A
saúde laboral e a seguridade no traballo é un tema de máxima
importancia e que debería ser tratado como tal por parte da
Administración pública como exemplo de cumprimento da lexislación
vixente que lle exixe cumprir ás empresas privadas. Pola contra,
polo que vimos observando asistimos a un caso de total deixadez e
despreocupación por parte do Concello de Betanzos en calquera tema
que teña que ver coa prevención de riscos laborais.
O
feito de que logo de case dous anos o Concello non fose quen de
constituír o Comité de Seguridade e Saúde e
de que isto obrigase aos delegados de prevención do persoal laboral
a denunciaren ao Concello ante a Inspección de Traballo que o Comité
que se debe reunir trimestralmente non se reuniu nos dous últimos
anos, e ata case comezamos a ter dúbidas de que algunha vez existise
no pasado desta Administración é unha boa mostra de que tristemente
este Concello non funciona correctamente e só o fai a golpe de
denuncia, demanda e sentenzas. É unha mágoa que ficasen no
esquecemento aquelas palabras do concelleiro de persoal nunha
entrevista do xornal da asociación de comerciantes nada máis tomar
posesión onde dicía que a grande diferenza con respecto á etapa
anterior sería que as portas estarían abertas ao persoal, non temos
a certeza do que aconteceu na etapa anterior porque a CIG non tiña
representación mais si que sabemos que na etapa actual o Concello
interactúa cos representantes do persoal laboral a marchas forzadas
e para nada facilita o seu traballo e un exemplo clarísimo é a
total falta de colaboración cos delegados de prevención na
facilitación de toda a información respectiva á saúde laboral e
na nula vontade, á vista dos feitos, de reunir o organismo encargado
de velar pola saúde laboral na Administración pública.
Queremos
denunciar publicamente que o persoal do Concello de Betanzos leva
catro anos agardando polas revisións médicas e temos respostas do
concelleiro de Persoal que levan adiando estas dende o ano pasado.
Ben sabemos que ao Concello non lle importa a saúde dos seus
traballadores, mais estas revisións son importantes dende o punto de
vista laboral e das enfermidades profesionais que padecen ou poden
padecer nun futuro compañeiros e compañeiras de distintos
colectivos especialmente suxeitos a riscos laborais. A maiores, outro
dos temas que nin sequera debería ser tema de preocupación por
parte dos delegados de prevención da CIG por se tratar algo do máis
básico é a actualización dos botiquíns nas distintas dependencias
que se lle reclamou ao Concello logo de observarmos nos botiquíns
elementos caducados hai abondos anos e contemplarmos abraiados como
persoal que por motivos laborais pode sufrir leves accidentes
laborais (cortes, queimaduras etc) non dispón do material máis
básico para facer as curas de primeiros auxilios.
Na
última reunión mantida co concelleiro de Persoal con respecto a
este tema indicámoslle a nosa preocupación con respecto a algunhas
situacións que considerabamos de risco laboral para certo persoal e
puxémoslle de manifesto que é hora de ter este tema en conta e non
agardar a que haxa un accidente laboral grave para que o Concello
corra a se gardar as costas, este tema é moi serio e consideramos
que debe ser tomado como tal.
Aí
van as mostras da inoperancia do Concello que demostran que os papeis
pouco valen se os feitos non se levan a cabo, porque por poñelo nun
papel non está feito o traballo nin nos damos por satisfeitos. Logo
de agardar a resposta da Inspección de Traballo nesta primeira
denuncia e en función dos pasos que dea o Concello os delegados da
CIG valorarán se recorrer a ela para continuar coas denuncias dos
incumprimentos Lei de prevención de riscos laborais e o incumprimento do principio de información, consulta e participación que o Concello ten cos delegados de prevención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario