O Concello vén de convocar, non sen tempo, a Comisión Negociadora do convenio colectivo para o vindeiro luns e mais Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios. Tal e como xa en xullo solicitou o Comité de Empresa na mesa tomarase o acordo de vixencia do convenio colectivo. A maiores, segundo indica a orde do día parece ser que se vai negociar algo, agora ben, descoñecemos completamente o qué, posto que logo de case catro meses o goberno non achega nin unha soa proposta de texto para os artigos que están pendentes de negociación e convoca ambas as dúas mesas cunha hora de diferencia, o que fai pensar que de negociación máis ben pouca.
A pesar de todo, non perdemos a esperanza de que o goberno municipal recapacite e tome algunha decisión en beneficio dos traballadores que vaia máis aló de convocar unha mesa sen propostas anticipadas para xustificar o traballo dunha empresa que xa leva contratada nove meses e que, polo momento, non axudou a solucionar nada máis que o seu peto; porque neste Concello e para este alcalde, parece que as empresas que contratan e non cumpren están ben vistas mentres que os traballadores do Concello que cumpren son expedientados e culpabilizados sen mediar palabra nin coñecer os feitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario