nin sequera se lle achegou ao Comité omo tal ningunha documentación relativa ao Plan de Emprego, este trámite que se indica como necesario nin sequera foi realizado polo Concello que directamenta chegou á Mesa Xeral a un día do Pleno e sen posibilidade de negociación e achegou un Plan de Emprego pechado e sen ningun informe que o avale.

Por último, e con respecto ás últimas consideracións que indican que unha vez que o Plan de Emprego sexa obxecto das audiencias e achegas dos representantes sindicais será levado ao Pleno para a súa aprobación é necesario dicir que os representantes sindicais non tivemos ningunha posibilidade de consideracións nin de achegas posto que na Mesa Xeral de Negociación convocada o luns non había posibilidades reais de negociación tal e como alí se expresou e tendo en conta que o pleno de aprobación do orzamento e a RPT tería lugar ao día seguinte.

Debido a todo isto o Comité solicitoulle ao Concello que o Plan de Emprego non sexa aprobado porque non foi obxecto da negociación pertinente na Mesa Xeral de Negociación e o propio Concello incumpriu cos pasos necesarios para a devandita aprobación ao non solicitarlle un informe sobre o documento ao Comité de Empresa do persoal laboral do Concello de Betanzos, tal e como indica que é preceptivo no criterios para a súa tramitación. A maiores os traballadores afectados polo devandito plan non tiveron audiencia no expediente no prazo pertinente nin tiveron coñecemento da modificación exacta das funcións de cada praza ata que se publicou provisionalmente a RPT e o Plan o que consideramos sumamente grave e que é unha boa mostra da nula vontade de negociación por parte do goberno municipal con respecto a este Plan de Emprego.



Ningún comentario:

Publicar un comentario