Os
tratados, coñecidos como AECG (UE-Canadá) e TPPI (UE-EEUU),
introducen máis desregulamentación social, laboral e medioambiental
O
Goberno do Canadá e a Comisión Europea levan máis de un ano de
negociacións secretas para establecer un Tratado de Libre Comercio
de Mercadorías e Servizos coñecido como “Acordo Económico e
Comercial Global - AECG”, que avanza na desregulamentación social,
laboral e medioambiental que o neoliberalismo pretende impor a escala
planetaria. Tamén en secreto, a UE e os EEUU negocian un novo
tratado comercial (“TPPI – Partenariado Trasatlántico para o
comercio e os investimentos entre a Unión Europea e os Estados
Unidos”), plenamente coincidente co AECG en obxectivos e contidos.
De
seren aprobados e aplicados, a soberanía dos estados quedaría
supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais,
nun retroceso sen precedentes na historia da humanidade. Non menos
negativo é o procedemento secreto e profundamente antidemocrático
que se está a utilizar nas negociacións.
Para
facer fronte a estas negociacións e paralizalas, están a xurdir
numerosas iniciativas tanto no Canadá como na Unión Europea. Unha
delas, lanzada desde o outro lado do Atlántico, busca conseguir un
amplísimo apoio de organizacións de todo tipo (sindicais,
políticas, movementos sociais, redes...) nos dous continentes.
Unha
declaración asinada en primeira instancia por 130 organizacións, a
CIG entre elas, fíxose pública o 25 de setembro. Outra novo feixe
de apoios publicarase o 6 de outubro. Para o 11 de outubro hai
convocada una primeira xornada de acción descentralizada co
obxectivo de comezar a popularizar o contido do AECG e crear
conciencia cidadá para o seu rexeitamento. Está tamén en marcha
unha convocatoria de mobilización xeral simultánea en Europa e
América do Norte.
Declaración:
O
Cumio UE-Canadá, que se iniciou o día 26 de setembro en Ottawa,
marcou o peche das negociacións do Acordo Económico e Comercial
Global (CETA - AECG) entre o Canadá e a Unión Europea. O AECG
é moito máis que un simple intercambio de mercadorías, pois
afectará tamén á comercialización de numerosos servizos,
incluíndo os servizos financeiros e os Servizos Públicos. O acordo
tamén afecta á cooperación regulamentada, aos contratos nos
sectores públicos, á agricultura, á protección dos investidores e
á mobilidade da man de obra. Mantidos ocultos aos parlamentarios ao
longo das negociacións, os textos que nos din que están
finalizados, tardaron moito en facerse públicos. É este un déficit
democrático notorio que ten como obxectivo silenciar o debate e
colocar ás nosas sociedades e aos seus representantes electos
perante un feito consumado, sen posibilidade de cambios. Aínda que
ningún Parlamento tivo a oportunidade de posicionarse fronte aos
termos do acordo, o Cumio de Ottawa será esencialmente unha novo
operación de relacións públicas para facer propaganda, cos
discursos e fotos de rigor. Posteriormente virá o proceso de
aprobación formal e a entrada en vigor.
Nós,
organizacións sindicais, labregas, de mulleres, grupos das Primeiras
Nacións, ONG, asociacións de consumidores, grupos ambientais, redes
de investigación e outras organizacións da sociedade civil,
denunciamos
este acordo, polas seguintes razóns:
1
- O AECG atenta contra a democracia.
Levamos
anos denunciando o carácter secreto das negociacións sobre
cuestións que son cruciais para o futuro das nosas sociedades, e
esixindo a realización de un verdadeiro debate público. Este
carácter antidemocrático maniféstase novamente con toda clareza
neste Cumio que celebra un dos acordos máis ambiciosos do mundo (o
AECG vai alén dos acordos da OMC e da maioría dos outros acordos
comerciais) sen que os Parlamentos tenhan conhecemento del e mesmo
antes de que o aproben. A filtración recente dos textos case
definitivos permitiunos confirmar que o AECG afectará gravemente as
poboacións dos países afectados, pois consagrará o enfraquecemento
dos poderes dos gobernos fronte aos investidores estranxeiros, a
apertura obrigatoria ás empresas privadas dos mercados e servizos
que ata agora podían permanecer públicos, ou o aumento dos prezos
dos medicamentos, por citar só algúns aspectos.
2
– O AECG limitará o poder regulador dos Estados e permitirá ás
mpresas desafiar as leis e regulamentacións futuras.
Un
dos aspectos máis inquietantes do AECG é o mecanismo de resolución
de litixios entre investidores e Estados, que permite aos
investidores estranxeiros procesar aos gobernos que adopten
regulamentos ou leis de interese público que poidan afectar ao valor
económico dos seus investimentos ou aos beneficios esperados.
Algunhas
empresas xa utilizaron este tipo de mecanismo, con reclamacións
millonarias aos gobernos por salarios mínimos demasiado altos
(Veolia contra o Exipto), polas proteccións medioambientais (Lone
Pine Recursos contra o Canadá), pola redución da enerxía nuclear
(Vattenfall contra a Alemaña), por medidas para protexer a saúde da
poboación (Ethyl contra o Canadá ou Philip Morris contra o Uruguai
e Australia), e mesmo por decisións dos tribunais (Eli Lilly ao
Canadá).
De
feito, o mecanismo de resolución de litixios entre os investidores e
os Estados concede dereitos desproporcionados para as grandes
corporacións, o que ten efectos sobre a política social, uso da
terra e planificación territorial, medidas de protección ambiental,
transporte público, telecomunicacións, etc.
Este
mecanismo permítelhes contestar os cambios lexislativos e
regulamentarios lexítimos adoptados de forma democrática e, polo
tanto, limita globalmente o dereito dos Estados a regular e gobernar
no interese público. A maiores, o AECG permítelhe aos investidores
manter todos os seus recursos e privilexios durante un período de
ata 20 anos despois de unha eventual denuncia dos acordos por una das
partes.
3
- O AECG protexerá aínda máis as empresas que aos trabalhadores e
ás trabalhadoras A
Unión Europea rexeitou a inclusión de mecanismos vinculantes
(queixas, sancións económicas, multas) para garantir o respecto dos
dereitos fundamentais do traballo. Formulacións vagas nesta área
poden tamén limitar o desenvolvemento de medidas de protección
social, subordinándoas a outros tipos de normas ou mesmo á
iniciativas privadas menos esixentes.
4
- O AECG vai limitar o papel dos Estado e o desenvolvemento
rexional
Deploramos
tamén que se tenha limitado en gran medida o poder dos gobernos
subnacionais (provinciais, municipais ou outros) para servirse das
contratacións públicos como impulsor do desenvolvemento económico.
Desde agora estará prohibido fixar límites mínimos de contido
local a un investidor, ou favorecer produtos ou servizos locais en
gran número de aprovisionamentos públicos. O AECG tamén vai
garantir que sexa imposíbel volver a nacionalizar servizos
privatizados, ou desenvolver novos servizos públicos.
A
maiores, os beneficios para as poboacións, se os houber, poderían
facerse esperar e serían ben magros. Segundo os propios datos da
Dirección Xeral de Comercio da Comisión Europea, sete anos despois
da entrada en vigor do Acordo, o AECG implicará un crecemento
económico de só o 0,09% anual. Isto é un resultado ridículo, o
que proba que o AECG só se xustifica polo interese das grandes
empresas. Este acordo inscríbese na lóxica de acumulación e
crecemento, impulsado por investidores transnacionais, para quen os
beneficios das multinacionais son máis importantes do que os efectos
beneficiosos sobre as poboacións.
Un
chamamento á mobilización
O
modelo económico e político que o AECG presenta provocará un
aumento das desigualdades, o retroceso considerable nas nosas
proteccións sociais e medioambientais, e permitirá o control das
empresas transnacionais sobre os nosos dereitos económicos, sociais
e medioambientais máis elementais. A ratificación deste acordo
encadeará aos nosos estado durante décadas, sen que poidamos
considerar outras propostas enfocadas na cooperación e na
solidariedade. Comprometerse nun acordo destas características é
tan inaceptábel como irresponsábel.
Por
iso, cunha única voz, exhortamos ás autoridades electas en ambos os
dous lados do Atlántico, en calquera nivel de goberno, a
rexeitar este acordo negociado fóra dos cadros democráticos
lexítimos, mentres o AECG non sexa discutido publicamente con todos
os compoñentes da sociedade civil canadense e europea.
Chamamos
á mobilización de todos os movementos sociais e organizacións
canadenses, do Quebec e de Europa e a toda a cidadanía
preocupada polos efectos de tales acordos, para crear en conxunto
unha presión suficiente para que se realice un amplo e informado
debate público sobre o AECG. A curto prazo, invitamos a toda a
poboación a mobilizarse contra o Cume da UE-Canadá en Ottawa o 26
de setembro, ao mediodía no Parlamento e no Día Europeo de Acción
contra o TPPI, o AECG, e o Acordo de Comercio sobre Servizos
(ACS) o 11 de outubro, e a participar activamente na Iniciativa
Europea dos Cidadáns (IEC) nos meses vindeiros.
Finalmente,
chamamos á solidariedade de todos os movementos sociais de todo o
mundo, co compromiso de seguir a construír con eles a articulación
das nosas respectivas loitas contra os acordos de libre comercio e
investimentos existentes ou en negociación. Convidámolos a
considerar nas súas redes a realización de unha Xornada Mundial de
Acción contra o libre comercio no segundo trimestre de 2015, para,
entre outros, derrotar a inclusión do infame mecanismo
"investidor-Estado", e reafirmar a primacía dos dereitos
dos pobos sobre os desproporcionados poderes e a impunidade que teñen
as empresas multinacionais.