29/04/20

Actualización Guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus

Os cambios máis significativos respecto á versión do 13 de abril afectan ao apartado de “Medidas previas ao inicio da actividade”.

Substitúense os dous últimos parágrafos polo seguinte:

As persoas traballadoras especialmente sensibles (TES) á COVID-19 son as que están incluidas nos grupos vulnerables e ademáis a valoración do seu posto de traballo determinou que existe un risco medio, alto ou moi alto en relación coa exposición ao SARS-CoV-2. Non se terá en conta o risco baixo por ser similar ao comunitario. Estes casos deberán ser valorados polo persoal sanitario do Servizo de prevención de riscos laborais (SPRL), e de ser cualificados como especialmente sensibles, deberánse propoñer as medidas preventivas adecuadas para minimizar o risco no medio laboral (colectivas ou individuais, adaptación de tarefas, reubicación...). Se non se poden adoptar as medidas preventivas, o Médico do Traballo do SPRL emitirá un INFORME para o médico de atención primaria.

O médico de atención primaria será quen poderá emitir a baixa laboral ao persoal traballador afectado polo coronavirus, tanto nas situacións de enfermidade, de illamiento preventivo e a outro persoal que o precise como é o caso dos especialmente sensibles sen posibilidade de adoptar as medidas preventivas adecuadas. Considerase unha situación asimilada a accidente de traballo para a prestación económica, pero a continxencia a cumprimentar será sempre de enfermidade común.

INTRODUCIÓN AO TELETRABALLO. NOCIÓNS BÁSICAS


TELETRABALLO E CONTEXTO LABORAL


A presente crise pandémica do COVID-19 e as continuas e fondas transformacións sociais e económicas experimentadas nas últimas décadas, teñen producido que a actividade laboral se desenvolva en ámbitos organizativos de traballo cada vez máis complexos, consecuencia do impulso do progreso tecnolóxico e dos avances nas técnicas de xestión. Esta crecente diversificación das formas de traballar está a derivar nunha crecente individualización das condicións de traballo e nunha difuminación ou incluso perda da centralidade do traballo, de tal xeito que o uso das redes e a flexibilidade interna teñen reordenado significativamente os procesos produtivos.

Sen dúbida este novo contexto de traballo en rede, está a provocar unha ruptura da unidade de espazo e tempo no cal se desenvolve a prestación laboral. Neste contexto, o teletraballo, como máximo expoñente do traballo en rede, permite que a prestación laboral se poida producir en calquera lugar e en calquera momento, provocando múltiples problemas de índole xurídico e técnico en materia de prevención de riscos laborais aínda pendentes de resolver.

Nas múltiples definicións que os distintos estudos nacionais e internacionais ofrecen, existen dous elementos esenciais que se repiten como compoñentes fundamentais da definición do teletraballo: a) a prestación da actividade lonxe do lugar habitual de traballo (lugar que queda fóra do ámbito físico de organización do empregador/a) e b) a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para que a prestación a distancia sexa posible.

Así logo, o teletraballo consiste en esencia na realización de actividades, a execución de obras ou a prestación de servizos realizados total ou parcialmente no domicilio (ou noutro lugar distinto do lugar de traballo na empresa) do asalariado/a mediante o uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TICs); sendo ademais un acordo colectivo ou individual de carácter excepcional.

Así mesmo debemos resaltar que nunha situación normalizada (non é o caso coa pandemia do COVID-19) a implantación do teletraballo é unha medida organizativa de carácter voluntario. Nin o traballador/a pode obrigar ao empresario/a adoptar esta modalidade de prestación do traballo, nin o empresario/a pode obrigar á persoa traballadora a traballar dende o seu domicilio. Necesariamente tense que acordar entre ámbalas dúas partes.

Na actual situación de pandemia, a ninguén se lle escapa que o teletraballo estase a constituír nunha ferramenta preventiva de primeira orde, constituíndo unha disposición organizativa que permite ás persoas traballadoras e moi especialmente a aquelas pertencentes aos grupos máis vulnerábeis ou de especial risco fronte ao COVID-19, poder seguir realizando a súa actividade laboral neste caso dende o seu domicilio e alonxados da posibilidade de risco de contaxio no seu centro traballo.

PRINCIPAIS VANTAXES E DESVANTAXES DO TELETRABALLO

En principio o teletraballo conleva unha serie de vantaxes e desvantaxes tanto para o traballador/a como para o empresario/a, a saber:

Vantaxes do teletraballo para o traballador/a
  • Ø Aumenta a produtividade pola falta de elementos distractores.
  • Ø Aforra custos económicos e medioambientais, así como riscos e tempos de desprazamento.
  • Ø Permite unha mellor flexibilidade na configuración dos tempos de traballo.
  • Ø Flexibilidade horaria, execución do traballo segundo un plan independente e individualizado ao tempo e necesidades de cada un.
  • Ø Incremento das posibilidades de acceso a un posto de traballo para colectivos especiais de traballadores (traballadores/as discapacitados,...).
  • Ø Redución de horas extraordinarias.
  • Ø Ambiente de traballo máis tranquilo na casa e libre de interrupcións.
  • Ø Aforro en gastos de vestiario para o traballo.
  • Ø Posibilidade de atender en casa, á vez que se traballa, a nenos ou persoas anciás ou enfermas.
  • Ø Elección persoal da contorna de traballo.
Vantaxes do teletraballo para o empresario/a
  • Ø Diminución do absentismo debido a enfermidades pouco importantes.
  • Ø Incremento da produtividade debido ao aforro de tempo non produtivo, de tempo de transporte e potencial redución das taxas de absentismo.
  • Ø Menores custos de aluguer, de espazo de oficina.
  • Ø Menores custos en equipamento dos centros de traballo.
  • Ø Redución dos espazos de oficina.
  • Ø Maior facilidade para contratar persoal cualificado independentemente de onde viva este.
  • Ø Redución en gastos de persoal (posibilidade de contratos por proxectos, reducindo así custos fixos). En definitiva maiores posibilidades do empresario/a para realizar contratos precarios ou contratos lixo.
Desvantaxes do teletraballo para o traballador/a
  • Ø Riscos para a seguridade e a saúde derivados do espazo de traballo.
  • Ø Riscos ergonómicos e relacionados con axentes físicos (ruído, iluminación ou temperatura).
  • Ø Fatiga visual ou a incomodidade derivada do uso continuado de dispositivos tecnolóxicos.
  • Ø Trastornos derivados do illamento, tecnoestrés ou estrés laboral.
  • Ø Perda de integración na empresa. A distancia do traballador/a respecto da súa empresa pode xerar unha perda de integración nela.
  • Ø Unha maior vulnerabilidade do teletraballador/a por debilitarse a súa relación sindical, sentimentos de ser esquecido por parte da empresa, complicándose neste contexto a protección social e laboral do teletraballador/a, as súas posibilidades de promoción, etc.
  • Ø Menor comunicación cos compañeiros/as de traballo, perigo de illamento. É este un dos riscos máis frecuentes, o que fai convinte implantar certas medidas que eviten o risco de redución dos niveis de interacción social. As posibilidades son variadas e van dende a obrigatoriedade de traballar varios días no centro de traballo ata o establecemento de reunións cunha certa periodicidade ou o uso das tecnoloxías telemáticas para o establecemento formal e regular de contactos (correo electrónico, videoconferencia...).
  • Ø Dificultade para atopar un apoio laboral e obter resposta en tempo breve a consultas que se poidan formular. Este tipo de medidas require dous tipos de medidas complementarias; dun lado, a selección de teletraballadores/as debe procurar que estes sexan independentes, con recursos suficientes para atopar por si mesmos solucións aos problemas, con capacidade de innovar. Por outra banda, requírese tamén establecer canles e procedementos de comunicación moi formalizados.
  • Ø Dificultade para separar o traballo da familia. O que habitualmente son dous lugares distintos, asociados a conceptos e vivencias diferentes (traballo, competitividade, esforzo fronte a descanso, lecer, vida privada), convértense nun só. Ademais, neste contexto, aparece a familia, que pode ser obxecto das consecuencias da tensión laboral do traballador/a, na medida en que pode ver incrementada a súa tensión debida a que é agora ela quen ha de proporcionar o apoio social ao traballador/a (apoio que debería ser obtido dos compañeiros/as de traballo).
  • Ø As tecnoloxías da comunicación poden permitir a dispoñibilidade de 24 horas/día do traballador/a, o que pode xerar sobreexplotación e perda de privacidade. As horas de traballo e a dispoñibilidade horaria son cuestións que deben quedar claramente delimitadas e recollidas no acordo de teletraballo.
  • Ø Tendencia a traballar en exceso; auto explotación, dificultades para deixar o traballo (workalholism).
  • Ø Transferencia de custos ao traballador/a que antes non se soportaban (incremento de gastos en teléfono, iluminación, calefacción, equipamento, acondicionamento dun lugar da casa ... ).
  • Ø Problemas derivados do abuso de café, alcol, tabaco.
Desvantaxes do teletraballo para o empresario/a
  • Ø Incremento de custos en adaptación da nova organización do traballo debido a posibles deficiencias no intercambio de información ou demoras na toma de decisións.
  • Ø Dificultade de manter a confidencialidade dos procedementos e información da empresa.
  • Ø Menor control sobre os traballadores/as. O deseño dun adecuado sistema de comunicacións pode evitar a percepción de perda de control dos mandos sobre os traballadores/as.
  • Ø Posibles dificultades de supervisión directa do desenvolvemento do traballo.
  • Ø A dispersión dos traballadores/as pode xerar un proceso de desestruturación e perda de imaxe corporativa e mesmo de perda de fidelidade dos traballadores/as.
PERSPECTIVA XURÍDICO-LABORAL DO TELETRABALLO

A ausencia de normativa relativa á regulación laboral do teletraballo e especialmente en relación á seguridade e a prevención de riscos laborais nesta modalidade de traballo, plantexa dúbidas e problemas tanto de carácter legal como de carácter meramente formal.
Neste senso os aspectos legais e convencionais, e as limitacións propias do espazo e do tempo nas que o teletraballador/a desenvolve a prestación laboral seguen a supoñer variados problemas de índole xurídico e técnico en materia de prevención de riscos laborais que aínda están pendentes de resolución dun xeito definitivo.

Neste contexto, son moitas as organizacións que unha vez implantado o teletraballo na súa estrutura produtiva, para salvar as dificultades de acceso do persoal técnico ao posto de teletraballador/a, foron adoptando un sistema de avaliación de riscos laborais non exento de controversias, baseado na propia identificación e valoración de riscos por parte do propio teletraballador/a, e que xeralmente vénse denominando como autoavaliación de riscos.

En calquera caso, a verdade é que para o cumprimento do deber de prevención, o empresario/a, dentro do ámbito das súas obrigacións, debe adoptar todas e cada unha das medidas preventivas que sexan necesarias para a protección da seguridade e a saúde dos traballadores/as.

Este deber xenérico de protección, regulado no art. 14 de Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL), é un deber de contido concreto e de natureza variable. O empresario/a vén obrigado á progresiva adaptación das medidas adoptadas en materia de saúde e seguridade, de conformidade coas novas circunstancias laborais e os novos “mecanismos” de produción. Así mesmo, o deber de protección é un deber intransferible e non se pode trasladar a outros suxeitos implicados na protección, por exemplo o traballador/a e, en ningún caso, o custo das medidas relativas á seguridade e saúde no traballo deberá recaer sobre estes.

avaliación de riscos xunto coa planificación da actividade preventiva, constitúe un instrumento esencial para a xestión e aplicación dun plan de prevención. Para cada lugar de traballo, o empresario/a deberá realizar unha avaliación inicial dos riscos para a saúde e a seguridade dos traballadores/as, tendo en conta as características do mesmo, e actualizala cando cambien as condicións de traballo. Se os resultados da avaliación –ou da súa actualización- puxesen de manifesto situacións de risco, o empresario/a debe planificar e realizar as actividades preventivas necesarias para eliminar ou reducir e controlar tales riscos. A planificación incluirá, para cada actividade preventiva, unha temporalización, unha previsión de recursos humanos e materiais e a asignación dun responsable.

Así as cousas, a obrigación empresarial de implantación e aplicación dun plan de seguridade e saúde, de avaliación dos riscos e de planificación preventiva é extensible a todos os ámbitos laborais.

En calquera caso e especialmente cando estamos a falar de persoas traballadoras que van desenvolver o seu traballo a través da modalidade de teleformación, resulta moi importante que estas teñan unha boa información e coñecemento da normativa de prevención de riscos e seguridade laboral que á súa vez lle permita ao traballador/a manter unha boa autovixilancia sobre a propia seguridade e saúde; como tamén neste caso a utilizar axeitadamente o principio do dereito á desconexión

DOCUMENTO COMPLEMENTARIO Á CONTRATACIÓN LABORAL

Dado que o teletraballo incorpora importantes modificacións á organización habitual do traballo, que por se mesmas constitúen unha fonte específica de problemas, resulta convinte e recomendable que a negociación e o establecemento das condicións en que se van a enmarcar as relacións de teletraballo queden recollidas nun documento que sexa complementario do contrato normal de traballo.

Aínda que non existe obrigación legal de realizar tal documento, a súa conveniencia vén dada pola necesidade de clarificar e especificar detalladamente aquelas áreas do traballo que se van ver modificadas.

Aspectos que é aconsellable contemplar no documento complementario da relación de teletraballo:

Condicións

Aspectos como as horas de traballo, o lugar de traballo, a accesibilidade do traballador/a a requirimentos da empresa, as vacacións, etc., deberán ser recollidos no documento. Respecto ao número de horas de traballo pode pactarse un número de horas diarias ou semanais e hase de establecer un sistema de xustificación das horas de traballo aínda que ha de terse en conta que no teletraballo han de primar os resultados sobre cuestións formais como cumprir un certo número de horas. En canto ao lugar de traballo, algunhas empresas esixen unhas condicións mínimas a cumprir pola área da vivenda (ou a vivenda no seu conxunto) destinada a teletraballar (que non sexa un garaxe, que poida pecharse con chave, que teña un certo espazo, etc.). Tamén han de establecerse os momentos do día e os días da semana en que o traballador/a ha de estar accesible e dispoñible para a empresa. Desta forma evítase unha dispoñibilidade de 24 horas e interrupcións continuas, permitíndose ao traballador/a a organización do seu tempo de traballo.

Métodos de traballo

O menor contacto directo coa empresa pode necesitar do establecemento de procedementos e métodos formalizados de traballo; a quen reportar, de que forma, cando, etc., tipos de comunicación (teléfono, carta, fax, correo electrónico, periodicidade de reunións, etc.).

Formación

É convinte concretar se se vai dar formación ao teletraballador/a, que tipo de formación (aspectos ergonómicos de deseño do posto, formación en tecnoloxías telemáticas, ... ), cando se vai impartir tal formación (ao comezo do teletraballo, formación continua,...), se se vai inserir nos plans xerais de formación da empresa, etc.

Remate da situación de teletraballo

A práctica habitual é que a situación de teletraballo poida rematar en calquera momento en que o demande unha das partes (empresa ou traballador/a), aínda que se establece un período de aviso previo/previo aviso mínimo (5 ou 3 meses). En todo caso, a terminación do teletraballo non adoita afectar o contrato de traballo, que segue vixente.

Propiedade do equipo de traballo, mantemento

Tamén neste tema as posibilidades de acordo son variadas; na maioría dos casos o equipamento pertence á empresa, correndo esta con os custos do seu mantemento. Noutros casos é o traballador/a quen ha de achegar o seu propio equipo, podendo concederse préstamos a baixo interese por parte da empresa. Nestes casos o mantemento ha de facelo o traballador/a. Hase de fixar tamén cada canto tempo vai realizar o mantemento e as correspondentes revisións, quen o vai realizar (o servizo técnico da empresa, servizos externos, ... ) e cales van ser os criterios e estándares baixo os que se van levar a cabo. Tamén é convinte determinar quen está autorizado a utilizar o equipo informático, se é posible utilizalo para usos distintos do traballo e que facer se o equipo se estraga.

Custos

 Traballar dende o fogar supón incorrer nunha serie de custos entre os que se deben distinguir os custos variables dos fixos. Os primeiros están formados polos derivados do consumo eléctrico: iluminación, funcionamento equipo informático,...), da calefacción, teléfono, material de oficina, etc. e entre os segundos, a amortización do equipo informático, mobiliario... Ademais hanse de considerar tamén os posibles custos derivados de adaptación do novo lugar de traballo (adaptación da instalación eléctrica, sistemas de seguridade - contra roubo, incendio- , fechaduras en portas para protexer a confidencialidade de datos, etc. En xeral son as empresas quen se fai cargo destes custos, aínda que existen distintas formas de facelo e mesmo, en ocasións, foi precisamente a posibilidade de transferir todos estes custos ao traballador/a un argumento fundamental para implantar o teletraballo. No caso dos custos de teléfono o máis cómodo e sinxelo é instalar unha liña específica para o traballo de forma que as facturas telefónicas sexan imputables ao traballo, reembolsando a empresa (ou cargando directamente á empresa) o importe da factura. Para o resto de gastos as empresas poden adiantar unha cantidade fixa ao mes, de forma que se o gasto excedese tal cantidade, a diferenza sería reembolsada previa presentación de facturas.

Seguros

É convinte que o documento de teletraballo recolla en detalle que aspectos han de estar cubertos por pólizas de seguros (equipamento, accidente, seguro de fogar, responsabilidade civil fronte a terceiros, roubo incendio...), quen ha de contratar e quen ha de facerse cargo do custo dos seguros. Ante a posibilidade de que poidan existir seguros do fogar previos, é convinte chegar a unha acordo para a repartición dos custos entre empresa e traballador/a.

Confidencialidade e seguridade dos datos

Coa finalidade de protexer a confidencialidade da información da empresa, esta pode establecer procedementos sobre acceso a información, pode vetar a saída de certos documentos da empresa, pode establecer sistemas de claves de acceso á información establecendo distintos niveis de confidencialidade, pode esixir a adopción de sistemas de seguridade no fogar (antirroubo, fechaduras, ... ).

Fontes: Nota Técnica de Prevención. NTP 412, Teletraballo: criterios para a súa implantación (INSST)


Guía sobre a utilización de medicamentos que poden afectar á condución de vehículos e á realización de traballos perigosos

A presente Guía ten como obxectivo, en primeiro lugar sensibilizar aos profesionais sanitarios, aos técnicos de prevención de riscos laborais, aos empresarios/as, aos traballadores/as, e á poboación xeral sobre os efectos negativos que determinados medicamentos poden ter na condución de vehículos, na realización de traballos perigosos e en actividades de gran transcendencia social que comporten un risco tanto para o propio traballador/a como para terceiras persoas, co fin último de previr as lesións ocasionadas por este tipo de accidentes.

Aínda que existen diversos factores que inflúen en maior ou menor medida, na orixe dos accidentes de tráfico e dos accidentes de traballo, o consumo de medicamentos é obxecto de crecente interese. Non se pode esquecer que os medicamentos teñen un triplo efecto: por unha banda, o efecto beneficioso buscado (terapéutico); por outro, os efectos secundarios; e, en terceiro lugar, os posibles efectos adversos tanto  per se como se se combinan con outro tipo de substancias (interaccións).

Esta guía é unha ampliación das recomendacións do proxecto europeo  DRUID (Driving  under  the  Influence  of  Drugs, Alcol  and  Medicines), do consenso realizado entre profesionais sanitarios e a administración nos Países Baixos, das recomendacións da  International  Pharmaceutical  Federation (FIP), da declaración de Brasília aprobada en novembro de 2015 na Segunda Conferencia Mundial de Alto Nivel sobre Seguridade Viaria, onde se encomenda aos Estados membros que xa adoptasen medidas lexislativas integrais para a utilización do cinto de seguridade, as restricións para nenos ou o uso de cascos, a condución baixo os efectos do alcol ou a velocidade excesiva, a que presten atención a outros factores de risco como as condicións médicas ou medicamentos que poidan afectar á seguridade na condución, e do documento de consenso publicado en España en maio de 2016 sobre medicamentos e condución de vehículos, cuxo texto completo achegamos, así como o texto completo da propia Guía.

A presente Guía ten como obxectivo, en primeiro lugar sensibilizar aos profesionais sanitarios, aos técnicos de prevención de riscos laborais, aos empresarios/as, aos traballadores/as, e á poboación xeral sobre os efectos negativos que determinados medicamentos poden ter na condución de vehículos, na realización de traballos perigosos e en actividades de gran transcendencia social que comporten un risco tanto para o propio traballador/a como para terceiras persoas, co fin último de previr as lesións ocasionadas por este tipo de accidentes.

Un segundo obxectivo é proporcionar unha información adecuada tanto aos profesionais sanitarios, aos técnicos de prevención de riscos laborais, aos empresarios e aos traballadores, como tamén á poboación xeral sobre a influencia dos medicamentos na condución de vehículos e nas actividades laborais perigosas.

A Guía foi redactada por  Pere Sanz  Gallen, doutor en Medicina e Cirurxía e Especialista en Medicina do Traballo,  Prof. Asociado da Unidade de Medicina Legal, Laboral e Toxicoloxía do Departamento de Medicina e Ciencias da Saúde da Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona e experto en Toxicoloxía pola  EUROTOX (Asociación Europea de Toxicoloxía).


28 de abril, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo: o capitalismo mata



A crise sanitaria está a evidenciar o efecto perverso das políticas neoliberais



Enfrontamos este 28 de abril de 2020 nun “estado de alarma” decretado polo actual Goberno, como consecuencia da pandemia da Covid-19 que está a padecer o planeta. O xeito de actuar de cada Estado diante desta emerxencia sanitaria, o escenario dende o que se enfronta e as medidas que estes adoptan, teñen dende logo moito que ver cunha cuestión ideolóxica, cunha cuestión de clase.

No noso caso, vivimos nun Estado onde os Gobernos, tanto o central como o galego, veñen aplicando políticas en función dos intereses do capital, dunha elite económica sen escrúpulos que só ten como horizonte a consecución de beneficios, sen importarlle as terríbeis consecuencias que iso poida ter para a saúde das persoas e mesmo para o propio planeta.

Nesta situación de pandemia tense evidenciado o efecto perverso desas políticas neoliberais no sistema público de saúde, mais tamén nas políticas relativas á seguridade e saúde no traballo.

Estamos a enfrontar unha pandemia cun Sistema Público de Saúde debilitado polos Gobernos do estado e da Galiza (privatización de recursos e servizos sanitarios, recortes económicos, recortes humanos e materiais, transvase de recursos e cartos públicos á sanidade privada...etc.), nunha estratexia política que está a servir claramente aos intereses do capital, ao seu obxectivo de rematar coa sanidade pública, co dereito universal á saúde, fomentando a sanidade privada, exclusivamente pensada e deseñada para facer negocio, tendo acceso a ela só aquelas persoas que poidan pagala, obtendo así grandes beneficios.

Dende o punto de vista da protección da saúde das persoas traballadoras, o escenario de partida non é mellor. Desgraciadamente aínda agora a maioría das empresas conciben a saúde laboral como unha carga económica, como unha mera cumprimentación formal de certos documentos e xestións administrativas para cubrir a necesaria aparencia de legalidade requirida e esixida. As medidas preventivas na maioría dos casos non pasan de ser uns folios gardados nun caixón.

Falta de instrumentos para o efectivo cumprimento da normativa

A día de hoxe os distintos Gobernos non teñen disposto os instrumentos precisos para o efectivo cumprimento da normativa preventiva de xeito real (a defensa dos dereitos das persoas traballadoras por parte da Inspección de Traballo nesta crise, nin existe nin se lle agarda ). Unha vez máis, diante da disxuntiva entre defender os intereses do capital ou os intereses das persoas traballadoras, estes Gobernos teñen demostrado a súa defensa a ultranza dos intereses dos poderosos en detrimento, neste caso, da saúde das persoas traballadoras.

Tras a declaración do “estado de alarma”, fomos comprobando como as medidas dos Gobernos non perseguen protexer a saúde das persoas traballadoras, senón que pretenden salvagardar o máximo posíbel os intereses das empresas e dos mercados. Así, obrígaselle ás persoas a acudir aos seus postos de traballo sen que a actividade que desenvolven sexa esencial para cubrir as necesidades básicas da poboación, sen que existan en todos os casos protocolos de seguridade nin a protección debida contra da Covid-19. Esta obriga faise extensiva incluso, de xeito tremendamente irresponsábel, ás persoas especialmente sensíbeis a esta enfermidade.

A saúde das persoas especialmente sensíbeis, en mans do interese empresarial

No caso das persoas especialmente sensíbeis, a súa seguridade e a súa propia vida pode depender do criterio ou da actuación que en última instancia teña un servizo de prevención contratado por unha determinada empresa, que en definitiva neste momento e por mor dos procedementos habilitados, é o único servizo que pode emitir un informe de recomendación á sanidade pública primaria, necesario para xestionar e obter a baixa laboral por incapacidade temporal (IT) da persoa traballadora vulnerábel, sempre e cando se acredite no informe a imposibilidade ou incapacidade da empresa para garantir a seguridade da persoa traballadora fronte a unha posíbel infección por coronavirus no seu posto de traballo.

Deixar en mans dun terceiro que traballa para a empresa interesada a facultade de determinar se se tramita ou non a baixa por IT dunha persoa traballadora especialmente vulnerábel fronte á Covid19, é na práctica unha enorme neglixencia e un extraordinario deixamento de responsabilidades por parte do Goberno en materia de protección e seguridade laboral destas persoas traballadoras. Este procedemento amosa a complicidade e permisividade do Goberno fronte ás actuacións empresariais, á vez que revela os intereses aos que están sometidos os sindicatos UGT e CCOO, que quedaron claramente retratados ao ter avalado este nefasto procedemento.

Cando chegue o momento e podamos retrospectivamente analizar os datos de sinistralidade asociada á morte de persoas traballadoras vulnerábeis a causa da Covid19, como consecuencia da inacción, a falta de criterio preventivo e a falta de actuación dos servizos de prevención e das propias empresas en relación a estes riscos, darémonos conta da terríbel barbaridade que supuxo ter mantido este criterio procedimental, en lugar de permitir que foran os Servizos Públicos de Saúde, afastados de intereses espurios, os que en última instancia determinaran a necesidade ou non de conceder a baixa por IT ao persoal especialmente vulnerábel para protexer a súa vida e integridade.

O comportamento do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza a respecto dos colectivos máis vulnerábeis ten sido nefasto e incapaz. É publicamente notoria a falta de medidas de seguridade no traballo do persoal sanitario e de coidados, sectores altamente feminizados, deixándose entrever tamén a faciana da desigualdade de xénero nesta crise.

A crise sanitaria evidencia as desigualdades do capitalismo

Estas accións e inaccións dos Gobernos Central e da Xunta de Galiza, non son inocentes, e responden a como actúa o xeito de produción capitalista, onde os medios de produción están en mans privadas e os Gobernos poñen o Estado ao servizo de intereses privados e non da maioría social. É en situacións como estas onde se pode observar con claridade a necesidade de rematar con este sistema.

Nesta crise sanitaria evidénciase que un sistema baseado na desigualdade e na prevalencia do capital non pode dar resposta ás necesidades da maioría social. Mesmo os servos mediáticos e políticos do neoliberalismo claman a intervención do Estado, dese Estado que levan décadas saqueando e esgazando con continuas privatizacións.

Por suposto, esa intervención non a reclaman para pór os recursos das empresas privadas ao servizo do conxunto da sociedade nestes críticos intres, senón para rescatar (por suposto cos cartos da cidadanía) a quen estiveron repartíndose os beneficios da explotación laboral e social dun xeito insolidario e mesquiño.

Necesidade de autogoberno

Outra evidencia desta crise é a necesidade obxectiva de contar cun verdadeiro autogoberno na Galiza. Un autogoberno ao servizo das persoas traballadoras e que polo tanto defenda tamén a súa seguridade e a súa saúde no traballo.

A nosa capacidade de decidir como pobo galego e de actuar na defensa dos nosos intereses como maioría social é o único instrumento que pode garantir de xeito eficaz que a prevención de riscos e a saúde laboral deixen de ser só palabras e teñan a innegociábel e necesaria plasmación real.

Adiante coa defensa da saúde no traballo!

Adiante coa CIG !

Confederación Intersindical Galega

Galiza, 28 de abril de 2020


Plan para a transición cara a unha nova normalidade

Plan para a transición cara a unha nova normalidade




ANEXO I: PANEL DE INDICADORES
ANEXO II: PREVISIÓN ORIENTATIVA PARA O LEVANTAMENTO DAS LIMITACIÓNS


ANEXO III. CRONOGRAMA

Constitución do Comité de Seguridade e Saúde e plan de continxencia da Covid-19 no Concello de Betanzos

Mañá terá lugar a constitución do novo Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos, que se debe reunir trimestralmente e leva sen reunirse desde o 10 de decembro de 2018. Os puntos da orde do día son a constitución do Comité e o plan de continxencia da Covid-19. 

A CIG asistirá cunha representación da Sección sindical con voz mais sen voto, logo de que a CSIF e a UGT decidisen repartirse dous dos tres delegados de prevención que debe ter o persoal laboral no Comité e eliminar o terceiro en favor do funcionariado. 

Os delegados de prevención do persoal laboral, Mónica Bóveda e José Ángel Montes, non incluiron na orde do día do Comité de Seguridade e Saúde nin un só dos temas que se acordaran, logo da proposta da CIG, na última reunión ordinaria do Comité de Empresa, vulnerando o acordado e demostrando unha total despreocupación polos temas de seguridade e saúde laboral. Daquela tamén se acordara que habería unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa previa á constitución do Comité de Seguridade e Saúde que nunca tivo lugar.

A CIG asistirá mañá á reunión virtual, xunto co asesor en materia de seguridade e saúde laboral e presentará varias propostas de mellora ao Plan de continxencia presentado polo Concello de Betanzos e elaborado polo Servizo de Prevención.

27/04/20

A CIG reclama, neste Primeiro de Maio, “protexer a clase traballadora, non o capital” nunha Galiza soberana e con futuro



Chama a pendurar bandeiras vermellas ou da patria nas xanelas e a cantar a Internacional ás 12:00 horas do mediodía

 CIG presentou esta mañá, en videoconferencia, a campaña arredor da que xirará este ano a súa conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada que a central sindical celebra baixo o lema “Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro” e que este ano estará   marcada pola situación de emerxencia sanitaria. Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo un chamamento a manter o carácter combativo e reivindicativo da data, a que se penduren das xanelas e balcóns bandeiras da patria e vermellas e a entoar, ás 12:00 horas do mediodía a Internacional.

Carril, apuntou que cómpre mobilizarse para exixir “políticas que garantan os nosos dereitos como clase traballadora, o benestar das maiorías sociais, pero tamén a autodeterminación, a soberanía dos pobos e nacións, para construír un mundo moi necesitado de solidariedade, cooperación, igualdade e paz”.

Denunciou que aínda que o covid-19 ataca a poboación en xeral, “o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, non afecta por igual a todas ás clases sociais”, polas grandes desigualdades económicas e a inxustiza social, consecuencia “das devastadoras políticas neoliberais aplicadas desde a crise financeira”.

Lembrou que a crise sanitaria converteuse nunha crise económica e social que ademais ten lugar cando “xa estabamos dentro dunha recesión económica”. Por iso advertiu que non se pode permitir “que desta nova crise neoliberal este sistema pretenda recuperarse do seu fracaso, de tanta adoración do privado e criminalización do público, cun novo saqueo á clase traballadora”.

Papel de Feixóo

A ese respecto sinalou que no caso concreto de Galiza “estabamos de cheo nunha crise social, industrial, demográfica que xa de por si tiña o impacto dunha situación de emerxencia nacional e social” e denunciou que a xestión da crise sanitaria polos gobernos galego e español “vai na dirección contraria a unha saída xusta para a clase traballadora e para o pobo galego”.

Nese sentido manifestou o seu rexeitamento polo feito de que todos os decretos de estado de alarma aprobados deixaran en suspenso “as xa de por si limitadas competencias e capacidades de Galiza”. Unha recentralización que considerou que serviu “de escusa perfecta ao Goberno de Feixoo para tapar o seu proxecto ruinoso para o noso país, baseado nun modelo dependente e antigalego, reaccionario e privatizador da sanidade pública e da atención ás persoas maiores”.

Ademais denunciou que nesta crise “xogou a ampliar o caos, o abuso patronal e a inseguridade para quen traballa”, ademais de facer anuncios electoralistas. En concreto lembrou que “Feixoo favoreceu, co atraso da aprobación dos ERTE, que as persoas traballadoras non puidesen cobrar en abril” e que agora ”quere aparecer como salvador ofrecendo créditos a quen lle negou o cobro do salario, demostrando así o miserábel que é facendo electoralismo co pan das traballadoras/es e as súas familias”.

Profesións esenciais, feminizadas e desvalorizadas

Carril rexeitou que as medidas adoptadas polos diferentes gobernos tiveran “unha maior e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da poboación”, como se demostrou “cando se negaron a parar todo, agás as actividades esenciais, pola emerxencia sanitaria, ou no escaso control para garantir un traballo en condicións seguras para os sectores en activo”.

Considerou que o que tamén demostrou esta crise foi que as profesións feminizadas “resultaron servizos esenciais e imprescindíbeis para o sostén da vida” mais denunciou que “seguen a estar desvalorizadas, desenvolvéndose en condicións de precariedade e inseguridade”.

Propostas da CIG fronte as medidas inxustas

O secretario xeral da CIG denunciou “ a imposición de fórmulas inxustas, desde o primeiro día, que se fundamentan nas reformas laborais, como foron os ERTES indiscriminados, os despedimentos masivos, o teletraballo sen dereitos e control e os permisos e reducións de xornada para coidados da poboación vulnerábel”.

Por iso apuntou toda unha serie de modificacións legais e de financiamento público urxentes das que deu conta. En relación aos ERTES, denunciou que calquera prórroga en base ás medidas acordadas conforme ao Decreto 8/2020 e seguintes “constitúe un abuso e grave prexuízo para a clase traballadora”. Por iso demandou a derrogación das reformas laborais do 2010 e 2012, “restablecéndose, como versión menos mala, a vixente con anterioridade, durante todo o tempo que non poida entra en vigor un novo marco legal”.

Demandou ademais a “prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con calquera outra medida consistente nun descolgue salarial, inaplicación de convenio colectivo, de modificacións substancial das condicións de traballo ou de mobilidade xeográfica e/ou funcional”. 

Garantías de cobro para as traballadoras e traballadores afectados

Xunto a isto, exixiu o pago inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e extraordinario, coa confección nóminas para efectuar os  pagos semana a semana, até a posta ao día que permita retomar os pagos a mes vencido porque, advertiu, “manter a forma ordinaria de pago das prestación é causar un retraso de graves consecuencias” ou garantir o cobro, durante todo o ERTE, do 70% da base reguladora de cada persoa traballadora.

Ademais demandou que no pago das prestacións por desemprego á persoa traballadora non se lle desconte 4,7% da base de cotización e defendeu que teñan a mesma consideración, á hora de acollerse a todas as medidas referidas a esta protección do SEPE, todas as persoas traballadoras, “incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación por desemprego”.

Xunto a isto defendeu que todo o tempo de desemprego, desde a data que tivo lugar por despedimento ou aplicación de ERTE por causa do covid-19, entenderase por non consumido e que “toda persoa traballadora, independentemente do tempo cotizado, teña dereito á prestación por desemprego”.

Controlar a fraude empresarial

Carril explicou ademais que a CIG considera imprescindíbel que,para poder acollerse ao ERTE, as empresas cumprancondicións e garantías como completar até o 100% dos salarios ou reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas (ETT,s , empresas multiservizos…) que foi despedido e, como data límite, o último mes de vixencia do ERTE. Isto xunto coa garantía de incremento salarial dos convenios colectivos pendentes de renovar  de acordo ao 1%, en función do IPC real final do ano 2019 e da aplicación das cláusulas de revisión salarial.

En relación ao teletraballo o secretario xeral da CIG demandou “control e garantías sobre o dereito á desconexión dixital, dereito á protección de datos e uso de internet”.

Canto ás reduccións e adaptación de xornada para atención á poboación vulnerábel, incidiu en que as empresas teñen que garantir a súa concesión automática a solicitude da persoa traballadora, mais demandou que se garanta que as persoas traballadoras que non teñan outra alternativa, non vexan reducidos os seus ingresos en máis do 30% da súa base de cotización”, nomeadamente as familias monoparentais.

Financiamento dos gastos derivados desta situación extraordinaria

Paulo Carril recoñeceu que esta situación e, nomeadamente as medidas propostas pola CIG, xeran un importante gasto público. Por iso propuxo financialo por dúas vías de execución imediata. Por unha banda propuxo a aprobación urxente dun paquete de medidas fiscais, coa creación dun imposto sobre os beneficios extraordinarios da banca e os activos financeiros e a eliminación dos privilexios fiscais das SICAV e grandes Empresas e, pola outra, demandou o desvío das partidas destinadas aos gastos militares e da Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor, nas contías necesarias para afrontar este gasto público.

13/04/20

Autorización da prórroga do estado de alarma


A CIG demanda que se articulen medidas inmediatas para evitar que miles de traballadores/as queden sen ingresos


A demora do SEPE na tramitación dos centos de miles de ERTES presentados, provocará o atraso do cobro das prestacións

De “gravísima” cualifica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a situación á que se enfrontan os miles de traballadores e traballadoras afectadas por ERTES, porque a demora do SEPE na tramitación dos expedientes presentados en Galiza – 32.206 a data de hoxe, que afectan a 205.396 traballadores/as – provocará á súa vez un atraso no recoñecemento do dereito a cobrar unha prestación, “o que os deixará sen ingresos até que se efectivicen os procedementos”.

Por iso Carril exixe que “de inmediato se articulen as medidas necesarias para evitar que se produza esta situación”. Lembra que a CIG viña advertindo de que nos atopariamos con este problema que se podería ter evitado se desde un primeiro momento se recoñecera o dereito das traballadoras e traballadores a un permiso retribuído por deber inescusable e se articulara un fondo público de compensación para as empresas.

O secretario xeral da CIG entende que deste xeito se evitaría a caótica situación á que nos enfrontamos agora mesmo, consecuencia das erráticas medidas adoptadas nos sucesivos Consellos de Ministros nos que o goberno español se foi corrixindo a si mesmo. “Agora atopamos a un goberno sobrepasado polos miles e miles de ERTES presentados e a unha clase traballadora que, máis unha vez, pagará por unha situación da que non é responsable pola falta de previsión do executivo”.

Carril denuncia ademais as múltiples casuísticas nas que se atopan centos de miles de traballadores e traballadoras e reclama unha solución global e alternativas amplas para o conxunto da clase  traballadora, “en lugar da sucesión de parches que fomos vendo desde o inicio da crise sanitaria froito da improvisación do goberno”.

Reclama ademais que se modifique a carga fiscal cara as empresas, as grandes fortunas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas, para conseguir o financiamento público necesario para enfrontar os custos das medidas extraordinarias, de acordo cos principios de igualdade e progresividade, no canto de optar por políticas neoliberais que derivan novamente na clase traballadora o impacto desta crise.

Nese sentido Carril reitera que, hoxe máis que nunca, son necesarias políticas públicas e que se poñan ao dispor das maiorías sociais todos os recursos necesarios para garantir unha protección social sen exclusións que garanta o emprego, os salarios e uns ingresos dignos para a clase traballadora.

Reclama ademais, do goberno Feixóo, que goberne desde Galiza e para Galiza, en lugar de escudarse nas decisións adoptadas en Madrid para eludir a súa responsabilidade en materias nas que ten todas as competencias.


Sindicatos reproban a actuación do Consello Xeral do Poder Xudicial e do seu presidente nesta crise sanitaria do COVID 19



As organizacións sindicais asinantes son CIG, ELA CSIF, STAJ, CCOO e UGT

As seis organizacións sindicais con representación na Mesa de Negociación do Ministerio de Xustiza (CSIF, STAJ, CCOO, UXT, CIG e ELA), veñen de presentar unha reprobación conxunta pola actuación do Consello Xeral do Poder Xudicial e do seu presidente na crise sanitaria do COVID 19.

COMUNICADO:

Desde o principio da crise o CGPJ atribuíuse unhas competencias que non lle corresponden en materia de medios persoais e de prevención de riscos laborais e tentou impoñer o seu criterio de maneira despótica, comportándose de forma desleal co resto de administracións e sen contar coa representación legal da maioría do persoal da Administración de Xustiza.

Para as seis organizacións sindicais, os Comités de seguimento COVID 19 creados no seo dos TSJ por acordo da Comisión permanente do Consello carecen de competencias para adoptar acordo algún, nas materias anteriormente mencionadas. En consecuencia, os seus acordos son nulos carecendo de validez algunha para ser impostos en ningún órgano da Administración de Xustiza.

Denunciamos a táctica de sabotaxe empregada pola Comisión permanente do Consello para impedir o cumprimento de todas e cada unha das resolucións do Ministerio de Xustiza, CCAA con competencias en materia de medios materiais e persoais da Administración de Xustiza. Sen ofrecer ningún dato sobre cargas de traballo o Consello emite xuízos de valor sobre a idoneidade das dotacións establecidas polas Administracións competentes en materia de medios persoais na Administración de Xustiza.

Denunciamos que a inxerencia do Consello Xeral do Poder Xudicial está a poñer en risco a saúde dos miles de funcionarios/as de Xustiza e da cidadanía en xeral, pretendendo obrigar a desprazamentos e presenzas innecesarias, mentres recomenda aos Xuíces e Maxistrados que traballen desde casa grazas aos equipos informáticos prestados pola Administración e dos que non dispón o resto do persoal de Xustiza.

Lembramos que o CGPJ aínda non se desculpou ante os 55.000 empregados/as públicos de Xustiza polas descualificacións vertidas no seu comunicado do pasado 19 de marzo no que se lles acusaba de falta de profesionalidade.

Lamentamos que, un órgano constitucional do Estado, non se deu conta do alcance e a gravidade da emerxencia que estamos a vivir e non estea a saber exercer as súas competencias nesta crise sanitaria, en coordinación real e leal co resto as administracións prestacionais, a Fiscalía e os representantes dos empregados/as públicos/as, tendo en conta a concorrencia de competencias que se dan na xestión da Administración de Xustiza.
Alentamos ao Ministerio de Xustiza e ás CCAA autónomas con competencias transferidas en materia de xustiza para que continúe poñendo freo a esta irresponsabilidade do CGPJ.

Lembramos aos membros do CGPJ que a Administración de Xustiza non son só eles, nin sequera sono só os Xuíces e Maxistrados. A Administración de Xustiza son, tamén, os 55.000 empregados/as públicos/as que fan posible que todos os días se abran as sedes xudiciais e que, presencialmente ou en dispoñibilidade, garanten o funcionamento da Administración de Xustiza no medio desta crise atendendo os servizos esenciais.

Uns empregados/as públicos/as que, mesmo agora, teñen o dereito a que se protexa a súa saúde e a que o protagonismo desmedido de integrantes do Consello Xeral do Poder Xudicial co seu presidente Carlos Lesmes á cabeza, non a poña en risco caprichosamente xunto coa dos seus familiares e, en xeral, a saúde da sociedade no seu conxunto que tan valentemente está a loitar contra a ameaza invisible dun virus mortal.

Para finalizar, as seis organizacións sindicais queremos facer un recoñecemento a todos os empregados públicos e aos traballadores en xeral que, durante estes días, están a prestar os servizos esenciais para que a sociedade siga funcionando. E, non por repetido hai que dalo por feito, o noso agradecemento aos miles de empregados públicos e traballadores do sistema sanitario con independencia do Corpo ou grupo profesional ao que pertenzan, que están a dar a cara en primeira liña contra o virus.