24/04/14

A Inspección de Traballo apercibe ao Concello polas irregularidades das obras da Casa Consistorial

A Inspección de Traballo vén de lle responder aos delegados de prevención da CIG con respecto á denuncia realizada polas obras que se levaron a cabo hai uns meses na Casa Consistorial. No informe remitido a Inspección provincial constata o incumprimento da normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais por parte do Concello e procede á requirir ao Concello para que non volva incorrer nestas irregularidades, e textualmente indica:
"O Concello non levou a cabo a o intercambio de información coa empresa subcontratada para a execución dos traballos de pintura, sen proceder, así mesmo, a avaliar os riscos que ditas actividades supoñían para os traballadores do Concello, que desenvolvían simultaneamente as súas actividades laborais neste. Sen que procedese tampouco a informar debidamente aos delegados de prevención sobre os riscos existentes e medidas correctoras a adoptar."

Recomendámoslle aos responsables da prevención de riscos laborais deste Concello algunhas lecturas sobre a coordinación de actividades empresariais como esta e estoutra, non estaría mal que no ano 2014 se comece a aplicar a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais case vinte anos despois.

Publicada a orde de axudas de pagamento único e indemnizacións para mulleres vítimas de violencia de xénero


Poderán solicitarse até o vindeiro 30 de novembro e 31 de outubro, respectivamente

A Secretaría de Muller da CIG informa da publicación no DOG da orde que regula as axudas e indemnizacións a mulleres vítimas de violencia de xénero. A finalidade das axudas é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; mentres que no caso das indemnizacións é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede en Galiza.

As axudas de pagamento único están destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, residentes en Galiza, que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego. O seu obxectivo é proporcionarlle apoio económico a estas mulleres a través dunha achega equivalente a seis meses de subsidio por desemprego.

As axudas de indemnización van dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou as e os menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas. A contía máxima da indemnización establécese en 6.000 € por cada persoa beneficiaria.

O prazo de entrega das solicitudes rematará o vindeiro 30 de novembro, para as axudas de pagamento único, e 31 de outubro, para as indemnizacións.

Podes acceder ao texto completo do DOG ou no arquivo anexo a esta nova.

A CIG chama a mobilizarse este Primeiro de Maio “contra a explotación e a pobreza”

Once manifestacións percorrerán, neste Primeiro de Maio, cidades e vilas de Galiza baixo o lema “Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía”.  Con elas a CIG quere denunciar a situación de pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e galegos. Unha situación que está a provocar a masiva emigración da nosa mocidade e que empeora por mor das políticas promovidas pola UE e aplicadas pola Xunta de Galiza e o Goberno español. Por iso fai un chamamento a organizarse contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático.

Na Galiza preto de medio millón de persoas están baixo o umbral de pobreza, e desta cifra, case cen mil son menores de 18 anos, segundo Cáritas. Cada mes máis de 150 familias perden a vivenda.

Políticas promovidas desde a Unión Europea, coa colaboración da Xunta de Galiza e do Goberno Español, están estrangulando a economía galega, a nosa pesca, o noso sector agrogandeiro, o sector naval, o sector do comercio ou o noso sector financeiro. O noso pobo sofre un éxodo propio dun país empobrecido, colonizado e utilizado como man de obra barata para os países ricos e as grandes multinacionais que gobernan Europa.

O número de desempregados/as alcanza cifras históricas, 280 mil persoas no desemprego, o 22% da nosa poboación activa. Desde o inicio da crise, máis de 100 mil galegas e galegos, principalmente mozos e mozas menores de 35 anos, marcharon á emigración en busca de traballo. Con eles, o desemprego real supera o 30%. Un dato que a Xunta oculta e manipula.

O PP está a gobernar abertamente en favor dos intereses dos grandes poderes económicos, aportando miles de millóns de euros do erario público para axudas á banca (107.000 millóns de euros); convertendo o ensino, a saúde, a asistencia social e as pensións en negocio para o capital privado; afondando nunha política fiscal inxusta que incrementa os impostos indirectos e rebaixa os impostos directos ao capital; promovendo contrarreformas laborais que só buscan rebaixar salarios, facilitar os despedimento e substituír contratos fixos e a xornada completa, por contratos temporais ou a tempo parcial, incrementando así os beneficios e o poder da patronal e empobrecendo e debilitando á clase traballadora.

Diante da contestación social, fronte a estas políticas antiobreiras e antisociais, o PP opta pola represión e polo recorte das liberdades públicas, a través da modificación do Código Penal e da Lei de Seguridade Cidadá, situándonos diante dun auténtico estado policial que en moitos aspectos retrotráenos á época franquista.

O capital, a nivel internacional, está a aproveitar a súa propia crise sistémica para afondar nas políticas ultraliberais que conducen a máis desigualdades sociais e a unha maior concentración e centralización da riqueza e do poder. Para iso non reparan en promover recortes de dereitos, de liberdades e en vulnerar a soberanía dos Estados, mesmo recorrendo a provocar e financiar guerras que destrúen países e deixan unha estela de miles de mortos e millóns de persoas desprazadas.

Cómpre, polo tanto, a loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista, na procura da conquista doutro modelo de organización económica e social máis xusto, solidario e democrático, que garanta un reparto igualitario da riqueza e que sexa respectuoso co dereito á liberdade e soberanía de todas as nacións, incluída a galega.

Manifestacións convocadas
Vigo: Ás 11,30h. na Doblada
A Coruña: Ás 12,00h na Praza de Vigo
Pontevedra: Ás 12,00h. Praza da Ferrería
Vilagarcía: Ás 11,00h. na Casa do Mar
A Estrada: Ás 12,00h. na Praza do Mercado
Ferrol: Ás 12,30h. Av. de Esteiro (local CIG)
Compostela: 12,30h. na Praza Roxa
Ribeira: Ás 12,00h. na Praza do Peixe
Lugo: Ás 12,00h. Ronda da Muralla (Edificio Sindical)
Ourense:Ás 12,00h. Pavillón dos Remedios
Cangas: As 19h. Praza do Concello


15/04/14

Prohibido conectar coa oficina

Os consultores e enxeñeiros franceses que desempeñan cargos de responsabilidade poden respirar máis tranquilos: estarán obrigados a apagar durante 11 horas diarias os móbiles e ordenadores que os conectan coa oficina. E as empresas deberán supervisar que se cumpre esa prohibición de estar online.

Algúns expertos acollen esta medida como un mal menor que delata outro maior: sobrecargas de traballo cada vez máis frecuentes e conectividade e dispoñibilidade -alentada polas novas tecnoloxías- sen freo que supera os límites das xornadas de traballo.

Dous grandes sindicatos, a Confederación Francesa Democrática do Traballo (CFDT) e a Confederación Francesa de Cadros Directivos (CFE-CGC), asinaron un acordo con dous patronais do sector de asesoría técnica, enxeñaría, servizos informáticos, recursos humanos e consultoría para intentar poñer fin á xornada interminable dos traballadores. Para iso, aborda principalmente dúas cuestións: os tempos de traballo e de descanso do empregado e a carga de traballo.

En concreto, o epígrafe 4.8.1 do documento, que deberá ser aprobado polo Goberno antes da súa publicación no Journal Officiel (elBOE francés), refírese ao "tempo de repouso e obriga de desconexión". O documento empeza por afirmar que os asalariados sometidos a este acordo "dispoñen dun tempo de descanso diario mínimo de 11 horas consecutivas, e dun repouso semanal de 35 horas mínimas consecutivas". Pero, para evitar que o empresario deduza que todo o que non é tempo mínimo de descanso pode ser ocupado pola xornada laboral, "recórdase que os devanditos límites non teñen por obxecto definir unha xornada habitual de traballo de 13 horas diarias, senón a duración máxima excepcional que pode ter a xornada laboral".

Nese contexto, o acordo establece que "a efectividade do respecto, por parte do traballador, deses períodos de repouso implica a súa obriga de desconectar as ferramentas de comunicación a distancia". Ao empregador corresponderalle, por un lado, "a posta en marcha dunha ferramenta de seguimento para garantir o tempo de descanso diario e semanal" do traballador; e por outro, tomar as medidas necesarias para que o empregado "teña a posibilidade de desconectarse das ferramentas de comunicación a distancia postas á súa disposición". É dicir, non poderá dedicar a tarefas relacionadas co traballo nin o seu tempo de ocio ao final da xornada laboral nin o fin de semana.

As partes asinantes acordan tamén que, para "vixiar a saúde e a seguridade dos traballadores", o empresario convoque polo menos unha reunión anual co traballador para tratar a carga de traballo, a repartición de tarefas na empresa, "a articulación entre a actividade profesional e a vida privada" e, tamén, a remuneración do empregado.

As persoas concernidas por ese acordo son aquelas que exerzan responsabilidades de xestión, misións comerciais, de consultoría, ou que realicen tarefas de concepción, elaboración e supervisión de proxectos, e que dispoñan de "unha grande autonomía e independencia na organización e na xestión do seu tempo de traballo para levar a cabo as misións encomendadas".

Marie Buard, dirixente do sindicato CFDT, indica que este acordo afecta a uns 850.000 traballadores, pertencentes a empresas como Atos e Accenture. E explica que "cada compañía deberá negociar cos seus traballadores o xeito de aplicar este acordo". "O empresario ten a responsabilidade de velar pola saúde do traballador. Para evitar a prolongación ilegal das xornadas laborais, algunhas empresas poden establecer que as ferramentas electrónicas de traballo non estean accesibles de venres a luns, por exemplo".

A representante sindical está de acordo en que este tipo de medidas están relacionadas coa preocupación social ante o aumento dos chamados riscos psicosociais. "O ano pasado asinamos outro acordo para protexer os traballadores respecto á carga de traballo que busca rematar cos empregados que están conectados 24 horas ao día", afirma Buard. Queremos máis saúde para os traballadores e lograr unha mellor conciliación entre a vida privada e a vida laboral".

Que eses riscos psicosociais son reais en Francia (e noutros países) demóstrao a existencia dunha preocupación xeneralizada sobre o burn out ou o esgotamento profesional, así como os casos de suicidios en grandes empresas. Segundo o Observatorio do Estrés e da Mobilidade Forzosa, os suicidios por motivos laborais son un problema notable en Francia e están relacionados coas condicións de traballo. Só no primeiro trimestre de 2014 houbo unha decena de suicidios en Orange (antes France Télécom).

Pierre-Jean Benghozi, científico e profesor da École Polytechnique de Palaiseau especializado no estrés laboral e a relación coas tecnoloxías, considera que "é unha boa idea" forzar empresa e traballador a desconectarse unha vez rematada a xornada laboral. "É unha protección para os máis débiles, para os que non teñen posibilidade de dicir non, de protexerse ante un abuso por parte dos seus superiores", di. "Aínda que non estou seguro de que sexa tan doado levar a cabo ese acordo", matiza.

Segundo Benghozi, "todos os estudos demostran que o desenvolvemento de ferramentas de xestión en Internet empurra unha confusión entre o espazo da vida privada e profesional". E esa situación vese reforzada polo feito de que "os cidadáns están hiperconectados".

Para este experto, tamén inflúe "a dinámica interna das empresas, que dende hai moito tempo está a aumentar a presión sobre a produtividade e os resultados,". Iso leva moitos empregados "a postergar determinadas tarefas, que non requiren presenza física, ao final da xornada, e mesmo á chegada á casa". Aínda que iso depende, non tanto da tecnoloxía, " senón dos modos de xestión e de organización do traballo" que adopte unha empresa.

O acordo francés suscitou sorpresa en España. Tras ler o documento, no sindicato CC OO, só ven "un pequeno avance" no pacto. "Garante que non se pode estar de garda 24 horas, xa que polo menos 11 horas, ou 35 en fin de semana, hai que desconectarse, e establece así un tempo mínimo de descanso", sinala María Jesús García Gasalla, responsable do sector de novas tecnoloxías da información e a comunicación do sindicato. Esas gardas que, asegura, carecen dunha normativa sectorial en España. "Nalgunhas empresas están reguladas e noutras, non".

Non creo que as empresas españolas obriguen a [os traballadores] estar 24 horas conectados coa oficina", sinala unha voceira da patronal CEOE que non entra a opinar sobre o pacto francés.

"Limitar a 11 horas seguidas o tempo no que non se pode comunicar coa oficina quere dicir que durante 13 horas si se pode", recalca Constanza Tobío, catedrática de Socioloxía da Universidade Carlos III de Madrid e experta en conciliación. E o mesmo é aplicable ao lapso de 35 horas seguidas sen comunicación durante o fin de semana que tamén inclúe o acordo galo. "E iso que se conseguira que os fins de semana fosen de dous días e medio e as xornadas diarias, de oito horas, ou 35 semanais en Francia," ironiza. " Que pasa para que os sindicatos consideren que isto é un bo acordo? ", pregúntase para logo responderse: "Non" se poñen "límites ao traballo. Non só existe unha xornada laboral, senón que a ela se suma un tempo dispoñible para o traballo. Este é un fenómeno novo que fan posible as novas tecnoloxías e cuxa consecuencia é que se pode sobrecargar o traballador". Así as cousas, Tobío cre que o acordo sindical francés "máis que un avance, ilustra un retroceso".

Ao seu xuízo, o retroceso plásmase no xurdimento do "tempo de dispoñibilidade", ese lapso no que o xefe pode chamar o empregado fóra da xornada laboral e facerlle que traballe malia cubrir as súas horas, polo menos as teóricas. "Hai unha intensificación dese lapso de dispoñibilidade", critica a socióloga. "En definitiva, o acordo ilustra unha situación negativa", conclúe.

Un punto de partida similar observa o tamén catedrático de Socioloxía Gerardo Meil, da Universidade Autónoma de Madrid: "11 horas de desconexión supoñen 13 de conexión", sentenza. Considera que o acordo francés é "unha forma de enmascarar unha xornada demasiado elevada". Pero ve algún aspecto positivo: "A conciliación é un tema que se debate". Resúltalle un magro consolo ante o problema que subxacer: a sobrecarga de traballo, "unha cuestión estrutural, non conxuntural".

"Bienvenido sexa o acordo, pero só arranxa unha das manifestacións do problema, e non o problema en si. Se as empresas queren resolver as dificultades para conciliar a vida persoal e laboral, deben resolver tamén a sobrecarga de tarefas, moi ligada á redución do tamaño dos equipos e á repartición das tarefas entre menos persoas," afirma este experto.

Como conciliar cando hai un exceso de tarefas ou se traballaba con obxectivos a miúdo difíciles de alcanzar? A peza clave, para Meil, é o xefe inmediato e en que medida é flexible. Unha fórmula como o teletraballo, moi favorecida polas novas tecnoloxías, non é forzosamente a panacea. "A unhas persoas permítelles conciliar mellor, pero para outras é unha sobrecarga porque caen na autoexplotación ou se encontran con que o responsable lles pide demasiado", asegura Meil. "Tamén se pode teletraballar dende o lugar de vacacións. Todo depende do uso que se dea ás novas tecnoloxías", ironiza.

"Sempre defendemos que as novas ferramentas deben estar ao servizo do cidadán, do traballador, e non servir para escravizalo, terza Ignacio Buqueras. É o presidente da Comisión para a Racionalización dos Horarios Españois, unha organización que promove a conciliación entre traballo e vida persoal con dúas ferramentas básicas: menos tempo pero maior eficacia no posto de traballo e horarios máis temperáns.

"No mundo da empresa e no da política hai os que cren que hai que estar ao servizo 24 horas ao día, e iso non pode ser", lamenta Buqueras. "Ademais, impera a cultura do presentismo, que tamén pode ser a distancia. Ben está que se hai unha emerxencia todo o mundo se envorque, pero non se pode facer por sistema", formula este experto, que demanda políticas de conciliación non só en España, senón tamén no ámbito da UE. "Todos temos 86.400 segundos ao día. É o único que nos iguala. Depende de como os organice cada un, e de como llelos deixen organizar, vivirá máis ou menos feliz".


Nova tirada de www.cigsaudelaboral.org

Catro anos de cárcere a un traballador británico por unha neglixencia laboral grave

Un traballador de mantemento foi declarado culpable de homicidio por neglixencia grave a raíz da morte dunha nena despois de que sacase un panel de vidro danado dunha varanda e non o substituíse por outro nin adoptase ningunha medida para evitar unha posible caída ou advertir do perigo. Os feitos aconteceron nun xardín elevado nun complexo residencial no centro da cidade de Sheffield, no centro de Inglaterra.

A nena, de dous anos de idade, caeu dende unha altura de 18 metros a través do oco do panel non substituído, mentres xogaba nun xardín ao aire libre no cuarto piso do bloque no que vivía e se afastou do lugar no que estaba coa súa nai.
O operario, Robert Warner, de 45 anos de idade, foi declarado culpable de homicidio por neglixencia grave e condenado a catro anos de cárcere, por retirar o panel danado e non o substituír.
Durante o xuízo o fiscal dixo: "Este accidente foi causado pola conduta neglixente do acusado. En esencia, a fiscalía sostén que quitou o panel da varanda e non o substituíu. Non fixo nada para impedir o acceso á pasarela, o que creou unha situación moi perigosa, nin fixo nada para advertir do obvio perigo existente".


Nova tirada de www.cigsaudelaboral.org

Consideracións con respecto ás bases publicadas onte no BOP

A CIG vén de rexistrar hoxe mesmo unha serie de consideracións con respecto ás bases das convocatorias publicadas onte no Boletín Oficial da Provincia, que puxemos en coñecemento do goberno municipal por se ten a ben emendalas e corrixir as eivas. O certo é que, xa sen nos meter en cuestións normativas que se mencionan abaixo, o mínimo sería saber cal é a titulación necesaria para acceder a un posto de traballo e en que categoría profesional vai estar encadrado este, mais á vista dos textos que o Concello de Betanzos publica no BOP os/as aspirantes a os postos terán que adiviñalo.

14/04/14

Cando a incoherencia é o principio para desculpar o teu pésimo traballo

"A imposibilidade de poder contratar persoal" artigo publicado polo PSOE local no xornal Betanzos e a súa comarca do mes de abril e que contrasta  e deixa en evidencia ao goberno municipal se temos en conta que hoxe mesmo acaba de publicar unha convocatoria para psicólogo/a e outra para auxiliar administrativo/a. O que queda claro é que as traballadoras de limpeza poden estar rebentadas que aquí non se cubre unha baixa, as compañeiras da Escola Infantil Municipal contar con menos persoal que en anos anteriores, as compañeiras de axuda a domilicio cubertas directamente nos seus días libres por unha empresa, o cemiterio, o pasatempo ou o conservatorio municipal sen conserxe ou os compañeiros de obras baixa o mínimos e seica non se pode contratar, mais créanse novos postos onde e cando interesa, á vez que non se lle dá resposta urxente á readmisión do persoal que está pendente, logo dunha sentenza xudicial, de que o Concello adopte unha decisión, ou como mínimo fale persoalmente co traballador afectado.

Polo que respecta aos informes do persoal técnico, aínda hai poucos meses que neste Concello se contratou puntualmente a unha traballadora de limpeza baixo a figura de "acumulación de tarefas", e si, falamos de 2014, e os informes foron positivos para a contratación... dende aquela non houbo modificación ningunha na lexislación estatal nin autonómica, mais o que si houbo foi vontade do goberno municipal de gardar os cartiños e non contratar a ninguén para este servizo a custa do lombo do resto do persoal. Como din eles mesmos "ver para crer".

"Nas últimas semanas e en diversas ocasións os grupos da oposición, especialmente o Partido Popular e o o BNG criticaron ao grupo municipal socialista por non contratar persoal para cubrir certos servizos municipais tras producirse unha baixa laboral ou unha vacante.

A situación “vendeuse” ante os veciños por parte destes grupos políticos como que a “non contratación do persoal” responde “a un capricho ou teimosía do grupo municipal socialista” ocultando de forma partidista as verdadeiras razóns polas que o Concello non pode realizar as contratacións.

Os decretos do Estado, aprobados polo Partido Popular, limitan ás administracións públicas á contratación de persoal. E o Concello de Betanzos non ía ser menos. Precisamente, sobre a bases deses decretos estatais os informes xurídicos municipais son claros que na actual situación non é posible a contratación de persoal.

Non se tratar, polo tanto, dunha decisión política e caprichosa do grupo de goberno, senón que obedece á legalidade vixente, marcada, insistimos, polos Decretos aprobados no seu día polo Goberno do Estado (PP). Polo tanto, ata que esa situación non cambie, ata que os informes xurídicos municipais non digan outra cousa, o Concello non poderá contratar persoal.

O que si que fixo este grupo municipal socialista é garantir os servizos aos veciños e, a pesar das baixas de persoal, poder seguir ofrecendo o servizo cos recursos propios do Concello. Algo que parece non gustar a determinados grupos políticos, pero que seguimos facendo mentres que as limitacións do Estado en materia de contratación laboral sexan as que son actualmente.

Debemos lamentar, iso si, a actitude do Partido Popular que, como noutras cuestións municipais, tamén mantén o seu dobre discurso e dobre moral. Mentres o PP no Goberno de Madris ou no de Santiago decreta unha cousa, a novel local esixen a contraria, xa non só co tema de persoal, senón cos innumerables recortes sociais. E se alguén destaca nisto é a voceira municipal do PP, María Faraldo, que como deputada autonómica aproba en Santiago os recortes en servizos que logo exixe ao Concello. Ver para crer."

O Concello xa non se corta un pelo! Un acto organizado pola Administración local que leva exclusivamente o logo da UGT.

Non é a primeira vez que o Concello demostra publicamente a súa simbiose co sindicato co que a CIG convive no Comité de Empresa, en cada reunión, en cada mesa, en cada comentario dos delegados deste defendendo actuacións que mesmo xudicialmente se teñen xa considerada como erradas demóstrase quen defende a quen e o que, xa hai un tempo hai que lembrar que o twiter da OMIX do Concello de Betanzos facía publicidade deste sindicato e denunciabamos un uso tendencioso dos medios do Concello, mais desta volta o que consideramos que xa non lle queda ao goberno municipal é nin sequera vergoña, ao publicar na súa axenda municipal un acto organizado en exclusiva polo Concello e que aparece en todos os taboleiros de información municipal co logo da Unión General de Traballadores. Simbiose absoluta e demostrada, pois, entre sindicato e goberno municipal, e o peor de todo é que se cada quen soubese ocupar o seu lugar non repercutiría na defensa do persoal mais cando como, neste caso, hai quen defende só intereses do Concello e propios, aínda que vaia en detrimento do resto do persoal o panorama tórnase esperpéntico.


Bases da convocatoria para a cobertura dunha praza de auxiliar administrativo/a con carácter temporal no Departamento de Servizos Sociais

Bases da convocatoria para a cobertura dunha praza de psicólogo/a con carácter temporal no Departamento de Servizos Sociais

08/04/14

Recoñecidos como enfermidade profesional dous casos de síndrome do túnel carpiano

A Dirección Provincial da Seguridade Social de Bizkaia emitiu dúas resolucións nas que recoñece como enfermidade profesional dous casos de síndrome de túnel carpiano que afectaban a dúas traballadoras do sector da hostalaría.

O Instituto Nacional da Seguridade Social considerou que as tarefas que efectúan ambas as dúas traballadoras nos seus respectivos postos de traballo son susceptibles de ocasionar as doenzas que padecen de forma clara.

En ambos os dous casos, as traballadoras manifestaran de forma reiterada nos recoñecementos médicos anuais que padecían molestias, dores e perda de forza nas mans e, tamén, en ambos os dous casos, a actitude das sociedades de prevención foi a mesma: ocultar o accidente de traballo e derivar este a Osakidetza como continxencia común.

Como aconteceu neste caso, ocultar a orixe profesional da patoloxía non fai outra cousa que prexudicar ao traballador e minguar as súas prestacións económicas, sendo o feito especialmente grave debido a que a síndrome do túnel carpiano figura no Cadro de Enfermidades Profesionais recoñecido como tal para o persoal de cociña e hostalaría.

A Audiencia Nacional anula os incentivos aos Inspectores do INSS polas altas médicas

"Non é admisible que o resultado do control dos procesos de incapacidade temporal se condicione polo cumprimento duns obxectivos que dan dereito a percibir un complemento de produtividade", con esta argumentación a Audiencia Nacional, a través dunha sentenza ditada o pasado 18 de decembro, pon fin aos incentivos económicos que dende 2011 poderían cobrar os Inspectores do INSS en función do número de altas médicas que tramitasen.

A sentenza vén a confirmar o fallo ditado polo Xulgado Central do Contencioso Administrativo o 24 de maio de 2013 que anulou parcialmente a Resolución da Secretaría de Estado da Seguridade Social do 7 de marzo de 2011, que establecía eses "incentivos", concretamente anulou a parte da Resolución referida ao "índice de adecuación da duración dos procesos da incapacidade permanente".
Segundo José María Morán, vicepresidente da Federación de Asociacións de Inspección de Servizos Sanitarios, "o criterio que anulou a Audiencia condicionaba a función médica e técnica dos inspectores do INSS", cando esa función, como a propia sentenza afirma, só se debe rexer por criterios obxectivos e científicos.
O vicepresidente de FAISS recordou tamén que, aínda que a sentenza se refire aos inspectores do INSS, as súas conclusións son doadamente extrapolables aos inspectores dos servizos sanitarios e aos médicos de atención primaria que se enfrontan ao mesmo problema, con obxectivos ligados ao resultado do seu labor, non ao seu rendemento.



Outra máis! O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece como improcedente o despedimento doutro compañeiro

Nos pasados días o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar unha sentenza que estima o recurso presentando por un compañeiro a través da Confederación Intersindical Galega con respecto á sentenza do Xulgado do social número 3 da Coruña contra o Concello de Betanzos. Isto supón que TSXG declara improcedente a extinción da relación laboral existente entre o traballador e o Concello demandado e, en consecuencia este último, no prazo de cinco días dende a notificación poderá optar pola readmisión ou pola indemnización marcada na devadita sentenza.

Con esta última sentenza cúmprense 26 meses dende que este conflito laboral se iniciou, no momento do despedimento de oito compañeiros e compañeiras en febreiro do pasado 2012. Dous anos despois ficamos satisfeitos logo de oito sentenzas favorables aos traballadores e a readmisión de sete deles ata o momento e agardamos que proximamente o Concello, tal e como ten dito, siga o mesmo camiño e readmita ao compañeiro que conta cunha sentenza favorable dende a pasada semana e que traballou durante anos no cemiterio municipal.

Atrás quedan as declaracións do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, co apoio do alcalde, no Pleno da corporación dicindo coas sentenzas na man que os despedimentos non eran improcedentes, os eternos debates nas reunións do Comité de Empresa cos delegados da UGT, que na mesma situación non foron despedidos como o resto de compañeiros, e que aínda por riba defendían ao Concello no caso dos despedimentos improcedentes ou a bochornosa situación que se viviu na última asemblea do persoal laboral cando pretenderon botar dela ao mesmo compañeiro que vén de gañarlle un novo xuízo ao Concello.

Esta boa nova supón un novo impulso para o traballo desta Sección sindical que nos demostra que aínda que tarde, ás veces faise xustiza, agora só queda que o Concello sexa tamén xusto e actúe por igual neste caso que nos anteriores. 

06/04/14

A CIG solicitará a execución da sentenza dos 14 días da paga de 2012 no caso de que o Concello non pague proximamente

No pasado mes de febreiro a CIG gañou o conflito colectivo polo que reclamaba 14 días da paga extraordinaria do ano 2012, e logo de saber que o Concello non ten pensado recorrer a sentenza, tal e como dixo o propio concelleiro de Persoal, instou a este a que a cantidade correspondente se pagase canto antes, non obstante, eramos conscientes da dificultade de incuír esta contía na seguinte nómina que tocaba, é dicir, a de marzo de 2014, tendo en conta a lentitude da tramitación de certos asuntos neste Concello, máis cando falamos de cartos e hai persoal que mesmo cobra as horas extraordinarias cinco meses despois de as realizar. 

Con respecto aos cartos que o Concello a día de hoxe lle adebeda ao persoal laboral con motivo do conflito laboral gañado no xulgado do social, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, preguntoulle nos pasados días ao concelleiro de Persoal cando o Concello pagaría esta contía e instou a que se realizase canto antes e se lle comunicase aos traballadores; á vista de que o concelleiro de Persoal non foi quen de fixar unha data para que este pago se realizase, advertíuselle, tal e como acordaran previamente os delegados e delegadas da Sección sindical da CIG, que se no prazo de dous meses non paga os cartos adebedados, a CIG verase unha vez máis obrigada a solicitar a execución da sentenza no Xulgado do Social, tal e como xa se ten visto obrigada a facer no pasado cando non pagaba o que debía.

A CIG manifestoulle ao Concello que entende que os trámites levan un tempo mais xa estamos a falar dunha sentenza de febreiro en reclamación duns cartos que o Concello lle debe ao persoal laboral dende decembro de 2012, por tanto, que vai sendo máis que hora de cobrar, porque para baixar o 5% e mais quitar a extra completa do 2012 non houbo demora ningunha, fíxose ao momento e sen dubidar, mais para devolvernos o que é noso, estanlle a dar xa demasiadas voltas, motivo polo que se tomou a decisión de advertir que se nun prazo razoable non o pagaban solicitase a execución da sentenza gañada.

O Comité de Empresa insta ao Concello a que fixe a data das revisións médicas correspondentes ao ano 2014

Na pasada semana, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, instou ao Concello a que iniciase os trámites necesarios para levar a cabo as revisións médicas correspondentes ao ano 2014 do persoal do Concello de Betanzos e informase puntualmente a todos os traballadores e traballadoras sobre os prazos e as condicións das devanditas revisións. Igualmente, solicitoulle que realice revisións médicas específicas, tendo en conta os riscos laborais presentes en cada posto de traballo, e non xenéricas, tal e como se fixeron o ano pasado.

O Comité de Empresa fixo esta solicitude amparándose na Lei 31/95 de prevención de riscos laborais que indica no seu artigo 22 que o empresario garantiralle aos traballadores o seu servizo de vixilancia periódica o seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.Tamén no artigo 29 do convenio colectivo do persoal laboral en vigo indícase o seguinte con respecto á saúde e a seguridade “en todo caso será de aplicación a actual normativa vixente en materia de saúde laboral.

Ademais, lembroulle ao Concello que en febreiro do ano pasado xa estaba aberto o prazo de solicitude para as revisións médicas e en abril comezaron a ser realizar, hai, por tanto, un ano, e aínda non tiña información ningunha sobre as revisións correspondentes ao ano 2014 e advertiulle que cumpría lembrar, á vista de que as revisións do ano pasado foron xenéricas, que para a realización dos recoñecementos médicos débense ter en conta os riscos laborais presentes nos postos de traballo para o que os servizos médicos deben contar coa información ao respecto dispoñible: avaliacións de risco e resultados das investigacións de accidentes e enfermidades profesionais e tamén que as medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores serán desenvolvidas por persoal sanitario cualificado e os resultados dos informes médicos trataranse de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal , polo que se entregarán persoalmente en soporte papel ou telematicamente logo do consentimento do/a traballador/a.

Logo desta solicitude o propio concelleiro indicoulle ao Comité de Empresa que as revisións, en principio, terán lugar no vindeiro mes de xuño.

Modelo de solicitude para a asistencia a cursos de formación

O Concello distribuíu nas pasadas semanas un modelo de solicitude de cursos nas distintas depedencias municipais. Con respecto a este, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha aclaración, tendo en conta que no convenio non se especifican cursos aos que o Concello só pode autorizar a asistencia e outros aos que se autoriza a asistencia e compensación económica e horaria, e consideramos que cando un curso é para a formación relacionada co propio posto de traballo sempre se debería ter dereito ás compensacións mencionadas. 

No documento entregado no Concello non consta ningunha aclaración nin diferenciación con respecto ao tipo de cursos que se autorizan, e debido a isto solicitouse que o Concello nos especifique cal é o criterio que vai utilizar para realizar na solicitude esa diferenciación no tipo de autorización só para asistencia ou que inclúa as axudas de custo e a compensación horaria e que informe puntualmente aos traballadores sobre os dereitos das axudas de custo e compensación horaria no caso da asistencia a cursos de formación.

Temos coñecemento de que nos últimos tempos con respecto ás actividades de formación este Concello utilizou criterios diferentes tanto na autorización como na compensacións, por iso entendimos que era necesario solicitar unha aclaración que fixe criterios e trate a todo o persoal por igual no que ten que ver con esta cuestión.


A mediados do pasado mes de marzo o Comité rexistrou unha solicitude para que o Concello especifique cal é o criterio que vai utilizar para realizar na solicitude esa diferenciación no tipo de autorización só para asistencia ou que inclúa as axudas de custo e a compensación horaria e que informe puntualmente aos traballadores sobre os dereitos das axudas de custo e compensación horaria no caso da asistencia a cursos de formación. Esta solicitude segue a día de hoxe sen resposta, ao igual que a información sobre as axudas de custo que lle corresponden ao persoal deste Concello cando asiste a unha actividade de información, que foi rexistrada nos anos 2011, 2012 e 2013, mais que o Concello se nega a entregar ao Comité de Empresa.

De verdade facía falla pagarlle a unha empresa para seguir incumprindo os prazos?

A credibilidade e a seriedade da empresa contratada polo Concello para asesorar ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, nas negociacións do convenio están cada día máis entredito tendo en conta que hai xa case dúas semanas que quedaron en que lle enviarían aos representantes dos traballadores unha proposta de convenio para laborais e unha proposta de acordo para o funcionariado.

Non só o concelleiro nin sequera foi quen de desculpala na reunión mensual cos representantes do Comité de Empresa senón que quedou de dar algunha nova sobre isto o pasado xoves e unha vez máis faltou á súa palabra, como vén sendo costume. Xa dixemos que a cousa comezaba mal, e popularmente dise que "o que mal empeza, mal acaba" e aínda que agardamos que isto poida ser unha excepción o tempo corre e o obxectivo de aprobar un convenio no verán que hai unhas semanas vía tan claro o concelleiro de Persoal parece que se esvaece por momentos pola falta da responsabilidade da empresa que contratou o Concello, e, de verdade... Facía falla pagarlle a unha empresa para seguir incumprindo os prazos e demorando a negociación dun convenio que levan dous anos e medio pospoñendo porque claramente non interesa?

Bruxelas investiga 100 millóns de presuntas axudas ilegais do Estado ás mutuas



A Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea investigará 100 millóns de euros de presuntas axudas ilegais indirectas do Estado ás mutuas, "unha situación de competencia desleal no sector da prevención de riscos laborais", segundo a denuncia presentada por Martínez-Echevarría Abogados, en representación da Federación ASPA e a Asociación ANEPA.

Esta dobre actividade, por un lado como entidades xestoras da Seguridade Social e por outro como sociedades de prevención a través de filiais participadas ao 100%, "fai moi difícil a separación entre a actividade pública e a mercantil creando unha posición de dominio" destas sociedades filiais no mercado da prevención de riscos laborais coa resultante "distorsión no ámbito da competencia", como recolle o escrito presentado. A Comisión Europea instou ao Goberno español á presentación da información que estime conveniente logo de instrución da denuncia.
Dende hai uns meses existe un debate sobre o Anteproxecto de Lei de Mutuas que o Ministerio de Emprego e Seguridade Social remitiu aos axentes sociais, en cuxo articulado se recolle, entre outros asuntos, a venda do 100% das participacións das mutuas nas devanditas sociedades de prevención antes do 2015. A Comisión delegada que estaba a revisar o Anteproxecto de Lei de Mutuas xa pechou o borrador que nestes momentos estuda a Comisión de Subsecretarios previa á súa aprobación no Consello de Ministros.
Sentenza do Tribunal Supremo
Hai apenas unha semana que o Tribunal Supremo ratificou en sentenza que as mutuas incorreron entre 2002 e 2005 en actos de competencia desleal no devandito sector ante unha denuncia presentada pola Asociación de Servizos de Prevención Alleos (ASPA) en 2002.
Na sentenza, o Supremo admite que este tipo de servizos, especializados en prevención de riscos, "soportaron dende a súa creación a competencia desleal e intrusismo das mutuas". Os traballadores das mutuas de accidentes de traballo maniféstanse contra os recortes. (EFE) Entre as prácticas denunciadas encontrábanse "utilizar para a súa estrutura recursos propios da Seguridade Social; (...) utilizar para o seu funcionamento recursos con cargo a cotas; (...) utilizar información privilexiada das empresas; (...) ofertar tarifas por debaixo do custo real" e outras análogas. A sentenza do Supremo insiste en que estas afirmacións poden "reputarse substancialmente avaladas por todas as instancias oficiais e mesmo polo propio Consello da Comisión Nacional da Competencia e corresponden á realidade dos feitos que se deducían do expediente".
As mutuas recibiron 63 millóns de euros entre 2002 e 2005. A Federación Aspara calcula que a estes 63 habería que unir aquelas axudas que algunhas sociedades de prevención recibiron da súa matriz nos últimos exercicios para facelas viables e que nalgúns casos están recollidas nos seus balances. "Se engadimos isto poderiamos estar a falar de 70 millóns de euros máis. Ou sexa, que con todas as dificultades de cálculo poderían superar os 100 millóns de euros", sinala Agustín Azparren, socio internacional de Martínez-Echevarría Abogados en declaracións a El Confidencial.
Unha provisionalidade... de 16 anos

As Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social como entidades colaboradoras na xestión da Seguridade Social (na cobertura aseguradora de accidentes de traballo e enfermidade profesional) entraron no mercado da prevención de riscos laborais con carácter provisional. "Dezaseis anos despois, mantense a provisionalidade despois de desaparecer as causas que xustificaban a autorización provisional. Dende hai seis anos, interveñen no mercado da prevención a través de sociedades filiais, as sociedades de prevención," explica Azparren.
Fontes do sector consultadas por El Confidencial destacan que as sociedades de prevención viven das mutuas, aínda que "case todas están en números vermellos", recoñecen estas fontes, tras recordar que de aquí ao 31 de decembro terán que deixar de ser propiedade das mutuas. Prevese que nalgunhas desas sociedades pasen a propiedade dos empregados en modo de cooperativa. Outras buscan compradores para minimizar a previsible perda de postos de traballo.

Elconfidencial.com




Crean un patrón para identificar os tres tipos de traballadores "queimados"

Un estudo da Universidade de Zaragoza podería facilitar o recoñecemento dos que padecen a síndrome do profesional “queimado” ou “burn-out”, tras identificar as estratexias que usan os afectados para afrontar o estrés asociado aos tres perfís desta afección: frenéticos, sen desafíos e desgastados.

Tras anos de despedimentos, recortes presupostarios e maiores demandas sobre os traballadores que quedan, os lugares de traballo convertéronse nun importante caldo de cultivo desta afección, cuxa presenza vai en aumento.
Este trastorno adoita verse acompañado de sentimentos de esgotamento, cinismo e ineficacia no traballo. Aqueles empregados, unha vez ambiciosos e cheos de enerxía, móstranse menos dispostos e desenvolven un traballo de menor calidade.
A revista Plos ONE recolle os resultados da análise das enquisas que se realizaron 429 profesionais acerca das súas experiencias de estrés no traballo e de como se enfrontan a elas habitualmente.
Os científicos lograron definir como responde o afectado a esta síndrome a partir dos tres tipos de burn-out: "frenético", que presenta sentimentos de sobrecarga debido ás esixencias ou compromisos do seu traballo; "sen-desafíos " que ten a sensación de falta de desenvolvemento persoal no seu posto de traballo e "desgastado", que se comporta de xeito neglixente e dáse por vencido ante calquera dificultade.
En concreto, na enquisa aos profesionais afectados pedíuselles que identificasen o que facían para facer fronte ao seu malestar no traballo, con opcións como a busca de 'apoio social', 'negación do problema', 'desafogo emocional', 'reinterpretación positiva' ou 'uso de substancias'. Os investigadores encontraron un patrón entre os diferentes tipos de burn-out e as estratexias de afrontamento utilizadas polos traballadores.
Traballadores frenéticos, desgastados e sen desafíos
Nos resultados comprobouse que os "frenéticos" intentan superar o seu malestar mediante o 'desafogo emociona', así como con intentos por 'resolver o problema', o que podería explicar por que as persoas que sofren este tipo de burn-out, a miúdo, continúan sendo bastante produtivas. Curiosamente, a relixión tamén se relacionou con este perfil.
A estratexia de afrontamento posta en marcha polo perfil "desgastado" foi a denominada 'desconexión conductual', o que fai que este tipo de traballadores descoiden ou abandonen as responsabilidades do seu posto de traballo, cando teñen que enfrontarse a algún problema ou dificultade.
Por último, os traballadores "sen desafíos" adoitan utilizar tanto a estratexia de 'desafogo emocional' coma a de 'desconexión conductual', polo que este perfil podería ocupar unha posición intermedia entre os dous extremos anteriores. Non obstante, a estratexia máis común utilizada por este tipo de burn-out foi a 'evitación cognitiva', é dicir, o distanciamento ou distracción.
Os resultados deste traballo representan un punto de partida para recoñecer os que verdadeiramente padecen a síndrome, tratando de identificar que tipo de sentimentos os acompañan, así como a forma mediante a cal tratan de facer fronte á súa situación, o que, sen dúbida, redundará no desenvolvemento de intervencións preventivas e de tratamento sobre os afectados.
 
Agenciasinc.es

A caída da afiliación á Seguridade Social enturba de novo a evolución do desemprego en Galiza


A caída da afiliación á Seguridade Social vén de enturbar novamente a evolución do desemprego en Galiza. O noso país rematou o mes de marzo con 276.463 parados/as rexistrados/as nas oficinas do SEPE, o que supón un 1,29% menos (3608 persoas) que en febreiro e un 5,06% menos con respecto a marzo do ano anterior (14.724 parados/as menos). Mais o número de afiliados/as á Seguridade Social caeu un 0,4% con respecto a marzo do 2013 (arredor de 4000 persoas).

Deste xeito, o acusado descenso do desemprego interanual rexistrado en Galiza en marzo contrasta cos datos de afiliación á Seguridade Social, xa que reflicten unha caída media da afiliación con respecto ao mesmo mes de 2013 do 0,4% (arredor de 4000 afiliados/as menos).
Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, esta aparente contradición explícase por dúas razóns fundamentais: o desencanto, que leva ás persoas paradas de longa duración e que xa non cobran ningún tipo de prestación a deixar de se anotar nas listas de desemprego e á emigración, que explica tanto a caída de activos/as como a de afiliados/as á Seguridade Social.
Outro dato preocupante é a evolución da taxa de cobertura dos desempregados/as. Neste caso, en febreiro tan só o 54,1% dos parados/as percibía algún tipo de prestación. A pesar de que xa se trata dunha cifra moi baixa, non para de descender xa que no mes de xaneiro a taxa era de 54,8%, o que supón un descenso de sete décimas nun só mes.
Así mesmo, os datos de contratación amosan un mes máis a elevada temporalidade dos traballadores/as que atoparon un emprego en marzo, xa que segundo o SEPE dos 51.055 contratos rexistrados nas súas oficinas neste mes só o 9,4% se asinou baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.
Outras datos
Con respecto á media estatal, o descenso foi superior tanto a nivel mensual (-0'35% no conxunto do Estado) como interanual, xa que na media estatal o descenso foi do 4,75%.
Por sectores, o noso país tamén tivo un mellor comportamento que a media estatal. O maior descenso produciuse na Construción, cun 3,87% menos; a continuación situáronse a Industria (-1,3%) e o sector Servizos (-0,89%). No que respecta ao conxunto do Estado, a baixada na Construción foi dun 2,16%, na Industria do 1,1% e en Servizos do 0,7%. 
ILP polo emprego
No seu conxunto, os datos constatan o enorme deterioro ao que chegou o mercado laboral e obrigan a acender as alarmas, porque “de non se producir un xiro nas políticas económicas e laborais que permita a creación efectiva de emprego digno, estase a pór en xogo non só o presente de Galiza, senón tamén o noso futuro como país”, sinala Malvido.
Finalmente, o secretario confederal de Emprego entende que esta situación xustifica por si soa a ILP polo emprego que a CIG está a promover e cuxas sinaturas de apoio foron entregadas hoxe mesmo no Parlamento galego. “As medidas que nela se recollen permitirían darlle a volta a esta situación, favorecer a recuperación económica e posibilitar a creación de emprego”.

A CIG entrega no Parlamento máis de 31.000 sinaturas, o dobre das necesarias para avalar a ILP polo Emprego na Galiza

A CIG entregou este mércores, día 2 de abril, no rexistro do Parlamento de Galiza máis do dobre das sinaturas necesarias, en concreto 31.232, para avalar a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular sobre Medidas para a Creación de Emprego en Galiza. As/os representantes da central sindical chegaron ao Pazo do Hórreo en manifestación xunto cuns 1.500 delegados/as que partiron, pasadas as 12:15 horas, da Alameda compostelá tras reunirse en asemblea no Pazo de Congresos.

A xornada comezou cunha asemblea nacional de delegados/as convocada para analizar a situación do desemprego en Galiza e pór en común as medidas propostas pola CIG para favorecer a recuperación económica e impulsar a creación de emprego. Ao seu inicio, as e os delegados asistentes mantiveron un minuto de silencio en homenaxe ao compañeiro recén finado, Xosé Lois Martín Freire.
Tras da asemblea, as/os delegadas/os trasladáronse á Alameda compostelá, de onde saíron en manifestación até as portas do Parlamento de Galiza, onde permaneceron até que saíu a representación da Executiva Confederal encargada de entregar as sinaturas no rexistro do Pazo do Hórreo.
Na súa intervención na asemblea de delegados/as o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, salientou a importancia da ILP como parte dunha campaña de divulgación das propostas da central sindical para o crecemento económico e a creación de emprego concretadas en 100 medidas. Unha campaña que se puxo en marcha diante da enorme gravidade do problema do desemprego para a sociedade galega e para a súa clase traballadora.
Seixo asegurou que a creación de emprego “non vai vir da man das políticas ultraliberais promovidas polo PP, de reformas laborais, recorte de salarios e políticas activas de emprego”. Subliñou que, neste modelo, “sen crecemento económico, non hai creación de emprego” e reafirmou que fronte a actual situación e as políticas emprendidas polo PP “si hai alternativas”.
Denunciou as consecuencias para a clase  traballadora galega e para Galiza no seu conxunto dos altos niveis de desemprego, nomeadamente a emigración que supón “a perda de man de obra cualificada, de capacidade de xerar riqueza e de poboación”, co conseguinte avellentamento do país. Xunto a isto, alertou da pobreza e a exclusión social que xa está a provocar, con preto do 45% das desempregadas e desempregados que non cobran ningunha prestación e o debilitamento da clase traballadora, que perde capacidade reivindicativa e a consecuencia diso, empeora as súas condicións laborais, salariais e de vida.
Diante desta dramática situación, o secretario xeral da CIG denunciou a actitude da Xunta de Galiza que “está a manipular datos de paro e de emigración”, dixo, “para presentar un país no que todo vai ben”, limitándose a presentar diante da cidadanía “grandes proxectos industriais” que despois non se concretan en nada ou en moi pouco.
Denunciou tamén que o goberno do PP, á fronte da Xunta de Galiza está a permitir a destrución do noso tecido produtivo ou mesmo a “facer de axentes comerciais” para o pór á venda de capital foráneo sen ofrecer ningún plan de choque que reactive a economía e posibilite a creación de emprego.
Propostas da ILP
Respecto do contido da ILP subliñou que contempla propostas en diferentes materias: industrial, fiscal, financeira, laboral... e fixo especial fincapé nas laborais, dirixidas á creación de emprego de calidade. Entre estas subliñou a derrogación das contrarreformas laborais; a redución da xornada laboral ás 35 horas; a mellora do poder adquisitivo dos salarios ou a creación dunha renda de inserción laboral.
Xunto a estas, salientou algunhas das medidas contempladas en materia de promoción económica e industrial dirixidas a todos os sectores: pesqueiro, marisqueiro, leiteiro, forestal, gandeiro, automoción, téxtil, conservas, para o sector enerxético, a minaría ou o naval.
Do mesmo xeito lembrou que a CIG dálle moita importancia tamén ao sector do comercio “por xogar un papel fundamental na distribución e venda dos produtos elaborados en Galiza e, polo tanto, no mantemento e creación de emprego”. Por iso manifestou o rexeitamento da central sindical ás grandes superficies comerciais.
Sinalou a importancia do sector cultural, apoiando a produción e difusión da nosa cultura en todos os ámbitos e destacou tamén a importancia do sector público, para a promoción de empresas de capital público en sectores estratéxicos da nosa economía: enerxético, telecomunicacións; naval, leiteiro ou financeiro.
Respecto do sector financeiro subliñou que a CIG defende a necesidade dunha Banca Pública para apoiar o tecido produtivo (PEMES) e familias.
En materia de política fiscal reclamou o incremento do IRPF ás rendas máis altas; aplicar ás rendas do capital o mesmo tratamento fiscal que ás rendas do traballo; a supresión das bonificacións e deducións no Imposto de Sociedades; a redución do IVE dos produtos de primeira necesidade; a persecución da fraude fiscal e que se destinen máis recursos a perseguir a fraude cometida pola banca e as grandes empresas... Mecanismos imprescindíbeis “para garantir a redistribución da riqueza”.
Xunto a estes obxectivos, lembrou que a CIG con esta campaña, ademais de ofrecer alternativas para a creación de emprego, pretendía “abrir o debate sobre o actual modelo económico de capitalismo neoliberal”. Un modelo do que dixo que “xera un reparto desigual da riqueza e, polo tanto, un aumento das desigualdades sociais”. Denunciou que “concentra a riqueza e o poder nunha minoría da sociedade” e que “non garante dereitos básicos para toda a poboación”, entre os que sinalou ensino, vivenda, saúde, traballo... e concluíu que é un modelo que “converte a natureza e ao propio ser humano en mercadorías”.
Soberanía política
Por iso apostou por loitar por “conquistar un novo modelo de organización social e económica máis xusto e democrático, ao servizo dos intereses da maioría social, da clase traballadora”.
Chamou a atención, ademais, sobre a situación de Galiza e sobre o papel que xoga no Estado e na Unión Europea “como subministradora de materias primas, man de obra barata, recursos enerxéticos ou recursos financeiros” e concluíu que, ante isto, é necesario que a nosa nación goce de “soberanía política”.
Reforzar a CIG
O secretario xeral da CIG rematou salientando a importancia da central sindical como a mellor ferramenta para nos defender. Asegurou que os ataques da patronal e da dereita á CIG responden ao perigo que o sindicato representa para os seus intereses e chamou a todas as delegadas e delegados a facer un especial esforzo de cara ás eleccións sindicais.
A este respecto denunciou que precisamente a Lei de Seguridade Cidadá ten como obxectivo criminalizar a protesta e impedir á clase traballadora e ás organizacións sindicais, en concreto á CIG, saír á rúa a defender os dereitos laborais e sociais que está a laminar o Partido Popular.
Por iso concluíu que é fundamental reforzar a afiliación para continuar coa necesaria mobilización social para seguir a loitar na defensa deses dereitos cos que a dereita pretende acabar.

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 9