20/10/13

Tres anos solicitando información sen resposta: persoal contratado sen proceso selectivo nin convocatoria e retribucións moi superiores ás do resto do persoal laboral

Por terceiro ano o Comité de Empresa solicita información sobre diversos contratos por obra ou servizo que o Concello realiza anualmente e dos que se decoñece o proceso selectivo. 

Esta historia vén de lonxe, a representación do Comité de Empresa leva tres anos amosando a súa disconformidade por escrito na formalización destes contratos por varios motivos, o primeiro e máis importante é que cada contrato nunha administración pública, a non ser que sexa prorrogado, que non é o caso, debe ir precedido do proceso selectivo e a convocatoria pertinente, e o segundo e non menos importante é que o Concello emprega para este persoal contratado sen proceso selectivo un sistema retributivo que descoñecemos e que dá lugar a un salario moi superior non só ao de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, senón do propio funcionariado, que sempre cobrou máis que o persoal laboral ao determinar o Estado as súas retribucións.

A primeira vez que a presidenta do Comité se negou a dar o visto e prace a estes contratos, polos motivos enriba indicados, deu lugar a un episodio que queda no esquecemento xa mais que amosou claramente o xeito de proceder non só do persoal que se encargaba destes temas senón do propio goberno municipal. Un ano despois o mesmo Comité solicitaba información sobre esta situación ao considerar que o Concello estaba incorrendo nun grave agravio discriminatorio con respecto ao persoal laboral e tivo a calada por resposta con escusas verbais que o propio Concello nin cre dicindo que este persoal era discontinuo, feito total e absolutamente imposible porque na Administración pública só existen os fixos discontinuos e no Concello de Betanzos nunca houbo unha OPE para persoal laboral e non hai nin un só traballador fixo e o que é peor, que se fosen fixos discontinuos non terían que asinar contratos todos os anos, polo que o propio Concello realiza un procedemento que confirma que as escusas para esta situación total e absolutamente irregular son unha completa e absoluta mentira.

Neste ano 2013 acontece unha vez máis o mesmo, e como é obriga do Comité solicitouse por escrito toda a información con respecto a este tema, para que, cando menos, quede constancia, que se o Concello comete irregularidades non é co amparo cos representantes do persoal, e moito menos mentres a CIG teña delegados e poida facer públicos os agravios disciminatorios. Ao mellor pasado mañá o Concello nos entrega por escrito as explicacións ou os informes pertinentes, mais a día de hoxe, podemos dicir que unha grande parte do persoal laboral é discriminado salarialmente por parte dun alcalde que asina contratos cun salarios que obviamente non se corresponden cos marcados no convenio colectivo, e que lle outorga a persoal que traballa unha cuarta parte do mes ou mesmo menos, igual e incluso máis salario que os traballadores a xornada completa do Concello de Betanzos.

Aínda que levemos tres anos agardando a resposta, dende a CIG sempre coidamos que antes ou despois as irregularidades deben saír á luz pública para que cando menos todo o persoal sexa coñecedor do diferente trato que o goberno municipal perpetúa cos seus traballadores, e tampouco esquecemos que como sindicato defendemos o colectivo e o que é xusto e democrático, e por tanto, se de verdade se pode aplicar legalmente ese sistema retributivo á marxe do convenio colectivo para algún persoal laboral que o Concello o explique e llo aplique á totalidade dos traballadores do Concello de Betanzos, do contrario, que se deixe de trapalladas e escusas como que non hai cartos, non pode porque a lexislación non llo permite e múltiples escusas, porque cando quere, ben que pode.

Deixámosvos aquí as solicitudes de información con respecto a este tema que realizou o Comité de Empresa

O Concello segue incumprindo o convenio logo de que o Pleno aprobase por unanimidade a súa vixencia

Unha vez máis o Concello de Betanzos incumpre as normas que el mesmo aproba, así o está a facer co propio convenio colectivo do persoal laboral e así llo comunicou o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, estes días. O Concello, dende que o Comité de Empresa actual foi escollido incumpre sistematimaticamente o seu artigo 19, onde indica que é preceptivo un informe do Comité de Empresa nos casos de mobilidade funcional, tan frecuentes neste Concello, onde o goberno municipal cambia substancialmente as condicións laborais do seu persoal, horarios e lugares de traballo, continuamente e sen nin sequera comunicarlle os cambios por escrito, como é preceptivo, aos propios traballadores. Segundo vimos observando, ademais, este feito non acontece case nunca cos funcionarios, polo que persiste o trato como persoal de inferior categoría para o persoal laboral, sometido a continuos cambios nas condicións laborais sen a existencia da negociación pertinente.
Por todo isto, dende a CIG queremos denunciar publicamente que o Concello de Betanzos está a incumprir o convenio colectivo, non só neste, senón en varios puntos máis, prorrogado polo Pleno por unanimidade, e a pesar de que as decisións tomadas por este organismo parecen non afectar para nada ás decisións do goberno municipal, solicitouse que o Concello de Betanzos cumpra estritamente o Convenio colectivo do persoal laboral que vén de ser prorrogado por unanimidade polo propio Pleno do Concello recentemente e lle solicite ao Comité de Empresa todos cantos informes son preceptivos ao abeiro do artigo 19 e á mobilidade funcional do persoal laboral desta Administración local, previamente a modificar as condicións laborais dos seus traballadores.

Nos orzamentos xerais do Estado para 2014 cae o investimento público, o gasto social, sobe a débeda pública e a presión fiscal

O Gabinete Técnico de Economía da CIG, que vén de analizar o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2014, considera que provocarán que se afonde aínda máis na xa profunda crise na que estamos somerxidos. Advirte de que cae o investimento público; cae o gasto social (sobre todo o desemprego); hai unha forte perda de poder adquisitivo dos traballadores/as do Estado e dos/as pensionistas; increméntase a débeda pública para facer fronte á desfeita do sector financeiro e medra a presión fiscal.

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2014 presenta, a grandes trazos, as mesmas características que os dos últimos anos, polo que é moi previsíbel que se vaia agravar aínda máis a xa precaria situación na que se atopa a maioría da poboación, xa que a política orzamentaria é practicamente a única ferramenta co que conta o Goberno para mudar a marcha da economía, e non a está a utilizar neste sentido senón todo o contrario.
Así, non se producen grandes novidades tributarias nestes orzamentos. Para o ano 2014 o que se fai é concentrar todas as subas tributarias postas en marcha polo Goberno de Rajoy: aumento dos tipos marxinais do IRPF ao máximo, suba dos tipos de IVE, aumento dos impostos especiais e ambientais... Segundo a memoria do orzamento, o impacto fiscal estimado respecto destas medidas, novas e antigas, é de 3.658 millóns de euros. Con todo, o Goberno espera que a recadación tributaria acade os 179.750 millóns de euros. Facenda fía este incremento a un crecemento real da economía do 0,7%.
Prevese que remate 2013 cunha caída da actividade económica do 1,6% (no proxecto de orzamentos para 2013 prevíase que a caída ía ser do 0,5%, polo que estamos pois ante unha marxe de erro de máis do 1%). O próximo ano preséntase como o ano da recuperación, aínda que moi cativa, cun incremento do PIB do 0,7% de media no 2014, iso si, sen creación de emprego, xa que se espera que descenda un 0,2% ao longo do ano. Porén, a pesar de descender o emprego, nos Orzamentos prevese que baixe a taxa de paro en preto de 1 punto; suponse que polo efecto da emigración.
Con descenso de emprego e caída da capacidade adquisitiva da clase traballadora, dificilmente vai poder incrementarse o consumo privado como se sinala no escenario macroeconómico que sustenta este orzamento para o ano vindeiro.
Tamén se prevé un leve incremento do investimento, do 0,2%, logo dos descensos superiores ao 6% de anos anteriores. Aínda así, entre consumo privado e investimento non se compensa a caída do consumo das administración públicas, polo que a demanda interna vai descender un 0,4% con respecto ao ano anterior.
Continúa a ser a demanda externa a que sostén a actividade económica, aínda que para 2014 a achega do sector exterior ao PIB redúcese, ao pasar de 1,9 puntos no ano 2013 a 1,2 en 2014.
Neste escenario, de difícil credibilidade, o goberno central achega 423.230,10 millóns de euros a economía, un 3,7% máis que o previsto nos orzamentos para o ano 2013.
O proxecto de orzamentos do Estado para 2014 presenta un panorama desalentador. Os ingresos non financeiros redúcense un 1,1% con respecto ao previsto no ano anterior; a dita redución explícase pola caída da actividade e as altas taxas de desemprego, así como a redución dos salarios dos traballadores/as ocupados/os. De feito, e como xa está demostrado, foi a redución salarial da clase traballadora a única consecuencia da última reforma laboral.
Menos emprego e menores salarios fan que se reduzan os ingresos derivados da imposición directa sobre as rendas do traballo e as cotización salariais (un 0,7%) e da indirecta pola vía dun menor consumo (un 7,5%); e son estes dous capítulos os que sustentan, basicamente, os ingresos tributarios.
A caída dos ingresos tributarios redunda nun descenso dos ingresos non financeiros do 1,1%. A falta de ingresos non financeiros compénsanse con novo endebedamento, débeda que non se utiliza para investimento produtivo nin para partidas destinadas a xerar emprego, senón maioritariamente para facer fronte á amortización da débeda pasada e ao pagamento dos seus xuros, e que foi utilizada maioritariamente para paliar a desfeita do sistema bancario.
Para o ano 2014 prevese un endebedamento bruto de 141.291,95 millóns de euros; e se a isto restamos os 68.333,67 millóns que están destinados a amortizar débeda, o resultado é endebedamento neto de 72.958,28 millóns de euros. Mais os gastos financeiros ascenden a 36.662,10 millóns, co cal, realmente apenas 36.000 millóns do novo endebedamento van directamente á economía.
Desagregando o gasto por capítulos temos:
Gastos consolidados. Millóns de euros.
Capítulo
2013
2014
Variación
 %

Importe
% total
Importe
% total
I. Gastos de persoal
21.414,21
5,20
21.302,29
5,00
-0,50
II. Gastos en bens correntes e de servizos
7.180,23
1,80
7.614,40
1,80
6,00
III. Gastos financeiros
38.660,26
9,50
36.662,10
8,70
-5,20
IV. Transferencias correntes
225.157,23
55.20
231.081,06
54,60
2,60
TOTAL OPERACIÓNS CORRENTES
292.411,93
71,70
296.659,85
70,10
1,50
V. Fondo de continxencia
2.595,46
0,60
2.695,18
0,60
3,80
VI. Investimentos reais
5.247,22
1,30
4.732,37
1,10
-9,80
VII.Transferencias de capital
8.270,03
2,00
10.002,20
2,40
20,90
OPERACIÓNS DE CAPITAL
16.112,27
3,9
17.429,75
4,10
8,07
T. GASTOS NON FINANCEIROS
308.524,64
75,60
314.089,60
74,20
1.80
VIII. Activos financeiros
36.928,20
9,10
40.535,25
9,60
9,80
IX. Pasivos financeiros
62.588,22
15,30
68.605,25
16,20
9,60
TOTAL GASTOS FINANCEIROS
99.516,42
24,40
109.140,50
25,80
9,70
Total orzamento
408.041,06
100,00
423.230,10
100,00
3,70
Fonte: Proxecto de orzamentos xerais do estado para 2014.
As transferencias correntes é o capítulo de maior peso, xa que absorben o 54.6% do total do orzamento. Logo deste é o capítulo IX, pasivos financeiros (amortización da débeda), co 16,2% do orzamento o seguinte en importancia; este capítulo medra un 9,6% con respecto ao ano anterior. Entre este, o IX, e mais o capítulo III, gastos financeiros, absorben o 25% do orzamento, a pesar de que os gastos financeiros diminúen con respecto a 2013 debido á caída da prima de risco española.
No que atinxe aos gastos de persoal, ata este ano estaban incluídos nesta partida os créditos destinados ás pensións das clases pasivas do Estado, mais neste orzamento pasa ao capítulo de transferencias correntes. Esta modificación leva a unha nova distribución dos orzamentos proxectados para 2013 para poder facer unha comparación homoxénea.
Así, os gastos de persoal, apenas representan o 5% do total do gasto, mentres que se incluísen as pensións das clases pasivas estaríamos falando de 3 puntos máis, xa que estas representan en torno aos 12.000 millóns de euros. Os devanditos gastos son un ano máis unha das partidas onde o Goberno aplica a “política de austeridade”; neste caso a redución é do 0,5% que se explica pola conxelación salarial do persoal activo, e a non reposición de empregos públicos -agás un 10% para determinados colectivos como son forzas e corpos de seguridade do Estado e de loita contra o fraude fiscal e laboral-. Así, estímase que o cadro de persoal da administración se reduza en preto de 13.500 traballadores.
Dentro do capítulo de transferencias correntes, imos centrarnos especificamente non cualificadas como gasto social.
Gasto social

2013
2013
Variación
Pensións
121.556,51
127.483,83
4,9
Outras prestacións económicas
11.880,26
11.603,83
-2,3
Servizos e promoción social
2.848.49
1.809,81
-36,4
Fomento do emprego
3.771,51
4.073.52
7,9
Desemprego
26.993,70
29.727,53
10,1
Acceso a vivenda
765,88
799,64
4,4
Xestión e administración da seguridade social
4436,30
4.377,40
-1,3
(1) PROTECCIÓN E PROMOCIÓN
 SOCIAL
172.252,65
179.875,57
4,4
Sanidade
3.852,27
3.839,76
-0,4
Educación
1.944,73
2.150.05
10,6
Cultura
721,70
716,40
-0,7
(29 PRODUCIÓN DE BENS
 PÚBLICOS DE CARÁCTER
PREFERENTE.
6.518,70
6.706,21
2,8
GASTO SOCIAL (1)+(2)
178.771,35
186.581,77
4,4
Fonte: Proxecto de orzamentos xerais do estado para 2014.
O medre do programa de pensións dun 4,9% débese ao incremento do gastos das pensións e outras prestacións das clases pasivas do Estado, xa que o gastos das pensión das seguridade social, sexan ou contributivas ou non contributivas, descenden, iso a pesar do anunciado 0,25% de incremento das pensións.
A dotación da política doutras prestacións económicas descende un 2,3% para o ano 2014. É de salientar neste apartado o gasto destinado a IT (incapacidade temporal), que se espera que descenda un 16,3% con respecto a 2013. A menor afiliación, xunto co aumento das trabas por parte das mutuas para acceder a esta prestación, explican este descenso. Tamén as prestacións vinculadas á cesión temporal no traballo por nacemento de fillo, paternidade, risco, etc., descenden nun 5,7%.
O destinado a FOGASA, que esta incluído nesta partida, increméntase para o ano próximo en 500 millóns de euros. Así, segundo se especifica na memoria do proxecto destinaranse a axilizar os trámites dos expedientes cuxa xestión está destinada a este organismo.
Dentro do apartado de servizos e promoción social, é de destacar que no ano 2013 se incluíran nesta partida máis de 1.000 millóns que correspondían a obrigas de exercicios anteriores en materia de dependencia. De aí que en termos homoxéneos a partida se reduza un 0,1% con respecto ao ano anterior.
Dentro desta partida a de maior peso é o programa de dependencia. A partida destinada a este programa mantense practicamente nas mesmas contías que durante 2013, debido en parte ás medidas introducidas no RD 20/2012, do 13 de xullo. Entre estas medidas é de salientar a redución das contías máximas das prestacións económicas para coidados no contorno familiar, unha minoración nas contías do nivel mínimo de protección garantido e a demora ata xullo de 2015 da incorporación ao Sistema de Dependencia de novos dependentes moderados.
Practicamente todos os programas incluídos nesta partida sofren un retroceso.
No que atinxe a fomento do emprego, para 2014 hai un incremento previsto nesta partida do 7,9%, en torno a 300 millóns de euros máis. Este leve incremento non nos debe facer esquecer que esta partida foi das máis castigadas en anos anteriores; así, só sumando os dous anos anteriores estamos falando dunha redución de máis do 50%. Como é posíbel que na etapa de crecemento económico e un nivel de desemprego por debaixo do 10% se destinase a fomentar o emprego máis do dobre que hoxe cunha taxa de paro próxima ao 30%?
Dentro desta partida unha das liñas que máis medrou é a de bonificacións á contratación, así como o programa PREPARA, que se renova automaticamente mentres a taxa de paro supere o 20% da poboación activa.
Á formación profesional -que tamén está incluída nesta partida- espérase destinar 1.815,06 millóns, un 1,8% menos que no ano 2013. Desta contía, preto de 900 millóns destínanse á formación de ocupados/as e 650,00 á de desempregados/as.
Polo que respecta á partida de desemprego, espérase un incremento do 10,1% para 2014. Para o ano 2013 o orzamento inicial foi insuficiente, polo que no proxecto presente están incluídos máis de 4.400 millóns de euros para atender as obrigas do ano 2013. Sen este incremento, a partida destinada a este fin sería un 5,5% inferior á inicialmente prevista no ano 2013. Se temos en conta o realmente gastado no ano 2013, é dicir, o previsto nos orzamentos máis os 4.400 millóns incorporados neste exercicio, estamos falando dun gasto en desemprego durante 2013 de 31.402,93 millóns, co cal a caída neste ano é do 19,3%. O que non se gasta en crear ou fomentar o emprego acábase gastando finalmente en apoio ás persoas desempregadas.
A redución prevista nesta partida, tal vez se explique porque cada vez hai máis persoas paradas de longa duración, as cales xa non teñen dereito a ningún tipo de prestación, posto que o nivel de ocupación se prevé que descenda durante 2014 un 0,2%. A pesar do descenso do emprego, estímase unha taxa de paro inferior á do ano 2013. A explicación estará novamente na emigración. O que si está claro é que vai haber máis traballadores sen emprego e sen prestacións, co conseguinte incremento da pobreza e exclusión social, mais isto xa lles corresponde ás Comunidades Autónomas.
Para o ano 2014 non se prevé dotación ningunha para o fondo de reserva da seguridade social. Durante 2013 estímase que se van detraer destes uns 7.003,00 millóns de euros, co cal o fondo de reserva quedaría en 63.788,14 millóns.
Sen saírmos do gasto social, pero xa falando da produción de bens da carácter social, baixa a partida destinada a sanidade e medra en educación. Tanto nun caso como noutro estas partidas hai que analizadas máis nos orzamentos da Comunidade xa que practicamente están transferidas todas as competencias. Aínda así, indícase unha tendencia.
Dentro de educación, a partida máis importante do ministerio é para bolsas de estudo, que nun principio vai sufrir un importante incremento, pero non debemos esquecer que cada vez hai máis alumnado que cumpre os requisitos para ter dereito a unha bolsa, posto que cada vez hai máis familias con algún membro en situación de desemprego, ou que viron reducidos os ingresos da unidade familiar. Simplemente son gastos que provoca a falla de emprego, polo que cómpre estarmos atentos á distribución dos mesmos.
As partidas destinadas a I+D increméntanse para 2014, especialmente a investigación militar, que se prevé incrementar nun 39,5% máis de fondos. Pola contra, o aumento destinado para a investigación civil é do 1,3%.
Fóra dos gastos correntes, os investimentos de capital evolucionan de forma distinta. Medran as transferencias de capital e a dotación ao fondo de continxencia, e cae novamente o capítulo de investimentos reais; neste ano un 9,8%, pero o anterior un 15% e en 2012 outro 15%. Estamos pois cun 50% menos nos 3 últimos anos.
No que atinxe ao investimento real, apenas existe investimento en proxectos novos. Así, practicamente todos van destinados a mantemento e reposición de infraestruturas xa existentes.
A meirande parte das transferencias de capital son absorbidas por sociedades que xestionan infraestruturas (fundamentalmente Adif, aeroportos nacionais, portos do Estado...). Na distribución destes investimentos inflúen varios factores: características do territorio, se ten costa ou non, etc. Entre uns e outros, a distribución territorial é como segue.
O investimento de capital é para todo o Estado español. Canto lle corresponde a Galiza?
Distribución territorial do investimento público en 2014.

2012
2013
2014






Andalucía
1.851,91
1.632,84
1697,7
4,0
Aragón
467,55
328,96
369,1
12,2
Asturias
506,95
426,07
291,1
-31,7
Baleares
143,25
78,72
74,0
-6,0
Canarias
286,68
269,54
255,6
-5,2
Cantabria
121,9
159,55
197,8
24,0
Castela e León
1.584,89
1.587,11
1399,5
-11,8
Castela a Mancha
855,4
612,33
492,5
-19,6
Catalunya
1.403,21
1.262,30
944,4
-25,2
Estremadura
368,79
327,6
350,8
7,1
Galiza
1.706,15
1.309,08
1.353,8
3,4
Madrid
1.265,59
1.078,65
909,1
-15,7
Murcia
375,67
408,56
300,6
-26,4
Navarra
79,98
25,34
50,4
99,0
A Rioxa
75,03
64,51
91,7
42,2
Valencia
1.008,56
654,45
605,8
-7,4
Euscadi
521,75
350,36
323,2
-7,7
Melilla
28,44
22,77
28,3
24,5
Ceuta
46,03
44,13
51,4
16,4
T. rexionalizábel
12.697,73
10.642,87
9.786,95
-8,0
Fonte: Proxecto de orzamentos xerais do estado para 2014.
Galiza é a terceira comunidade por nivel de investimento, despois de Andalucía e Castela e León, cun investimento previsto de 1.350,08 millóns de euros, un 3,4% máis que no ano anterior. A dotación para o AVE absorbe a meirande parte desta partida. É, polo tanto, unha partida comprometida e que non ofrece nada novo á nosa situación de anterior.
A través do FCI ( Fondo de Compensación Interterritorial), os fondos a distribuír cada vez son menos e ademais os destinados a Galiza son dos que máis descenden.
Fondo de Compensación Interterritorial

2013
2014
2013/

Importe
% total
Importe
% total
2012%
Galiza
61,16
10,7
44,55
10,5
-27,2
Andalucía
204,59
35,8
159,35
37,4
-22,1
Asturias
16,22
2,8
13,07
3,1
-19,5
Cantabria
4,42
0,8
3,9
0,9
-11,7
Murcia
28,71
5
20,89
4,9
-27,3
Valencia
72,83
12,7
53,87
12,7
-26
Castela a Mancha
46,2
8,1
37,72
8,9
-18,4
Canarias
69,22
12,1
44,69
10,5
-35,4
Estremadura
34,43
6
26,9
6,3
-21,9
Castela e León
25,04
4,4
20,89
4,9
-16,6
Fonte: Proxecto de orzamentos xerais do estado para 2014.
Por esta vía, apenas se estima que se ingresen nas arcas galegas, 44 millóns de euros, un 27,2% menos que durante 2013. De seguir así, con este ritmo de descenso, este fondo desaparece.
En resumo, o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2014 debuxa practicamente o mesmo escenario que o ano anterior: cae o investimento público; cae o gasto social (sobre todo o desemprego); hai unha forte perda de poder adquisitivo dos traballadores/as do Estado e dos/as pensionistas; e increméntase a débeda pública para facer fronte á desfeita do sector financeiro. E todo adobiado cun medre da presión fiscal. Bonito panorama que nos vai levar a afondar aínda máis na profunda crise na que estamos sumerxidos. Algo que por outra parte é o que se pretende, para así ter a xustificación precisa para aplicar as políticas que levan anos agochados esperando aplicar: desfeita do sector público de carácter preferente (sanidade e educación), forte redución das pensións públicas, desprotección total da clase traballadora... e uns poucos empresarios esperando repartir o pastel. Mais en todo isto, hai algo difícil de comprender: se a sanidade é tan deficitaria, se o sistema de pensións tamén o é, por que será que tanto lle interesan ao sector privado?
Outubro de 2013
Natividad López Gromaz
(Gabinete Técnico Confederal da CIG)