10/06/12

Nova convocatoria da Comisión negociadora do convenio

O  Concello de Betanzos convocou o pasado venres aos membros do Comité de Empresa á segunda reunión de negociación do convenio colectivo que terá lugar o martes 12 de xuño de 2012 ás 11:00 h da mañá na Sala de Xuntas do Concello. Xunto coa convocatoria o Concello achega a copia da acta da reunión anterior.

Nesta nova reunión, tal e como se acordou na última que tivo lugar no pasado mes de marzo, tratarase o artigo 14 do capítulo II que quedara pendente, e mais os artigos III, IV, V e VI da proposta presentada polo Comité de Empresa. O certo é que a pesar de que as negociacións van con máis demora do normal, xa que o convenio está denunciado dende agosto de 2011, por primeira vez o persoal laboral consegue que se estea a negociar un convenio cando os representantes dos funcionarios nin sequera comezaron as negociacións, a pesar de ter denunciado o seu convenio con anterioridade ao persoal laboral, tamén ben sabemos que o interese en que se aprobe un novo convenio non é o mesmo posto que ao persoal laboral na actualidade no Concello de Betanzos se lle negan dereitos recoñecidos en diversa lexislación laboral e ese é un problema que non teñen os compañeiros funcionarios. 

Logo da reunión manterémosvos informados puntualmente sobre a postura do goberno municipal con respecto ás propostas apoiadas polos traballadores para a mellora da súa situación laboral a través dun novo convenio.

Horario de verán do Local do Comité de Empresa

Durante os meses de verán, os que coinciden coa redución horaria de xornada, xuño, xullo e agosto, o local do Comité de Empresa abrirá os mesmos días, os martes e os xoves, mais con horario de 12:00 h a 14:00 h para atender calquera consulta dos traballadores.

Lembrade que o Local do Comité de Empresa está situado na alameda José Veiga Roel (pola parte de atrás do edificio Liceo).

O goberno segue sen contar coa representación do persoal para a elaboración da RPT


Logo dun ano, neste Concello seguimos a voltas cos mesmos problemas de persoal de sempre, moitos debidos a que a Relación de Postos de Traballo en vixencia é do ano 2008 e non se corresponde en moitos casos coa situación actual dos postos de traballo. O certo é que segundo nos leva informando o Concello parece que hai intención de presentarlle unha nova proposta de Relación de Postos de Traballo aos representantes dos traballadores mais ese día non dá chegado. O único que sabemos ata o momento é que o Concello falou con determinados compañeiros para informalos de que as modificacións da RPT lles afectarían aos postos que ocupan mais en ningún momento presentou esta proposta na Mesa Xeral de Negociación, trámite imprescindible de negociación que o Concello está a obrigado a seguir antes de levar a Pleno ese novo documento. 

O pasado xoves, 7 de xuño, un partido da oposición, o BNG, convocou a todos os representantes dos traballadores, tanto do persoal laboral como do persoal funcionario para exporlle a súa postura fronte ás negociacións sobre os orzamentos, en concreto sobre a Relación de Postos de Traballo que está a ter co Goberno municipal. O encontro co partido da oposición non serviu máis que para constatar todo o que dende a CIG levamos meses denunciando, e polo pouco que puidemos saber da nova RPT o goberno municipal presenta de novo un texto no que non se conta coa participación dos traballadores, cando menos da do persoal laboral e que pretende facer modificacións substanciais, por unha banda, que afectarían nomeadamente ao persoal laboral, e por outra, incorre de novo en vellos erros do pasado, como é non reflectir correctamente a situación de moitos postos de traballo ou mesmo non facer unha valoración de todos os postos para aclarar a atribución dos distintos complementos salariais en función dos distintos postos de traballo. En xeral, a reunión foi, cando menos informativa, xa que o BNG achegou moita información dese novo documento que o Concello non lle dá presentado aos representantes dos traballadores, a única mágoa é que, unha vez máis, algún dos compañeiros presentes da UGT non fixo máis que falar da súa situación particular como traballador no canto interesarse polas propostas destinadas a todos os postos de traballo en xeral e aos que veñen padecendo diversos problemas dende hai tempo en particular, ademais de pola desoladora privatización de servizos que sen présa mais sen pausa se está a producir neste Concello.


 De todos estes problemas é ben coñecedor o goberno municipal porque o Comité de Empresa os puxo sobre a mesa tanto por escrito como verbalmente, e ata o momento os representantes dos traballadores seguen sen saber nada da Relación de Postos de Traballo que o goberno pretende aprobar e aínda por riba a última información que ofreceu o Concello é que están intentando consesuar con algúns partidos da oposición e logo lla presentarán aos representantes dos traballadores. É triste ver como o persoal sempre é o último da cadea en opinar sobre os cambios na súa propia situación laboral, ben sabemos que neste Concello parece que as cousas sempre foron así, mais cando semellaba que comezaba a haber vontade de diálogo seguimos a observar que á hora da verdade o que menos importa aquí son os propios traballadores mais si consesuar cos compañeiros políticos do Pleno o que lles vén en gana independentemente de que siga ou non á marxe da lei. 

Desde a CIG continuaremos achegando as nosas propostas ao Concello aínda que para este sexamos os últimos en opinar e se algo temos claro é que grazas ao novo Comité saíron á palestra pública os problemas da actual RPT e do persoal laboral en xeral e aínda que nos alegramos moito de que agora haxa partidos da oposición que apoian as nosas propostas só agardamos que isto sirva para que de verdade se solucionen os problemas do persoal e que o propio goberno conte coa representación do persoal dunha vez por todas e aínda máis para temas tan importantes como dos que se está a falar na actualidade.

