Dúas semanas agardando e dúas solicitudes despois, o Concello ignora á compañeira delegada á que vén de abrirlle un expediente a pesar de que segundo o Real Decreto 33/1996 sobre o réxime disciplinario debe darlle acesso ao expediente.
A compañeira solicitoulle unha
copia completa da documentación contida no expediente aberto,
incluída a Resolución da Alcaldía e o escrito presentado pola
Sección sindical de UGT do Concello de Betanzos, e a maiores solicitoulle ao Concello que a chamase a declarar coa maior urxencia posible a ela e ás testemuñas dos feitos relatados de cara a aclarar estes e poder pechar canto antes este capítulo co que a UGT deste Concello demostrou a cara descuberta cal é a súa principal finalidade, axudar ao goberno municipal na súa cruzada contra os delegados sindicais da CIG a custa de calquera persoa e sen medir nin minimamente as posibles consecuencias para as persoas afectadas. Caso a parte merecen as acusación vertidas contra a CIG e a propia compañeira por parte do sindicato con minoría no Comité de Empresa contra as que xa se están a estudar as accións individuais e colectivas oportunas.
O goberno municipal, que tanta dilixencia tivo en lle abrir un expediente a unha delegada da CIG sen nin sequera mediar palabra con ela, ese mesmo que non tivo dilixencia ningunha para facerlle o mesmo ao secretario municipal cando a afectada foi a presidenta do Comité de Empresa, demostra o seu despotismo ao non lle entregar de inmediato toda a documentación a que a compañeira ten dereito a acceder. Así mesmo, ademais de ser oída a persoa afectada, deben ser oídos os representantes sindicais, tal e como obriga o artigo 68 do Estatuto dos Traballadores, que ata o momento tampouco foron convocados polo Concello.
O diálogo está completamente roto nun momento no que o Concello non é quen nin de falar cos seus propios empregados, e actúa abrindo máis expedientes que todos os anteriores gobernos municipais na historia deste Concello; atrás quedan as declaracións do concelleiro de Persoal, Diego Fernández, aló polo 2011, cando dicía: "creo que é necesaria que haxa unha relación fluída entre ambas as partes (traballadores e goberno) que, polo que perciben, non era así nos últimos anos, con promesas incumpridas o que xerou situacións que non son as máis propicias para manter unha relación de normalidade no traballo" (páx.12 do Betanzos e a súa comarca de outubro de 2011). Agora, tres anos despois, estaría ben que lle repetisen a entrevista e que exemplificase onde está o diálogo, as promesas cumpridas e as melloras na situación do persoal laboral, porque os feitos demostran todo o contrario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario