26/03/13

CIG-Administración alerta da grave destrución de emprego e servizos públicos na comarca da Coruña


Derivados das políticas de desmantelamento e amortización de postos de traballo que está a aplicar a Xunta en todos os departamentos

A CIG-Administración da Coruña vén de denunciar en rolda de prensa as consecuencias que están as ter as políticas privatizadoras e de amortización da Xunta do PP, que suporán a perda de emprego público e a desaparición de moitos servizos públicos na comarca. Unha política de desmantelamento da administración, explicou a Secretaria Nacional da Federación da CIG, Maricarme López Santamariña, que está comezando a reflectirse mesmo nos datos da EPA, pois xa recolle un acelerado ritmo de destrución de emprego de carácter público.
Así, denunciouse que o Goberno do PP pretende unha reorganización da administración galega na que desaparecerán un elevado número de postos de traballo e servizos públicos, nun proceso no que a cidadanía “acabará pagando dúas e tres veces por uns servizos encarecidos, de peor calidade e que, dende logo, non serán públicos”.
Como exemplo destas políticas, López Santamariña expuxo os casos do Complexo Xuvenil das Mariñas (dependente da Consellaría de Traballo e Benestar), do laboratorio de saúde pública (da Consellaría de Sanidade), o CIAM (da Consellaría de Medio Rural) ou dos centros de ensino.
Recortes en todos os departamentos
A respecto do Complexo Xuvenil das Mariñas, onde os traballadores/as se están a mobilizar dende hai semanas, a Consellaría de Traballo e Benestar vai amortizar 11 postos de persoal fixo e confirmou que só abrirá as instalacións nos meses de xullo e agosto. “Esta medida significa que, ademais dos 11 postos de traballo e o peche e externalización do servizo, tamén quedarán afectadas as preto de 200 persoas contratadas para as campañas”, alertou.
A Xunta tamén acordou eliminar os laboratorios de saúde pública de Pontevedra, Coruña e Ourense, que controlan os produtos que comemos e bebemos, e centralizar todo no único laboratorio de Lugo. Esta manobra deixa nunha situación de incerteza absoluta ás 20 persoas que traballan no centro herculino, que ademais é a referencia para toda a provincia. Así mesmo, a desaparición destas instalacións provocará o encarecemento do servizo “porque haberá que trasladar todas as probas a Lugo e posibelmente se aplicarán recargos e taxas para estas análises”.
Outros dos centros cuxa subsistencia preocupa á Federación da CIG é o histórico Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Un centro que nos últimos anos ten sufrido diversos ataques, pois non compre esquecer que no PXOM de Abegondo xa lle subtraeron preto de 30.000m2 para usos urbanos do concello e dende a chegada do PP á Xunta a dotación económica para os proxectos de investigación .
Desta volta o desmantelamento do centro vai pola vía de baleiralo de persoal. Se comparamos o anexo de persoal da Lei de Orzamentos de 2012 coa de 2013, compróbase que se produce un recorte do 36% nos postos de persoal investigador. No caso dos postos nos que se require o título de doutor a redución aínda é meirande, chegando até o 44%, pasando de 16 a 9 postos dotados orzamentariamente. Isto significa que se pasa de 22 a só 14 postos dotados. Do mesmo xeito, se o centro queda sen actividade tampouco terán bo futuro os traballadores/as eventuais contratados/as para asistencia dos proxectos.
A este respecto, subliñouse que o tipo de investigación que se realiza no CIAM non se vai abordar desde a esfera privada, porque non crea un espazo de negocio, xa que non xeran patentes farmacéuticas, por exemplo. Porén, si que persegue o interese xeral.
"Estanse vendendo os servizos públicos"
No referido á Educación, López Santamariña lembrou que xa hai tempo que a Xunta comezou a desmantelar os comedores dos colexios públicos coa amortización de prazas de persoal de cociña e a conseguinte externalización dos servizos mediante a contratación de cáterings. Agora, a Consellaría vén de pór enriba da mesa tamén a supresión de postos de carácter administrativo (persoal de apoio á dirección, subalternos e administrativos).
Neste senso, Eduardo Freire, da Sección Sindical da CIG, apuntou tamén á desaparición dos orientadores laborais das oficinas de emprego, e denunciou a hipocrisía do Goberno galego que anuncia a apertura das listas de contratación, ao mesmo tempo que amortiza postos de interinos e eventuais e asegura que non haberá contratacións. “Alguén se aproveitará disto”, matizou, mentres lembraba que para anotarse nas listas de substitucións da Xunta hai que pagar unha taxa.
Ante esta panorama desolador, a CIG esixe da Xunta que paralice de inmediato este desmantelamento das administracións e o emprego público, aplicado baixo a escusa dun aforro irreal. “A realidade é que se están vendendo os servizos públicos ao mellor ofertante e hai determinadas empresas -que todos/as coñecemos- que están levando unha boa tallada. Ao final o resultado é que se deterioran os servizos públicos, se encarece a súa prestación e se destrúen centos de postos de traballo”, alertou López Santamariña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario