DENDE A SECCIÓN SINDICAL DA CIG DO CONCELLO DE BETANZOS QUEREMOS ACHEGARVOS OS NOSOS MELLORES DESEXOS PARA UNHAS FELICES FESTAS E UN VENTUREIRO ANO 2013.
21/12/12
Paga extra e aplicación do Decreto 20/2012
Dende
o pasado 15 de outubro, a través dunha instrución do Ministerio de
Facenda, foi de coñecemento público que as Administracións locais
tiñan unha ferramenta de aplicación deste decreto que dilucidaba o
seu alcalce e botaba luz os límites do roubo da paga extra. O
Concello de Betanzos en varias reunións cos representantes dos
traballadores asegurou que neste Concello a aplicación do Decreto ía
supor que practicamente ningún traballador tería a devandita paga
mais finalmente tívose que desdicir posto se viu na obriga de lle
pagar toda ou unha parte da paga a algo máis de vinte traballadores.
O
Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión co
concelleiro de Persoal para aclarar este e outros temas e rexistrou
varios escritos para recompilar información aos que o Concello deu a
calada por resposta ocultando unha vez máis datos que en realidade
deberían ser de coñecemento público, principalmente porque amosan
a miseria dos salarios do persoal laboral deste Concello, que non
chega aos 13469 euros brutos anuais que marcaba a instrución de
Facenda, é dicir, o cómputo anual de 1,5 veces o salario mínimo.
Dende o momento que o decreto viu a luz en todas as administracións
falouse de que practicamente era inexistente o persoal ao que non lle
roubarían a paga extra mais o persoal laboral do Concello de
Betanzos do grupo 5, mais tamén mesmo algún do grupo 4 e 3 resulta
unha triste excepción debido aos baixísimos salarios dos laborais
que demostran unha vez máis, as graves discriminacións perpetuadas
ao longo de anos entre laborais e funcionarios neste Concello.
Igualmente
logo de que o Comité de Empresa e varios compañeiros e compañeiras
solicitasen por escrito a regularización do IRPF que se debería ter
aplicado dende o momento que se publicou o decreto 20/2012 o Concello
regularizou o IRPF na nómina do mes de novembro o que provocou as
pertinentes consecuencias na nómina e que, nun principio, debería
tamén aplicarse na nómina do mes de decembro.
20/12/12
Reunións de cara a comezar a negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo
Dende
o momento que o persoal deste Concello foi quen coas súas alegacións
de paralizar a aprobación dunha Relación de Postos de Traballo
inxusta, arbitraria e que non facía máis que ser debedora das
irregularidades perpetuadas ao longo dos anos neste Concello en
materia de persoal comezamos a reclamar dende a CIG o inicio dun
verdadeiro proceso de negociación que tivese en conta a todos os
axentes implicados e cunha verdadeira vontade de cambio e renovación
das caducas políticas discriminatorias que non facían máis que
afondar nas diferenzas entre laborais e funcionarios.
Nos
pasados días o concelleiro de Persoal púxose en contacto connosco
para que mantivésemos unha reunión os representantes dos sindicatos
con representación de cara a achegarmos posturas para a negociación
nunha Mesa Xeral. Dende a CIG xa acordamos a data da reunión e non
temos problema ningún, como nunca o tivemos, en expor a nosa postura
publicamente, non obstante, logo de manter unha reunión co
concelleiro de Persoal parécenos que o Concello intenta escorrer o
vulto e minimizar a súa responsabilidade nesta cuestión motivo polo
que temos claro que podemos falar todo o que queiramos entre os
representantes sindicais que mentres o Concello non caia da burra,
tenda a man e teña unha verdadeira vontade de negociación todo
seguirá inmóbil. Aínda se algo temos claro é que unha casa non se
pode comezar polo tellado e rexeitamos de raíz a proposta de RPT que
o Concello presentou hai meses agás que haxa unha vontade de mudanza
de case a totalidade desta, porque non podemos aceptar algo que foi
rexeitado pola maior parte do persoal deste Concello que amosou o seu
descontento presentando as súas alegacións.
Unha
RPT en condicións pasaría por un organigrama coa súa xerarquía, a
clara definición das titulacións e as funcións e un sistema de
valoración dos postos transparente que dese como resultado a
valoración económica correspondente en cada caso e non como parece
neste Concello, que primeiro se asignaron os complementos específicos
e logo buscáronselle funcións a certo postos para intentar
xustificaren os seus salarios, ou, cando menos, iso é o que parece á
vista da RPT vixente e da que o Concello pretendía aprobar hai uns
meses. En todo caso dende a CIG reiteramos a nosa vontade de
negociación e a necesidade dunha nova Relación de Postos de
Traballo mais isto non supón en ningún caso que haxa que dobregarse
ante quen pretende coller a xustiza pola súa man e logo querer
parecer a vítima aínda que en realidade sexa o verdugo.
17/12/12
Actualidade
Rajoy imita a Feijóo e endurece os recortes aos funcionarios que falten ao traballo
Nova tirada do xornal dixital Praza Pública
Os empregados públicos perderán a metade do soldo daqueles días soltos que non vaian traballar, aínda que sexa de maneira xustificada. Segundo adianta La Información, o Goberno vén de introducir no trámite de emendas do Senado ao proxecto de Orzamentos unhacláusula que permitirá ás Administracións reter aos funcionarios medio soldo de cada día que se ausenten do traballo por unha continxencia ou enfermidade que non se converta nunha incapacidade temporal e, polo tanto, que non supere os tres días de baixa. Deste xeito,o Executivo de Rajoy segue a senda marcada por Núñez Feijóo na Lei de Medidas Temporais en Determinadas Materias do Emprego Público de hai cinco meses.
Naquela reforma legal da Xunta, tramitada pola vía de urxencia, incluíuse unha forte rebaixa nas percepcións salariais dos funcionarios e empregados públicos cando se ven afectados por unha continxencia común que lles impide acudir ao seu posto de traballo con normalidade. Así, por exemplo, cando unha gripe ou outro tipo de enfermidade leve ou un accidente de tráfico sen consecuencias graves os obriga a coller unha baixa ven como entre o primeiro e o terceiro día o complemento por incapacidade queda no 50% se é a primeira baixa do ano, no 40% se é a segunda e, directamente, no 0% se é a terceira. Do cuarto ao vixésimo día este complemento sitúase no 75% tras o recortes e, de aí en diante, no 100%.
O Goberno central establecera uns límites segundo os cales do primeiro ao terceiro día de baixa o complemento de incapacidade ten que chegar ao "máximo do 50% das retribucións". Do cuarto ao vixésimo Rajoy outórgaballe liberdade a cada Administración, sempre e cando non superase o 75%. Dende o vixésimo día e ata o nonaxésimo -limiar a partir do cal entran en xogo outras normativas- "poderase recoñecer a totalidade das retribucións básicas, da prestación por fillo ao cargo, no seu caso, e das retribucións complementarias". A Xunta revelárase daquela como unha alumna aventaxada nesta materia, xa que o Estado non restrinxía nin chegaba a eliminar a retribución nos primeiros tres días de incapacidade se non se trata da primeira baixa do ano. Agora, o Goberno de Rajoy decide ir máis aló e copiar o modelo instaurado polo Executivo galego de Feijóo, nunha imitación que non é única. A reforma educativa que prepara o ministro Wert segue, no plano lingüístico, a vía marcada pola Administración galega co seu decreto do plurilingüismo.Actualmente, as baixas episódicas por un arrefriado, accidente doméstico ou causas persoais non supoñen unha redución da nómina dos funcionarios, xa que o custo é cuberto na súa totalidade polo pagador, a Administración, independentemente dos días de baixa que se xunten. Na empresa privada, agás excepcións, non adoita acontecer.
Etiquetas:
recorte dereitos
O Comité solicita unha vez máis que se retome a negociación do convenio de novo
Logo de que o Concello de Betanzos leve cinco meses sen convocar a
Comisión Negociadora do Convenio colectivo do persoal laboral e que,
por tanto, a negociación estea paralizada, o Comité de Empresa
acordou na súa reunión ordinaria do mes de novembro instar ao Concello a que retomase a negociación e así o fixo a finais do pasado mes, a día de hoxe, seguimos sen resposta.
O Comité, pois, solicitou por rexistro que se retome a negociación do convenio coa máxima
brevidade posible logo de que a Comisión Negociadora leve dende o
pasado mes de xuño sen reunirse e informou ao Concello de que mantén a proposta de Convenio presentada inicialmente polo Comité aínda que tendo en conta as posibles modificacións que
esta pode sufrir ao abeiro das mudanzas lexislativas dos últimos
meses e entendendo que as últimas propostas de modificación deste
texto achegadas polo Concello débense negociar, como procede, na
Comisión negociadora do convenio colectivo.
O certo é que coas últimas reformas lexislativas haberá que adaptar a proposta dos traballadores mais isto non é máis que froito do desdeixamento dun Concello que leva un ano adiando a negociación do convenio, denunciado xa o ano pasado e que podía estar xa máis que negociado, acordado e aprobado se houbese vontade para facelo, como sempre, parece que isto é o que falla neste Concello.
16/12/12
Falta de información: costumes que son difíciles de abandonar
A comezos deste mes o Concello distribuíu a información sobre as axudas sociais mais dun xeito bastante irregular posto que esta non chegou a todos os xentros de traballo. Esta falta de información que nos trasladaron varios traballadores motivou que o Comité de Empresa xa rexistrase dúas queixas para que o Concello subsanase estes erros coa maior brevidade posible. O certo é que ao Concello lle custa acostumarse a facer as cousas como debera e tratar a todo o persoal por igual, posto que se así fose non "esquecería" algúns centros de traballo cando ten a obriga de informar a todos os traballadores e traballadoras por igual.
Non hai que esquecer que non foi sen tempo nin traballo por parte do Comité de Empresa que o Concello por fin aplicase as bases vixentes dende había dez anos e publicase a convocatoria das axudas. Boa mostra de que a información non chegaba a todo o persoal foi que logo de informarmos publicamente e que días despois o Concello fixese o mesmo, as solicitudes do persoal laboral aumentaron de xeito considerable e por primeira vez a partida orzamentaria foi insuficiente a pesar de que nos últimos anos o Concello cada vez ten menos persoal por culpa das continuas privatizacións. A isto había que sumarlle a negación do dereito a solicitar axudas que moitos compañeiros e compañeiras que non ocupan postos na RPT padeceron dunrante anos por culpa dunha perversa interpretación do convenio colectivo que motivaba e aínda motivo múltiples discriminacións entre os traballadores tendo en conta o tipo de contrato e vulnerando abertamente o artigo 15.6 da Lei do Estatutodos Traballadores.
A maiores de que a información non foi distribuída en todos os centros de traballo, o Comité de Empresa tamén se viu na obriga de presentar unha queixa pola distribución, xunto coa solicitude e a convocatoria de axudas sociais, de publicidade dunha clínica privada que acompañaba a documentación. No escrito presentado por rexistro solicítase información
con respecto ao acordo coa empresa privada Asisa da que o Concello
distribuíu publicidade, xunto coa documentación correspondente á
convocatoria de axudas sociais na maioría dos departamentos do
Concello, posto que nos taboleiros municipais
destinados á información dos traballadores estaba colgada a
publicidade da devandita empresa cunha unha oferta
especial para o Concello de Betanzos e que en ningún momento o
Comité de Empresa nin a Mesa de Negociación tivo coñecemento da
devandita oferta nin a valorou a fin de controlar a publicidade de
empresas privadas que se expón nos taboleiros de información aos
traballadores e que son o único espazo público que teñen os
traballadores deste Concello para se informar. Ademais, o Comité solicitou que se retirase esta información da devandita empresa dos
taboleiros de información dos empregados do Concello e que non se
distribuíse xunto coas convocatorias públicas destinadas ao persoal
do Concello de Betanzos ningunha información de empresas privadas en
canto estas ofertas e posibilidades non sexan valoradas por todos os
axentes implicados.
A Alianza Social Galega chama a cidadanía a concentrarse o 20 de decembro nas principais cidades e comarcas galegas
As máis de 60 entidades que conforman a Alianza Socia Galega fixeron esta mañá, en rolda de prensa, un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas para o vindeiro xoves, día 20 de decembro, nas principais cidades e cabeceiras de comarca. Mobilizacións coas que se queren denunciar as políticas antisociais que está a adoptar o goberno do PP e entre as que salientaron a non revalorización das pensións, os recortes na sanidade e no ensino públicos e a contrarreforma ideolóxica que representan a LOMCE ou Lei de taxas xudiciais. Como parte das reivindicacións tamén estará a esixencia de reformar da normativa hipotecaria para pór fin ao drama dos desafiuzamentos e lograr a dación en pagamento.
