30/09/15

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco considera que unha recaída é accidente laboral

SENTENZA

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) recoñeceu como accidente de traballo o período de baixa que o traballador dunha empresa subcontratada por Cegasa padeceu durante case dous anos. A mutua terase que facer cargo da súa prestación.


O traballador desempeñaba a súa tarefa na empresa Indesa, subcontratada por Cegasa, en Gasteiz, manipulando caixas cargadas de pilas, cos conseguintes sobreesforzos e posturas forzadas.

O empregado sufriu un primeiro período de baixa que foi recoñecido como accidente de traballo por Mutualia entre o 8 e o 26 de novembro de 2013, á que acudiu tras notar unha dor intensa na man, que foi diagnosticada como tenosinovite de man e boneca.

O 28 de xaneiro de 2014 o traballador, que non estaba recuperado, empezou un novo período de baixa esta vez en Osakidetza. A mutua non recoñeceu esa nova baixa como accidente de traballo alegando que non existía feito traumático en si. O Instituto Nacional da Seguridade Social tamén considerou que este novo período de baixa, era continxencia común tras as dúas reclamacións que presentou o traballador.

O TSJPV establece que é accidente de traballo por recaída ao concorrer os requisitos de non transcorrer seis meses dende o final do anterior proceso de baixa e tratarse de igual ou similar patoloxía. Por todo iso, Mutualia terá que facerse cargo do pago da prestación de baixa do traballador.



Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

O mes de agosto remata con 1.832 accidentes laborais en Galiza

SINISTRALIDADE

Dos 1.832 accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en agosto de 2015, 1.804 foron accidentes leves, 21 graves e 7 mortais. Isto supón un 10,49% máis do rexistrado no mesmo mes do ano anterior que se saldou cun total de 1.658 accidentes.


Os accidentes por sectores os accidentes aumentaron na agricultura nun 1,96%; nos servizos nun 6,27%; na construción nun 15,05%; e na industria nun 22,14%. Pola súa banda, os accidentes diminuíron na pesca nun 6,59%.

O índice de incidencia -que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas- do total dos accidentes en xornada laboral en Galiza aumentou un 9,02% en agosto deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Os aumentos segundo sectores foron: na agricultura do 3,31%; nos servizos do 4,67%; na construción do 13,07%; e na industria do 20,16. A incidencia na pesca diminuíu nun 5,06%.

A sinistralidade laboral aumentou un 10,22% nos oito primeiros meses do ano, cun total de 16.158 accidentes laborais fronte aos 14.660 no mesmo período do ano 2014.

O incremento foi do 3,58% na Coruña; do 5,23% en Lugo; do 9,73% en Ourense; e do 22,53% en Pontevedra.



Máis info en www.cigsaudelaboral.org

O Concello teima en converter en almacén municipal a entrada da Casa do Concello

Máis unha vez, e van varias nestes meses, o goberno municipal teima en converter a Casa Consistorial nun almacén, co risco que isto supón para os traballadores e traballadoras e a cidadanía que realiza as súas xestións no edificio.

A situación vense repetindo especialmente nos últimos meses ata o punto de que parece que o Concello ten interese de que as oficinas administrativas deixen de ser tal, se o que quere é pechar a Casa do Concello é responsabilidade súa mais o que é inconcebible é que utilice como almacén a entrada dunhas dependencias municipais nas que continuamente acoden persoas.

As queixas sucédense e a situación cada vez vai a peor pola desidia dun goberno ao que non lle importa nin o máis mínimo as condicións laborais do persoal. Tal é así que logo de falalo en varias ocasións e solicitalo por escrito o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, mentiulles unha vez máis aos representantes dos traballadores ao asegurar no pasado mes de agosto que en setembro se convocaría o Comité de Seguridade e Saúde, que xa leva perto dun ano sen se convocar e no que aínda mesmo non se informaron das medidas tomadas logo do expediente aberto pola Inspección de Traballo provincial no caso da Oficina de Turismo.

Desde a CIG lamentamos esta actitude do goberno municipal en todo o que ten que ver coa seguridade e saúde laboral do seu persoal e no caso de que proximamente no convoque o Comité de Seguridade e Saúde verémonos na obriga de acudir de novo ante a Inspección de Traballo, ao non nos deixar máis opcións que recorrer a administracións de fóra cando nesta ignoran aos representantes dos traballadores.

23/09/15

A Inspección de Traballo dálle a razón aos delegados de prevención da CIG unha vez máis

Logo de que os compañeiros delegados de prevención da CIG do anterior Comité de Empresa presentasen unha denuncia na Inspección de Traballo polas insalubre condicións da Oficina de Turismo, a Inspección de Traballo, logo da visita oportuna vén de remitir unha comunicación onde lle dá a razón aos delegados da CIG e lle require ao Concello unha morea de actuacións que debe acometer no local para este reúna as condicións de salubridade e seguridade aceptables.

Desde a CIG consideramos completamente lamentable que logo de anos alertando da situación houbese que acudir á Inspección de Traballo para que corrobore as nosas críticas ás condicións en que traballa o persoal adscrito ao servizo e que o Concello siga sen solucionar a situación e queremos que sexan de coñecemento público as deficiencias preventivas confirmadas no informe elaborado polo Servizo de Prevención de Riscos da Inspección de Traballo e os requerimentos que o organismo lle fixo á Administración local:

1. Efectuar as oportunas revisións e verificacións da instalación eléctrica.
2. Sinalizar oportunamente os cadros eléctricos.
3. Tapar oportunamente os cadros eléctricos para evitar contactos directos.
4. Elevar a caixa de conexións para evitar riscos durante as tarefas de limpeza.
5. Elaborar e implementar un plan de urxencia e evacuación do centro de traballo.
6. Revisar o extintor do centro.
7. Sinalizar os equipos de extinción e as vías e saídas de evacuación.
8. Mellorar as condicións de iluminación, especialmente no posto de PVD e no mostrador de atendemento ao público.
9. Manter as condicións termohigrométricas do centro de traballo, especialmente con relación á humidade deste.
10. Mellorar as condicións de orde e limpeza do centro de traballo, prestando especial atención a:
Eliminación do verdín das paredes.
Localización dos materiais en estanterías.
Localización dos produtos e útiles de limpeza nun armario específico e oportunamente sinalizado.
Dispoñer dun cartel de sinalización do solo húmedo.
11. Eliminar os reflexos do posto de PVD.
12. Facilitar repousapés para a realización de actividades nos postos de traballo con PVD.
13. Facilitar aos traballadores formación e información preventiva específica dos riscos do seu posto de traballo.

Aquí tendes a resposta da Inspección de Traballo ao completo:


Permisos por asuntos particulares por antigüidade e días de vacacións por antigüidade

Logo da aprobación do Decreto 10/2015 ao persoal da Admón estatal veñen de lle devolver unha serie de dereitos roubados logo da aprobación do Decreto 20/2012. Esta norma, publicada hai uns días abre a porta á negociación en cada Administración da devolución destes permisos mais con diferente casuística, no caso dos asuntos propios por antigüidade haberá que negociar a súa aplicación, no caso dos días de vacacións por antigüidade cada Administración poderá negociar non só a súa aplicación senón tamén os prazos para acadalos.

Ante este panorama a CIG solicitou que se convoque canto antes a Mesa Xeral de Negociación para negociar a aplicación no Concello de Betanzos a devolución dos días por asuntos propios e de vacacións por antigüidade contemplados nesta norma e recuperar estes dereitos que xa o Partido Popular nos roubou hai tres anos. Agardamos que nesa Mesa Xeral o Concello non poña problemas para a recuperación dos dereitos roubados polo goberno do Estado e que o mesmo goberno lles acaba de devolver aos traballadores da Administración estatal.

Con respecto a este tema e ante diversas preguntas que varios compañeiros e compañeiras nos teñen feito polas informacións inexactas que con respecto á aplicación desta norma están difundindo outros sindicatos reproducimos a seguinte nova dos compañeiros de CIG-Administración Autonómica que afonda e aclara o tema, coa salvedade de que aquí está pendente de negociar a aplicación do enriba mencionado:
 

Anda CSIF repartindo unha nota desinformativa que nos está xerando centos de chamadas e consultas para confirmar o que nela nos contan:

2. LOS EMPLEADOS PÚBLICOS RECUPERAN DESDE EL SÁBADO TODOS LOS MOSCOSOS, DÍAS LIBRES Y VACACIONES POR ANTIGÜEDAD

Despois de felicitar a Feijoo e anotarse o tanto das esmolas do Partido Popular e de Montoro grazas “as súas presións” (sic), din que os empregados/as públicos/as recuperaremos dende o sábado todos os moscosos, días libres e vacacións por antigüidade.

Pois ben, resulta que non. Que na Galiza non aplicaron os suficientes pascales de presión para que todo iso se faga efectivo ou que a “presión” que aplicaron foi sobre eles mesmos e agora están sometidos a un síndrome hiperbárico que lles produce alucinacións.

O texto do Real Decreto-lei 10/2015 é claro e no seu artigo 2.2 que engade unha disposición adicional décimo cuarta ao EBEP se establece que: “As Administracións Públicas poderán establecer ata dous días adicionais de permiso por asuntos particulares ao cumprir o sexto trienio, incrementándose como máximo nun día adicional por cada trienio cumprido a partires do oitavo”.

E no seu artigo 2.3 que engade unha disposición adicional décimo quinta ao EBEP se establece que: “As Administracións Públicas poderán establecer ata un máximo de catro días adicionais de vacacións en función do tempo de servizos prestados polos funcionarios públicos”.

E dicir que se establece de xeito potestativo para cada Administración a posibilidade de ampliar os días adicionais de asuntos persoais e os de vacacións.

E o caso é que a Xunta se negou na Mesa Xeral do día 15 de setembro á esixencia da CIG de non levantarse da mesa ata ter negociado a recuperación dos días adicionais, xa que na Administración do Estado entraron en vigor de xeito case inmediato.

Por tanto, dando resposta a todas as consultas que nos estades facendo, polo de agora os empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza só temos 7 días (6 + 1 por sábado festivo) de asuntos persoais (e así aparecen no PORTAX) e 22 días hábiles de vacacións ou parte proporcional segundo o tempo traballado.

Isto ata que se aproximen as eleccións do 20 de decembro e o Partido Popular volva a ceder ás “presións” de CSIF para darnos un regalo de Nadal.



22/09/15

Aprobada a devolución do sexto día de asuntos propios

Nos pasados días e tras a aprobación do Decreto 10/2015, que podedes consultar aquí, o goberno do estado antes a convocatoria das eleccións devolveu o sexto día de asuntos propios roubado no ano 2012. Con esta norma, o persoal ao servizo do Concello de Betanzos pasa a ter un total de sete días para o ano 2015, tendo en conta o día por compensación que se aprobou ao igual que para a Administración estatal.

Como é costume o Concello non adoita informar destas modificacións normativas ao persoal e a CIG solicitoulle que o comunique en todos os taboleiros e informe ao persoal debidamente, ademais de actualizar o desfasado modelo de solicitudes e permisos que contén información contraria á normativa vixente.

Cómpre sinalar que aplicación deste dereito é indiscutible e non fai falla, no caso da recuperación deste día, ningunha resolución da Alcaldía e como empregados públicos podémolo desfrutar desde o mesmo momento da súa aprobación.


Días de Asuntos Propios Ano 2015

A CIG insta ao Concello a que lle aboe a todo o persoal os 48 días da paga extraordinaria de 2012 neste ano 2015, tal e como indica o Decreto 10/2015

Solicitude de aplicación da Lei 36/2014 para o persoal laboral

Solicitude de constitución do Comité de Seguridade e Saúde

 A comezos do mes de setembro os delegados de prevención do Comité de Empresa solicitaron a constitución do Comité de Seguridade e Saúde que segue sen se convocar logo das eleccións sindicais e locais. Hai que lembrar que este organismo debe convocarse cada tres meses e o Concello leva sen convocalo desde o pasado 2014.

Desta volta, e segundo indicou o concelleiro de Persoal, convocaríase en setembro mais o mes está acabando e seguimos sen a convocatoria polo que de seguir así a situación verémonos na obriga de acudir, máis unha vez, á Inspección de Traballo, tal e como houbo que facer xa na anterior lexislatura para que se constituíse por primeira vez.

Solicitude Constitución Comité de Seguridade e Saúde

20/09/15

O Goberno quere mellorar os incentivos ás empresas con biaxa sinistralidade

Sinistralidade

O Goberno está a traballar no proxecto de real decreto para mellorar os incentivos que reciben as empresas que declaran baixos límites de sinistralidade laboral, tal e como se contempla na Lei de Mutuas. Con esta nova regulación preténdese simplificar o procedemento de solicitude para as empresas e axilizar o abono das primas que se estabelezan.
Como novidades, se contempla eximir á empresa de aportar a documentación que xa teña no seu poder a Administración, fixar prazos pechados para emitir a primeira resolución do expediente; o procedemento para ter acceso a estes incentivos terá en conta que a empresa teña uns índices de sinistralidade inferiores aos que se estabelezan anualmente; elimínanse a obriga de ter realizado inversións en instalacións e procesos en materia de prevención de riscos laborais; o modelo centrase na medición de resultados
O incentivo para o primeiro ano de observación de resultados será dun 5% do importe das cotas por continxencias profesionais e dun 10% nos seguintes períodos, no caso de que os perídos de observación nos que a empresa teña dereito a incentivo sexan consecutivos.
Poderán ser beneficiarias as empresas que coticen por continxencias profesionais, que no rebasaran os límites que anualmente se estabelezan respecto aos índices de sinistralidade xeral e sinistralidade extrema. Está previsto que os límites mencionados se adapten ás circunstancias propias de cada actividade.

A financiación dependerá do 5% do saldo do Fondo de continxencias profesionais.

A lexislación francesa non permite contestar correos electrónicos fora do horario laboral

Psicosocial

Un acordo entre os grandes sindicatos e dúas patronais do sector de asesoría técnica, inxeñería, servizos informáticos, recursos humanos e consultoría permitiu modificar a lexislación co fin de tentar poñer fin ás xornadas interminables dos traballadores/as deste sector. Así, segundo esta nova normativa, os traballadores/as non terán que respostar correos de traballo logo das seis da tarde, hora de remate da xornada laboral.
A chegada dos smartphones ao entorno laboral supuxo un cambio positivo en moitos aspectos, pero tamén permitiu que traballadores/as estén sempre "localizables" así como a "intromisión" da vida laboral na vida privada, algo que as autoridades francesas queren evitar con esta medida.
Así, a lexislación prohibe contestar cando o correo chega despois do fin da xornada laboral. Esta normativa tenta resolver un uso indebido das novas tecnoloxías co fin de asegurar os tempos de descanso mínimos que marca a lexislación francesa; os traballadores deberán apagar o móbil e o computador do traballo durante once horas e, polo tanto, terán o dereito de ignorar os correos electrónicos de traballo que se envíen fora da xornada laboral; as empresas terán a obriga de asegurar o cumprimento desta medida.

Computa como tempo de traballo o desprazamento dende o domicilio ata o traballo para os traballadores/as que carecen de posto fixo

Sentenza

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea, indica que o desprazamento que realiza un trababallador/a sen posto de traballo fixo entre o seu domicilio e o primeiro ou o último cliente se considera tempo de traballo. O Tribunal considera que "dado que os desprazamentos son consustanciais á condición deste tipo de traballador/a, o lugar de traballo destos traballadores/as non pode reducirse aos lugares de intervención física nos domicilios ou establecementos dos clientes do empresario/a".
Esta sentenza, consecuencia dunha consulta da Audiencia Nacional ao Tribunal europeo, está referida ao caso concreto de dúas empresas que se adican a instalación e mantemento de sistemas de seguridade en varias localidades do Estado español; mentras estas empresas tiveron sedes provinciais, o tempo de traballo contaba dende que os traballadores/as chegaban a inciar a xornada á sede ata que remataban tamén na sede.
Co peche das sedes físicas, variou o cómputo de horas de xornada; os traballadores/as teñen a súa disposición para realizar os desprazamentos entre o seu domicilio e os lugares de traballo, un vehículo de empresa; a empresa contabiliza como xornada de traballo aquela que vai dende a hora de chegada do traballador/a ao domicilio do primeiro cliente ata que o traballador/a sae do domicilio do último cliente do día.

A CIG do Concello de Betanzos denuncia que o goberno local avanza na privatización do servizo de limpeza municipal

A pesar da moción aprobada no pleno contra a externalización do servizo e o despedimento de dúas traballadoras

No pleno do pasado mes de xullo, o Comité de Empresa do Concello de Betanzos manifestouse contra a privatización do servizo de limpeza municipal e a inminente contratación dunha empresa privada para a limpeza de edificios e o despedimento de dúas compañeiras do servizo no aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín. Un mes e medio despois, denuncia a Sección Sindical da CIG, “o goberno decide privatizar a limpeza do centro e incumprir abertamente o acordo plenario nos tres primeiros meses de goberno”.
Cómpre lembrar que en xullo, e logo de se pór o Comité en contacto con todos os partidos políticos e manifestarlles a súa preocupación pola externalización do servizo, o Pleno da Corporación aprobou unha moción por unanimidade que indicaba que se cubrirían as baixas con empregados/as públicos/as e que os servizos de limpeza non se prvatizarían.
Desde a Sección sindical da CIG queremos denunciar que o feito de que non se faga uso da listaxe de substitución en limpeza e contratar a varias traballadoras dunha empresa privada  pode interpretarse como un acto de represalia contra as compañeiras despedidas do aulario que, por orde, terían preferencia e lles correspondería esas contratación”, apuntan.
Así, critican que o Goberno local en xuño despediu a dúas traballadoras municipais e agora en setembro “pretende suplir os seus postos no aulario con traballadores/as dunha empresa privada de limpeza que descoñecemos, logo de que tamén nos meses de verán cubrise o traballo das e dos empregados públicos de limpeza de edificios con persoal de empresas privadas de costas ao Comité de Empresa e aos partidos da oposición.
 
