28/09/16
O Concello descolga por primeira vez do convenio colectivo vixente máis de 20 contratos
Hai unhas semanas o Concello contratou diverso persoal a través dun obradoiro de inserción laboral. Os contratos, realizados polo Concello de Betanzos descolgan ao profesorado docente, persoal administrativo e alumnado traballador do obradoiro do convenio colectivo vixente do persoal laboral ao servizo do Concello de Betanzos.
O Concello impón non só unha xornada superior á do resto do persoal, de corenta horas semanais, senón que descolga as retribucións e ponlles nos contratos unhas contías que descoñecemos que onde saen, porque negociadas nin de coñecemento dos representantes do persoal laboral non son.
O goberno municipal decide unilateralmente levar a cabo esta decisión sen que o propio concelleiro de Persoal llo comunicase nin tan sequera aos representantes do persoal. Actúa, unha vez máis, como nos ten acostumados no pasado, de xeito impositivo e pouco dialogante e decide unilateralmente que o convenio colectivo non é de aplicación para todo o persoal no que non lle convén.
A presidenta do Comité amosou a disconformidade nos contratos por estes motivos, non polas contratacións en si mesmas obviamente, e manifestou e solicitou por escrito que o Concello non discrimine ao persoal laboral en función de criterios descoñecidos e trate en igualdade de condicións a todo o persoal cun contrato laboral ao servizo do Concello de Betanzos. modificando as cláusulas correspondentes dos contratos para adaptalas ao convenio colectivo vixente.
Solicitude de información sobre novos postos de traballo
Solicitude das gratificacións do persoal funcionario
A CIG, como sindicato con representación na Mesa Xeral de Negociación, vén de solicitar a información relativa ás gratificacións do funcionariado do ano 2016, toda vez que a partida orzamentaria é compartida co persoal laboral. Nos vindeiros meses agardaremos a resposta e, de non se producir, acudiremos a reclamalas onde sexa pertinente.
Segundo pasan os anos e grazas á presión dos propios traballadores e traballadoras é verdade que cada vez a información relativa a persoal é máis fluída, mais hai que recoñecer que este é un dos temas enquistados e sobre os que o goberno local non solta prenda, ou polo menos ata agora non o fixo con anteriores solicitudes, de aí que a Sección sindical da CIG decidise facer un novo intento con este tema antes de tomar medidas determinantes e acudir a outras instancias.
É lamentable que mesmo para que o Concello lle achegue ao Comité de Empresa a información sobre as horas extras do persoal laboral houbese que denunciar na Inspección de Traballo hai tres meses, e tan só así se procedese a solucionar a cuestión e achegar a documentación.
27/09/16
22/09/16
O Ministerio de Emprego e Seguridade Social elimina o Libro de Visitas da Inspección de Traballo
Este luns 12 de setembro
o BOE publica a Orde ESS/1452/2016, de 10 de juño, pola que se
regula o modelo de dilixencia de actuación da Inspección de
Traballo e Seguridade Social que elimina o Libro de visitas, tanto en
formato papel como en formato electrónico. A nova regulamentación
traslada a obriga de documentar as actuacións inspectoras das
empresas á ITSS, tal e como se recolle na Lei 23/2015, do 21 de
xullo, Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade
Social, que dispón a obriga de documentar por escrito cada actuación
realizada polos funcionarios da Inspección, utilizando medios
electrónicos e sen que iso supoña impoñer ás empresas obriga
algunha para adquirir calquera clase de libros ou formularios para a
realización das devanditas dilixencias.
Ademais da eliminación
do Libro de Visitas da Inspección, a Orde recolle o novo modelo para
a extensión das dilixencias realizadas polos funcionarios da
Inspección de Traballo e Seguridade Social, tanto nas actuacións
que realicen nos centros de traballo coma nos casos de comparecencia
das empresas nas oficinas da Inspección. Así, por cada visita ou
comprobación extenderase unha dilixencia na que se refectirán entre
outros contidos as materias ou aspectos examinados e demais
incidencias concorrentes; o exemplar da dilixencia remitido á
empresa deberá ser conservado por un prazo de cinco anos. A Orde
contempla que o modelo se confeccione en versión bilingüe nas
comunidades autónomas con lingua cooficial.
Cámaras de vixilancia no lugar de traballo.
Xurisprudencia
O Tribunal Constitucional
nunha sentenza do 3 de marzo de 2016 admite a instalación por parte
de empresa de cámaras de vixilancia no posto de traballo como parte
da súa capacidade de vixilancia no posto de traballo, sin ter que
informar ao traballador/a sobre a grabación de imaxes, nin ter que
solicitar o seu consentemento. Ata esta sentenza, este Tribunal
admitía a instalación de cámaras de vixilancia no posto de
traballo, sempre que o traballador/a fose informado expresamente de
que estaba a ser gravado e que prestase o seu consentimento.
Esta sentenza xurde do
caso dunha empregada dunha tenda de roupa na que se instalaron
cámaras de vixilancia na zona de caixa, logo de ter a empresa
detectado irregularidades na caixa; a demandante foi despedida
disciplinariamente por apropiarse indebidamente dunha cantidade de
diñeiro procedente da caixa.
Nin a traballadora nin o
resto das súas compañeiras foran informadas expresamente da
instalación das cámaras de vixilancia, aínda que a empresa si
colocara nun lugar visible do escaparate, un cartel no que se
advertía da existencia das mesmas. A traballadora, tras ver
desestimada a súa demanda en primeira e segunda instancia, acudiu ao
Tribunal Constitucional en busca de amparo, que lle foi novamente
denegado ao confirmar a procedencia do despedimento.
O tribunal considerou
suficiente a instalación dun mero cartel no escaparate, dirixido ao
público en xeral para superar o requisito informativo, así como que
a traballadora prestara o seu consentimento de forma tácita, polo
mero feito de asinar o contrato de traballo, para superar o requisito
do consentimento.
O Tribunal Constitucional
fundamenta este cambio na súa xurisprudencia en que no ámbito
laboral, considérase que o consentimento do traballador /a enténdese
implícito polo mero feito de asinar o contrato de traballo. É
dicir, non é necesario que o traballador/a manifeste expresamente o
seu consentimento para ser gravado/a no seu posto de traballo. Será
pois suficiente con que exista unha referencia informativa xeral
sobre a existencia de cámaras de vixilancia no centro de traballo,
aínda que non se especifique concretamente o fin das mesmas.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org.
A Garda Civil detivo ao encargado dunha obra por manipular o lugar do sinistro antes de que chegasen os axentes
ACCIDENTE LABORAL
O Equipo de Policía
Xudicial detectou que o accidentado se atopaba sen os medios que
determina o Plan de Seguridade e Saúde, así como que se limpou e
manipulou o lugar onde se produciu o sinistro antes de que chegasen
os axentes.
A Garda Civil detivo o
pasado mes de xullo ao responsable de obra dunha empresa de
construción que realizaba traballos de reforma no interior dunha
nave empresarial nun polígono industrial de Mos, por mor dun
accidente laboral sufrido por un dos traballadores.
O traballador atopábase
nunha plataforma elevadora cando se precipitou ao chan dende unha
altura de algo máis de cinco metros, golpeándose na cabeza contra
un mesado de traballo. Foi ingresado na UCI con traumatismo
cranioencefálico e respiración asistida.
O Equipo de Policía
Xudicial da Garda Civil detectou que o accidentado se atopaba sen os
medios que determina o Plan de Seguridade e Saúde, así como que se
limpou e manipulou o lugar onde se produciu o sinistro antes de que
chegasen os axentes.
O encargado quedou en
liberdade coa obrigación de comparecer cando fose requirido.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org.
Axudas económicas para a atención de nenas/os menores de 3 anos
No DOG do 26 de agosto de 2016
publícase a Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen
as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio
de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono
coidado e se procederá á súa convocatoria.
1. Poderán ser beneficiarios das
axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as, ou as
persoas acolledoras de nenos/as menores de tres anos residentes na
Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos
seguintes:
- Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2013 respecto da anualidade 2016 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2014 respecto da anualidade 2017.
- Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos terase en conta a declaración do IRPF do ano 2014 respecto da anualidade 2016 e do ano 2015 respecto da anualidade 2017.
2. Ademais, as persoas beneficiarias
teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei
9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.
A axuda consistirá nunha achega
económica cuxa contía estará en función da renda per cápita da
unidade familiar, para contribuir ao pagamento do importe de servizos
de atención á infancia a domicilio.
As solicitudes de axuda
poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta
orde no Diario Oficial de Galicia ata, polo tando dende o 27 de
agosto de 2016, o 30 de setembro de 2017.
