30/01/15

Un empresario acepta un ano e medio de cárcere por un accidente laboral cun falecido

ACCIDENTE LABORAL

O accidente produciuse cando a vítima traballaba no interior dun colector que estaba a ser equipado para convertelo nun centro de transformación para parques solares. Nun momento dado, o cadro eléctrico que manipulaba, duns 300 kg de peso, desequilibrouse e derrubouse sobre o traballador. O transporte e posicionamento vertical do cadro realizouse coas pinzas dun touro, sen elemento ningún de fixación ou amarre.

Segundo a acusación, «omitíronse as condicións apropiadas de seguridade» e empregouse un procedemento que cualifica de «totalmente inadecuado».

Antes de proceder á operación, explica, «deberíase ter estudado e planificado a forma axeitada de introducir cada equipo eléctrico no colector, dando preferencia á manipulación de cargas por medios mecánicos e cuberto o chan do colector con chapas metálicas de resistencia apropiada e debidamente ancoradas, para garantir que non se producise ningún desprazamento».

As cargas «deberían ter sido manipuladas por polo menos catro persoas, baixo a supervisión dun mando», e a manobra de introdución do armario eléctrico no colector «debería terse realizado antes da montaxe da porta». Ademais «ningún traballador debería ter estado no raio de acción das cargas», engade o Ministerio Fiscal.

O xuízo previsto no Xulgado do Penal Número 2 de Avilesino non chegou a celebrarse, ao aceptar o acusado (xerente e máximo responsable de seguridade de persoal da empresa) as formulacións do Ministerio Fiscal. O xerente foi acusado de delito contra a vida e a saúde pública dos traballadores e de homicidio imprudente, sendo condenado a ano e medio de prisión, multa de 1.280 euros e pagamento de indemnización ao servizo de Saúde do Principado polos gastos ocasionados.



Máis info en www.cigsaudelaboral.org

Asinado o acordo polo que a Central Obreira Galega se integra na CIG


Este proceso contribúe ao fortalecemento da CIG como principal referente do sindicalismo nacionalista galego

O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e o Secretario Xeral da COG, Carlos Varela, acompañados por representantes das dúas organizacións sindicais, asinaron na tarde deste mércores o acordo polo que a Central Obreira Galega pasa a integrarse na Confederación Intersindical Galega, asumindo os principios estatutarios e programáticos desta última e avanzando na consolidación dun sindicalismo nacionalista de clase forte e unitario.

O proceso que hoxe culmina iniciouse hai uns meses con conversas informais e tras da aprobacións nos órganos correspondentes de ambas organizacións, procedeuse á súa formalización. Por parte da CIG, a Comisión negociadora estivo integrada por Francisco Miranda Vigo (Secretario Confederal de Comunicación e Propaganda), Paulo Rubido (Secretario Nacional da CIG-Servizos), e Xabier Filgueira (Secretario Comarcal da CIG da Coruña) e Paulo Carril (Secretario Confederal de Organización). Por parte da COG, estiveron presentes nas negociacións Carlos Varela (Secretario Xeral) e Mario Díaz Bustamante (da Executiva nacional).

A integración da COG contribúe a reforzar a CIG como principal referente do sindicalismo nacionalista galego, nun momento como o que estamos a vivir, cun ataque tan brutal aos dereitos da clase traballadora, co incremento da precariedade e a desregulación, coa baixada dos salarios, e co que isto supón de debilitamento da capacidade reivindicativa dos traballadores e traballadoras. É fundamental neste contexto o fortalecemento das organizacións sindicais de clase para convertelas en instrumentos máis eficaces fronte aos ataques do poder.

Neste sentido, a incorporación da COG é unha axuda máis a ese proceso de fortalecemento do modelo sindical que a CIG representa hoxe no noso país, de confronto co poder, de deslexitimación da política de pacto social, de participación da clase traballadora e de auto-organización para unha mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.

Sobre a decisión de integrarse na CIG, Mario Díaz indicou que os contactos coa Confederación xa se realizaran no momento en que foron expulsados da CUT e mantivéronse ao longo do tempo de xeito esporádico. O pasado ano é cando na COG se decide avanzar cara á unidade do sindicalismo nacionalista e a un futuro estratéxico “dunha central única galega” dentro deste ámbito.

A este respecto, Carlos Varela apuntou que dende a COG sempre tiveron claro que se nalgún momento se acordaba dar o paso á unha integración, esta sería no seo da CIG porque “é o único sindicato que representa os intereses dos traballadores e as traballadoras galegas, dende a perspectiva nacionalista que nós sempre estivemos e no que achegamos o noso gran de area a base de traballar duro e cun enfoque asembleario, nacionalista e de clase”.

Sobre as perspectivas nesta nova andaina, ambos os dous afirmaron que o que defendemos é o traballo día a día e que sexa de calidade”, especialmente, indican, á hora da elección da representación nos centros de traballo para que “os delegados/as, os Comités e as Seccións Sindicais acheguen ese calidade diferenciadora con respecto aos outros sindicatos”.

“Este é un paso que damos e esperamos que outros tamén o dean, para que se poida construír esta central única galega que defenda os intereses de todos os traballadores e traballadoras galegas, e os intereses de clase que noutras centrais sindicais se perderon”, concluíu Díaz.


Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento. O maior golpe de estado aos nosos dereitos

A CIG inicia hoxe en Vigo unha campaña informativa sobre os contidos e as consecuencias para a clase traballadora do TTIP e do CETA


A CIG vai iniciar unha campaña para divulgar os contidos e as consecuencias que terán para as clases populares os tratados de libre comercio que a Unión Europea e os estados de América do Norte (EEUU e Canadá) están a negociar de xeito opaco. Uns tratados que, de aprobárense, suporán un golpe brutal á soberanía dos estados, ao quedar esta supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais; e constituíndo un retroceso sen precedentes nos nosos dereitos económicos, sociais e ambientais máis elementais. O primeiro acto informativo terá lugar hoxe mércores no local da CIG de Vigo ás 18.30 horas e nela participarán Alberte Gonçalves, Manuel Mera, Antolín Alcántara e Manuel G. Moreiras.

Na primeira fase desta campaña a central sindical ten convocados actos abertos en cada unha das comarcas para informar do contido dos acordos e explicar as consecuencias que terán para nós como clase e como nación. As conferencias, nas que tamén se proxectará un vídeo-documental, comezarán este mesmo mércores 28 en Vigo e rematarán o 24 de febreiro en Ourense.
As datas previstas dos actos públicos (a falta de concretar lugares a horas) son:

- Vigo, 28 de xaneiro: ás 18:30 horas no local sindical (r/ Greogorio Espino, 47).
- Ferrol, 3 de febreiro
- Lugo, 10 de febreiro.
- A Coruña, 11 de febreiro.
- Compostela, 12 de febreiro.
- Pontevedra, 12 de febreiro.
- Ourense, 24 de febreiro.
Que é o tratado TTIP?

O TTIP (nas siglas en inglés de Transatlantic Trade and Investment Partnership) é un acordo transatlántico que se negocia  en segredo dende ano pasado entre a Unión Europea e os Estados Unidos de América. Está prevista a súa entrada en vigor a finais do ano 2015. Plenamente coincidente en contidos e obxectivos é o texto -xa pechado- do Acordo Económico e Comercial Global (CETA - AECG) entre o Canadá e a Unión Europea.


Este Tratado non se discute en ningún Parlamento, é secreto; por tanto, os parlamentos dos estados membros non poden participar, negociar, aprobar ou rexeitar o Acordo. Contrariamente, participan máis de 600 asesores/as das máis grandes empresas multinacionais destes continentes. Son, por tanto, estas corporacións as que impoñen as condicións políticas do Acordo por riba dos estados.

Negocian acordos que diminúan ou eliminen todas aquelas normas que protexen ou aseguran a calidade dos servizos, dos alimentos, da agricultura, dos dereitos sindicais, do salario, das pensións, da sanidade, do ensino, do medio ambiente, etc., para asegurar a liberdade de mercado destas grandes multinacionais e bancos.

Créanse tribunais privados constituídos por estas grandes empresas, que poderán sancionar a un ou varios estados con indemnizacións millonarias, se consideran ser afectadas na súa competencia ou actividade por normas ou lexislación que protexan o traballo, a alimentación, o comercio, o medio ambiente ou os servizos e prestacións públicas.

Que consecuencias vai ter?

Na seguridade alimentaria.- Exemplos: En Europa só está permitido a comercialización dun produto transxénico, en EEUU 160. Eliminarase o control sobre os pesticidas; eliminarase a prohibición sobre a hormona de crecemento bovina relacionada con cancro en humanos. Permitirase a venda e consumo de carnes de ave tratadas con cloro para branquealas. Trátase de non pór trabas ás grandes empresas agroalimentarias. O principal é o negocio e non a saúde da poboación. Os nosos produtos, os nosos labregos/as e gandeiros/as non poderán resistir contra estas multinacionais.
Nos dereitos no traballo.- Os convenios colectivos, o salario mínimo, a protección sanitaria e pensións públicas resultan afectados. Os EEUU non asinaron os acordos da OIT sobre dereitos Internacionais no traballo, por tanto non aceptan a liberdade sindical e a organización en sindicatos. As empresas americanas que se instalen aquí non estarán obrigadas a cumprir a lexislación laboral, nin convenios nin salario mínimo. As consecuencias serán que as empresas de aquí reclamarán a aplicación das normas de equivalencia alegando razóns de competencia; por tanto, os nosos dereitos universais e colectivos serán atacados.
Nos servizos e prestacións públicas as normas de competencia que reclama EEUU para servizos públicos como a sanidade, ensino primario, secundario e universidades, pensións, ou servizos prestados por concellos, etc., son considerados como monopolios públicos e, por tanto, afectan á actividade privada e ao libre mercado das empresas. Unha vez que un servizo público se privatiza, o Acordo prohibe que volva ser recuperado polo estado. As persoas ricas non terán problema en contratar a súa sanidade privada nin a súa pensión, pero que sucederá coa clase traballadora? Sucederá, acaso, como en Estados Unidos que cando pecha unha empresa os traballadores/as perden os seus fondos de pensións?
Nas normas de saúde e medio ambiente os estados perden capacidade efectiva para controlar as multinacionais e prohibir actividades perigosas. En tratados idénticos a este, a tabaqueira Philip Morris reclama miles de millóns de indemnización a Australia por prohibir a publicidade dos cigarros. Tamén reclama millóns de dólares a Uruguai por obrigar ás compañías a ilustrar nos paquetes de cigarros as fotos e gráficos que advirten do risco de fumar. A petroleira Occidental Petroleum reclama 1.700 millóns a Ecuador, por rescindir este país o contrato por violar as leis de contaminación. Canadá tivo que pagar 122 millóns por revogar os dereitos sobre a auga a unha compañía do seu propio país.
Ningún Estado pode gañar nestas reclamacións, porque os tribunais son privados e creados polas empresas. É ilustrativo o caso recente de Arxentina, que debe pagar 500 millóns a Empresas Americanas por desvincular o peso na relación co dólar. Os países non mandan nin na súa moeda.
Os estados perden a súa soberanía e poder de decidir e gobernar sobre os seus recursos. A clase traballadora resulta sacrificada en beneficio dos multimillonarios aos que estes Gobernos entregan todo o poder, porque traballan para eles. Parece lóxico que nacións como Catalunya, Euskal Herria e mesmo Escocia na Unión Europea queiran exercer a súa soberanía, porque os ricos de Madrid e Alemaña non poden decidir o destino de todos os pobos.
En que situación quedará o pobo galego, como se enfrontará a nosa industria, a nosa pesca, o noso agro e a nosa clase traballadora a un ataque tan brutal e antidemocrático aos nosos recursos e dereitos? Se non decidimos nós o noso destino, non teremos futuro como pobo.
Paremos o Tratado Transatlántico!




Hoxe é un día grande de festa! 21 días despois o concelleiro de Persoal recibirá aos representantes do Comité de Empresa

Hoxe amencimos con boas novas, debe ser festa, seica logo de 21 días o concelleiro recibirá aos representantes do Comité de Empresa o vindeiro 5 de febreiro!! Como se pode ver, os traballadores son unha proridade incuestionable para este goberno municipal e a media de espera xa supera a das urxencias de sanidade en días de colapso.

O certo é que onte mesmo o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, decidira que ía solicitar unha reunión co alcalde xa que o concelleiro non o recibía, coa idea de rexistrala hoxe a primeira hora, mais as novas deben correr que voan e xa nin deu tempo a realizar a xestión que o concelleiro de Persoal buliu no último momento. Certo é tamén que non é a primeira vez que o concelleiro mesmo menciona cousas que se tratan nas reunións do Comité de Empresa e repite versións dos delegados sindicais do outro sindicato con representación, mais isto xa nin é novo, nin sequera nos preocupa porque hai xa moito tempo que quedou claro a quen defende e que papel xoga cada un dos sindicatos que forman parte deste Comité, e hai quen dedica o tempo a cargar contra os compañeiros e defender a xestión do goberno municipal mesmo no caso de despedimentos dun xeito inxustificable.

Os meses para que o goberno cumpra todo o que ten pendente en materia de persoal nesta lexislatura van esgotándose, mais cando que che reciba o concelleiro de Persoal para lle poder transmitir algúns problemas existentes e buscarlles solucións é case unha súplica non hai moito que agardar de todo o demais. Diante estaba o alcalde, Ramón García, cando o instou a que se reunise mensualmente cos representantes dos traballadores, por tantos ambos, e todo o goberno municipal, son ben coñecedores da pésima xestión de persoal de Diego Fernández, que parece que non ten tempo para recibir aos propios traballadores, e todo son coñecedores e consentidores de que tantos e tantos problemas laborais sigan sen se amañar tres anos depois. Aínda están a tempo e agardamos que o aproveiten, porque aínda que sexa tarde mal e arrastro, as melloras para o persoal laboral e as solucións ao problemas laborais sempre serán benvidas.

26/01/15

O concelleiro non recibe e aquí non se percibe!


Logo de que o Comité de Empresa leve dez días agardando a que o concelleiro de Persoal o reciba solicitará nos vindeiros días unha reunión co máximo responsable do goberno municipal, o alcalde, Ramón García a ver se con este hai máis sorte, de cara a lle poder trasladar a súa preocupación polos moitos temas que están no aire e que durante tres anos e medio o goberno municipal asegurou que ía amañar nesta lexislatura.

Non é a primeira vez que o Comité tarda semanas en ser recibido polo concelleiro de Persoal, do que case nin percibimos a súa existencia, xa que non é quen de responder ás solicitudes do Comité de Empresa, da CIG nin dos propios traballadores a título individual... como desde o goberno fagan o mesmo coa veciñanza compadecémola, mais se non son quen nin de atender a quen traballa no Concello o que será dos de fóra!

Atrás queda aquela entrevista que Diego Fernández publicara nun xornal local ao comezo da lexislatura dicindo que se abría unha nova etapa de diálogo co persoal que non houbera co anterior goberno. O certo é que desde a CIG descoñecemos as relacións do Comité anterior co goberno nin o diálogo que había ou non, si que sabemos que escrito non había nada e aínda pagamos as consecuencias hoxe en día, mais se algo está claro é que se o diálogo co persoal supón agardar dez días a que che reciban hai quen necesita revisar o dicionario para comprender o significado das palabras.

É posible que tamén pasen outra cousas, pasou un ano, aló foron 21 000 euros, seguimos sen convenio, sen RPT, sen noticias e sen saber nada, máis que isto foi un negocio para alguén e que a contratación dunha empresa como Galivalia non beneficiou até o momento nin o máis mínimo ao persoal deste Concello, co consentimento explícito do alcalde e todo o goberno municipal que acordou contratar esta empresa cuxos resultados do traballo até o momento descoñecemos.


O que está claro é que os vindeiros meses van ser cruciais para destapar as verdadeiras intencións das promesas do goberno en materia de persoal, mais por moito que lle intenten dar unha reviravolta, que aínda están a tempo de amañar moitos dos problemas existentes, o triste transcurso desta lexislatura en materia de persoal non deixa atrás máis que discriminacións, conflitos, aperturas de expedientes e belixerancia cunha parte dos representantes dos traballadores, así como pasividade ante moitas situacións que poderían ter sido resoltas mais coas que, a fin de contas, parece que o único que se vai deixando é correr o tempo sen tomar decisións nin ofrecer solucións.

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que resolva as axudas sociais

O prazo para as resolver é de tres meses, mais a día de hoxe, a finais do mes de xaneiro, o Comité de Empresa non ten nin sequera información sobre se é suficiente a partida orzamentaria, debido a isto, o Comité, por iniciativa da CIG, solicitou máxima celeridade para a súa resolución, tendo en conta que deben ser pagadas, como moi tarde, coa nómina do mes de marzo.

Condicións de seguridade e saúde esixibles á maquinaria de obra: plataformas elevadoras móbiles de persoal

O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo ven de publicar este traballo sobre o emprego seguro das plataformas elevadoras móbiles de persoal.

A publicación se estrutura en catro capítulos: 

No primeiro capítulo se clasifican os diferentes tipos de plataformas elevadoras e se analiza a situación do mercado de alugueiro de plataformas, análise que ten a súa trascendencia xa que gran parte das plataformas que se empregan son de aluguer.
No segundo capítulo,indícanse as normas legais, técnicas e outra documentación técnica (Guías e criterios técnicos) de aplicación na materia.
No terceiro capítulo realízase unha análise de sinistralidade e da tipoloxía dos accidentes máis frecuentes.
Conclúe co cuarto capítulo, destinado a repasar as medidas de prevención e protección aplicables e a prevención de accidentes frecuentes.



Máis info en www.cigsaudelaboral.org

22/01/15

Información, pensarán...para que? Coma sempre, parece que canta menos mellor

Desde que a CIG obtivo representación neste Concello un dos cabalos de batalla co Concello foi a necesidade de distribución da información entre todo o persoal por igual, que todos os traballadores e traballadoras tivesen coñecemento dos seus dereitos como garantía para poder exercelos ou reclamalos. Hai anos a información era pouca, escasa e para uns escollidos. Os Comité de Empresa anteriores tampouco nunca traballaran moito este tema por motivos que descoñecemos mais se algo aprendemos estes anos é que ás veces se dan cousas por supostas sobre as que non se ten coñecemento ou mesmo hai dúbidas entre o persoal.

Independentemente do traballo dos delegados sindicais o Concello ten a obriga de pór os medios para que a información poida chegar a todo o persoal e achegarlle, igualmente, a súa propia información ao persoal, tal e como desde hai dous anos lle reclamamos desde o Comité de Empresa e no que comezou o goberno a dar timidamente algúns pasos ao achegar información a varios dos departamentos municipais. Non obstante, isto non quita que durante todos estes anos fixésemos reclamacións tanto por escrito como verbalmente para que a distribución da información se realice en iguais condicións entre todo o persoal. E a comezos de 2015, con case catro anos de lexislatura ás costas aínda hai persoal ao que non lle chega a información por distintos motivos e desde a CIG vémonos na obriga de seguir reclamandolle ao Concello que facilite o acceso á información do persoal mediante os xeitos legalmente previstos para que todo o persoal deste Concello sexa tratado por igual no que respecta ao acceso á información laboral.

Publicadas as bases das axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014


A Secretaría da Muller da CIG informa da publicación no DOG da convocatoria das axudas económicas para os traballadores e as familias monoparentais que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado do seu/da súa fillo/a. O prazo para a presentación remata o 20 de febreiro.

Poderán beneficiarse destas axudas:

- Homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, e os socios das sociedades cooperativas sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.

- Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada. Por familia monoparental entenderase o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

As axudas serán concedidas aos traballadores que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado dun/dunha fillo/a menor de tres anos ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. Tamén poderán solicitar aquelas persoas que adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar.

Para ter dereito á axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. O período máximo subvencionábel, continuado ou fraccionado, será de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014.

A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral gozada e da súa duración, en atención ao número de fillas/os a cargo da persoa solicitante. E poden ir dos 1.600 euros aos 3.600 euros.

En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella.

Sentencia do TSXPV: A depresión causada por un conflito co xefe é accidente de traballo

Accidente laboral

Na sentencia do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco indícase que a incapacidade temporal da traballadora debida a un cadro de ansiedade e depresión consecuencia dun conflito prolongado co seu superior xerárquico, debe ser considerado accidente de traballo. Esta sentenza atende a un recurso de súplica da traballadora e revoca unha sentenza previa na que se consideraba a patoloxía sufrida como enfermidade común.

Segundo recolle a sentenza, a situación de tensión que derivou no cadro ansioso depresivo que sufriu esta traballadora, foi exclusivamente por motivos laborais , en concreto polo “incivismo organizacional” do seu xefe. 

A sentenza ten en conta que a traballadora non padecera con anterioridade ningún tipo de enfermidade psiquiátrica e que non existían problemas familiares ou sociais que puidesen incidir no seu estado.  Así mesmo,  indícase que o conflito se manifestou a través de actos concretos e continuos de animadversión, desconsideración e falta de respeto  derivando en desconfianza e comunicación agresiva.  A sentenza conclúe que aínda que o conflicto non pode ser considerado como acoso laboral, sí define unha situación de incivismo organizacional do superior xerárquico.


Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

Acoso laboral continuado como accidente de traballo

Accidente laboral

Na sentenza o titular do Xulgado do Social número 1 de As Palmas de Gran Canaria, acepta a baixa por ansiedade dun traballador, derivado polo acoso laboral continuado da súa empresa, como incapacidade permanente e polo tanto recoñece o mobbing como accidente de traballo.

A maxistrada aceptou que a incapacidade permanente absoluta que o traballador (denunciante) ten recoñecida é derivada de continxencia profesional, producida pola situación de acoso laboral á que se viu sometido na empresa; a este feito opoñíase a Mutua, tamén demandada polo traballador.

Xustifícase esta decisión aducindo que o artigo 115-2-e) da Lei Xeral da Seguridade Social cualifica como accidente de traballo as enfermidades que non tendo a consideración legal de enfermidade profesional, contraia o traballador con motivo da realización do seu traballo, sempre que se probe que a enfermidade tivo por causa exclusiva a execución deste. Deste modo, os feitos probados que aparecen na resolución fan constar que a patoloxía psiquiátrica tiña a súa orixe directa na situación de acoso laboral continuado.


O fallo do Xulgado do Social condena á Mutua ao pagamento da prestación correspondente e aos demandados, Empresa, Seguridade Social e Tesouraría da Seguridade Social, decláraos culpables.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.

Solicitude de cobertura de baixas

A CIG vén de solicitar por rexistro que o Concello cubra as baixas dos servizos para que estes poidan funcionar do mellor xeito posible e estas non redunden nunha sobrecarga de traballo no resto do persoal dos departamentos afectados. Tentaremos transmitirlle tamén ao concelleiro de Persoal a preocupación pola non resolución destas situacións, especialmente nos casos que son previsibles, como é o casos das baixas por maternidade e/ou paternidade.

16/01/15

Temas pendentes e solicitude dunha reunión co concelleiro de Persoal

Comeza un novo ano e lamentablemente hai moitas cousas que non cambian, pasan os meses e hai problemas que non se solucionan, tres anos despois, seguimos a voltas con discriminacións que non se solventan e por iso unha vez máis, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal de cara a lle transmitir algúns dos temas que o propio persoal pon no noso coñecemento para poñer en coñecemento do goberno municipal para que tente buscar solucións.




A CIG solicita a compensación de dous festivos de 2015 con días de libre disposición

Tal e como fixemos en ano anteriores, a CIG vén de solicitar a compensación dos festivos do 25 de xullo e do 15 de agosto cons dous días máis de libre disposición que se sumarían aos 5 de que dispomos na actualidade logo das distintas disposicións normativa que modificaron o Estatuto Básico do Empregado Público.

Para solicitalo baseámonos xa na propia Resolución que a Alcaldía publicou con respecto aos días do ano 2014 e solicitámoslle ao Concello que adoptase coa máxima brevidade posible un acordo que nos permita desfrutrar de dous días máis de asuntos propios, tamén no ano 2015. Así mesmo, solicitámoslle ao Concello que publicase e actualizase a información correspondente aos días de asuntos propios nos taboleiros de información dos traballadores e traballadoras de cara a lles dar a máxima difusión.

15/01/15

O goberno municipal leva tres anos sen entregarlle a documentación relativa ás retribucións ao Comité de Empresa

Moita sorte debeu ter o Comité de Empresa anterior cando entre a súa documentación consta unha táboa de salarios brutos de todo o persoal laboral que lle entregara tamén o anterior goberno municipal, este Comité de Empresa leva tres anos e medio solicitándolle ao goberno municipal esta información sen obter un mísero papel, iso si, unha vez, o concelleiro de Persoal chegou a dicir que tal documento non existía, e o Comité tivo que lle levar unha copia das do ano 2010 que estaban en poder do Comité de Empresa anterior para demostrar que iso era mentira... mais nin así obtivemos tal documentación. Ao comezar o novo ano, para que non nos digan que as solicitudes están caducadas facemos unha nova solicitude desta documentación á que legalmente debe ter acceso o Comité de Empresa e como neste Nadal pedímoslle ao Apalpador que o Concello lle respondese ao Comité de Empresa a algunha solicitude, ao mellor, ata hai sorte... nunca se sabe! Non din ano novo vida nova.... a ver se desta volta é nova actitude!


Basta xa de discriminacións! Un mínimo de 11 traballadores/as cobraron de menos na paga extra de decembro

Máis unha vez o goberno municipal continúa coas discriminacións e co trato diferente entre os traballadores desta volta ao descolgar do convenio as retribucións dun mínimo de 11 traballadores. Varios traballadores de diferentes sectores entre os que se encontran traballadores de xardinaría, conserxaría, e limpeza viaria e de edificios puxeron no noso coñecemento QUE COBRARON MENOS DO QUE LLES CORRESPONDÍA NA PAGA DO MES DE DECEMBRO. Este problema, no caso de oito traballadores, está en coñecemento do concelleiro de Persoal que ata admitou que lles estaban pagando de menos en cada paga e que iso se ía solucionar hai xa varios meses. Pois a eses oito traballadores, acábanselle de sumar un mínimo doutros tres de limpeza que veñen de cobrar menos do que lles correspondería segundo a aplicación do artigo 22 do convenio colectivo que indica o seguinte:

Artigo 22 do Convenio colectivo : Art. 22.º.-Pagas extraordinarias.
Todo o persoal terá dereito a duas pagas extraordinarias que se abonarán co salario mensual de xuno e dicembro.

A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o artigo anterior, prorrateado polo tempo de servicio prestado.

Recoñecese para o persoal laboral, o incremento nas pagas extraordinarias, previsto no Acordo de modernización e mellora Administración -Sindicatos, de 15 de novembro de 2002 (BOE do 18), na contía determinada no capitulo XIX, do titulo VI, adaptándose as categorías do presente convenio segun se dispon no anexo y. Este incremento verase incrementado anualmente segun corresponda na ley de presupostos.


O CONCELLO DISCRIMINA SALARIALMENTE DE XEITO INDISCRIMINADO

Cando en 2013 se lles recoñecera a varios traballadores a antigüidade, o dereito ao complemento extras das pagas e mesmo os erros nas nóminas das pagas que durante anos padeceran dous compañeiros consideramos que o Concello, e así o dixera o concelleiro, entendera, coma nós, que o convenio é para todo o persoal e por igual traballo igual salario. Case dous anos despois seguimos nas mesmas mais con outros traballadores, ás veces, no canto de ir para diante, este Concello vai para atrás.

As discriminacións e incongruencias dos contratos que saen do Departamento de Persoal repercuten no peto destes compañeiros que non cobran o que lles pertence, sabemos que este tipo de erros nas nóminas nunca os deberon padecer nin o alcalde nin os concelleiros porque do contrario preocuparíanse máis polo tema... mais neste caso pensarán que douscentos euros de menos pouco son para eles mais para os miserentos salarios de oitocentos euros que hai neste Concello son un mundo E AO GOBERNO MUNICIPAL DEBERÍALLE CAER A CARA DE VERGOÑA DE NON TER SOLUCIONADO PROBLEMAS TAN BÁSICOS HAI XA ANOS.

Temos coñecemento tamén de que houbo compañeiros afectados que puxeron esta situación en coñecemento do Departamento de Persoal mais desde aquí queremos informarvos que as escusas alegadas son de mal pagador porque O CONVENIO COLECTIVO AFÉCTALLE Á TOTALIDADE DO PERSOAL DESTE CONCELLO, podería estar en discusión o persoal subvencionado (canto a retribucións só e dependendo do contrato) mais nunca o persoal cuxas retribucións se deben rexer exclusivamente por convenio, e aí entra o persoal que traballa nun posto que aparece na RPT, o persoal indefinido, o persoal de substitución ou calquera traballador ou traballadora que desempeña un posto que tamén existe na RPT baixo o principio básico de IGUAL TRABALLO, IGUAL SALARIO.... será tan difícil de comprender?

O Comité de Empresa solicitou por escrito información con respecto a esta situación e tamén solicitará unha reunión co concelleiro de Persoal para poñer no seu coñecementos as discriminacións manifestas e contraconvenio que o Concello de Betanzos efectuou no pagamento da extra de decembro a diversos traballadores, e tentar buscar solución a esta situación sen que os compañeiras e compañeiras teñan que recorrer ao xulgado para solucionar un problema de nómina, agardamos que o goberno municipal entre en razón con este tema, posto que considerabamos que cuestións tan básicas estaban solucionadas e no caso que o goberno non busque solucións estudaremos as vías xudiciais e de presión necesarias para reclamar os mesmo dereitos para todo o persoal, tal e como levamos facendo desde que a CIG obtivo representación sindical neste Concello.

Nova solicitude sobre a creación de complementos persoais nos anos 2012, 2013 e 2014 á marxe do convenio


O goberno municipal no seu costume de interpretar o convenio colectivo unilateralmente e non convocar aos delegados sindicais á Comisión Paritaria que é o organismo encargado de interpretalo e que non se reuniu nin unha soa vez, ata onde temos coñecemento, desde xaneiro de 2006 que se publicou o convenio colectivo, volveu interpretar nestes pasados anos que podía crear uns complementos persoais que ademais nin sequera constaban no anexo de persoal dos orzamentos aprobados pola porta de atrás hai uns meses.

A creación deste complementos non só foi completamente irregular senón que sospeitamos que na actualidade é o motivo de que a totalidade dos traballadores readmitidos non estean a cobrar nas pagas extras o que lles corresponde segundo convenio, mais a saber, porque ás veces descifrar unha nómina e a motivación da existencia duns complementos ou outros neste Concello xa case responde a un xeroglífico e desde logo en moitos caso a argumentos nada obxectivos nin entendibles ao abeiro do convenio colectivo en vigor.

É triste mais unha parte do traballo sindical destes anos centrouse en intentar descifrar as motivacións que levaban a moitas das desigualdades e irregularidades existentes, porque non había nin hai un motivo obxectivo en moitos casos, o que hai son o que consideramos malas decisións na área de persoal que teñen consecuencias directas nas nóminas dos traballadores.

Unha vez máis o Comité de Empresa solicitou información sobre os complementos persoais á vista de que non constan nin no convenio, nin na RPT nin anexo de persoal que o Concello aprobou cos orzamentos en 2014, non sabemos se pola simple vagancia non actualizar a listaxe ou ben pola deliberada ocultación destes por algunha outra motivación que descoñecemos.

En todo caso hai unha cuestión clara, eses complementos deberían ser absorbidos noutros porque segundo un informe do propio secretario municipal corréspondense coas persoas e non cos postos, e iso na actualidade na Administración é inaceptable, ademais de completamente irregular e entendemos que no momento que se crearon foi para remunerar determinados traballos e por iso deberían ter formado parte do complemento específico mais na súa vontade de enlear as cousas o Concello ten tomado moitas decisións que consideramos erradas en persoal e que supoñen que na actualidade eses compañeiros e compañeiras, quen cobra ese complemento, por exemplo, cobren na paga extra menos do que indica o convenio colectivo, é dicir, o dobre do salario mais a complemento extra das pagas, só porque o Concello, tamén unilateralmente interpreta que ese complemento non se pode cobrar na paga, a pesar de que iso non o pon no propio convenio e en ningún momento tal condición foi negociada con este Comité de Empresa, polo menos. 

Se a isto lle sumamos que nas bases de execución do orzamento, na base 70, punto 3, indica que un só dos traballadores que teñen ese complemento cobrará o 50% deste nas pagas o deste Concello é un absoluto esperpento que se perpetúa ano tras ano desta lexislatura e ao que este goberno que tanto ía amañar segue non só sen lle dar solución tres anos despois senón caendo unha e outra vez nas discriminacións que tanto criticaba cando estaba do outro lado.


Publicada no BOE a Lei de Mutuas de Accidentes de Traballo

A reforma da Lei Xeral da Seguridade Social en relación co réxime xurídico das Mutuas de Accidentes de Traballo e enfermidades Profesionais da Seguridade Social entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2015. A presente lei ten por finalidade regular na súa integridade o réxime xurídico das ata agora denominadas Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, que pasarán a denominarse Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social e das funcións que desenvolven como entidades asociativas privadas colaboradoras na xestión da protección pública
Son Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social as asociacións privadas de empresarios constituídas mediante autorización do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e inscrición no Rexistro especial dependente deste, que teñen por finalidade colaborar na xestión da Seguridade Social, baixo a dirección e tutela deste, sen ánimo de lucro e asumindo os seus asociados responsabilidade mancomunada nos supostos e co alcance establecidos nesta lei.
As Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social, unha vez constituídas, adquiren personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. O ámbito de actuación destas esténdese a todo o territorio do Estado.
É obxecto das Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social o desenvolvemento, mediante a colaboración co Ministerio de Emprego e Seguridade Social, das seguintes actividades da Seguridade Social:
a) A xestión das prestacións económicas e da asistencia sanitaria, incluida a rehabilitación, comprendidas na protección das continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social, así como das actividades de prevención das mesmas continxencias que dispensa a acción protectora.
b) A xestión da prestación económica por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.
c) A xestión das prestacións por risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural.
d) A xestión das prestacións económicas por cesamento na actividade dos traballadores por conta propia, nos termos establecidos na Lei 32/2010, do 5 de agosto, pola que se establece un sistema específico de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos.
e) A xestión da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.
f) As demais actividades da Seguridade Social que se lles atribúa legalmente.
Regúlase nesta lei o réxime económico e financeiro destas entidades, os seus órganos de goberno e participación (os axentes sociais poderán participar a través das Comisións de Control e Seguimento, ás que se incorpora unha representación das asociacións profesionais dos traballadores autónomos), o patrimonio e réxime de contratación, o resultado económico e as reservas, os excedentes e o Fondo de Continxencias Profesionais da Seguridade Social.
Así mesmo nas disposicións adicionais, establécese entre outras cuestións, a Xestión polas Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social da prestación económica por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns, o réxime de desinvestimento das Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social nas sociedades mercantís de prevención, así como o establecemento dun sistema específico de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos.


Lei 35/2014, do 26 de decembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social en relación co réxime xurídico das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social.