10/09/14

A CIG solicitará información sobre a creación dunha praza de conserxe no aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín e a súa adxudicación directa sen concurso

O inicio do curso comeza de xeito complicado entre o persoal de limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín. Ás múltiples baixas que se veñen acumulando neste servizo no último ano e que están obrigando a que os delegados de prevención soliciten a avaliación do risco psicosocial polas repercusións que os problemas organizativos están tendo nas propias traballadoras do servizo, súmase o traslado dunha das traballadoras de limpeza para exercer funcións que non se corresponden coas reflectidas na RPT para o novo aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín, como apertura e peche do edificio entre outras funcións.

Estas novas funcións supoñen a creación dunha nova praza que no caso de ser cuberta por persoal do Concello debería saír a concurso a través dun procedemento interno ao cal debería ter acceso todo o persoal que reúna as condicións necesarias para optar a ese posto de traballo; desta volta, o Concello volve obrar como de costume e adxudica a praza directamente sen contar nin sequera coa posibilidade de seguir os procedementos legalmente establecidos para o caso, coas repercusións que, aínda por riba, terá isto para o persoal que fica no CEIP Francisco Vales Villamarín, con maior carga de traballo na mesma xornada laboral e cada vez menor número de traballadores.

A CIG solicitaralle información sobre este tema nos vindeiros días ao goberno municipal e instará ao Concello a que leve as cabo os procedementos legalmente establecidos para a cobertura de novos postos de traballo e modificación da RPT, e deixe a un lado prácticas clientelares de procedementos non negociados cos representantes dos traballadores que benefician a traballadores individuais fronte ao colectivo de todo o persoal que traballa neste Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario