27/12/17

Campaña do ISSGA de mellora da calidade da información dos partes de accidentes de traballo

O obxectivo da campaña é incrementar o máis posible a mellora da información que debe figurar nos distintos campos do parte de accidente de traballo, para conseguir que sexa real, veraz e o máis comprensible posible.

 campaña consiste en poñer en común o coñecemento da problemática dos partes de accidente por parte dos graduados sociais e por parte do ISSGA, na busca de mellorar os puntos críticos.
Para isto, traballaron conxuntamente na elaboración dun tríptico e dun cartel, nos que se recollen os puntos de especial interese para a mellora da calidade da información dos partes de accidente de traballo.

A tramitación dos partes de accidentes de traballo realízase polo ISSGA: recepción do parte, verificación da súa exactitude, requirimento de emenda e de ser o caso rexeite.


Os apartados con maior inexactitudes, con máis erros ou con maior incoherencia con outros, son os que figuran no tríptico e no cartel: lugar do accidente, tipo de accidente (“en misión” e “in itinere”), peculiaridades se é un accidente no estranxeiro ou a bordo dun buque no mar, etc. Tamén son importantes a coincidencia de horas e datos coa demais documentación que se xere ademais do parte, que sexa entendible a descrición do accidente e coherente cos danos e lesións producidas e os axentes causantes, así como a identificación do axente material.

Issga17 PartesTrabajoV11 GAL by cigconcellobetanzos on Scribd

Issga17 PartesTrabCartelV4 GAL by cigconcellobetanzos on Scribd

Saúde laboral e xénero. Apuntamentos para a incorporación da perspectiva de xénero no ámbito da prevención de riscos laborais

No seu resumo o estudo indica que "no ámbito nacional e internacional existe un amplo marco normativo e programático que vincula as accións de entidades públicas e privadas coa igualdade de oportunidades para mulleres e homes; con todo, as condicións en que se desenvolven unhas e outros seguen sendo extremadamente diferentes e desiguais. No contexto da saúde laboral, como noutros, engádese a isto a incapacidade das institucións para coñecer a situación real das e os traballadores e por tanto, a imposibilidade de emprender accións que promovan axeitadamente a saúde de homes e mulleres en devandito medio. A incorporación da perspectiva de xénero no actuar dos servizos de prevención contribúe a detectar e corrixir os rumbos de xénero nas actividades preventivas e de vixilancia da saúde."

Este traballo consta duns apuntamentos de situación, unha parte de contextualización na que se repasa o mercado laboral, os danos á saúde, os riscos, os estereotipos e o marco normativo. Continúa cun apartado sobre a necesidade de introducir unha perspectiva de xénero para rematar con propostas de accións específicas por liñas de traballo, un espazo adicado ás conclusións e outro á bibliografía.


Dentro do texto atopamos por exemplo esta reflexión. “O exercicio dunha prevención sen perspectiva de xénero pode constituír, en si mesmo, un risco … Así, determinadas medidas tradicionais “de protección ás mulleres”, o que conseguiron é excluír ás mulleres de certas actividades e desprotexer aos homes, a quen, polo feito de non xestar, expúxoselles a produtos nocivos en lugar de evitar o seu uso ou minimizar os seus niveis.”

Guía técnica de aplicación do regulamento de instalacións de protección contra incendios

O Ministerio de Economía, Industria, e Competitividade ven de publicar, a Guía Técnica de Aplicación do Regulamento de instalacións de protección contra incendios, RIPCI, R. D. 513/2017 de 22 de maio (publicado no BOE nº 139 de 12 de xuño), de carácter non vinculante, con intención de facilitar a aplicación do RIPCI. A Guía conta con recadros sombreados explicativos sobre o apartado do texto regulamentario ao que se refiren.

A guía técnica será actualizada períodicamente pola Dirección Xeral de Industria. Para visualizar a última versión será preciso acceder a través da páxina web do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, no apartado de “Industria > Calidade e Seguridade Industrial > Instalacións Industriais > Instalacións de protección contra incendios.


Descarga o documento aquí.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

Dos 496 falecidos/as en accidente de traballo en 2016, 461 eran homes e 35 mulleres

Son datos publicados en outubro no Informe anual de accidentes de traballo no Estado español en 2016, elaborado polo Departamento de Investigación e Información do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, INSSBT. A explicación a estas cifras hai que buscala nos división existente no mercado laboral entre os postos de traballo que polo xeral adoitan a ocupar homes e mulleres.

Segundo o informe, contabilizáronse 566.235 accidentes de traballo con baixa. O 86,4% tivo lugar durante a xornada laboral (489.065 accidentes de traballo con baixa en xornada de traballo); o 13,6% restante no traxecto do domicilio ao centro de traballo ou viceversa (77.170 accidentes de traballo con baixa  in  itínere). Por sectores, o de maior índice de incidencia foi Construción cun valor de 7.217,2, que supera en máis do dobre a media dos índices sectoriais. O segundo posto está ocupado polo sector da Industria, con 5.290,8, seguido do sector Agrario, con 5.143,4, (ambos datos superiores á media). En todos estos sectores as taxas de emprego masculino son moi superiores ás de emprego feminino.


Sen embargo nas Actividades financeiras e de Seguros, na Educación e nas Actividades sanitarias e Servizos Sociais, o índice de incidencia das traballadoras foi superior ao dos traballadores.  

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

O custo do cancro ocupacional na EU-28

Os datos recollense nun estudo presentado no mes de novembro na conferencia "Traballo y cancro", e teñen en conta os custos directos dos sistemas sanitarios dos Estados membros (relacionados co tratamento médico), custos indirectos para os traballadores e os empresarios (asociados a perdas monetarias por cesación do traballo) e os custos humanos para as vítimas (impacto na calidade de vida dos traballadores e as súas familias). Os custos cífranse entre entre 270.000 e 610.000 millóns de euros, o que representa do 1,8% ao 4,1% do producto interio bruto da Unión Europea.


"Con máis de 100 000 mortes por ano, os cancros ocupacionais son a principal causa de morte na UE. Este estudo amosa que o custo social dos cancros relacionados co traballo é tremendo. Son os traballadores e as súas familias quen soporta a maior parte dos custos. Esta situación inxusta é social e economicamente inaceptable, e a UE debe tomar medidas para poñer fin a estes cancros prevenibles ", comenta un experto en riscos químicos do Instituto Sindical Europeo (ETUI). O informe foi realizado (a instancias da ETUI) por consultores especializados na avaliación de riscos químicos que examinaron a exposición dos traballadores/as a 25 axentes carcinoxénicos e diveras situacións de traballo (por exemplo, amianto, benceno, sílice, traballo nocturno ou traballo por quendas, emisións de motores diesel).

Ligazón ao estudo O custo docancro ocupacional na EU-28 (en inglés).

Calendario laboral 2018


17/12/17

Comeza a negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo cuns novos criterios e que obvia a realidadede parte do persoal laboral existente no Concello de Betanzos

O xoves 14 tivo lugar a primeira reunión de negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo cunha proposta que amortiza, crea, reconverte e mantén diversos postos de traballo.

Polo momento, e tendo en conta a orde do día da reunión do pasado xoves chegouse a un único acordo que foi manter os postos actuais de funcionarios como tal e crear os postos de todo o persoal laboral (os xa existentes na RPT, os que teñen sentenza de indefinición e os que están en fraude sen sentenza) como de persoal laboral fixo para un futuro proceso consolidación. Da reunión tamén saiu un compromiso de adscrición provisional dos postos de persoal laboral cunha sentenza de indefinición e fica pendente unha consulta da posibilidade de adscrición provisional do persoal con contratos de interinidade.

Por outro lado, iniciouse a negociación (aínda que pouca houbo) sobre as titulacións e grupos dos distintos postos de traballo que finalizará o vindeiro xoves. A premisa inicial desta Relación de Postos de Traballo é que non ten en conta a situación inicial contractual do persoal laboral nin a actual Relación de Postos de Traballo e o resultado final é un documento que a empresa propón como ideal mais cuxas modificacións lle afectarán principalmente ao persoal laboral, único colectivo que non ten consolidados os dereitos por ser temporal. Na práctica a defensa do Concello da baixada de grupos para un posto dun funcionario, múltiples postos de persoal laboral e a subida para outros postos de persoal laboral, suporá que no momento da consolidación os traballadores laborais (que nalgún caso levan trinta anos cun contrato por obra ou servizo) terán que acceder a unha consolidación do posto para un de inferior grupo e nivel ou nalgún outro caso de superior grupo e nivel.

A CIG manifestoulle o seu acordo coa adecuación dos titulados de FP ao recollido no EBEP e que supón a suba de grupo para 12 prazas do persoal laboral, mais o seu desacordo coa baixada de grupo de 29 prazas, ben pola exixencia dunha titulación diferente á que se lle requiriu ao persoal que actualmente ocupa o posto, ben pola baixada xeneralizada de todo o persoal laboral que está no grupo 1 a grupo 2 ou de todos os postos de oficios a grupo V. A casuística é moi diversa, posto que no medio deste proceso confluíron problemas derivados dunha mala xestión dos contratos no departamento de Persoal que historicamente realizou a adscrición a determinados grupos a persoal sen a titulación requirida, mais o que está claro é que o goberno municipal quere facer "borrón e conta nova" e non ter en conta a situación de parte do persoal laboral deste Concello que traballa nel desde hai décadas baixo  a premisa de que o persoal laboral temporal non ten ningún dereito sobre os postos existentes e poden crear uns novos segundo os criterios que eles consideren. O Concello mantén un criterio de asignación dos postos que defende e ignora que a aplicación dese criterio pode ter consecuencias negativas para algúns dos traballadores laborais que actualmente ocupan eses postos.

Na próxima reunión finalizarase co encadramento dos postos nos diferentes grupos e continuarase coa negociación do complemento de destino, que na proposta entregada polo Concello mantén a diferenciación de niveis entre o persoal laboral e o persoal funcionario sen ningún criterio obxectivo. Na memoria fala dun criterio para a asignación do nivel que na práctica só lle aplica aos postos encadrados como de funcionarios/as.

O goberno incumpre o compromiso de levar ao pleno de decembro a modificación do convenio acordada na Comisión de Seguimento do pasado mes de xullo

Logo de múltiples reunións e escritos o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, comprometérase a que no pleno deste mes de decembro o goberno municipal levaría para aprobación o que entenden que é unha modificación do convenio colectivo, que en realidade é unha interpretación dos criterios de absorción do complemento persoal transitorio que se acordaron na Comisión paritaria do convenio colectivo do pasado 18 de xullo de 2017. Non obstante, e logo de ver a orde do día do pleno de decembro puidemos comprobar que unha vez máis o goberno municipal incumpre o acordado.

Este incumprimento é especialmente grave se temos en conta que o compromiso do goberno cos traballadores é que estes criterios de absorción de apliquen desde a aplicación do convenio e suporía a devolución de determinadas contías aos traballadores e traballadoras afectadas que de se realizar o vindeiro ano poderían dar lugar á necesidade de realizar declaracións da renda complementarias, cos inconvenientes que isto supón, tal e como xa lle advertimos ao Concello en varias ocasións.

É inaceptable que o Concello tarde cinco meses en cumprir os acordos que se toman na Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio colectivo que tal e como indica o propio convenio son de obrigado e inmediato cumprimento. O certo é que parece unha das tomaduras de pelo ás que o goberno nos ten acostumados, e que coidabamos que formaban parte do pasado, mais á vista deste incumprimento, a non convocatoria de axudas sociais e a non negociación do novo regulamento, hai costumes que parece que non se esquecen.

Agardamos que o goberno resolva esta cuestión canto antes e reiterámoslle a necesidade de solventalo de cara a lle ocasionar as menos complicacións posibles aos traballadores e traballadoras afectadas.

Podedes consultar algunhas novas relacionadas con este tema aquí:

O Comité de Empresa reitéralle ao Concello a solicitude de cumprimento dos acordos adoptados da Comisión Paritaria Mixta de Seguimento do Convenio Colectivo do persoal laboral do pasado 18 de xullo

Solicitada unha reunión co concelleiro de Persoal


13/12/17

Mesa Xeral de Negociación

Mañá, 14 de decembro de 2017 comeza a negociación da nova Relación de Postos de Traballo nunha reunión na que os sindicatos (CIG, CSIF, UGT e CCOO) contan co 50% do voto e o goberno municipal co outro 50%. Tamén estará presente a empresa contratada polo Concello para a elaboración da RPT, entendemos, segundo o falado na reunión da pasada semana, que con voz mais sen voto.

A CIG ten xa unha postura definida con respecto aos aspectos que se tratarán na reunión de mañá, non obstante, cómpre lembrar que cada sindicato terá unha porcentaxe de voto en función da representatividade acadada nas eleccións sindicais. Se ben é certo que ata a chegada da CIG a este Concello non existían nin sequera as Mesas Xerais de Negociación como tal, ou polo menos o Concello nunha achegou unha acta da súa constitución delas previa a termos representación, no momento actual hai que ter en conta que os sindicatos que levaban anos participando do xogo das negociacións individuais, por traballadores, nos despachos e a porta pechada tamén forman parte desta negociación que agora será a porta aberta mais que podería dar lugar igualmente a unha Relación de Postos de Traballo con diversas eivas e discriminacións, tendo en conta que a propia proposta do goberno municipal xa é discriminatoria para o persoal laboral nalgúns aspectos e que o apoio a algunhas das propostas do goberno por parte dalgún sindicato podería dar lugar á pervivencia de diferenzas entre laborais e funcionarios.