Desde a Sección Sindical da CIG rexeitan completamente a actitude do Goberno municipal e  consideran que “é un absoluto escándalo” que se pretenda privatizar a limpeza do colexio “con tal de non tirar das listaxes de substitucións actuais para non verse na obriga de contratar ás compañeiras que demandaron o goberno por despedimento improcedente”.
Sobre isto, alertan que a situación do servizo de limpeza municipal complicarase con esta privatización, posto que ao haber persoal dependente de empresas privadas traballando a carón de empregadas e empregados públicos desempeñando as mesmas funcións e recibindo ordes do encargado municipal “poderiamos estar ante un suposto de cesión ilegal de traballadores/as que podería ter como consecuencia a obrigatoriedade do Concello de contratar a ese persoal”.



A Área Pública da CIG reitera as súas demandas ante o enésimo anuncio propagandístico de devolución das extras suprimidas

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto de medidas en materia de emprego público, sen previa convocatoria da Mesa de Negociacións

A Área Pública da CIG (CIG-Adminsitración, CIG-Ensino, CIG-Saúde), diante do anuncio propagandístico do Consello de Ministros de que se devolverán ás empregadas e empregados públicos as pagas extra suprimidas, denuncia que se trata dunha operación estética e electoralista, que se ningunearon os órganos de representación e reitera todas as súas demandas.
A Área Pública da CIG lembra que o Ministro de Facenda e Administracións Públicas xa se comprometera ante a mesa Xeral das administracións públicas do pasado 30 de xullo a abrir un proceso de negociación en dito ámbito. Porén asegura que, a día de hoxe, cun Real Decreto Lei anunciado este venres e o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 en trámite, non houbo nin unha soa convocatoria a Mesa de Negociación.

Por iso considera que é “un insulto aos órganos de representación que hoxe se aprobe esta modificación das condicións de traballo sen convocar á mesa xeral de empregadas/os públicos/as”. Entende ademais que é “insultante que a CSIF queira utilizar as/os traballadoras/es públicos como vasalos do Partido Popular” e que se presente como “portavoz da organización política que nos suprimiu os nosos dereitos adiantando as medidas que adoptará o goberno”.
A Área Pública da CIG lembra ademais que xa na primeira semana de agosto o propio Feijóo anunciou tras da celebración do Consello da Xunta que o 25% da paga extra do ano 2012 será reintegrada aos traballadores/as da Xunta de Galiza en este ano 2015. “Non sabemos nada efectivo sobre iso, repiten este anuncio unha e outra vez como pura propaganda e agora o reiteran porque estamos ás portas dun novo proceso electoral”.
CIG-Área Pública queda á espera de poder coñecer o contido completo do Decreto  e ver o alcance que terá para o conxunto das administracións públicas aquí en Galiza. En todo caso denuncia “a discriminación que supón entre distintas administración, xa que ese decreto é de aplicación directa para o persoal da Administración Xeral do Estado” e subliña que “cando son recortes ou anulación de dereitos os decretos leis son de obrigado cumprimento para o persoal de todas as administracións pero cando son reposicións  levan coletillas de que quedan á consideración das posibilidades de cada administración”.
En todo caso, para a CIG é insuficiente que se limiten unicamente a devolver as pagas extra subtraídas. Xunto a isto exixe que se recuperen todos os dereitos que foron suprimidos a través dos sucesivos decretos e leis que supuxeron un retroceso gravísimo nas condicións laborais, salariais e sociais de todas as empregadas e empregados públicos.


Delegados/as da CIG na Coruña mobilízanse en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega

"Reivindicar unha tarifa propia é unha demanda de sentido común", aseverou o Secretario Comarcal
A Unión Comarcal da CIG da Coruña realizou este xoves unha concentración diante da Delegación do Goberno en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega. A protesta enmárcase na campaña de recollida de apoios á Iniciativa Lexislativa Popular que impulsa a central sindical de “Medidas para garantir a enerxía como un servizo público e contra a pobreza enerxética”.

O Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, explicaba ás portas da Delegación que a reivindicación dunha tarifa propia parte da consideración de que “somos un país produtor, excedentario e exportador de enerxía. Pero á hora de estabelecer o prezo da electricidade non se ten en conta esta singulariedade, posto que existe un marco tarifario único para todo o estado”. "Reivindicar unha tarifa propia é unha demanda de sentido común", afirmou.

O marco regulatorio e tarifario único e as decisións adoptadas polas empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio a través do seus centros de decisión afastados de Galiza, provocan que nunca recibiramos vantaxes na nosa condicións de país produtor. Iso sen perder de vista que o prezo da electricidade no Estado español é o 3º máis caro de Europa para o consumo doméstico e o 8º para o uso industrial.

Neste senso, Filgueira lembrou que a tarifa que pagamos está configurada nun 45% polo custe da enerxía, mentres que o resto corresponde a peaxes políticas (nas que intervén o goberno) que inclúen conceptos como o custe de transporte, as primas ás renovábeis, as axudas ao carbón español, a moratoria nuclear ou os custes da extrapeninsulariedade. Custes que ascenden a miles de millóns anuais e que os galegos e as galegas tamén abonamos aínda sendo produtores e exportadores.

É dicir, somos solidarios con outros territorios e industrias, pero non hai unha soa peaxe política que implique solidariedade con quen produce, a pesares de termos que sufrir os custes sociais e medioambientais da especialización neste sector á que se nos forzou dende o Estado”, aseverou.
Isto é un factor fundamental, engadiu Filgueira, polo que a CIG entende que temos dereito a unha bonificación nas peaxes de acceso que permita unha rebaixa no prezo da enerxía, tanto para o consumo doméstico como para o industrial. A central sindical calcula esta rebaixa nun 30% nas peaxes.

Garantía de servizo público

Doutra banda, o sistema de poxa para a subministración –que determina o prezo das enerxías- provoca que permanentemente haxa enerxías hiper-retribuídas e polo tanto, empresas privadas obtendo beneficios millonarios a conta dun sector estratéxico para Galiza e que debería ter un marcado carácter público e galego.

Neste senso, a ILP promove a participación da Xunta de Galiza, directamente ou a través de empresas mixtas, no aproveitamento público de todos os recursos enerxéticos, así como de todas as instalacións de produción, distribución e transporte existentes no noso país.

É fundamental que poidamos deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza e para garantir o dereito universal de toda a poboación ao consumo enerxético. Non cómpre esquecer que hai máis de 100.000 fogares galegos que padecen pobreza enerxética, que teñen dificultades para pagar o recibo a final de mes e que non poden garantir unhas condicións mínimas de habitabilidade, sobre todo en épocas de inverno.

Tarifa industrial estábel

O Secretario Comarcal da CIG da Coruña puntualizou que no texto da proposta lexislativa tamén se recolle o estabelecemento dunha tarifa industrial estábel para as empresas con grandes consumos capaces de desconectarse, que substitúa ao actual sistema de poxa da interrumpibilidade.

Unha tarifa estábel, coñecida e predicíbel, ao mesmo xeito que funciona no mercado internacional ou como xa está estabelecida en Francia, Alemaña ou Canadá. “Este sistema evitaría definitivamente a inseguridade que xera a poxa anual en industrias con grandes consumos como Alcoa”, matizou. 

A ILP promovida pola CIG tamén recolle medidas sobre diversificación das fontes de enerxía e o desenvolvemento das renovábeis, ou a aprobación dun plan de medidas para o fomento do aforro e a eficiencia no consumo enerxético.

Asemblea informativa para os delegados e delegadas

Previamente á concentración, as delegadas e os delegados da CIG da Coruña asistiron a unha asemblea na que Fernando Branco se encargou de debullar polo miúdo o funcionamento do sistema eléctrico español, como se estabelece o prezo da enerxía no mercado e como se constrúe a factura que pagamos as e os consumidores.


Real Decreto-lei 10/2015

09/09/15

A CIG DENUNCIA QUE O GOBERNO LOCAL PRIVATIZA O SERVIZO DE LIMPEZA MUNICIPAL NOS TRES PRIMEIROS MESES DE GOBERNO


No pleno do pasado mes de xullo o Comité de Empresa manifestouse contra a privatización do servizo de limpeza municipal e ante a inminente contratación dunha empresa privada para a limpeza de edificios e o despedimento de dúas compañeiras de limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín. Daquela, e logo de se pór o Comité en contacto con todos os partidos políticos e manifestarlles a súa preocupación pola externalización do servizo municipal de limpeza o Pleno da corporación aprobou unha moción por unanimidade que indicaba que se cubrirían as baixas con empregados públicos e que os servizos de limpeza non se prvatizarían. Un mes e medio despois, o goberno decide privatizar a limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín e incumprir abertamente o acordo plenario nos tres primeiros meses de goberno.

Desde a Sección sindical da CIG queremos denunciar que o feito de que non se faga uso da lista listaxe de substitución en limpeza e contratar varias traballadoras dunha empresa privada pode interpretarse como un acto de represalia contra as compañeiras despedidas do aulario que, por orde, terían preferencia e lles corresponderían esas contratación. Así, o goberno en xuño despediu a dúas traballadoras municipais e agora en setembro pretende suplir os seus postos no aulario con traballadores dunha empresa privada de limpeza que descoñecemos, logo de que tamén nos meses de verán cubrise o traballo dos empregados públicos de limpeza de edificios con persoal de empresas privadas de costas ao Comité de Empresa e aos partidos da oposición.

Desde a Sección sindical da CIG estamos completamente en contra da actitude do goberno municipal e consideramos que é un absoluto escándalo que se pretenda privatizar a limpeza do colexio con tal de non tirar das listaxes de substitucións actuais de limpeza para non verse na obriga de contratar ás compañeiras que demandaron ao goberno por despedimento improcedente. A situación do servizo de limpeza municipal complicarase con esta privatización, posto que ao haber persoal dependente de empresas privadas traballando a carón de empregados públicos desempeñando as mesmas funcións e recebindo ordes do encargado municipal poderiamos estar ante un suposto de cesión ilegal de traballadores que podería ter como consecuencia a obrigatoriedade do Concello de contratar a ese persoal.


08/09/15

O Concello incumpre a cara descuberta a moción aprobada por unanimidade contra a privatización do servizo de limpeza e busca estratexias para evitar contratar a través das listaxes de substitución de limpeza actuais

Pouco máis dun mes despois de que todos os partidos estivesen de acordo en que a limpeza de edificios non se privatizaría e as baixas serían cubertas o goberno municipal dá máis unha mostra do seu autoritarismo ao ignorar as decisións tomadas polo Pleno da corporación e continuar limpando as dependencias municipais unha traballadora dunha empresa privada cun contrato a dedo, porque descoñecemos tal contratación pública. Segundo o propio goberno, a intención, era que só estivese en agosto, mais sospeitosamente o contrato prolongouse e seguen en setembro incumprindo o acordo plenario e demostrándolle aos partidos da oposición o seu total desprezo polas decisións tomadas democraticamente.

A maiores o goberno municipal, segundo indicou á presidenta do Comité o propio concelleiro de Persoal, ten pensado contratar agora a dúas traballadoras e pseudoprivatizar temporalmente a limpeza dos colexios porque agora seica o secretario municipal informa que as listaxes vixentes de substitución en limpeza xa non valen, mentres que as de auxiliar de axuda a domicilio si que se seguen usando, seguen o mesmo patrón e son dun tempo, o conto de sempre, si ou non dependendo de factores máis ben pouco obxectivos.

TEN O SECRETARIO MUNICIPAL ALGÚN INTERESE NA PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA?

Descoñecémolo, mais ultimamente vimos observamos como os informes bailan dun xeito impresionante e tentan dificultar a contratación de traballadores públicos, ata o punto de que en 2014 as listaxes de substitución serviron non só para cubrir baixas senón que tamén para facer novos contratos, como os de limpeza do aulario, pola contra, agora, no 2015 seica están obsoletas segundo informa este funcionario e non se pode tirar delas, é curioso que só hai dous meses si que se tirase das de auxiliares para cubrir vacacións, que as bases de auxiliares e limpeza sexan dun tempo e similares E MÁIS QUE SOSPEITOSO QUE XUSTO AGORA QUE TERÍAN QUE CHAMAR SEGUNDO AS LISTAXES ÁS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS DO AULARIO, TAL E COMO LLES CORRESPONDERÍA, ESAS LISTAXES NON SERVEN E HAI QUE FACER UNHAS NOVAS!

CASUALIDADES DA VIDA, SE O CONCELLO USA AS LISTAXES VIXENTES TEN QUE CONTRATAR ÁS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS E DEMOSTRARÍA ANTES DO XUÍZO MESMO A IMPROCEDENCIA DOS DESPEDIMENTO, ENTENDEMOS QUE POR ISO É POSIBLE QUE O SECRETARIO MUNICIPAL DEA AGORA UNHA VOLTA DE TORCA A TODO E DIGA QUE HAI QUE FACER UNHAS NOVAS LISTAXES PARA NEGALLE O DEREITO AOS SEUS CONTRATOS ÁS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS E PENDENTES DE XUÍZO.

Benvidos e benvidas ao circo do Concello de Betanzos, onde nada é o que parece e todo está máis premeditado do que semella sempre para ir na contra dos traballadores e ignorar ao Comité de Empresa e aos partidos da oposición.