07/06/12

Convocatorias pendentes

Hai xa meses que dende a CIG vimos observando como o Concello de Betanzos non fai máis que retrasar as convocatorias pendentes cos representantes dos traballadores, estámonos a referir á Mesa Xeral de Negociación, que dende o pasado mes de febreiro leva sen se reconstituír en función da representatividade, lembrade que a primeira vez que se intentou constituír os compañeiros do Comité da UGT tentaron vender a representación dos laborais, á Comisión negociadora do novo convenio, que logo dun parón de moitísimos meses convocouse o 1 de marzo, mais coa afirmación do Concello de que pouco demoraría unha nova convocatoria, e van xa tres meses e tamén, e unha convocatoria de Mesa Xeral centrada exclusivamente na aprobación dunha nova proposta de axudas sociais baseada en criterios sociais coa que tamén o Concello se comprometeu hai xa máis dun mes, coa finalidade de axilizalo canto antes e para que as axudas deste ano 2012 se puidesen rexer xa por un novo regulamento.

Seguimos, pois, á espera, de tratarmos nos organismos de reunión pertinentes demasiados temas, e o certo é que aínda que o Concello semana tras semana indica que para a seguinte convocará ao Comité de Empresa iso non acontece e os meses pasan, hai xa un ano que este Comité de Empresa é  o representante dos traballadores e nin sequera hai convocada, un ano despois!, unha Mesa Xeral ao xeito, isto paraliza a resolución de moitos conflitos porque se algo temos ben claro dende a CIG é que onde se teñen que amañar as cousas é nas negociacións convocadas polo Concello para tal e efecto e que nos despachos moitas veces pódense tratar moitos temas mais os acordos firmes só se poden tomar nos organismos que a lei ten designados para a negociación.

O camiño cara á privatización

Dende hai un tempo vimos observando e moitos compañeiros nos comentan como se acelerou a privatización de certos servizos no Concello de Betanzos, servizos que antes eran prestados por empregados e empregadas municipais e que cada vez con máis asiduidade son prestados por empresas. 

Este camiño cara á privatización afecta principalmente aos servizos prestados polo persoal laboral, persoal que aínda que leva moitísimos anos a traballar neste Concello non ten carácter fixo, ao final parece que sempre "pagan o pato os mesmos". 

Ano tras ano xubílanse compañeiros e non se cubren as prazas, cando menos as do persoal laboral, porque a última praza que se cubriu con carácter de interinidade foi a dun funcionario, e ano tras ano contrátanse empresas de distinto tipo, relacionadas coa fontanaría, coas obras e mesmo recentemente con xardinaría que provocan unha privatización a pasos axigantados dos servizos nesta Administración Local. O Concello, pois, externaliza servizos e isto, a curto e a longo prazo, a quen lle afecta principalmente é ao persoal laboral. A maiores, compañeiros e compañeiras de distintos servizos sufren no seu día a día a escasa cobertura das baixas laborais que provoca un incremento do traballo con cada vez menos número de traballadores.

Todo isto non pasa desapercibido para ninguén xa e vai en detrimento dos servizos públicos, mais o certo é que resulta curioso ver como hai quen se declara abertamente en contra da privatización e á hora da verdade lévaa a cabo sen présa mais sen pausa. A loita contra a privatización dos servizos públicos é un eixe vertebral que defende a CIG alí onde ten representación, mais se callar, neste Concello vén máis ao caso, cando observamos día a día os pasos axigantados que se están a dar e que coidamos que afectan principalmente ao persoal laboral, polas áreas en que está encadrado, obras e servizos, limpeza, axuda a domicilio, gardaría etc. A fin de contas semella que o Concello de Betanzos convocou postos fixos e funcionarizou ao persoal, sobre todo, administrativo xa case abrindo camiños a unha externalización de servizos que lle afecta ao persoal laboral a día de hoxe.

Pola nosa parte, dende a CIG, tal e como vimos facendo, defenderemos sempre o emprego público e posicionámonos abertamente en contra da privatización dos servizos que non fai máis que ir en detrimento da calidade destes, e aínda moito máis neste Concello onde unha parte do persoal laboral de servizos leva case toda unha vida traballando para unha Administración que non foi quen de normalizar as súas relacións contractuais e mantén a unha porcentaxe moi alta dos laborais nunha situación de temporalidade.

06/06/12

Última información sobre o horario de verán

Logo de que, como recollimos aquí, o Comite de Empresa solicitase unha aclaración ao Concello con respecto ao horario de verán para os distintos departamentos, o concelleiro de Persoal púxose en contacto coa súa representación para informar que a redución sería no horario de anteriores anos, é dicir na última hora para a maior parte do persoal, coa excepción daqueles casos que traballan a quendas, como é a Escola infantil municipal que alternación a redución á entrada e á saída por motivos de servizos e o persoal de axuda a domicilio que debido á imposiblidade de realizar a devandita redución disporá de oito días libres máis anuais, que corresponden ao cómputo da redución da xornada nos tres mese de verán.

Igualmente, o Concello indicou que se informou verbalmente aos distintos departamentos do horario ou a compensación concreta da devandita redución, aínda que o certo é que o Comité de Empresa agardaba que con este tema se seguise o procedemento de comunicación escrita que é o normal nunha Administración, o certo é que dende o Comité valórase positivamente que cando menos o Concello comunicase a información e apoiase a proposta de sistema alternativo de compensación horaria por igual para todos os postos de traballo que por motivos de servizo non puidesen realizar a evandita redución horaria a diario.