Na sesión de mañá trataranse, en concreto, os seguintes aspectos:

Sesión 2. Relación laboral e estrutura retributiva básica

1.    Relación laboral dos Postos de Traballo

Neste apartado débese discutir os postos que deben ser funcionarios e cales deben ser persoal  laboral. 

2.    Retribucións básicas e complemento de destino

O  obxectivo  é  determinar  os  criterios  a  usar  para  a  determinación  dos  grupos  e  do  complemento de destino dos postos de traballo. 

Notable atraso na convocatoria das axudas sociais do ano 2017

Ata o pasado ano e logo de múltiples conflitos arredor da convocatoria e resolución das axudas sociais do persoal do Concello de Betanzos, logo de que mesmo este tema tivese que ir a debate en pleno en varias ocasións parecía que o Concello retomara a normalidade nunha xestión do departamento de Persoal que debería de trámite e realizarse en tempo e forma cada ano e sen ningunha incidencia tendo en conta a existencia dunha partida orzamentaria, non obstante, cada ano atopamos os mesmos problemas para a tramitación destas axudas.

O ano pasado o Concello convocou por primeira vez as axudas do ano 2016 no ano 2017 e demorou ata este mesmo verán o seu pagamento baixo a promesa da negociación dunhas novas de axudas sociais máis xustas que aínda non se cumpriu na actualidade. A mediados do mes de decembro podemos dicir, un ano máis, que os traballadores e traballadoras seguimos agardando por unha convocatoria que o propio concelleiro nos dixo que sería en prazo e ao longo deste mes e que, visto o visto, non se dá publicado. 

Desde a CIG consideramos inaceptable que o Concello de Betanzos sempre atrase a convocatoria, resolución e pagamento destas axudas que o persoal ten recoñecido por convenio e cuxa tramitación non debería ter maior complicación. Solicitamos xa en diversas ocasións, tanto verbalmente como por rexistro, que o Concello convoque e resolva as axudas en tempo e forma e nos vindeiros días reiteraremos esta solicitude e manifestarémoslle a nosa preocupación polo tema ao goberno municipal.

04/12/17

LEMBRA! A partir de mañá podes facer as consultas sobre a Relación de Postos de Traballo no local sindical


LEMBRA! A partir de mañá podes facerlle as túas consultas sobre a Relación de Postos de Traballo á Sección sindical da CIG os seguintes días / horas:
  • MARTES 5             (12:00 H -15:00 H)
  • MÉRCORES 13     (13:30 H-15:00 H)
  • XOVES 14             (13:30 H-15:00 H)
  • VENRES 15           (13:30 H-15:00 H)
  • LUNS 18                (13:30 H-15:00 H)
  • MARTES 19           (13:30 H-15:00 H)
No caso de querer/poder vir a unha hora concreta podedes avisarnos con antelación, posto que xa temos previsións para distintas horas dalgúns deses días.

Lembra que o vindeiro 14 de decembro comeza a fase de negociación colectiva do documento e que, en principio, a fase de entrevistas cos propios traballadores está finalizada.

O documento entregado nesta segunda volta contén bastantes modificacións con respecto ao presentado en agosto e desde a CIG xa estamos a analizalo de cara a levarmos definida a nosa postura para a reunión do 14 de decembro sobre os temas que se tratarán. En principio, o cronograma inicial da negociación, por temas, é o seguinte:

Sesión 1. Presentación e aspectos chaves da RPT. (30/11/17)
Sesión 2. Relación laboral e estrutura retributiva básica. (14/12/17)
Sesións 3 e 4. Complemento específico. (21/12/17 e 04/01/17)
Sesión 5. Revisión xeral e acordo final. (11/01/17)

Esta negociación é posiblemente unha das máis relevantes destes anos, logo do novo convenio colectivo, e tendo en conta que a Relación de Postos de Traballo actual é do ano 2008, polo que é importante que os/as traballadores/as nos comentedes aquelas cuestións que considerades relevantes de cara a valorarmos as posibilidades reais de negociación das propostas. 

Reclamación do recoñecemento da antigüidade noutras administracións

O artigo 29 do Convenio colectivo vixente recolle o seguinte:

b) Os trienios, consistentes nunha cantidade igual para cada subgrupo, ou grupo de clasificación profesional cando este non teña subgrupo, por cada tres anos de servizo no subgrupo ou grupo profesional correspondente.
Para estes efectos computaranse a totalidade dos servizos prestados mediante relación laboral ou estatutaria en calquera Administración pública.

No caso de que o/a traballador/a preste os seus servizos sucesivamente en diferentes grupos profesionais, terá dereito a seguir percibindo os trienios devengados en grupos anteriores. O cómputo da fracción para completar un trienio no grupo dende que se promociona valorarase a favor do grupo superior acadado.
A raíz da entrada en vigor deste documento, varios traballadores solicitaron este recoñecemento e Concello xa está a responder de xeito favorable ás peticións, polo que animamos ao resto do persoal que prestase servizos noutras administracións públicas que solicite individualmente o recoñecementos para os efectos dos trienios ao que temos dereito desde o pasado 7 de abril de 2017.

A CIG detecta unha posible discriminación no cobro de horas extraordinarias pola non suba do 1% nas contías pagadas ao persoal laboral

A CIG advertiu xa hai unhas semanas dun posible erro no pagamento das horas extraordinarias do persoal laboral pola non suba do 1% nas contías á vez que se actualizou o resto da nómina o pasado mes. Logo de facer a consulta en persoal, informaron que nin sequera se actualizara a contía no 1% correspondente a 2016 no momento de entrada en vigor do Convenio colectivo e que si que se produciu a actualización no resto dos conceptos.
Logo de manifestarllo verbalmente ao concelleiro de Persoal rexistramos a través do Comité de Empresa, o órgano co que se negociou o convenio colectivo, unha solicitude onde pedimos o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos actualice as contías recollidas no anexo I do Convenio colectivo do persoal laboral no relativo á suba do 1% dos orzamentos estatais dos anos 2016 e 2017 na contía das horas extraordinarias.

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos realice o pagamento dos atrasos correspondentes á suba do 1% reflectida nos orzamentos estatais do ano 2017 da nómina desde o mes de xaneiro e restantes pendente e, así mesmo, os atrasos correspondentes á devandita suba correspondente ao mencionado no primeiro punto das horas extraordinarias do persoal laboral xa pagadas.

