A crise sanitaria
está a evidenciar o efecto perverso das políticas neoliberais
Enfrontamos este 28
de abril de 2020 nun “estado de alarma” decretado polo actual
Goberno, como consecuencia da pandemia da Covid-19 que está a
padecer o planeta. O xeito de actuar de cada Estado diante desta
emerxencia sanitaria, o escenario dende o que se enfronta e as
medidas que estes adoptan, teñen dende logo moito que ver cunha
cuestión ideolóxica, cunha cuestión de clase.
No noso caso,
vivimos nun Estado onde os Gobernos, tanto o central como o galego,
veñen aplicando políticas en función dos intereses do capital,
dunha elite económica sen escrúpulos que só ten como horizonte a
consecución de beneficios, sen importarlle as terríbeis
consecuencias que iso poida ter para a saúde das persoas e mesmo
para o propio planeta.
Nesta situación de
pandemia tense evidenciado o efecto perverso desas políticas
neoliberais no sistema público de saúde, mais tamén nas políticas
relativas á seguridade e saúde no traballo.
Estamos a enfrontar
unha pandemia cun Sistema Público de Saúde debilitado polos
Gobernos do estado e da Galiza (privatización de recursos e servizos
sanitarios, recortes económicos, recortes humanos e materiais,
transvase de recursos e cartos públicos á sanidade privada...etc.),
nunha estratexia política que está a servir claramente aos
intereses do capital, ao seu obxectivo de rematar coa sanidade
pública, co dereito universal á saúde, fomentando a sanidade
privada, exclusivamente pensada e deseñada para facer negocio, tendo
acceso a ela só aquelas persoas que poidan pagala, obtendo así
grandes beneficios.
Dende o punto de
vista da protección da saúde das persoas traballadoras, o escenario
de partida non é mellor. Desgraciadamente aínda agora a maioría
das empresas conciben a saúde laboral como unha carga económica,
como unha mera cumprimentación formal de certos documentos e
xestións administrativas para cubrir a necesaria aparencia de
legalidade requirida e esixida. As medidas preventivas na maioría
dos casos non pasan de ser uns folios gardados nun caixón.
Falta de
instrumentos para o efectivo cumprimento da normativa
A día de hoxe os
distintos Gobernos non teñen disposto os instrumentos precisos para
o efectivo cumprimento da normativa preventiva de xeito real (a
defensa dos dereitos das persoas traballadoras por parte da
Inspección de Traballo nesta crise, nin existe nin se lle agarda ).
Unha vez máis, diante da disxuntiva entre defender os intereses do
capital ou os intereses das persoas traballadoras, estes Gobernos
teñen demostrado a súa defensa a ultranza dos intereses dos
poderosos en detrimento, neste caso, da saúde das persoas
traballadoras.
Tras a declaración
do “estado de alarma”, fomos comprobando como as medidas dos
Gobernos non perseguen protexer a saúde das persoas traballadoras,
senón que pretenden salvagardar o máximo posíbel os intereses das
empresas e dos mercados. Así, obrígaselle ás persoas a acudir aos
seus postos de traballo sen que a actividade que desenvolven sexa
esencial para cubrir as necesidades básicas da poboación, sen que
existan en todos os casos protocolos de seguridade nin a protección
debida contra da Covid-19. Esta obriga faise extensiva incluso, de
xeito tremendamente irresponsábel, ás persoas especialmente
sensíbeis a esta enfermidade.
A saúde das
persoas especialmente sensíbeis, en mans do interese empresarial
No caso das persoas
especialmente sensíbeis, a súa seguridade e a súa propia vida pode
depender do criterio ou da actuación que en última instancia teña
un servizo de prevención contratado por unha determinada empresa,
que en definitiva neste momento e por mor dos procedementos
habilitados, é o único servizo que pode emitir un informe de
recomendación á sanidade pública primaria, necesario para
xestionar e obter a baixa laboral por incapacidade temporal (IT) da
persoa traballadora vulnerábel, sempre e cando se acredite no
informe a imposibilidade ou incapacidade da empresa para garantir a
seguridade da persoa traballadora fronte a unha posíbel infección
por coronavirus no seu posto de traballo.
Deixar en mans dun
terceiro que traballa para a empresa interesada a facultade de
determinar se se tramita ou non a baixa por IT dunha persoa
traballadora especialmente vulnerábel fronte á Covid19, é na
práctica unha enorme neglixencia e un extraordinario deixamento de
responsabilidades por parte do Goberno en materia de protección e
seguridade laboral destas persoas traballadoras. Este procedemento
amosa a complicidade e permisividade do Goberno fronte ás actuacións
empresariais, á vez que revela os intereses aos que están sometidos
os sindicatos UGT e CCOO, que quedaron claramente retratados ao ter
avalado este nefasto procedemento.
Cando chegue o
momento e podamos retrospectivamente analizar os datos de
sinistralidade asociada á morte de persoas traballadoras vulnerábeis
a causa da Covid19, como consecuencia da inacción, a falta de
criterio preventivo e a falta de actuación dos servizos de
prevención e das propias empresas en relación a estes riscos,
darémonos conta da terríbel barbaridade que supuxo ter mantido este
criterio procedimental, en lugar de permitir que foran os Servizos
Públicos de Saúde, afastados de intereses espurios, os que en
última instancia determinaran a necesidade ou non de conceder a
baixa por IT ao persoal especialmente vulnerábel para protexer a súa
vida e integridade.
O comportamento do
Goberno do Estado e da Xunta de Galiza a respecto dos colectivos máis
vulnerábeis ten sido nefasto e incapaz. É publicamente notoria a
falta de medidas de seguridade no traballo do persoal sanitario e de
coidados, sectores altamente feminizados, deixándose entrever tamén
a faciana da desigualdade de xénero nesta crise.
A crise
sanitaria evidencia as desigualdades do capitalismo
Estas accións e
inaccións dos Gobernos Central e da Xunta de Galiza, non son
inocentes, e responden a como actúa o xeito de produción
capitalista, onde os medios de produción están en mans privadas e
os Gobernos poñen o Estado ao servizo de intereses privados e non da
maioría social. É en situacións como estas onde se pode observar
con claridade a necesidade de rematar con este sistema.
Nesta crise
sanitaria evidénciase que un sistema baseado na desigualdade e na
prevalencia do capital non pode dar resposta ás necesidades da
maioría social. Mesmo os servos mediáticos e políticos do
neoliberalismo claman a intervención do Estado, dese Estado que
levan décadas saqueando e esgazando con continuas privatizacións.
Por suposto, esa
intervención non a reclaman para pór os recursos das empresas
privadas ao servizo do conxunto da sociedade nestes críticos intres,
senón para rescatar (por suposto cos cartos da cidadanía) a quen
estiveron repartíndose os beneficios da explotación laboral e
social dun xeito insolidario e mesquiño.
Necesidade
de autogoberno
Outra evidencia
desta crise é a necesidade obxectiva de contar cun verdadeiro
autogoberno na Galiza. Un autogoberno ao servizo das persoas
traballadoras e que polo tanto defenda tamén a súa seguridade e a
súa saúde no traballo.
A nosa capacidade de
decidir como pobo galego e de actuar na defensa dos nosos intereses
como maioría social é o único instrumento que pode garantir de
xeito eficaz que a prevención de riscos e a saúde laboral deixen de
ser só palabras e teñan a innegociábel e necesaria plasmación
real.
Adiante coa
defensa da saúde no traballo!
Adiante coa
CIG !
Confederación
Intersindical Galega
Galiza, 28
de abril de 2020

Ningún comentario:
Publicar un comentario