A convocatoria foi presentada polos secretarios xerais da CIG, Suso Seixo; de UGT, José Antonio Gómez e CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, así como por representantes doutras organizacións integrantes na Alianza.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo denunciou que todas as medidas que se veñen impoñendo, lonxe de axudar a saír da crise, teñen provocado un incremento do desemprego, da precariedade e da exclusión social e lembrou que as previsións para os próximos anos non permiten tampouco ser moi optimistas.
Alén diso, subliñou que o PP está a proveitar a crise para introducir o modelo ideolóxico “da dereita máis reaccionaria do Partido Popular”. Un modelo que cualificou de “inxusto, clasista e centralista”.
A modo de exemplo, sinalou o Anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), do que dixo que favorece o ensino privado-concertado mentres castiga o público, favorecendo a quen ten máis poder económico e co obxectivo de restar competencias ás comunidades autónomas.
Do mesmo xeito, subliñou que as reformas que se pretenden introducir na xustiza nada teñen que ver coa crise. “Teñen tamén o obxectivo de dificultar o acceso a ela por parte das persoas máis desfavorecidas, facendo a xustiza máis elitista e clasista”, dixo.
Ante esta situación, o secretario xeral da CIG denunciou o retroceso non só das condicións laborais e sociais da poboación, senón tamén dos dereitos e liberdades. Alertou de que se no estado español non medran as forzas de extrema dereita no estado español, como ocorre no resto dos países da periferia europea máis afectados pola crise, é porque “están dentro do PP” e apuntou os “tics típicos da época franquista” que se poden apreciar claramente na LOMCE: desde os ataques ás linguas propias até o relevante papel que se lle confire no ensino á igrexa católica, favorecendo ademais aos sectores económicos máis poderosos e acomentendo un proceso de recentralización sen precedentes nos últimos 30 anos.
As mobilizacións previstas son:
CONCENTRACIÓNS 20 DE DECEMBRO DE 2012
| ||||
COMARCA
|
LOCALIDADE
|
LUGAR
|
HORA
| |
A CORUÑA
|
A CORUÑA
|
Delegación do Goberno
|
19:30
| |
FERROL
|
FERROL
|
Edificio da Xunta de Galicia
|
19:30
| |
SANT-BARB
|
SANTIAGO
|
Praza de Galicia
|
19:30
| |
LUGO
|
LUGO
|
Subdelegación do Goberno
|
20:00
| |
A MARIÑA
|
BURELA
|
Praza da Mariña
|
20:00
| |
OURENSE
|
OURENSE
|
Subdelegación do Goberno
|
19:30
| |
PONTEVEDRA
|
PONTEVEDRA
|
Subdelegación do Goberno
|
19:30
| |
AROUSA
|
VILAGARCÍA
|
Praza de Galicia
|
20:00
| |
VIGO
|
VIGO
|
O Marco (rúa do Príncipe)
|
20:00
| |
Tes toda a informacion www.galizacig.com
13/12/12
APLICACIÓN DA INSTRUCIÓN DO MINISTERIO DE FACENDA CON RESPECTO AO DECRETO 20/2012 NO QUE TEN A VER CO ROUBO DA PAGA EXTRA
Moito se ten falado nos
últimos tempos do que supón o roubo da paga extra para os
empregados públicos que vén imposto polo Decreto 20/2012 de xullo e
que está a ser interpretado na busca de solucións alternativas a
esta perda de poder adquisitivo que supón dependendo da vontade dos
distintos gobernos municipais e autonómicos.
O pasado 15 de outubro
dende o Ministerio de Facenda emitiron unha “Instrución conxunta
da Secretaría de Estado das Administracións Públicas e da
Secretaría de Estado de orzamentos e gastos para a aplicación do
Título I do Real decreto-Lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas
para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da
competitividade no ámbito do sector público estatal.” que
facilita a aplicación do devandito decreto nas administracións e
que pretendía botar luz sobre algúns dos problemas que podían
derivar da interpretación do propio decreto.
Dende ese momento foi de
coñecemento público que as Administracións locais tiñan unha
ferramenta de aplicación deste decreto que dilucidaba o seu alcalce
e botaba luz os límites do roubo da paga extra. O Concello de
Betanzos en varias reunións cos representantes dos traballadores
asegurou que neste Concello a aplicación do Decreto ía supor que
practicamente ningún traballador tería a devandita paga mais parece
que nos vindeiros días se terá que desdicir se cumpre o que esta
instrución indica. O Comité de Empresa xa solicitou unha reunión
co concelleiro de Persoal para aclarar este e outros temas mais entre
tanto dende o Departamento de Persoal indícase que parece que si que
se vai aplicar esta instrución que suporá que algúns traballadores
e traballadoras perciban unha parte desa paga por non superar o
salario bruto máximo en cómputo anual que se indica; na práctica
isto afectaralle en distinta medida a algún persoal laboral do grupo
5, sempre dependendo de factores como a antigüidade ou os
complementos específicos que repercuten en maiores ou menores
retribucións brutas anuais. Con respecto a isto o propio Decreto
indica o seguinte:
“A única excepción
que contén o Real-decreto lei á supresión da paga extraordinaria
ou equivalente no mes de decembro de 2012, é a non aplicación da
dita medida aos empregados citados nos apartados anteriores cuxas
retribucións por xornada completa, excluídos incentivos ao
rendemento, non acaden en cómputo annual 1,5 veces o salario mínimo
interprofesional establecido no Real decreto 1888/2011, de 30 de
decembro.
Por tanto, atendendo á
finalidade da norma, a redución da paga extraordinaria do mes de
decembro só se aplicará a aqueles empregados cuxo salario, referido
a xornada completa e en cómputo annual, sexa de 13.469,4 euros
(8979,70x1,5) ou superior, sen que, unha vez aplicada a devandita
redución, o salario resultante poida ser inferior a eses 13.469,4
euros.”
Enténdese, pois, da
devandita instrución, que haberá traballadores que cobren unha
parte da paga extra ata acadar ese límite salarial marcado, mais o
que non se entende é que o Concello a 13 de decembro siga coa boca
calada sobre este tema, non informase aos representantes do persoal
logo de afirmar en varias ocasións que lle afectaba a todo o persoal
o roubo da paga polo límite imposto polo decreto e que mesmo se
informe dun xeito bastante velado ao persoal que podería estar
beneficiado pola aplicación do Decreto coas directrices desta
instrución. É posible tamén que para o Concello isto careza de
importancia porque, nun principio, o persoal funcionario non se vería
afectado, mais o certo é que para algúns traballadores e
traballadoras si que a ten, por iso agardamos que nos vindeiros días
o Concello informe a todos os afectados, no caso de que os haxa, e
tamén aos representantes do persoal sobre a posible execución desta instrución do Ministerio de Facenda no Concello de Betanzos
Podes consultar a instrución completa aquí:
02/12/12
Temas pendentes
Logo da readmisión da cinco compañeiros do GRUMIR após que a xustiza determinase que os despedimentos que o Concello efectuou no pasado mes de febreiro eran improcedentes o Concello aínda ten débedas pendentes neste caso.
Por unha banda, a pesar de que o Concello se comprometeu a pagarlles os salarios de tramitación adebedados ao pouco da readmisións a día de hoxe, tres meses despois, isto aínda non aconteceu, e o que é peor, o Concello non foi quen de emendar os orzamentos que pesentou inicialmente cando xa tiña varias sentenzas enriba da Mesa e que foron aprobados de xeito definitivo cando estes traballadores xa estaban reincorporados. O Concello fixo moi mal o seu traballo en todo o que ten a ver coa readmisión deste persoal e a día de hoxe isto pode supor que se soliciten as execucións das sentenzas por vía xudicial xa que o Concello non é quen de amañar as súas propias desfeitas de motu propio.
Por outra banda, o Concello ten sobre a mesa xa hai un tempo unha outra sentenza doutro compañeiro que indica que o seu despedimento tamén foi improcedente, e que non foi recorrida pola Administración e, por tanto, enténdese que procede a readmisión, mais o certo é que os meses pasan, o traballador segue na casa e o Concello non fai máis que amorear débedas que antes ou despois terá que saldar.
A maiores de todo isto os orzamentos que se aprobaron hai uns días de xeito definitivo parecen non reservar ningunha partida específica para todo o que ten a ver con estas readmisións o que podería supor a presentación, no caso de que así sexa, dun recurso ante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, tal e como indica a propia publicación do BOP, nos dous meses seguintes á publicación da aprobación definitiva dos orzamentos.
Aberto o prazo para solicitar as axudas sociais de 2012
Ata o vindeiro 31 de de decembro o persoal laboral e o funcionariado do Concello de Betanzos pode rexistrar as súas solicitudes de axudas socais 2012. A folla de solicitude e mais a convocatoria son as seguintes:
Solicitude Axudas 2012
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