TERCEIRO. Que o Concello de Betanzos realice todas as xestións oportunas de cara a solucionar a problemática mencionada que podería incidir nunha discriminación entre o persoal laboral e funcionario no relacionado coa suba do 1% nas horas extraordinarias do persoal laboral e as gratificacións do persoal funcionario.

O Comité de Empresa reitéralle ao Concello a solicitude de cumprimento dos acordos adoptados da Comisión Paritaria Mixta de Seguimento do Convenio Colectivo do persoal laboral do pasado 18 de xullo

01/12/17

Resumo da xuntanza previa á negociación da Rleación de Postos de Traballo

Onte, 30 de novembro, tivo lugar a primeira xuntanza para explicación do segundo borrador da Relación de Postos de Traballo e acordar o calendario de traballo de cara á negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo. Finalmente, estamos á espera do cronograma concreto de traballo mais está previsto que as reunións de negociación sexan os seguintes días:

14 de decembro
21 de decembro
4 de xaneiro
11 de xaneiro

O Concello puxo enriba da Mesa que no proceso de negociación houbese un reparto da Mesa Xeral de Negociación no que o 33% do voto fose dos representantes dos traballadores, o 33% do goberno municipal e o 33% a empresa contratada para a elaboración da Relación de Postos de Traballo. A CIG xa anticipou que de isto votarse na primeira reunión votaría en contra porque a Mesa Xeral de Negociación ten unha composición cunhas porcentaxes que veñen dadas polos resultados das eleccións sindicais e a patronal ten o 50% e o outro 50% e dos traballadores, coa representantividade que ten cada sindicato e iso non se pode alterar. A proposta do goberno suporía quem na práctica o goberno tería o 66% do voto, posto que o Concello é o que lle paga á empresa, que é un dato moi relevante. O resto dos sindicatos apoiaron o manifestado pola CIG polo que entendemos que finalmente o Concello deixará a Mesa de Negociación tal e como está.

A seguir, a empresa procedeu a facer unha presentación do novo borrador da Relación de Postos de Traballo, unha presentación que consideramos incompleta na medida en que intenta "vender" as bondades dun documento con moitas modificacións en detrimento dalgunhas condicións laborais que son agochadas nun documento que é necesario analizar polo miúdo, posto que se fala, por exemplo, das subas de nivel, mais non das baixadas de grupo, non se mencionan novas baixadas con respecto ao primeiro borrador e incídese nos datos do persoal que máis cobra, especialmente funcionario, cando a realidade, especialmente do persoal laboral, é outra.

Para finalizar o concelleiro de Persoal anticipou que nas vindeiras semanas se reunirá a Mesa Xeral de Negociación para a aprobación da Oferta de Emprego Pública do ano 2017, o acordo dun novo regulamento de axudas sociais do Concello de Betanzos e comezarmos a falar do proceso de consolidación do persoal laboral. Tamén nesa mesa explicarán polo miúdo a implantación do contro de presenza que se implantará a partir do mes de xaneiro, e que será por pegada dixital ou iris do ollo.

Con respecto a este último tema afondou en que haberá 8 puntos de acceso ás dependencias nos que haberá cámaras que eviten a fraude na fichaxe e que o persoal que traballa en sitios itinerantes terá un punto de acceso comodín na Oficina Municipal de Información Xuvenil, por exemplo. O persoal de axuda a domicilio, á súa vontade poderá instalar un xeolocalizador no móbil, de non decidir instalalo poderá fichar  nas distintas dependencias antes de ir aos domicilios. No caso de protección civil e tendo en conta que só son 3 traballadores, ficharán no computador da oficina. Tamén informou que  darán de alta todas as cámaras nos rexistros pertinentes e serán exclusivamente de gravación interna e que se disporá dun portal do empregado nos que os traballadores poderán realizar os trámites de solicitudes de permisos.

30/11/17

Problemas no envío de información: AVISO

Estamos detectando problemas no envío de información aos correos da Deputación da Coruña e devolucións de moitos deles por culpa dos filtros se seguridade da devandita Deputación, polo que se queredes seguir recibido con puntualidade a información que enviamos e que non haxa problemas na comunicación podedes facilitarnos un enderezo electrónico diferente en cigconcellobetanzos@gmail.com.

Solicitude de apertura do prazo de convocatoria das axudas sociais do ano 2017


Solicitude de información das horas extraordinarias do persoal laboral


29/11/17

O VII Congreso da CIG-Administración elixe a Xabier Picón como novo secretario nacional


Tras o reconto de votos e a proclamación de candidaturas, tomou a palabra, xa como novo secretario nacional, Xabier Picón, nunha intervención na que salientou a unidade acadada neste Congreso, "que fai máis forte a Federación e a nosa capacidade de acción sindical".

 Ao tempo repasou “as tarefas que nos agardan nestes próximos catro anos”, a comezar por un fortalecemento da propia organización e a traballar máis proximamente co conxunto da área pública da CIG.

O novo secretario federal lanzou un chamado a recuperar a negociación colectiva como mellor ferramenta para a  defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores das administracións. “Non podemos resignarnos a administrar as migallas que caen das mesas de negociación. Para iso xa están UGT, CCOO e CSIF, que comen directamente na mesma mesa que quen parasita as administracións e os servizos públicos”, denunciou.

Por iso, engadiu Picón, “cando a negociación faia toca facer acción sindical”. Unha acción destinada a combater a taxa de reposición, a loitar contra a precarización instalada nas administracións, marcadas pola temporalidade e a degradación das condicións laborais, e a perda de emprego de case 10.000 prazas. Animou a combater os acordos estatais e galego para a suposta mellora do emprego público “e que na realidade referenda o 50% da taxa xeral de reposición e supón a morte de moitos servizos públicos”. A loitar por derrogar a Lei 2/2012 de medidas provisionais (que a pesar do seu nome xa se converteron en permanentes) e a pelexar pola recuperación do poder adquisitivo perdido ao longo destes anos.

Para encetar esta batalla cómpre incrementar a representatividade e aínda que a CIG é primeira forza no cómputo do período 2014-17 e o sindicato maioritario en cinco comarcas e catro sectores, “temos por diante unhas eleccións sindicais, nas que partimos dunha situación importante, pero manifestamente mellorábel en canto a resultados”.

Independencia da CIG

Neste senso, salientou a independencia económica da CIG que, a diferenza doutros sindicatos, se sostén principalmente das cotas da afiliación, “o que nos garante unha independencia da que outras centrais carecen. As subvencións externas non condicionan a nosa actividade sindical”, aseverou. “Temos ademais unha caixa de resistencia que nos permite afrontar conflitos longos e isto tamén nos fai moito máis fortes”, porque os “fondos que temos non son para estar parados, son para apoiar a nosa acción sindical e a nosa presenza permanente na rúa”.

Nestes tarefa, destacou Picón, “temos que visualizar o noso traballo”, polo que a presenza constante nos centros de traballo faise imprescindíbel. Só así conseguiremos “manter as traballadoras e os traballadores que representamos plenamente informados e en permanente disposición para responder ante calquera agresión”.

“Compañeiros e compañeiras, rematou Picón, facemos un chamamento a que o noso berro se converta na nosa realidade cotiá: coa CIG na rúa, a loita continúa”.

Consello Confederal

1.-Francisco Xabier Picón Picallos
2.- Cristina Hermida Monelo
3.-Consuelo Rodríguez Rodríguez
4.-Xan Carlos Ansía Rodríguez
5.-Enrique Parcero Rodríguez
6.-Roberto Tizón Miguéns



Apertura do local sindical para consultas relacionadas co novo borrador da relación de postos de traballo

Logo da análise da documentación que o Concello nos entregará sobre  a nova Relación de Postos de Traballo comezará un proceso de negociación colectiva do documento que parece que vai ter lugar ao longo do mes de decembro. Con motivo desta fase de negociación a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos abrirá o local sindical do Comité de Empresa (situado na alameda José Veiga Roel, pola parte de atrás das Oficinas Xerais) os seguintes días do mes de decembro e no seguinte horario para as consultas dos traballadores e traballadoras do Concello:

MARTES 5                     (12:00 H -15:00 H)
MÉRCORES 13            (13:30 H-15:00 H)
XOVES 14                     (13:30 H-15:00 H)
VENRES 15                   (13:30 H-15:00 H)

Se algún traballador ou traballadora prefire avisar previamente a vir neses días para acordar unha hora pode falar cos delegados da CIG ou enviar un correo a cigconcellobetanzos@gmail.com.

Xuntanza previa á negociación da Relación de Postos de Traballo

O Concello de Betanzos convocou aos representantes dos traballadores e traballadoras para este xoves 30 de novembro ás 10:00 da mañá á unha xuntanza previa á negociación da Relación de Postos de Traballo coa seguinte orde do día:

1. Presentación e aspectos chaves da RPT.

2. Planificación de xuntanzas de negociación.

Desde a Sección sindical da CIG iremos informando das novidades oportunas, logo de analizarmos polo miúdo a documentación que o Concello nos entregue. 

23/11/17

Decreto 115/2017, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.


Última reunión co concelleiro de Persoal (15/11/2017)

A pasada semana os representantes do Comité de Empresa tiveron unha reunión co concelleiro de Persoal na que se solicitou información sobre, entre outros, os seguintes temas:

Aplicación efectiva dos acordos da Comisión Paritaria do 18 de xullo.

Pregúntámoslle ao concelleiro pola aplicación efectiva dos acordos da comisión paritaria que tivemos hai quince meses, e cuxas decisións deben ser executadas de inmediato, en concreto, a resposta sobre os seguintes temas pendentes foi:
  1. Complemento de dispoñibilidade. Pendente de cobro mensual do complemento e dos atrasos desde a entrada en vigor do convenio, aínda que desde o 22 de setembro está pasada a proposta ao departamento de Persoal, que é ten pendente facer efectivo o acordo e solucionar este proble,a
  1. Definición do termo “eventos” para o complemento de funcións extraordinarias. O Comité achegou unha proposta e o Concello comprometeuse a negociar isto, para solucionalo, cómpre que se reúna a Comisión Paritaria, e o concelleiro comprometeuse a que se reúna proximamente. Insistimos na discriminación que está a supor pagarlle o Complemento de Funcións Extraordinarias ao persoal que cubre as Festas de San Roque a Feira Medieval e non ao que cubre outro tipo de eventos igualmente organizados polo Concello fóra de xornada laboral e cubertos por persoal municipal.
  2.  Aplicación dos criterios acordados de absorción da RPT. Na última reunión que mantivemos o concelleiro indicou que coa suba do 1% de 2017 xa se aplicarían os novos criterios de absorción da CPT mais finalmente non foi así. Nesta nova reunión afirmou que a proposta de criterios iría a aprobación plenaria no mes de decembro e con posterioridade aplicaríanselle os novos criterios ao persoal que ten esta CPT e pagaríanse os atrasos correspondentes. O Comité manifestoulle especialmente a súa preocupación polo tema dos atrasos, tendo en conta que cobralos en 2018 podería supor ter que realizar unha declaración complementaria e que non cobralos suporía un prexuízo derivado da demora da toma do acordo defitivo no Pleno da Corporación.
Suba do 1% (2016) e 1%(2017) nas retribucións: horas extraordinarias

Detectamos que as retribucións contempladas no convenio como “extraordinarias” non tiveron a suba do 1% con respecto ao ano 2016 nin a recente suba do 1% do anos 2017, polo que solicitamos que isto se corrixa de inmediato e se lles pague a diferenza e os atrasos correspondentes ao persoal afectado. Ademais, isto vén supoñendo unha discriminación nas horas extraordinarias do persoal laboral con respecto ás gratificacións do funcionariado, que si que cobraron a cantidade correspondente, tendo en conta que as gratificación as cobran segundo salario e non segundo unha contías fixadas no acordo, como o persoal laboral.

Nova Relación de Postos de Traballo

Non hai demasiadas novas deste tema, e o certo é que sempre se fala de que van entregar un segundo borrador que non nos dá chegado aos representantes dos traballadores. Non obstante, transmitímoslle a nosa preocupación porque tal e como están recollidos algúns postos de traballo e encadrados nas categorías profesionais correspondentes impedirían o acceso á consolidación dos traballadores que os ocupan na actualidade pola falta da titulación correspondente e manifestámoslle que se efectivamente é un proceso de consolidación para o persoal laboral do Concello o persoal debería poder acceder, aínda entendendo que isto podería supor modificacións nos postos recollidos na Relación de Postos de Traballo.

Axudas sociais ano 2017

Tendo en conta que aínda non se convocou a Mesa Xeral de Negociación para a negociación dun novo regulamento de axudas sociais manifestamos que sería adecuado convocar xa e en prazo a convocatoria de axudas sociais do ano 2017 co compromiso da aprobación en decembro do novo regulamento, a posterior aprobación polo pleno e a entrada en vigor no ano 2018, polo que entendemos que moi proximamente o Departamento de Persoal debería comunicar a apertura do prazo de solicitude das axudas sociais do ano 2017. Así mesmo, o concelleiro confirmou que todo o persoal cun contrato laboral co Concello tería dereito a estas axudas porque preguntamos concretamente polo persoal do obradoiro, cunhas retribucións que van por fóra de convenio, mais que no resto si que rexirían polo rexime de dereitos do persoal laboral deste Concello.

Solicitudes do persoal sen resposta

Insistiuse nos recoñecementos de antigüidade pendentes, tanto os derivados das readmisións do antigo persoal do GRUMIR, como os derivados da entrada en vigor do convenio colectivo grazas ao cal o persoal laboral ten dereito ao recoñecemento de antigüidade en calquera administración pública. Este tema xa está para se solucionar e o Concello comezou a comunicar as primeiras resolución de concesión de antigüidade polos servizos prestados noutras administracións do persoal laboral do Concello de Betanzos.

Tamén están pendentes as indeminizacións por asistencia a tribunais de todo o persoal, tanto laboral como funcionario, e segundo informou o concelleiro, na actualidade están na Intervención municipal para a súa revisión e fiscalización.

Finalmente transmitímoslle a nosa preocupación polos cambios de horario na Escola Infantil Municipal sen comunicación por escrito, a pesar da insistencia do persoal afectado e que vulnera os dereitos do persoal, ao que lle modifican condicións laborais que non lle constan en ningún documento.

Outros temas

Escola Infantil Municipal. Advertímoslle a un concelleiro que en decembro finalizaba un contrato por acumulación de tarefas na Escola e o compromiso era ter cuberto sempre ese posto baixo esa figura, por tanto deberían telo previsto. Así mesmo, manifestámoslle a nosa preocupación porque o persoal ten solicitados permisos para decembro e agardabamos que, como pasou en anos anteriores, non se lles negasen a última hora, pola falta de previsión, e se lles negasen os seus dereitos ás traballadoras do Concello.

Limpeza. Instamos ao Concello a que tire das listaxes de substitución para cubrir as baixas, non dunhas empresa privada, que para iso están as listaxes. O Concelleiro comentou que fixera a proposta en Persoal para cubrir as baixas pola listaxe mais que non se tramitara.

Formación nos plans de emerxencia. Nas pasadas semanas o persoal do Complexo Cultural San Domingos e a Escola Infantil Municipal recibiu formación nos plans de emerxencia de ambos os edificios municipais, nos casos en que esa formación foi fóra do horario laboral informáronnos que poden solicitar esa compensación horaria.

A cidadanía non aprecia avances na conciliación da vida familiar e laboral

As empresas, principalmente as grandes, están empezando a comprender que un traballador/a satisfeito/a é un empregado/a produtivo/a. Pero, nas de menor tamaño nas que traballan o groso dos cidadáns, a situación non mellora. Hoxe en día, os cidadáns seguen pensando que sacar tempo para un mesmo e para atender á familia é unha tarefa esgotadora e complicada.

Así o indica o Barómetro da conciliación Índice efr da Fundación Máis Familia, estudo que avalía o estado da conciliación da vida persoal, familiar e laboral a través de 90 indicadores sociais e empresariais co obxectivo de extraer un índice global que permita analizar a súa evolución dende o ano 2008 ata 2016.

A conclusión principal do estudo é que a valoración social do estado da conciliación en España empeora con respecto a niveis anteriores á crise, 4,7 puntos respecto dos valores do ano 2008, así como a percepción que os traballadores teñen sobre a conciliación. Con todo, o capítulo que fai referencia á empresa avanza en positivo, especialmente pola mellora da conxuntura económica e a consolidación das medidas de conciliación dentro da cultura de responsabilidade social empresarial.
Os expertos tomaron diferentes índices que estiman, por exemplo, a natalidade, a demografía, a saúde ou a economía.. Así, no capítulo de natalidade ponse de manifesto que dende o 2008 ao 2016, o número de fillos descendeu do 1,36 ao 1,27, atrasouse a idade da maternidade dos 30,8 aos 32 anos e case a metade das familias recoñece ter menos fillos dos desexados. As axudas públicas destinadas ás familias en base á porcentaxe do PIB descenderon uns 10,9 puntos básicos.
Fronte a estas cifras, lémbranse as do envellecemento da poboación: a idade media elevouse dos 40,20 anos aos 42,92 e o índice de dependencia dos maiores (proporción existente entre a poboación dependente e a activa) empeora un 13,3%.

Segundo o barómetro, prodúcese un empeoramento en temas de saúde por parte da poboación española dun 12,5%, destacando o aumento do risco psicosocial dos/as traballadores/as (4,2%) e o consumo de ansiolíticos, opioides e antidepresivos, que ascende un 44,1%. Ademais, os cidadáns dedican menos tempo a actividades de lecer e diversión que no 2008 (17,1%), mentres que no ránking de felicidade da ONU, España descende de posición, da 34 á 36.

En canto ás empresas, o barómetro revela que o estudo dos indicadores deste ano melloran fronte aos do 2008. Estes índices fan referencia, por exemplo, á competitividade e produtividade, e aínda que se comproba unha melloría moi relacionada co fin da crise, recolle aspectos negativos, como a diminución do nivel de compromiso do persoal ou a redución da produtividade horaria. O barómetro recolle tamén a importancia que as empresas dan á responsabilidade social empresarial (RSE), onde a conciliación é un aspecto destacado. O teletraballo aumenta de maneira destacada -o número de empresas que o ofrecen aumentou case un 50%-, pola contra, a flexibilidade horaria descende en case un 1%.

Pero estas melloras no ámbito empresarial non son apreciadas nin polos directivos nin os mandos intermedios nin técnicos; Uns datos que se complementan cos extraídos do Esade Gender Monitor, estudo sobre o equilibrio de xénero na empresa, para o que se consultou a máis de 500 directivas en relación coas políticas de igualdade das súas compañías e os principais obstáculos que se atoparon ao longo deste ano. Só o 45% das directivas confirma que na súa empresa existen medidas de conciliación e un 27% que as súas compañías favorecen o traballo flexible. O 16%, de feito, cre que na súa organización séguese premiando o presentismo laboral. Os consultados opinan que as súas empresas ven, cada vez menos, a conciliación como “un problema” exclusivo da muller.

Un traballo realizado polo Iese sinala que nas empresas en que se favorece a conciliación os/as empregados/as síntense catro veces máis comprometidos e a produtividade aumenta ata un 19%. En canto aos empregados/as con fillos cando a compañía facilita habitualmente a conciliación, o seu compromiso é do 100%, mentres que nas mesmas circunstancias o compromiso dos/as empregados/as sen fillos é dun 84%. Nos casos en que a empresa non facilita a conciliación, o compromiso dos/as empregados/as con e sen fillos baixa ao 23% e 22%, respectivamente.

No primeiro semestre de 2017, que se corresponde coa ampliación de dúas a catro semanas do permiso de paternidade, xestionáronse 122.183 prestacións por paternidade, un 0,05% máis que no mesmo período do ano anterior. Para iso, destináronse 182,2 millóns, unha cantidade que aumentou un 78,2% respecto de 2016. Do conxunto de prestacións por maternidade xestionadas no primeiro semestre, a maior parte, 132.194, corresponderon a permisos gozados pola nai (-3,7%), fronte a 2.532 (-11,4%) que foron solicitados polo pai tras cederlle a nai o dereito.

Por comunidades onde máis pais acolléronse ao permiso de paternidade foron Cataluña (22.815), Madrid (20.680), Andalucía (19.576) e Valencia (12.428).

Máis información en www.cigsaudelaboral.org


Segundo unha nova investigación, 742.000 persoas morren cada ano en todo o mundo a causa do cancro laboral

Saúde laboral

A investigación foi levada a cabo pola Organización Internacional do Traballo, os Ministerios de Traballo de Finlandia e Singapur, o Instituto de Seguridade e Saúde no Traballo (WSHI) de Singapur, o Instituto Finlandés de Saúde Ocupacional, a Comisión Internacional de Saúde Ocupacional e a Axencia Europea de Seguridade e Saúde Ocupacional . Segundo os investigadores, a cifra baséase en "mellores datos dispoñibles recollidos e analizados polo grupo de investigación".

Os resultados foron presentados no Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde no Traballo en Singapur, onde os delegados escoitaron que 2,78 millóns de mortes relacionadas co traballo ocorren cada ano en todo o mundo, das que ao redor de 380.000 son accidentes mortais; os outros 2,4 millóns son causados por enfermidades profesionais, incluído o cancro.Segundo o presidente de IOSH, The Institution of Occupational Safety and Health: "Os resultados desta nova investigación son realmente impactantes. Demóstrase que 742.000 familias teñen que sufrir a perda dun ser querido a través do cancro causado por algo que foron expostos no traballo".

A campaña No Time to Lose (Non hai tempo que perder) de IOSH conta con máis de 100 organizacións adheridas e máis de 200 de apoio dende o seu lanzamento en novembro de 2014, o que anima a esperar unha redución da exposición dos traballadores/as aos carcinóxenos.

Máis información en www.cigsaudelaboral.org



Considerado como accidente laboral un caso de síndrome de bournout

O Tribunal Superior de Xustiza (TSJ) de Andalucía admite que un caso de bournout se considere un accidente de traballo. Así, concede a incapacidade permanente total a unha traballadora, directora de fábrica, que padecía esta síndrome a resulta dun estrés laboral crónico ou frustración prolongada, como consecuencia da forma en que desempeñaba a súa actividade, sempre de forma exhaustiva, autoesixente e con gran responsabilidade.

Por motivos relacionados coa produción a  traballadora foise quedando sen funcións, sen que conste situación de acoso laboral; esta situación orixinoulle diversas situacións de baixa temporal e, finalmente, incapacidade permanente total, todas por enfermidade común, contra o que interpuxo recurso ao considerar que eran de orixe laboral. A súa petición foi desestimada en primeira instancia, admitindo o TSX de Andalucía o recurso e declarando finalmente que as mencionadas incapacidades son de orixe laboral.

Na sentenza o TSX de Andalucía indica que : “… o fundamental é delimitar a causa da enfermidade, resultando que a mesma pode ter unha causa laboral, mesmo aínda que non se aprecie conduta ilícita da empregadora“. Así resolve que: “esta Sala considera que unha traxectoria como a da demandante, cunha situación permanente de autoesixencia e responsabilidade aproveitados pola empresa (sen que esta afirmación respecto da empregadora no contexto no que incluímos supoña unha crítica ou desvalor), para manter unha axeitada xestión dos seus servizos, (en palabras dos traballadores que accederon ao relato fáctico, a actora era ” a alma da empresa”) non pode estrañar que conduza tras moitos anos de intensidade, e nun momento de cambios, a unha situación como a denominada “ burn out”.” Realízase mención a que a personalidade da  traballadora non inflúe na súa decisión: “Resta por indicar que o feito de que a actora presente trazos de personalidade anancástica [esixencia excesiva consigo e cos demais], non é suficiente neste contexto e cos antecedentes descritos, para excluír o nexo causal da patoloxía co traballo e así mesmo de forma exclusiva como esixe o precepto analizado.”


Ligazón á sentencia do TSX de Andalucía, de 29 de junio de 2017.

Máis información en www.cigsaudelaboral.org

CIG-Administración celebra o seu VII Congreso baixo o lema “Servizos Públicos, Soberanía, Democracia”


Terá lugar en Ferrol o vindeiro sábado día 25 de novembro

A CIG-Administración celebra o vindeiro sábado 25 de novembro, en Ferrol, o seu VII Congreso baixo o lema “Servizos Públicos, Soberanía e Democracia”. Unha xornada na que 204 delegados/as debaterán e acordarán as liñas de traballo para os vindeiros catro anos; renovarán o organismo de dirección, escollerán as/os representantes da federación no Consello Confederal e elixirán secretario/a nacional.

A CIG-Administración Pública chega a esta cita tras catro anos de loita pola recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos polas traballadoras e traballadores das administracións públicas, pola recuperación dos servizos e do emprego público perdido.

A federación valora moi negativamente o impacto que estes anos de crise tiveron nas administracións públicas galegas a consecuencia dunhas políticas de austeridade que deixaron tras de si un regueiro de recortes en persoal, medios e prestación de servizos.

Tal é así que hoxe a eventualidade nos cadros de persoal é dun 30-40% e houbo unha caída dun 6% no emprego público, por mor da imposición de taxas de reposición, o que está provocando un incremento da idade media dos cadros de persoal efectivos que xa é de entre 50 e 55 anos.

Sendo isto preocupante, para a federación de Administración Pública da CIG máis o é a diminución da calidade dos servizos públicos, a desaparición de moitos deles e a súa progresiva privatización. Unha situación que favoreceu o aumento da corrupción derivada da contratación de empresas privadas para xestionar actividades propias dos poderes públicos.

Propostas

Durante este período a CIG-Administración defendeu diversas propostas para combater esta situación exixindo o establecemento dun plan de choque que permitira, cando menos, recuperar os niveis de emprego público do ano 2009; recuperar os servizos privatizados e os eliminados e ter uns cadros de persoal que permitan ofrecer servizos públicos de calidade en condicións laborais dignas.

Combateu ademais a precarización laboral, tanto a temporalidade como a degradación das condicións laborais e económicas defendendo a implantación de plans de consolidación do emprego que permitan aproveitar o potencial de moito persoal xa experimentado e regular a súa relación laboral, moitas veces irregular.

Xunto a isto exixiu Oferta Pública de Emprego con todas as vacantes, incluídas as que necesariamente deben ser creadas para recuperar os niveis de emprego público de 2010.

Recuperación das condicións laborais

A CIG-Administración pulou tamén, durante estes catro anos, por recuperar dereitos sociais e condicións laborais, económicas e profesionais, como o restablecemento do complemento específico por IT para manter o 100% das retribucións; a aplicación do dereito de xubilación parcial a todo o persoal; a cotización do 100% do haber regulador do persoal de clases pasivas nos supostos de redución de xornada previstos na Lei de Igualdade ou establecemento de procesos de promoción sostíbeis no tempo; revisión dos regulamentos e procedementos para a provisión de postos de traballo do persoal laboral e funcionario, entre outros.

Recuperación das condicións económicas

A CIG-Administración defendeu durante este período un incremento retributivo xeral acorde coa perda de poder adquisitivo de todos estes anos, que está nun 31,7% no Estado español e nun 38,7% para as traballadoras/es que dependen da Xunta de Galiza. Ademais reclamou a reposición dos importes das pagas extra e a devolución de todas as substraídas.

Administración paralela

Durante estes catro anos a federación tamén prestou especial atención a vixiar a denominada administración paralela ou administración instrumental, a través da que se mantén ao persoal nunhas condicións laborais e económicas en moitos casos denigrantes.

Precariedade no sector de Xustiza

Para a CIG-Administración tamén foi especialmente preocupante o desmantelamento da xustiza. Coas amortizacións elimináronse máis de 100 prazas nos xulgados do país das que 24 estaban nos xulgado de paz.

Do sector de Xustiza veñen denunciando ademais que desde 2013 até a actualidade, “vemos como nos rouban un 40% das pagas extra no CAT (Complemento Autonómico Transitorio); néganse a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais e enriquécense ilegalmente a conta dos traballadores/as en substitución. Xunto a isto o goberno da Xunta négase a avanzar na implantación da nova oficina xudicial, cando resulta urxente implantar as Unidades Técnico Administrativas para dar resposta aos problemas organizativos da xustiza galega”.

Xulgados de violencia sobre a muller

Denunciouse tamén a inadmisíbel falla de medios humanos, a escasa formación, os medios materiais insuficientes e a ausencia de espazos acondicionados nos xulgados de violencia sobre a muller. Por iso reclamouse a creación de novos xulgados especializados nesta materia, formación específica, dotación con ferramentas informáticas axeitadas e espazos habilitados para unha atención digna da vítima.

Estas e outras cuestións centraron a acción sindical e as campañas da federación que conseguiu, durante este período, situarse como primeira forza sindical no sector e manter esa posición en practicamente todos os sectores e comarcas.


A CIG anuncia mobilizacións contra a anulación, de facto, da ILP por unha tarifa eléctrica galega


Convoca unha concentración diante do Parlamento de Galiza o vindeiro luns 4 de decembro ás 10:00 horas

A CIG mobilizarase o vindeiro día 4 de decembro diante do Parlamento de Galiza coincidindo co pleno no que o Partido Popular laminará definitivamente a ILP por unha tarifa eléctrica galega, baleirándoa de contido e mesmo pasando a chamala “Lei de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica”. Así o acordou a Executiva Confederal na xuntanza celebrada este martes día 22 de novembro.

Para a CIG é inadmisíbel que o PP fulmine deste xeito unha Iniciativa que tiña o obxectivo de articular medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza, como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social e contra a pobreza enerxética.

A central sindical considera ademais “indecente” que o PP votara ao seu favor, xunto co resto dos grupos parlamentarios en maio de 2016, e que agora acabe con ela, demostrando así que non lle preocupa a pobreza enerxética, nin as condicións de vida das galegas e galegos e que tampouco lle importa o desenvolvemento económico e industrial de Galiza. “Só a apoiou daquela como parte da súa campaña electoral diante da inminente celebración das eleccións galegas”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegura que esta posición constata tamén o “nulo respecto que merece para o partido e o goberno encabezado por Feixóo a vontade popular” e considera que é “unha grave deserción na defensa dos intereses dos galegos e das galegas por non procurar que os nosos recursos enerxéticos revertan no beneficio do país”.

Neste sentido, lembra que esta ILP, ademais de ser aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza, chegou á cámara respaldada por máis de 18.000 sinaturas, as Deputacións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo e máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 principais cidades de Galiza.

Xustificar o inxustificábel

Na xuntanza mantida con representantes do grupo parlamentario popular estes xustificaron o completo baleirado de contido da ILP por unha tarifa eléctrica galega asegurando que non sería beneficioso para Galiza ter unha tarifa diferenciada, aínda que non foron quen de explicar por que.
Ademais trataron de avalar a súa posición argüíndo que a comunidade autónoma non ten competencias, “poñendo así en cuestión os informes dos servizos xurídicos da cámara, que dixeron até en 3 ocasións que si, ademais do informe inicial que permitiu que se admitira a trámite”, lembra Carril.

Os representantes do PP defenderon ademais que estamos nun Estado onde o criterio da solidariedade prevalece, así que, neste mapa territorial non procede. “Unha solidariedade que porén, non se ten con Galiza que, malia exportar grande parte da enerxía eléctrica que produce, en torno ao 40%, non recibe ningún beneficio, a pesar das importantes repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental, con vales fértiles asolagados, desprazamento de poboación e contaminación derivada da actividade das centrais térmicas”, subliña o secretario xeral.

No referido á pobreza enerxética, o PP asegurou ademais que é un problema que non interesa en Galiza e que ademais está solucionado desde o goberno do Estado, cando todos os informes ao respecto aseguran o contrario.

Para Carril todos e cada destes argumentos son “lamentábeis” e aínda máis o é que “o PP renuncie a que poidamos utilizar un recurso tan valioso en beneficio do noso desenvolvemento económico e industrial e na xeración de emprego, así como na mellora da calidade de vidas das galegas e galegos”

Xunto a isto lembra que, deste xeito, o PP renuncia tamén a “dar solución á situación de industrias asentadas en Galiza que desenvolven procesos produtivos intensivos”, como Alcoa ou Celsa Atlantic, entre outras.


Por iso fai un chamamento a mobilizarse “contra esta clamorosa renuncia a respectar a vontade democrática expresada a través desta Iniciativa Popular que contou cons máximos apoios”.