A asesoría da CIG interpuxo un contencioso-administrativo ao entender que coa medida a Subdelegación vulnerou os seus dereitos fundamentais
Centos
de persoas acudiron este xoves ás portas do edificio que alberga o
xulgado do contencioso-administrativo da Coruña para trasladar o
apoio e a solidariedade ao bombeiro municipal que se negou a intervir
no intento de desafiuzamento de Aurelia Rey e ao que a Subdelegación
do Goberno impuxo unha sanción administrativa de 600 euros, por
considerar que coa súa actitude alterou a seguridade cidadá.
A CIG, que se sumou á convocatoria da concentración, denuncia o despropósito de todo o procedemento sancionador iniciado pola Subdelegación do Goberno contra un grupo de persoas –das máis de 200 presentes no lugar- que defendían dereito constitucional de Aurelia Rey a ter unha vivenda digna. A imposición destas multas responde á política do PP de criminalizar e perseguir a resposta cidadá e impedir a contestación nas rúas das medidas tan antosociais que está a aplicar pola vía da presión económica.
Neste
senso, en declaracións aos medios, o propio afectado recalcou que os
servizos de prevención e extinción “non deberíamos ter que
realizar este tipo de servizos, nas nosas labores non está sacar a
xente das súas casas. Iso era o que quería visualizar coa miña
acción naquel día”. Unha opinión estendida entre o colectivo de
bombeiros/as, tal e como reflicten as numerosas mostras de apoio
chegadas dende parques de todo o estado. Así mesmo, apelou á
desobediencia civil e á obxección de conciencia fronte ás
políticas que abocan as cidadás e os cidadás á exclusión social.
Vulneración
de dereitos fundamentais
Ante
esta política represiva do PP, a CIG quixo trasladar o apoio a este
compañeiro afiliado da central sindical, quen hoxe posou polos
xulgados, no marco da vista correspondente ao recurso
contencioso-administrativo, presentado pola asesoría da central
nacionalista contra a vulneración de dereitos fundamentais que supón
a imposición da sanción administrativa.
O
bombeiro é o segundo compañeiro da CIG que acude aos xulgados por
estes feitos, logo de que a finais do mes de xuño, Paulo Carril,
Secretario Confederal de Organización da CIG, tivese que acudir á
vista xudicial. Carril tamén foi sancionado cunha multa de 600 euros
pola Subdelegación do Goberno, por presuntamente alterar a
seguridade cidadá coa súa actitude, cando se limitou a
participar pacificamente da concentración convocada por Stop
Desafiuzamentos, ao igual que o resto das persoas alí presentes.
A
CIG entende que as medidas sancionadoras impostas pola administración
española son un auténtico despropósito que atentan contra os
lexítimos dereitos de reunión e liberdade de expresión.
Máis inxusto resulta, se cadra, o feito de que a Subdelegación do Goberno pretenda coartar o lexítimo dereito do bombeiro á obxección de conciencia -que se traduce na negativa a participar nos desafiuzamentos por cuestións morais e ideolóxicas-, castigándoo por non realizar unha tarefa (cortar unha cadea) que, ademais, non era a orde que tiña encomendada.
A
este respecto, cómpre lembrar que a presenza dos bombeiros no lugar
foi requirida pola policía para a apertura dunha fechadura dunha
vivenda e non existía requirimento xudicial, nin orde expresa do
Servizo de extinción de incendios, para que o servizo de bombeiros
procedera a cortar a referida cadea.
O
conxunto de sancións administrativas impostas nos últimos tempos
-das que a CIG é vítima destacada-, xunto coas modificacións
lexislativas que o Goberno de Rajoy prepara (véxase a Lei de
Seguridade Cidadá ou a reforma do Código Penal) evidencian os
principios escasamente democráticos polos que se rexe o PP e ao
servizo de que intereses de clase están. Pois, mentres actúa con
esta dureza contra os movementos sociais e a clase traballadora
mantén unha actitude de moita permisividade respecto dos delitos
económicos que cometen os seus amigos, o capital financeiro, e eles
mesmos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario