09/04/13

A total falta de responsabilidade do Concello no tema da saúde laboral

A saúde laboral e a seguridade no traballo é un tema de máxima importancia e que debería ser tratado como tal por parte da Administración pública como exemplo de cumprimento da lexislación vixente que lle exixe cumprir ás empresas privadas. Pola contra, polo que vimos observando asistimos a un caso de total deixadez e despreocupación por parte do Concello de Betanzos en calquera tema que teña que ver coa prevención de riscos laborais.

O feito de que logo de case dous anos o  Concello non fose quen de constituír o Comité de Seguridade e Saúde e de que isto obrigase aos delegados de prevención do persoal laboral a denunciaren ao Concello ante a Inspección de Traballo que o Comité que se debe reunir trimestralmente non se reuniu nos dous últimos anos, e ata case comezamos a ter dúbidas de que algunha vez existise no pasado desta Administración é unha boa mostra de que tristemente este Concello non funciona correctamente e só o fai a golpe de denuncia, demanda e sentenzas. É unha mágoa que ficasen no esquecemento aquelas palabras do concelleiro de persoal nunha entrevista do xornal da asociación de comerciantes nada máis tomar posesión onde dicía que a grande diferenza con respecto á etapa anterior sería que as portas estarían abertas ao persoal, non temos a certeza do que aconteceu na etapa anterior porque a CIG non tiña representación mais si que sabemos que na etapa actual o Concello interactúa cos representantes do persoal laboral a marchas forzadas e para nada facilita o seu traballo e un exemplo clarísimo é a total falta de colaboración cos delegados de prevención na facilitación de toda a información respectiva á saúde laboral e na nula vontade, á vista dos feitos, de reunir o organismo encargado de velar pola saúde laboral na Administración pública.

Queremos denunciar publicamente que o persoal do Concello de Betanzos leva catro anos agardando polas revisións médicas e temos respostas do concelleiro de Persoal que levan adiando estas dende o ano pasado. Ben sabemos que ao Concello non lle importa a saúde dos seus traballadores, mais estas revisións son importantes dende o punto de vista laboral e das enfermidades profesionais que padecen ou poden padecer nun futuro compañeiros e compañeiras de distintos colectivos especialmente suxeitos a riscos laborais. A maiores, outro dos temas que nin sequera debería ser tema de preocupación por parte dos delegados de prevención da CIG por se tratar algo do máis básico é a actualización dos botiquíns nas distintas dependencias que se lle reclamou ao Concello logo de observarmos nos botiquíns elementos caducados hai abondos anos e contemplarmos abraiados como persoal que por motivos laborais pode sufrir leves accidentes laborais (cortes, queimaduras etc) non dispón do material máis básico para facer as curas de primeiros auxilios.

Na última reunión mantida co concelleiro de Persoal con respecto a este tema indicámoslle a nosa preocupación con respecto a algunhas situacións que considerabamos de risco laboral para certo persoal e puxémoslle de manifesto que é hora de ter este tema en conta e non agardar a que haxa un accidente laboral grave para que o Concello corra a se gardar as costas, este tema é moi serio e consideramos que debe ser tomado como tal.

Aí van as mostras da inoperancia do Concello que demostran que os papeis pouco valen se os feitos non se levan a cabo, porque por poñelo nun papel non está feito o traballo nin nos damos por satisfeitos. Logo de agardar a resposta da Inspección de Traballo nesta primeira denuncia e en función dos pasos que dea o Concello os delegados da CIG valorarán se recorrer a ela para continuar coas denuncias dos incumprimentos Lei de prevención de riscos laborais e o incumprimento do principio de información, consulta e participación que o Concello ten cos delegados de prevención.

Ningún comentario:

Publicar un comentario