Toda a información na ligazón: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160826/AnuncioG0425-120816-0001_gl.html
Moitos temas pendentes
A "volta ao cole" está sendo complicada porque son moitos os temas pendentes para un goberno municipal con clara desidia en determinadas cuestións. O Comité de Empresa solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal para tratar, entre outros, os seguintes temas:
-Situación do servizo de limpeza dos centros de ensino.
-Solicitude urxente de negociación dunhas bases de axudas sociais
novas.
-Solicitudes de documentación non contestadas.
-Privatización do cemiterio municipal.
-Información sobre novos contratos e procesos pendentes.
-Recoñecementos de antigüidade do persoal readmitido.
-Estado de tramitación do convenio colectivo, do proceso da
elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo e das novas
bases de creación de listaxes para substitucións
-Estado de tramitación das indemnizacións por asistencia a
tribunais pendentes de cobrar.
Sen dúbida quedan uns meses por diante nos que ou ben comezan a avanzar dun xeito acelerado determinadas cuestións ou haberá que tomar determinacións para comezar mobilizacións e protestas, en todo caso manteremos informado ao persoal e farémolo partícipe das decisións que o Comité de Empresa considere necesario ir tomando sobre tantas frontes abertas e pendentes de solucionarse.
O Concello privatiza o mantemento do cemiterio municipal
En pleno mes de agosto o Concello publicou no Boletín Oficial da Provincia a privatización dos traballos propios do cemiterio municipal para os anos 2016-2018. Con este capítulo pecha outra privatización e anula as posibilidades de que sexan os traballos propios desempeñados polo persoal municipal. Logo de anos deixando esmorecer este e outros servizos prestados con persoal propio o PSOE decide recorrer a unha contratación para beneficiar unha empresa privada, mentres, por exemplo, contrata persoal para conducir a Diana Cazadora porque o entende como unha necesidade.
Para o goberno municipal a embarcación das paparotas si que que debe ser levada por persoal público, o que debería ser lóxico e defendemos para calquera servizo, pero cando falamos de cemiterio de seguro que argumentará que non é un servizo básico, a fin de contas... para qué morrer? Iso si que é un capricho e non un servizo esencial, agora facer viaxes o día dos Caneiros en familia é un servizo imprescindible nesta Administración.
Desde a CIG defendemos o emprego público porque o PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO e opoñémonos abertamente ás políticas do PSOE que pasará á historia, como temos dito, polo goberno municipal co maior número de privatizacións da historia do Concello de Betanzos.
NON MÁIS PRIVATIZACIÓNS!!!!
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS
O PÚBLICO É BENEFICIO E O PRIVADO É BENEFICIO
Por certo, se lle botades unha ollada aos custes estimados polos traballos e os comparades cos postos asignados ao Cemiterio da Relación de Postos de Traballo que non foron cubertos logo da xubilación de varios compañeiros, comprobaredes non só a vergoña de salarios do persoal laboral deste Concello senón tamén que o Concello lle paga máis ás empresas de fóra que aos de dentro para que moi probablemente ese beneficio non redunde en absoluto nos traballadores das concesionarias, que adoitan estar nunhas condicións cuestionables.
Lei 9/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais
Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza
Aí tendes a Lei de Emprego Público galega vixente que recolle moitos aspectos sobre os que algúns compañeiros nos pregunta a diario, cómpre lembrar que esta normativa é de aplicación para as entidades locais galegas.
Os sábados será inhábiles para os efectos administrativos
No vindeiro mes entra en vigor a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas que recolle moitas novidades e, entre outras, a declaración dos sábados como inhábiles para os efectos administrativos, isto suporía a efectos prácticos que o rexistro, aberto entre as 10:00 h e as 13:00 h os sábados non ten a necesidade de estar de servizo. Na actualidade o servizo é cuberto por unha maioría de persoal funcionario, lembremos que o propio rexistro debe ser levado por un funcionario ou funcionaria, de aí que neste Concello se procedese xa hai bastantes anos á funcionarización de persoal auxiliar e administrativo, mais o Concello debe declarar "formalmente" se as Oficinas Xerais pecharán ou non a partir da entrada en vigor os sábados, polo momento non tivemos coñecemento de ningunha comunicación por escrito con respecto a este tema mais en moitas administracións pecharán ese día ante a declaración do sábado como inhábil.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)