23/08/12

Nova convocatoria de Mesa Xeral de Negociación

Hoxe pola mañá o Concello convocou Mesa Xeral de Negociación para o vindeiro luns. O certo é que o Concello segue a facer caso omiso ás demandas dos traballadores de convocatoria de Mesa Xeral para tratar temas de moita relevancia, tal e como xa se solicitou no pasado mes de maio, como a continua realización de horas extras por unha parte do persoal, as dispoñibilidades non recoñecidas nin remuneradas, a discriminación de horario do Persoal que entra a traballar antes do horario marcado no convenio, a falta de planificación dos calendarios anuais do persoal que traballa a quendas, os criterios de distribución das categorías nos complementos de posto e un longo etcétera, mais convoca a Mesa Xeral para tratar un tema que xa levou nun punto da orde do día da anterior convocatoria, a un día do pleno e feita coma un atraco a man armada.

Como se pode ver na convocatoria, o Concello non é quen de facer cousa con cousa, posto que logo de tres convocatorias de Mesa Xeral os delegados sindicais, cando menos os da CIG, non dispomos nin asinamos nin unha soa acta da Mesa de Negociación, polo tanto non temos constancia documental de todo o tratado nin dos acordos adoptados, é lamentable que unha Administración pública, logo de ano de medio, non sexa quen de facer ben as cousas, aínda que sempre poderemos pensar que non quere que os delegados sindicais dispoñan desa documentación para que sexa máis complicado acreditar nun xulgado as continuas irregularidades que leva anos comentendo o Concello de Betanzos en materia de persoal.


Por outro lado, achégasenos unha proposta que xa o Goberno fixo na anterior Mesa Xeral e que aínda por riba, ten un grave erro de copia e pega posto que indica "por todo isto, proponse a adopción do seguinte acordo polo Pleno" cando esta proposta foi entregada aos delegados sindicais, polo cal ese acordo se se propón ao Pleno e non á Mesa Xeral de Negociación non poderá ser tomado pola devandita Mesa de Negociación, se a proposta non é para a Mesa. 


Logo da Mesa, como sempre informarémosvos puntualmente, mais o certo é  hai moitas convocatorias pendentes e isto, logo de que xa se tratase hai menos dun mes, non parece máis que un lavado de cara por parte do Goberno municipal, dun tema que veu por decreto e no que se escudan para non amañar os problemas reais que en materia de persoal arrastra este Concello desde hai ben anos e que, en moitos casos, se poderían resolver só con un pouquiño de vontade por parte do Concello, vontade, que logo dun ano e medio está claro que non existe.

13/08/12

IRPF e roubo da paga extra: o Comité de Empresa solicitou a regularización das cotizacións

É posíble que as persoas autoras do roubo da nosa paga extraordinaria de decembro non previsen algunhas das consecuencias do seu delito; concretamente, o desfase temporal que esta situación provocará no Tesouro, xa que os ingresos por retencións de todo o persoal ao servizo das Administracións públicas diminuirán con respecto aos actuais polo menos dous meses antes de que obteñan o botín da nosa paga de decembro. Como, ao advertir a situación, poden ter a tentación de tapar o burato atrasando ata o mesmo mes de decembro a regularización das nosas retencións, o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG solicitou  por rexistro que o Concello dite coa maior brevidade as instrucións precisas para os efectos de que se proceda de inmediato ou, a máis tardar, na nómina do mes de outubro de 2012, á regularización do tipo de retención a conta do IRPF que se lle vén aplicando ao persoal laboral, no caso de que neste Concello haxa unha aplicación efectiva do artigo 2 do Decreto 20/2012. Hai que ter en conta ao respecto que, se na nómina de outubro non se tivese producido a regularización do tipo de retención, os traballadores teriamos dereito a interpoñer reclamacións económico-administrativas contra as retencións practicadas, por excesivas, e a instar a rectificación das autoliquidacións (modelo 111) nas que estas se tivesen ingresado. A lea sería histórica.

Certo é que nas últimas semanas fálase da posibilidade de que se cobre a paga extra "doutro xeito", mesmo na prensa aparece que hai Concellos que lla pagarán igualmente aos seus traballadores. No Concello de Betanzos, na última Mesa Xeral de Negociación, o Concello informou que falaría cos servizos económicos para preguntar por algunha alternativa e, o BNG, que convocou a todos os representantes dos traballadores na semana pasada, indicounos que levará ao próximo Pleno a iniciativa para propor que nos paguen a devandita paga extra. Sexa o que for, está claro, á vista do que está a pasar, que como tantas outras cuestións este é un tema de vontade política e nos vindeiros meses os feitos demostrarán se a defensa dos traballadores públicos é só cara o escaparate ou hai unha vontade real de frear os ataques que está a sufrir o emprego público nunha carreira imparable cara á privatización das Administracións públicas.

Calendario laboral 2013

No DOG de 10/08/2012 publícase o Decreto 169/2012, do 1 de agosto, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galiza do calendario laboral para o ano 2013:
17 de maio de 2013: Día das Letras Galegas
24 de xuño de 2013: San Xoán
25 de xullo de 2013: Día Nacional de Galiza AnuncioCA05-060812-0003_gl

09/08/12

Convocatoria de dúas prazas no Concello de Betanzos

Supoñemos que o próximo decreto que disque vai regular os despedimentos colectivos non se aplicará neste Concello porque mentres se privatizan os servizos públicos por unha banda, por outra séguese a contratar novo persoal, o certo é os bandazos deste Goberno en materia de persoal son ben contraditorios, porque seica non se pode contratar persoal para cubrir baixas, vacacións etc mais logo sorpréndennos con convocatorias de prazas como a de hoxe no Boletín Oficial da Provincia.

Convocatoria para un posto de técnico/a de orientación laboral no Concello de Betanzos. Publicada no BOP de hoxe. Cinco días para presentar a documentación.

Podes consultar a convocatoria premendo aquí.

Convocatoria dun/dunha auxiliar administrativo para o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Betanzos. Dez días para presentar a documentación.

Podes consultar a convocatoria premendo aquí

Unha vez máis o Comité de Empresa tiña un total descoñecemento destas convocatorias e  certo é que a simple vista volvemos aos problemas de sempre, cal é o criterio do Concello para que para unha praza o prazo sexa de cinco días e para outra de dez? E que agocha agora para non publicar as convocatorias na páxina web municipal tal e como din as bases? Polo visto, SEGUIMOS COAS TRAPALLADAS, e os malos costumes é difícil deixalos, aínda que como o alcalde di na prensa que en setembro se retomará o diálogo, esperemos que para daquela sexa este goberno quen de ouvir as propostas da representación dos traballadores sen ter que acudir ao xulgado como ao longo deste último ano.

08/08/12

Prepárase o procedemento para os despedimentos colectivos nas administracións públicas

Inclúese no decreto lei que prepara o goberno para adaptar á reforma laboral o despedimento colectivo, de suspensión de contratos e redución de xornada O PP ten preparado xa o borrador do “Proxecto de Real decreto polo que se aproba o regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada”. Un texto co que se pretenden incorporar as modificacións aprobadas na reforma laboral ao Estatuto dos Traballadores/as e que afecta a todos os sectores, incluídas as administracións públicas e, xa que logo, á Xunta de Galiza. 

O documento inclúe, no Capítulo I do seu Título III as “Normas específicas dos procedementos de despedimento colectivo do persoal laboral ao servizo dos entes, organismos e entidades que forman parte do sector público”. E no Capítulo II o “Procedemento de despedimento colectivo aplicábel nas Administracións Públicas”.

Para o primeiro caso, o procedemento será igual que o previsto para os despedimentos colectivos en calquera empresa privada. Para o segundo, as causas serán tamén económicas, técnicas, organizativas ou de produción, pero delimítanse os criterios para entender que concorren esas causas.

Respecto das causas económicas, entenderase que concorren:

A)    Cando as subvencións nominativas do Departamento, consellaría ou entidade local, ente ou organismo teñan diminuído, cando menos un 10% respecto do exercicio anterior”.
B)    Cando as transferencias de capital correspondentes ás citadas entidades teñan diminuído un 10% respecto do exercicio anterior.
C)    Cando a aportación orzamentararia do convenio ou contrato programa que tivera concertado o ente, organismo ou entidade de que se trate teña diminuído, cando menos un 10%, respecto do exercicio anterior
D)    Cando se teña adoptado un acordo de non dispoñibilidade que afecte ao departamento, consellaría, entidae local, ente ou organismo de que se trate.
Entenderase que concorren causas técnicas cando se produzan cambios, entre outros, no ámbito dos medios ou instrumentos da prestación do servizo público ou actividade de interese xeal de que se trate e que concorren causas organizativas cando se produzan cambios no ámbito dos sistemas e métodos de traballo do persoal adscrito ao servizo público ou actividade de interese xeral.

Para a CIG-Administración o feito de que se desenvolva esta regulamentación é un elemento “devastador” que vai afectar a todo o persoal, non só temporais e indefinidos, senón mesmo ao persoal laboral fixo que ten superado procesos selectivos para o acceso a tal condición.

Segundo o procedemento previsto, denuncia que será a propia administración quen decida sobre despedimentos colectivos na administración. Para iso, advirte, abóndalle con infradotar orzamentariamente cun 10% a calquera ente para que se entre nun proceso de despedimento colectivo para xustificar as causas económicas previstas.
No caso de causas organizativas, alerta de que abondará con xustificar que o servizo se poida prestar externamente reducindo custos e de que o único criterio para priorizar a afectación dos despedimentos vai ser o ter pasado un proceso selectivo. “A partir de aí non existen criterios, nin a antigüidade, nin ningún outro, quedando expedita a vía da selección arbitraria por parte da Administración de a quen despedir e a quen non”.

Do mesmo xeito, denuncia que este decreto lei constituirá unha referencia para a modificación do EBEP de cara a rematar coa permanencia dos/as empregados/as públicos/as, “especialmente dos funcionarios/as de carreira, que poderían ver como no futuro desaparece calquera garantía neste sentido”, afirman.

Considera que “é un paso máis, non só para reducir a administración, senón tamén para privatizala, ao permitir que empresas privadas asuman tarefas desenvolvidas por empregados públicos”.

Denuncia que “un borrador desta importancia para a xeneralidade dos empregados públicos”, non fose posto no seu coñecemento. Lembra que soubo da súa existencias “durante a rolda de intervencións da Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza, o pasado mércores 1 de agosto, cando a Dirección Xeral da Función Pública anunciou que estaba en trámite esta disposición a nivel do Estado”. 

Considera inadmisíbel que non se lle facilitara ningún documento, malia teren a consideración de sindicato máis representativo e con presenza na Mesa Xeral de Administracións Públicas en Madrid. Máis cando outras organizacións sindicais dispoñen deste borrador como mínimo desde o 27 de xullo, data do documento do que hoxe se fai eco a prensa e que xa a está a circular por internet. 

En todo caso, rexeita que se veñan de facer alegacións por parte dalgunhas centrais sindicais “no canto de oporse de plano este aberrante Real Decreto”.

Por iso, fai un chamamento a todos/as empregados/as publicos/as a continuar mobilizándose contra todas as medidas de destrución das Administracións Públicas e dos Servizos Públicos.

A CIG está estudando o conxunto do borrador para ver como afecta aos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada en todos os sectores.

07/08/12

Borrador do RD Lei dos despidos colectivos de empregados públicos

2012.08.6.Borrador Rd Despidos Colectivos

En marcha o real decreto dos despidos colectivos de empregados públicos

Na senda de liquidación das Administracións Públicas que leva emprendida o PP, introdúcese agora o elemento máis devastador de todos cantos cabía esperar: a regulación do despedimento colectivo no Sector Público.

1º. Se se regula é porque se vai aplicar. Quen ninguén se chame a engano pensando que se trata simplemente dun desenvolvemento regulamentario sen máis. Unha vez que as instancias políticas dispoñan dese instrumento vai ser utilizado.

2º. Afecta a todas as Administracións Públicas incluída á Administración da Xunta de Galiza.

3º. Afecta a todo o persoal laboral, non so a temporais e indefinidos, senón ao persoal laboral fixo que ten superado procesos selectivos para ao acceso a tal condición.

4º. Está en poder da Administración decidir se existen causas de despido colectivo ou non:
  • No caso de causas económicas, abonda con infradotar orzamentariamente cun 10% a calquera consellaría ou ente para que se entre nun proceso de despedimento colectivo
  • No caso de causas organizativas, abonda con xustificar que o servizo se poida prestar externamente reducindo custos.

5º. O único criterio para priorizar a afectación dos despedimentos vai ser o ter pasado un proceso selectivo. A partir de aí non existen criterios, nin a antigüidade, nin ningún outro, quedando expedita a vía da selección arbitraria por parte da Administración de a quen despedir e a quen non.

6º. Constitúe unha referencia para a modificación do EBEP de cara a rematar coa permanencia dos/as empregados/as públicos/as, especialmente dos funcionarios/as de carreira, que poderían ver como no futuro desaparece calquera garantía neste sentido.

7º. É un paso máis non só para reducir a Administración, senón para privatizala, ao permitir que empresas privadas asuman tarefas desenvolvidas por empregados públicos.
É tamén realmente preocupante que un borrador desta importancia para a xeneralidade dos empregados públicos, non fose posto en coñecemento da CIG. Foi durante a rolda de intervencións da Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza, o pasado mércores 1 de agosto, cando a Dirección Xeral da Función Pública anunciou que estaba en trámite esta disposición a nivel do Estado, sen facilitárselle á CIG documento ningún, apesar de que a CIG ten a consideración de sindicato máis representativo e con presenza na Mesa Xeral de Administracións Públicas en Madrid. Dáse a circunstancia de que outras organizacións sindicais dispoñen deste borrador como mínimo desde o 27 de xullo, data do documento do que hoxe se fai eco a prensa e que xa a está a circular por internet.

Rexeitamos tamén que se veñan de facer alegacións por parte dalgunhas centrais sindicais no lugar de rexeitar de plano este aberrante Real Decreto.

Desde a CIG facemos un chamamento a todos/as empregados/as publicos/as a continuar mobilizándose contra todas as medidas de destrución das Administracións Públicas e dos Servizos Públicos.

Xa non enganan a ninguén, e dende a CIG temos claro cal é o camiño a seguir


Logo dos acontecementos da última semana queda perfectamente claro que o Goberno local tiña todo preparado para saírse coa súa, non contar co persoal para a negociación da RPT e “beneficiar” a uns poucos en detrimento da maioría. Todo isto aderezado con mentiras de que estas modificacións van supor a mellora dunha parte do persoal, cando, por exemplo, o persoal que non está na RPT efectivamente estaba sendo discriminado dende hai anos mais pola vontade dos distintos gobernos locais de pasar por riba das leis ou sempre utilizalas en contra dos dereitos dos traballadores e a pouca disposición do persoal a denunciar as situacións de discriminación.

As mentiras ao persoal son o eixe da política de recursos humanos deste Concello e así quedou patente cando o concelleiro de Persoal, no pleno do pasado 31 de xullo, tivo a cara de dicir que os compañeiros do GRUMIR non foron despedidos cando hai xa cinco sentenzas que condenan ao Concello por despido improcedente, e iso só é unha gota do vaso, porque neste Concello a maior parte do persoal está nunha situación contractual irregular e iso é culpa exclusivamente de quen gobernou e goberna, por moito que intenten enganar está máis que claro que o persoal laboral é menosprezado polos gobernos municipais que propiciaron que a situación actual sexa desastrosa. Dende a CIG agardamos que isto non se traduza en despedimentos amparados en decretos do Goberno estatal que disque están para saír.

Como xa dixemos, moitos son os postos modificados nesta nova RPT sen consultar cos traballadores, só a uns cantos escollidos se lle comunicaron as mudanzas mais á grande maioría non se lle dixo nada a pesar de que as mudanzas poden afectar substancialmente á súa situación laboral. Aproveitando o argumento de que non pode haber melloras colectivas increméntanlle complementos a algúns compañeiros e o problema volve ser o de sempre, dende a CIG estamos a favor de que, sempre dentro do que é o emprego público e os seus límites legais, se recoñeza o traballo ao persoal que o realiza mais o que nunca poderemos defender é para uns si e para outros non, é dicir, que habendo moito máis persoal en situacións semellantes non se lle recoñeza tal traballo e o Goberno presente unha RPT totalmente arbitraria que non xustifica as diferenzas salariais desorbitadas nalgúns casos entre postos semellantes. Se hai traballadores de primeira e segunda para este Concello que o diga alto e claro dunha vez e que non intente enganar, nin irse de legal cando só recorre a falar de leis cando pretende confundir ao persoal coa estratexia do quero e non podo.

En xeral, son moitos os erros desta Relación de Postos de Traballo feita unilateralmente polo Concello e sen ningunha negociación, mais entre eles hai mudanzas nas denominacións dos postos de traballo que se converten en equívocas e pouco clarificantes, hai erros de vulto na forma de provisión de postos de traballo e as prazas de persoal laboral aparecen como cubertas cando están todas vacantes, posto que o persoal laboral é todo temporal, e os requisitos de titulación son arbitrarios e non aparecen en todos os postos. Ademais, e o máis grave, é que falta o sistema empregado para valorar cada posto (manual) como a aplicación deste sobre cada posto valorado, e en xeral, o que se pode constatar son unhas diferenzas inxustificadas moi grandes no complemento específico entre o persoal da mesma categoría, igualmente, a desproporción na valoración dos postos ocupados por funcionarios e persoal laboral e tamén na diferenza de valoración entre postos coas mesmas ou similares funcións. Non deixa de ser significativo que o funcionariado teña perfectamente definidas as funcións do seu posto e ao persoal laboral non lle reflictan unha grande parte das que realiza, ademais de que se recollan melloras salariais para tres funcionarios e un laboral, cando o persoal laboral é case o dobre de traballadores que o funcionariado e, aínda por riba, nunha grande parte dos casos realiza moitas máis funcións que as propias do seu posto de traballo, como veñen de demostrar as sentenzas do GRUMIR.

Dende a CIG do Concello de Betanzos temos claro que o camiño iniciado comeza a dar os seus froitos e aínda que é ben triste que o Concello non deixe outra opción recorreremos a el todas as veces que faga falla. Se logo dun mes os orzamentos se aprobasen automaticamente de xeito provisional iniciaríase un proceso onde se poderán presentar alegacións á toda a Relación de Postos de Traballo e mais individuais a cada un dos postos, e entón é cando dende a CIG actuaremos de novo en consecuencia co que levamos defendendo dende que acadamos representación neste Concello e manteremos informado a todo o persoal puntualmente porque iso é o que fai falla neste Concello máis información e menos mentiras.

05/08/12

CIG- Saúde laboral: Por qué o estrés no traballo importa


Unha onda de suicidios en France Telecom fai catro anos volveu a figurar nas noticias. A decisión das autoridades francesas de pór baixo investigación xudicial ao ex presidente de France Telecom pola súa presunta responsabilidade en máis de 30 suicidios de empregados resalta un tema que poucas veces é discutido pero que ten graves repercusións para a saúde dos traballadores: o estrés. A OIT advirte sobre os riscos á saúde mental vinculados coa tensión no traballo.

Os suicidios en France Telecom en 2008 e 2009 coincidiron co agravamento da crise financeira mundial e a reestruturación da empresa.
A decisión deste caso dependerá dos tribunais franceses”, dixo Seiji Machida, Director do Programa SafeWork da OIT. “Con todo, aquí na OIT pensamos que a crise se converteu en motivo de preocupación para a saúde e seguridade dos traballadores en todo o mundo”.
De acordo co experto da OIT, os traballadores teñen que facer fronte ao medo de perder o traballo e o estrés que isto xera. A redución dos recursos destinados á seguridade e saúde dos traballadores podería empeorar a situación.
A pesar da crise, é necesario investir nunha forza de traballo saudable”, afirmou Machida. “Non só debido ao sufrimento das persoas, senón tamén porque o estrés ten custos moi elevados”,
Ao redor de 35 empregados de France Telecom suicidáronse entre 2008 e 2009. Varios deles deixaron notas queixándose da presión que sufrían no traballo. Un informe gobernamental de 2010 dixo que a empresa ignorara os consellos de médicos sobre o impacto das políticas de restructuración na saúde mental dos traballadores.
Na maioría dos países, o custo total dos accidentes e as enfermidades relacionados co traballo, incluso os asociados co estrés, é moi alto. Por exemplo, na Unión Europea estímase entre 2,6 e 3,8 por cento do produto interno bruto (PIB).
Os estudos ademais suxiren que o estrés é a causa de entre 50 e 60 por cento de todas as xornadas laborais perdidas, un custo enorme en termos tanto de aflición humana como de perda económica.
É probable que os organismos encargados de facer cumprir a lei, os inspectores de traballo e os servizos de seguridade e saúde conten con recursos limitados para exercer as súas funcións. “O resultado podería ser un incremento pronunciado de lesións e mortes e do estrés relacionado co traballo”, advertiu Machida.
Un aumento das enfermidades mentais
Mentres que en casos extremos, o estrés pode conducir ao suicidio, o experto da OIT advirte sobre un aumento xeral das enfermidades mentais debido o estrés no lugar de traballo, tanto en Europa como noutras rexións.
Esta tendencia ten diversas causas: exceso de información, intensificación do traballo e das presións temporais, maiores esixencias de mobilidade e flexibilidade, estar sempre “disponible” debido á tecnoloxía dos teléfonos móbiles e, por último pero non menos importante, o medo de perder o traballo.
Segundo a OIT, a mellor maneira de abordar estes problemas é a través de estratexias adaptadas ás condicións específicas do lugar de traballo en cuestión. Os problemas dunha fábrica grande nun país industrializado, por exemplo, poden ser moi diferentes daqueles nunha planta de produción nun país en desenvolvemento.
A estreita colaboración entre os dirixentes e os traballadores é indispensable para atopar solucións aos problemas de seguridade e saúde no lugar de traballo. A participación e a contribución dos traballadores, dos seus representantes e sindicatos tamén é esencial para previr o estrés no traballo”, concluíu Machida.
Machida referíase a dúas novas publicacións da OIT: Stress prevention at work checkpoints, unha guía para avaliar os controis en materia de saúde e seguridade, e SOLVE: integrar a promoción da saúde nas políticas de seguridade e saúde no lugar de traballo, un módulo de formación dirixido ás empresas que se centran na prevención dos riscos psicosociais e na promoción da saúde e benestar no traballo.


Concentracións contra o saqueo que sofre o pobo por mor da aplicación das receitas dos mercados

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT acordaron mobilizarse coincidindo cos Consellos de Ministros

Centos de persoas convocadas polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT concentráronse nas cidades galegas, coincidindo coa celebración do Consello de Ministros, para denunciar o “saqueo” que está a padecer a clase traballadora por mor da aplicación das receitas impostas polo neoliberalismo, a cambio do rescate á banca. Catro anos consecutivos de recortes, desde que comezou a crise, que teñen provocado un empeoramento da situación económica, a destrución masiva de emprego, o empobrecemento da maioría social e a perda de dereitos laborais e democráticos.







As centrais sindicais denunciaron, nas diferentes concentracións, as reformas laborais; a diminución das pensións; a práctica desaparición da negociación colectiva; as conxelacións salariais; a entrega de miles de millóns de euros aos bancos; os incrementos de taxas nos servizos públicos (como no ensino e universidade); o incremento da contribución no abono sanitario, para toda a cidadanía e para os pensionistas; a desaparición do aseguramento universal no noso sistema estatal de saúde e a retirada da cobertura de centos de medicamentos, obrigando as cidadáns a súa compra.
Medidas que se teñen completado nestas últimas semanas coa diminución aínda maior dos dereitos das persoas traballadoras. Recortes que se producen e xustifican criminalizando unha vez máis aos empregados públicos, aos que ademais se lles rebaixa o salario, e que se acompañan con medidas como o incremento do IVE, un novo recortazo ao FOGASA e os dereitos de quen percibe o desemprego.
As centrais sindicais denuncian que todas estas medidas teñen como obxectivo incrementar os beneficios dos chamados “mercados” e as súas arcas, a custo dos e das de sempre: o pobo traballador e as persoas con máis necesidades sociais, nomeadamente desempregados/as, pensionistas e dependentes.
Consideran que é una loita na que o capital financeiro e o grande poder económico, nin dubidan, nin van dubidar, en empregar todos os medios ao seu alcance para seguir a enriquecerse, aínda que isto supoña, que a clase traballadora quede condenada á pobreza, á fame, á desprotección diante da enfermidade e á miseria.
Por iso, fan unha chamada á mobilización social como única forma de reverter esta situación, para camiñar cara un novo modelo económico e social máis xusto, máis equitativo e máis solidario.

Non é un rumor: prepárase un decreto que regulará os despidos colectivos de empregados públicos

Na mesa xeral que tivo lugar hoxe 01/08/2012 en Compostela, a Dirección Xeral da Función Pública trasladou aos representantes das organizacións sindicais no ámbito da Xunta que está en tramite por parte do Goberno central un novo real decreto para regular o despedimento colectivo de empregados públicos nas Administracións de todo o Estado. 

Por parte da Administración só houbo información verbal ao respecto, non estando dispoñible para as organizacións sindicais o texto desta norma que xa está en trámite, e que vai supoñer na práctica un auténtico golpe constitucional, abrindo a porta non só para o despedimento de persoal laboral fixo, senón tamén previsiblemente no futuro para o persoal funcionario de carreira. 

Este futuro real decreto do Estado constituiría sen dúbida o ataque máis grave á liña de flotación das Administracións Públicas e á propia supervivencia do Estado de Dereito, superando con moito os prexuízos das sucesivas rebaixas salariais. 

En canto haxa máis información sobre este anuncio da Dirección Xeral da Función Pública, a CIG a poñerá ao dispor de todos nesta páxina web.

Abrindo Camiños n.º 17

Voceiro Cig Betanzos 17