Para a semana daranlle ao Comité de Empresa os informes mais para nós son irrelevantes porque, en primeiro lugar, o goberno municipal ten sobradamente demostrado que lles fai caso cando quere, en segundo lugar, xa son demasiadas as veces que o xulgado nos deu a razón nos últimos cinco anos e que demostran que os informes estaban equivocados e, en terceiro lugar, porque por moito que se repitan as mentiras nunca van ser verdade, e haberá quen as crea, mais nós xa hai tempo que non.

Seica mañá o goberno convocará aos partidos da oposición para poñelos ao tanto destas novidades e supoñemos que tentará convencelos con palabras bonitas de que nada se pode facer polo que din os informes, e que a palabra do secretario é palabra de Deus, aínda que hoxe diga si e mañá non, ou branco / negro e logo gris, mais agardamos, tamén, que ao igual que non enganan ao Comité de Empresa, e efectivamente, aos poucos, están privatizando a limpeza e indo contra o acordo plenario, sexan conscientes de que o único que existen son escusas que están levando a que o goberno socialista sexa o primeiro na historia do Concello de Empresa en dar pasos axigantados na privatización da limpeza municipal e a externalización dos servizos públicos.

O GOBERNO MUNICIPAL CO CONSENTIMENTO DO SECRETARIO CALOU DURANTE CINCO ANOS QUE AS LISTAXES DERIVADAS DAS BASES DE SUBSTITUCIÓN PRESCRIBIRON NO 2010 (NAS PROPIAS BASES INDICA QUE PRESCRIBÍAN AOS DOUS ANOS DA SÚA APROBACIÓN) E AGORA INFORMA QUE AS DE LIMPEZA NON SERVEN E HAI QUE FACER UNHAS NOVAS MENTRES AS DE AXUDA A DOMICILIO SI E INFORMA POSITIVAMENTE A FACER USO DELAS, CANDO FORON APROBADAS Á VEZ E SAÍRON PUBLICADAS NO BOP DO 8 DE MARZO DE 2008 QUE PODEDES VER AQUÍ. SERÁ QUE NON INTERESA TIRAR DAS DE LIMPEZA PORQUE TERÍAN QUE CONTRATAR ÁS COMPAÑEIRAS QUE DENUNCIARON? NO CASO DE SER ASÍ ESTARIAMOS ANTE UN CASO DE REPRESALIAS ANTE COMPAÑEIRAS QUE UNICAMENTE DEFENDEN OS SEUS DEREITOS NO XULGADO.

Seguindo co circo en 2013 o pleno aprobou unhas novas bases que só utilizou para os contratos de subvencións, aínda que no propio título indicaba que eran para substitucións, tal e como podedes ver no Boletín do 15 de outubro de 2013, e seguíronse cubrindo as baixas coas listas prescritas que derivaron das bases de 2008 e aquí ningún secretario informou de nada nin o goberno municipal se preocupou, claro que daquela non había compañeiras que denunciaran os seus despedimentos e solicitaran a improcedencia, a situación está clara porque neste ano 2015 cambiou para que de súpeto se informe que non se poden usar unhas listaxes porque están obsoletas a data de setembro de 2015, cando hai cinco anos que prescribiron e nin o secretario nin o goberno municipal dixeron absolutamente nada.

Desde a Sección sindical da CIG valoramos moi negativamente a actitude do goberno municipal que como xa dixemos, leva demasiado tempo adiando a toma de decisións para a solución dos problemas e a falta de efectivos no servizo de limpeza que se agravou notablemente no último ano e seguen sen convencernos as escusas por variables, cambiantes e pouco reais. A maiores consideramos que é un absoluto escándalo que se pretenda privatizar a limpeza do colexio por moito que sexa temporalmente con tal de non tirar das listaxes de substitucións que se viñan utilizando e parece que tendo en conta unicamente ás persoas que lles tocaban as contratacións, mentres que noutros servizos si que se utilizan unhas bases que se entenden como vixentes porque as persoas a que contratan "non molestan". Tamén resulta vergoñento que o Concello ignore bases e regulamentos e non sexa quen de ter xa a estas alturas unha nova regulación das susbtitucións cando si que tivo, por exemplo, tempo para contratar persoal para postos de servizos non considerados como básicos, como é o caso do patrón da lancha. Entendemos que é hora de que o goberno municipal reconsidere o rumbo da área de Persoal e comece a xestionala de xeito efectivo e áxil para que non se chegue a este tipo de situacións, así como pida as responsabilidades a quen corresponda  e tome cartas no asunto de cara a solucionalas.

NON Á PRIVATIZACIÓN
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS!!!