30/03/15

A prevención do estrés no traballo: lista de puntos de comprobación

A Organización Internacional do Traballo ten realizado un documento cuia finalidade é examinar temas laborais de estrés. Inclúe puntos de comprobación que permiten identificar estresores na vida laboral e a adopción de medidas para facerlles fronte. Os puntos de comprobación da publicación poden empregarse de xeito xeral, aínda que o recomendable é vinculalos ás carácterísticas específicas da organización. 

Segundo se especifica no manual, o estrés debe recibir o mesmo trato que calquera outro risco, realizando unha auténtica política de prevención dentro da empresa.

Os puntos de comprobación se estruturan nos seguintes apartados:

O liderazgo e xustiza no traballo  (Puntos de comprobación 1–5)
As esixencias do traballo  (Puntos de comprobación 6–10)
O control do traballo  (Puntos de comprobación 11–15)
O apoio social  (Puntos de comprobación 16–20)
O ambiente físico  (Puntos de comprobación 21–25)
O equilibrio entre vida e traballo e tempo de traballo  (Puntos de comprobación 26–30)
Recoñecemento no traballo (Puntos de comprobación 31–35)
Protección contra a conducta ofensiva  (Puntos de comprobación 36–40)
Seguridade no emprego  (Puntos de comprobación 41–45)
Información e comunicación (Puntos de comprobación 46–50)



29/03/15

Sentenza condenatoria para un empresario por un accidente en traballos iniciados sen estar aprobado o plan de seguridade

O xulgado do Penal de Soria condeou a un empresario a nove meses de cárcere como autor dun delito contra a seguridade dos traballadores e dous de lesións por imprudencia. Asl mesmo na sentenza recóllese a inhabilitación durante un ano e medio para o exercicio da profesión de construtor. Ademaís deberá aboar unha multa de 540 euros e unha indemnización de 3.693, 92 euros aso traballador accidentado de forma conxunta coa compañía de seguros e coa empresa da que era administrador único.

O accidente tivo lugar nunha obra de rehabilitación de cuberta e fachada dun edificio; dous traballadores xunto co propietario da empresa, que exercía as funcións de dirección e encargado da obra, realizaban labores de  retirado de material da cuberta, empregando para este fin unha cesta elevadora autoportante; no momento do accidente os dous empregados estaban na rúa realizando labores de retirada do material da cesta, cando parte do hastial e dúas vigas caeron sobre eles, resultando golpeados.

Segundo a sentenza o empresrio “debeu proporcionar aos traballadores as medidas necesarias para que puideran desenvolver o traballo nas axeitadas condicións de seguridade para a súa integridade física”; queda probado que o empresario non proporcionou cascos aos traballadores e só entregou un arnés a un deles.  Ademáis “ a empresa carecía de organización da actividade preventiva e non tiña proporcionado aos traballadores ningún tipo de formación”.

En relación ao Plan de seguridade e saúde, na sentenza se indica que “non se deberían ter iniciados os traballos de rehabilitación, pois o plan de seguridade e saúde en obra tiña un contido xenérico, que non se adaptaba ás características particulares da obra e que non fora aprobado aínda pola dirección facultativa”. Esta tiña advertido ao empresario de que “non podían iniciarse as obras ata que  o plan estivese aprobado e subsanados defectos que contiña”.



Aprobada a Reforma da Formación Profesional para o Emprego

Formación


O Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo, para a reforma urxente do Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, foi publicado no Boe o día 23 de marzo de 2015

Como cuestións a destacar, cabe citar as seguintes:
- Imprantarase a conta-formación, que vai a acompañar ao traballador/a ao longo da súa carreira profesional, co fin de acreditar o seu historial formativo e de orientar a oferta formativa de xeito que se poida incrementar a súa empregabilidade.
- A teleformación consolidarase como un instrumento que permita flexibilzar e dotar ao sistema de maior eficacia.
- No novo sistema a formación no seo da empresa será clave; inclúese a posibilidade de impartición na propia empresa, no caso de que se dispoña dos medios precisos para tal fin, sexan estos propios ou contratados. As empresas poderán encomendar a impartición da formación a entidades externas (axentes sociais, estruturas paritarias ou outras entidades externas) que deberán estar acreditadas e/ou inscritas no correspondente rexistro.  Se simplificarán os procesos de xestión administrativa.
En relación coa formación para desempregados, se poñerá en marcha o "cheque-formación" para que sexa o desempregado o que escolla a entidade da que recibirá a formación.
Ligazón ao Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo


27/03/15

Observacións ás convocatorias publicadas no BOP

A CIG vén de presentar por rexistro unha serie de achegas ás bases dos procesos selectivos para a cobertura dos postos de psicólogo/a e auxiliar administrativo/a de Servizos Sociais que se publicaron este mes no BOP. Unha vez máis, consideramos que as bases non se axustan na súa totalidade á lexislación en materia de provisión de postos da Administración pública e así llo fixemos saber ao goberno municipal de cara a que corrixa os devanditos puntos nesta convocatoria.

Si que consideramos que cómpre destacar, que por primeira vez en case catro anos o Concello incluíu en ambas as bases o seguinte:

"As retribucións, así como as condicións laborais axustaranse ao establecido no convenio colectivo deste Concello e demais lexislación de aplicación".

Que é algo que a CIG leva reclamando tanto como Sección sindical, como a través do Comité de Empresa, desde que chegou a este Concello, que todo o persoal laboral independentemente do seu tipo de contrato teña os mesmos dereitos ao abeiro do convenio colectivo en vigor. O certo é que a pesar de rexistrarmos tantas solicitudes e comunicacións ás que o Concello non responde, isto non fai máis que darnos folgos para continuar a facelo, porque entendemos que, polo menos, le o que lle trasladamos, e, de cando en vez, cae na conta de que hai cousas que se veñen facendo dun xeito por costume mais que non respondían a ningunha lóxica e afondaban nas discriminacións e máis desde que a lexislación laboral indica que o persoal non pode ser discriminado en función do seu tipo de contrato.


25/03/15

Boletín CIG - Saúde Laboral N.º 13

GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL – CIG

O Boletín CIG Saúde Laboral Nº 13 destaca na súa portada o novo servizo que o Gabinete Técnico Confederal da CIG ven de introducir na súa web: o asesoramento técnico on line. Esta ferramenta nace co fin de facilitar o acceso ao servizo de asesoramento en materia de prevención de riscos e saúde laboral, servizo que o Gabinete está a prestar dende hai anos basicamente a través dos puntos de asistencia territorial. As consultas recibidas a través do formulario que o usuario/a cumprimenta e nos remite, sempre serán atendidas polas técnicas e técnicos en prl do Gabinete, garantindo sempre a confidencialidade dos datos facilitados e que estos únicamente se empregarán coa finalidade de respostar á consulta recibida.

O Boletín CIG-Saúde Laboral Nº 13, pode descargarse premendo na seguinte ligazón ou acudindo á portada da web, ao espazo específico que ocupa o Boletín. O Boletín únicamente se publica en formato dixital.

O sumario deste número conta co artigo de Análise-Opinión"A ineptitude sobrevida derivada do deterioro da saúde do/a traballador/a, como consecuencia das neglixencias da empresa en materia de seguridade e saúde laboral"; baixo o epígrafe Sabías que...? atopamos información sobre "A vixilancia da saúde: concepto, obrigas, principios."

En Opinión desenvolvense "Algunhas consideracións sobre os novos estatutos do ISSGA" e finalmente en Información atoparemos o artigo "O Ministerio de Sanidade detrae poder e capacidade de decisión ás CCAA sobre os servizos de medicina do traballo dos SSPPAA".


Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral

CIG


Anteproxecto de Lei do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social


No Consello de Ministros do pasado 13 de marzo, se procedeu a informar sobre o Anteproyecto de Lei Ordeadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social que inclúe a creación dunha escala de Subinspectores de Seguridade e Saúde no Traballo. Este Anteproxecto supón a actualización da normativa vixente, que data de 1997. A futura Lei prevé un incremento dos recursos destinados pola Inspección para a prevención de riscos laborais e para combatir a sinistralidade laboral. Con este fin se creará dentro da Inspección unha nova Escala de Subinspectores de Seguridade e Saúde no Traballo.

Segundo o resumo do informe, a Lei pretende potenciar as capacidades de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social a través de varias vías:
Implementando un modelo xeralista de inspección, máis eficiente e con procedementos de actuación simplificados: na visita á empresa, o Inspector actúa en todalas materias competencia da Inspección (relacións laborais, seguridade e saúde laborais, Seguridade Social)
Actualizando os medios operativos, coa incorporación das novas tecnoloxías da información e a comunicación nas relacións cos traballadores/as e as empresas.
Reforzando a independencia técnica do persoal inspector.

Tamén no marco desta nova lexislación se creará a Oficiña Nacional de Loita contra a Fraude, da que formarán parte os organismos implicados na loita contra a fraude laboral; as  funcións que se lle atribuirán serán a detección da fraude, a programación e a execución de actuacións inspectoras e a avaliación de resultados.

Esta Oficiña servirá de enlace coa Plataforma europea contra o traballo non declarado, plataforma que está en fase de preparación no marco da Unión Europea.

Detidos os compañeiros de brigada dun traballador falecido en accidente laboral

O pasado 1 de febreiro o electricista falecido reparaba unha avaría nun poste eléctrico de media tensión; cando estaba na parte superior do poste, sufriu unha descarga a consecuencias da que caeu dende 14 metros de altura e faleceu. A finais do mes de febreiro, no marco dunha operación denominada “Imprudente”, a Garda Civil procedeu a detención de tres traballadores, compañeiros do falecido, como presuntos autores dun delito de homicidio imprudente, así como de un delito contra o dereito dos traballadores.

Na investigación do accidente se estudiou o funcionamento e distribución das estacións, subestacións e dirección das liñas de tensión na zona, así como os protocolos de traballo da empresa que ten encomendado o mantemento da liña.

Segundo a investigación, o traballador falecido subiu ao poste sen atar o arnés da corda de seguridade e sen que se tivese comprobado a ausencia de tensión nin se tivesen colocado as tomas de terra portátiles na totalidade das fases co fin de crear unha zona de traballo segura. Tendo en conta as funcións que cada un dos membros da brigada tiña encomendadas, a Garda Civil determinou que estos son os supostos autores dun delito de homicidio imprudente así como dun delito contra os dereitos dos traballadores por unha imprudencia grave, por  non evitar que o falecido subise ao poste, sen tomar antes as medidas de seguridade oportunas.


As dilixencias instruidas pola Garda Civil, xunto cos detenidos, foron postas a disposición do Xulgado de Instrucción nº 4 de Almería.

A postura da CIG na sinatura do Acordo do persoal funcionario

O pasado luns tivo lugar a última Mesa Xeral de Funcionarios con respecto ao Acordo regulador do funcionariado. Finalmente este acordo foi asinado en solitario polo CSIF, logo do voto en contra de CCOO e a abstención de CIG e UGT.

Nun principio, e xa que a CIG non conta con representación entre o funcionariado, a nosa postura sempre foi defender a igualdade de dereitos entre laborais e funcionarios, labor que entendemos que se puido facer mellor ao estar presentes en ambas as negociacións. Non obstante, se algo tiñamos claro é quen debía chegar a un acordo eran os sindicatos con representación en funcionarios, CSIF e CCOO, que a diferenza do Comité de Empresa, no caso de funcionarios quen asina o acordo son os sindicatos. Se a isto lle sumamos que ao non ter representación o goberno néganos pola vía da non resposta documentación relativa ás cuestións que lle afectan ao funcionariado, obviamente a nosa posición non está en igualdade que os sindicatos que os representan, o que dificulta a toma de decisións con respecto a determinados temas que a algún dos sindicatos que os representan lle interesan dun xeito desmedido, como é o tema das horas extraordinarias e a teima do CSIF en que os funcionarios poidan facer máis que os laborais.

A CIG, pois, entendeu que quen debía achegar propostas eran os sindicatos que representan aos compañeiros funcionarios por teren un coñecemento directo da súa problemática e tamén consideramos que se CCOO E CSIF chegaban a acordo e os funcionarios decidían en asemblea que querían que se asinase ese novo texto pola nosa parte non habería ningún problema en facelo. Non obstante, o tempo foi pasando, e o que era a promesa inicial do goberno, a solución dalgúns dos problemas históricos de discriminación salarial que tamén algúns compañeiros funcionarios padecen, a través dunha nova Relación de Postos de Traballo, ficou no esquecemento e deu paso á mera negociación dun marco normativo que para este colectivo xa é indubidable (non é así no caso laboral onde ten habido moitas diverxencias na interpretación da lexislación para laborais) que finalmente só convenceu ao CSIF.

Por parte da CIG, decidimos finalmente absternos  a asinar un novo acordo para funcionarios co goberno municipal por dous motivos principais:

1. Entendemos que o goberno municipal deixou tirado ao colectivo de funcionarios ao non cumprir a promesa inicial de nova RPT e nin sequera elaborar un organigrama, que realmente foi o motivo inicial para o que a empresa Galivalia fora contratada e que non se cumpriu. Ademais, inicialmente mesmo se falaba dunha contía económica para amañar discriminacións salarias en ambos os colectivos (laborais e funcionarios) que finalmente foi destinada só para laborais, colectivo que efectivamente é o máis discriminado salarialmente neste Concello mais que non quita que o goberno adquirise un compromiso inicial con ambos colectivos que finalmente só cumpriu de xeito parcial.

2. Segundo nos informaron varios compañeiros, o acordo de funcionarios non foi sometido a votación na súa correspondente asemblea e a CIG sempre defendeu que son os traballadores e traballadoras os que deben decidir se os seus representantes asinan acordo ou convenio, por tanto entendimos que non podiamos asinar un acordo que non contaba co beneprácito do conxunto de funcionarios que asistiron á asemblea. No caso de laborais, aínda que si que se votou, tamén os delegados da UGT decidiron non respectar a vontade da asemblea de traballadores na Comisión Negociadora, así que tampouco nos estrañan xa nada os sindicatos que van por libre do persoal ao que representan e non teñen en conta a súa opinión para as decisións que lles afectan.

ACLARACIÓNS CON RESPECTO AO ACONTECIDO NOS ÚLTIMOS DÍAS



  1. A UGT desmarcouse no último momento da sinatura do convenio colectivo, cando hai menos dun mes na reunión do Comité de Empresa que se decidiu continuar coa negociación para presentarllo á asemblea todos os delegados da CIG e UGT votaron a favor agás un. Quen tivo un cambio de postura na negociación do convenio foi o sindicato minoritario, a CIG, desde o principio, amosou vontade de negociación e presentou propostas, a pesar de que advertiu que o eixe da negociacións debía ser a solución das discriminacións existentes. Para a UGT resulta moi doado dicir que coa súa abstención o convenio se vai aprobar igualmente e facerse as vítimas por ser minoría cando tamén se van beneficiar do acordo deste convenio, é dicir, non queren tomar parte mais si tirar proveito dos rendementos do traballo dos demais.
  2. Á asemblea xeral asistiron os traballadores e traballadoras que o estimaron oportuno, o poder de convocatoria é o do Comité de Empresa, que é o órgano que convoca e este está composto por cinco delegados da CIG e catro de UGT. Porque, UGT, aínda que parece que lle pese, tamén forma parte do Comité de Empresa, e se se quere desligar, teno moi fácil, que dimitan os delegados sindicais que entenden que este organismo non os representa. Por parte da CIG entendemos que o persoal debe tomar parte das decisións que lle afectan mais a asistencia á reunións é libre e o noso obxectivo é informar aos traballadores aos que lles interesa ter información e formar parte das decisións, quen estima que non é oportuno é libre de facer o que considere.
  3. Con este convenio ningún traballador sae perxudicado a nivel retributivo, é máis, quen cobra bastante máis que o resto dos compañeiros da súa categoría profesional por desempeño de igual traballo fica como está, de aí que a suba salarial non lle afecte ao 100% do persoal, efectivamente os que cobran máis por igual traballo non suben e só o fan os que menos cobran de cada categoría profesional até os mínimos salarios brutos anuais que o goberno municipal propuxo.
  4. Esta proposta económica foi a realizada polo goberno municipal baseándose nos salarios mínimos de cada categoría do persoal laboral da Xunta de Galiza. A única proposta de mellora foi presentada pola CIG, para que lle afectase tamén aos grupos 4 e 5, e o goberno decidiu que facía unha última contraproposta innegociable que supoñía unha suba dos salarios brutos mínimos anuais destes grupos. O resultado final era que a equiparación retributiva supoñía unha suba a 48 compañeiros e compañeiras baixo uns criterios obxectivos e equitativos, o resto, que ficaban como estaban, xa cobraban máis que os salarios mínimos propostos polo goberno municipal.
  5. Os textos do convenio colectivo foron repartidos polos delegados da CIG porque foron impresos no sindicato e con cartos do sindicato. Xa sabemos que a UGT lles gusta que lles dean o traballo feito mais se non queren nin molestarse en achegarlle o texto aos compañeiros antes da asemblea para que o poidan valorar que, polo menos, non teñan a cara de criticarnos por lle dar difusión.
  6. A CIG asinou o convenio porque así o decidiron, sen ningún voto en contra, os traballadores que participaron na asemblea, por outra banda, resulta totalmente escandaloso que quen formulou unha denuncia falsa contra unha delegada de prevención da CIG, unha vez demostrada a falsedade das acusacións, non tiveran nin sequera a decencia de pedirlle desculpas. A única e autentica verdade é que os compañeiros saben moi ben que e quen é cadaquén e iso quedou ben patente no discorrer da última asemblea.

24/03/15

Reunión extraordinaria do Comité de Empresa para ratificar a decisión tomada polos traballadores

Ante a nova postura da UGT, que hai un mes iniciou un dos seus delegados e que hoxe ratificaron tres deste sindicato, non estar a favor dun novo convenio colectivo, motivou que a presidenta do Comité convocase unha reunión extraordinaria do organismo coa idea de ratificar a decisión dos traballadores e mais o acordado na Comisión Negociadora de onte, é dicir, de que o Comité de Empresa decidise, e que o secretario puidese emitir unha certificación do acordo, que entende que a decisión da asemblea de traballadores é a que debe defender diante do Concello e, en consecuencia, asinar o novo convenio colectivo.

A postura da CIG sempre foi esta e mesmo UGT ata non hai moito nos comités entendía que os traballadores eran quen debía decidir, mais no último momento virou de opinión e decidiu que van por libre do que opinen os traballadores a quen representan, ata o punto que para tomar esta decisión veu á reunión extraordinaria un delegado da UGT que levaba máis dun ano sen aparecer polas reunións sen escusarse en ningún momento. Non obstante, a pesar da falta escusada dunha compañeira da CIG, o Comité decidiu con cinco votos a favor e tres abstencións que a decisión dos traballadores era a que había que defender e asinar ese novo convenio, que pendente duns detalles, se asinará ao longo desta semana.

A decisión de última hora de ratificar o acordo da asemblea xeral veu motivado polos continuos problemas que o asesor da UGT comezou a indicar na Comisión Negociadora porque defendía que o único acordo válido era o dos representantes do persoal laboral e non o da asemblea. Desde a CIG entendemos que está completamente errado porque o acordo válido é o da Comisión Negociadora do convenio e aí é onde a CIG defendeu a decisión da asemblea, non obstante convocouse este Comité extraordinario porque ante os últimos pasos dados polo sindicato socialista entendimos que ante futuras discrepancias sobre como foi a toma da decisión, non custaba nada tomar un acordo explícito que nos servise de garantía no proceso.

Ficou aínda máis claro hoxe, que a CIG asinou en solitario este convenio e entendemos agora a actitude de pasotismo durante tres anos de negociación, non obstante, é unha hipocrisía non amosar a verdadeira cara desde o principio e unha ABSOLUTA VERGOÑA E ESCÁNDALO que non defendan a opinión dos traballadores a que representan e só a deles mesmos nun alarde de falta absoluta de democracia da que tanto presumen.

Tamén agradecemos a un compañeiro do outro sindicato que se desmarcou e votou a favor da sinatura do convenio e mantivo, pois, a decisión tomada pola asemblea de traballadores. Porque a fin de contas, entendemos que isto xa non é unha cuestión de sindicatos, simplemente o é de respectar a vontade do votado polos compañeiros e compañeiras, xa que os delegados sindicais non somos máis que o elo na negociación co goberno municipal, e traballadores como todos os demais, aínda que haxa algúns que se deben considerar superiores a todos os demais.


23/03/15

A Asemblea Xeral do Persoal Laboral decide que o Comité asine o convenio colectivo co goberno municipal

O pasado xoves 19 o persoal laboral do Concello de Betanzos decidiu que o Comité de Empresa asinase o convenio colectivo co goberno municipal.

O compromiso da CIG foi desde o inicio da lexislatura que fosen os traballadores e traballadoras as que decidisen se o texto negociado debía substituír ao convenio vixente, que a finais deste ano cumpriría dez anos e así se fixo. Na asemblea todo o persoal asistente votou a favor agás dous delegados da UGT que se abstiveron e desmarcaron así da negociación do convenio no último momento, a pesar de que nos pasados tres anos non amosaran maiores discrepancias co sindicato maioritario do Comité durante a negociación, basicamente porque o seu traballo foi máis ben escaso ou nulo e de pasotismo total ao longo de todo este proceso. Hoxe, igualmente, na Comisión Negociadora do convenio colectivo a CIG mantivo a súa postura de ser a voz dos traballadores e acordar o texto final, tal e como quixo a asemblea xeral, co goberno municipal nunha reunión á que asistiu o propio alcalde.

Pola súa parte, a UGT decidiu absterse e ignorar, así, a vontade do conxunto dos laborais deste Concello que decidiron que querían un novo e mellor marco normativo e retributivo. Non é a primeira vez nin será a última que o sindicato socialista se queixa de que as decisións se voten de xeito democrático mesmo nas reunións do Comité de Empresa, desta volta votouse na asemblea xeral e decidiron ignorar a vontade dos traballadores. Se algo está claro con esta posición é que van por libre e non lles importa o máis mínimo nin o que opinan os traballadores a quen representan. UGT, polo visto, considera que é mellor a situación de irregularidade contractual existente na actualidade e as discriminacións retributivas que leva anos arrastrando este Concello, entre outras moitas cousas, que a existencia dun novo marco normativo que deixe todo máis claro, regularizado e equilibrado e abra a porta á solución dalgúns dos conflitos motivados polas discriminacións existentes entre laborais e co funcionariado desde hai demasiado tempo xa.

Desde a CIG queremos agradecer a asistencia dos compañeiros e compañeiras á asemblea, porque consideramos que é fundamental a participación do persoal nas decisións que lle afectan directamente para que poidan tomar parte activa tamén nos procesos de negociación do Comité de Empresa, igualmente a diversos traballadores que por diferentes motivos non puideron asistir mais que nos manifestaron a súa opinión e apoio neste proceso de negociación que pecha esta semana logo de tres anos e medio. 

Tal e como manifestamos na asemblea o resultado da negociación non é o agardado na súa totalidade mais entedemos que si que supón unha mellora con respecto á situación actual do persoal laboral e que pode servir de bo punto de partida de cara á equiparación co funcionariado tanto en dereitos como en retribucións pola que levamos loitando tres anos e medio e pola que seguiremos loitando mentres teñamos representación sindical, sempre baixo a premisa: IGUAL TRABALLO, IGUAL SALARIO!

13/03/15

ASEMBLEA XERAL DE PERSOAL LABORAL, XOVES 19 DE MARZO ÁS 20:00 H NO CFO

Hoxe deuse por pechada a fase de negociación do convenio colectivo e o Comité comprometeuse a lle dar unha resposta con respecto á aprobación do convenio polo conxunto dos traballadores o vindeiro luns 23 de marzo. O texto final será enviado pola empresa como moi tarde o luns, momento en que será remitido a todo o persoal laboral con tempo para poder valoralo antes da asemblea de traballadores/as.

O vindeiro xoves 19 de marzo terá lugar a asemblea de traballadores e traballadoras no Centro de Formación Ocupacional ás 20:00 h. O Comité solicitou a autorización para realizada e para que puidesen asistir a esta os/as traballadores/as que lles coincide co seu horario laboral.

Igualmente, e de cara a esclaracer as dúbidas con respecto ao texto haberá un horario especial de atendemento do Local do Comité de Empresa a vindeira semana, o martes 17 entre as 17:00 h e as 19:00 h e o xoves de 10:00 h a 15:00 h.

12/03/15

Mesa de Negociación e Comisión Negociadora

O Concello vén de avisar que mañá pola mañá haberá a que supostamente será a última reunión previa ao acordo da Comisión Negociadora do convenio colectivo e a Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios.

Na Comisión do convenio entedemos que se dará por pechada a fase de negociación co Comité de Empresa e ficará pendente a aprobación do texto pola Asemblea xeral de traballadores. En principio, se todo o segue o seu curso é previsible que esta teña lugar cara a finais da semana que vén e que previamente, en canto Galivalia nos achegue o texto definitivo, este achegarase a todos os traballadores e traballadoras antes da celebración da devandita asemblea.

Mañá seguiremos informando.

11/03/15

Igualdade de condicións nas Mesas de negociación

Cando o Concello se nega a entregar documentación a un dos sindicatos que forman parte da Mesa Xeral de Negociación dá a entender que hai algo que ocultar. Isto é o que lle pasa á CIG coas gratificacións do persoal funcionario deste Concello que foron solicitadas hai máis dun mes e sobre as que o Concello deu a calada por resposta. Esta documentación é especialmente importante tendo en conta que a partida de horas extraordinarias se acaba cada ano antes (polo menos para os laborais) e é común para laborais e funcionarios.

Desde a CIG descoñecemos se no momento que se deixaron de pagar horas extraordinarias no ano 2014 (agosto) o goberno municipal deixou de facer o mesmo coas dos funcionarios, xa que nunca ouvimos en ningunha Mesa Xeral de Funcionarios ningunha crítica con respecto aos esgotamento desta partida e ás queixas deste colectivo por este motivo, o que como comprenderedes dá lugar a dúbidas sobre o que en realidade acontece con esta partida orzamentaria compartida por laborais e funcionarios. Se a isto lle sumamos que os salarios son ben diferentes e que as horas extras ou gratificacións se cobran en base a criterios económicos diferentes parece un pouco absurdo que haxa unha partida común, que se nos negue a información de en que se gasta unha parte desa partida e que saian os cartos dela con diferentes criterios e non con un común.

O sindicato con maior representación en funcionarios amosou sempre, desde o inicio da negociación, un interese especial en que non constase no acordo regulador que o funcionariado ten o límite de 80 horas extras anuais. Na última Mesa Xeral de Negociación, en connivencia co goberno municipal, acordaron suprimir esta referencia en contra do que defenderon os outros tres sindicatos, CIG, CCOO e UGT. A CIG defende que a Administración contrate persoal e que o persoal faga a súa xornada laboral normal e que os traballos extraordinarios non formen parte do habitual na Administración, do contrario non se podería defender unha xornada semanal de menos horas, é unha incongruencia total que defenden sindicatos como o CSIF. É dicir, se defendes que se rebaixe a xornada de traballo como se vai defender, por outra parte, que se amplíe o número de horas extraordinarias que permite a lexislación vixente? O que ten que facer a Administración é contratar ao persoal necesario para que non se realicen horas extraordinarias máis que en casos de forza maior.

A negativa do goberno local a entregarlle a documentación das horas extraordinarias do funcionariado á CIG provoca non todos os sindicatos esteamos en igualdade de condicións na Mesa Xeral de Funcionarios, porque non temos a mesma información, e se o que pretenden con este novo acordo é que o funcionariado non teña límite de horas extraordinarias, o problema da partida orzamentaria de horas extraordinarias podería aínda agravarse nos vindeiros anos no caso de que esta siga sendo común, o que é preocupante especialmente de cara ao persoal laboral que forma parte de servizos que se ven obrigados puntualmente a facer horas extraordinarias por causa de forza maior en situacións de desperfectos. Polo visto, o goberno socialista e obreiro, neste caso, está de acordo co CSIF, en que a eliminación explícita do acordo dun número máximo de horas extraordinarias para o persoal funcionario vai supor a solución dalgún problema neste Concello, nós, consideramos, pola contra, que esta decisión non fará máis que agrandar as diferenzas entre funcionarios e laborais e agravará os problemas de persoal deste Concello que para nada se van solucionar cun aumento das horas extraordinarias.

Afíliate: con máis CIG ti es máis forte!

A central pon en marcha unha campaña de afiliación para consolidar e ampliar a capacidade de resposta

A CIG vén de poñer en marcha unha campaña de afiliación nunha nova aposta coa que respostar a todos os ataques que sofre a clase traballadora galega e o desmantelamento de Galiza. Con esta iniciativa preténdese consolidar e ampliar a nosa capacidade de resposta. Nos tempos que corren é vital afortalar a nosa organización sindical, que ten unha traxectoria histórica de firmeza, coherencia, insubornábel, de confronto co sistema, e constitúe unha alternativa ao sindicalismo español do pacto social e de colaboración co poder. [DESCARGA ABAIXO A FICHA DE AFILIACIÓN]
Faise preciso incrementar a base afiliativa e reforzar a presenza da CIG nos centros de traballo se queremos avanzar cara a nunha saída á crise favorábel para a clase traballadora galega. Sendo máis afiliados e afiliadas na CIG temos máis forza para combater as reformas laborais, os recortes e perdas de dereitos, a destrución de emprego, o empobrecemento dos salarios, o retroceso nas condicións laborais, etc.

Canta máis CIG, canta máis e mellor organización, máis capacidade de organización para loitar, e polo tanto, máis capacidade de camiñar cara a soberanía nacional de Galiza como expresión da consecución dos obxectivos de emancipación da clase obreira galega.

Con esta campaña de afiliación reforzamos a nosa independencia económica como única forma de garantir o proxecto sindical da CIG, que dende o seu nacemento dá unha resposta combativa e representa unha alternativa real ao capitalismo. A independencia económica permitiunos ser o que somos e manter a coherencia na defensa da clase traballadora galega. 

Servizos de apoio á acción sindical 

Para apoio da nosa acción sindical e para unha mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega, creamos todo un conxunto de servizos e mecanismos que podemos resumir nos seguintes:


-O departamento de servizos xurídicos, que cobre todo tipo de asesoramento e defensa en casos de despedimentos, reclamación de cantidades, vacacións, xornada laboral, pensións, prestacións por desemprego, etc, sendo totalmente gratuíto este servizo a partir de levar cinco anos afiliado/a. 

-Os departamentos de asesoramento económico, laboral e de igualdade, que cobren todo tipo de asesoramento en materia de informes para ERES, descolgues de convenios, economía social, plans e políticas de igualdade e conciliación, informes sobre novas ordes, decretos ou leis, etc. Totalmente gratuíto.

-O departamento de formación profesional, que a través dun convenio coa fundación FORGA leva anos impartindo cursos de formación, nos nosos propios centros, nos que se formaron miles de traballadores/as, con fondos públicos e de forma totalmente gratuíta.

-O Plan de Axuda Alimentaria Solidario da CIG, creado nos últimos tempos coas achegas solidarias da afiliación para dar apoio a todos aqueles afiliados/as que como consecuencia da crise teñen dificultades para poder cubrir as necesidades máis básicas de alimentación. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de axuda á afiliación. 

-A Caixa de Resistencia, de apoio en caso de folga, posibilitando que os afiliados/as, que levan máis de tres meses de afiliación á central sindical, poidan cobrar até o equivalente do salario mínimo interprofesional, a partir do cuarto día de folga, este incluído, compensando así unha parte importante do salario perdido como consecuencia da folga. Este mecanismo tenlle servido até hoxe a moitos compañeiros/as afiliados/as para aguantaren a folga na súa empresa e permitirlle así gañar o conflito fronte á patronal. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de apoio á afiliación. 

Para informarte e afiliarte 

-Ponte en contacto coa representación sindical da CIG na túa empresa.
-Chama por teléfono ou envía un correo electrónico ao local da CIG máis próximo ao teu enderezo.
-Descarga a folla de afiliación da páxina web da CIG, cúbrea e envíaa ao local da CIG ou entrégalla á representación sindical da CIG no teu centro de traballo.




Informe axudas sociais 2014

O Comité de Empresa entregou onte por rexistro o informe con respecto ás axudas sociais do ano 2014 e fica á espera de que o Concello cumpra os prazos marcados pola convocatoria e as pague xunto coa nómina deste mes de marzo. 

Lembra! Solicitude de vacacións

Segundo o artigo 10 do Convenio colectivo do persoal laboral, o Concello de Betanzos debe ter elaborado o día 1 de abril o plan de vacacións anual correspondente ao ano 2015 e aínda que tal e como se indica "o calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, trala solicitude dos interesados, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servicio, e non se afecte a intereses de terceiros", é recomendable solicitar as vacacións en tempo e forma.

A pesar de que neste Concello nunca foi de coñecemento público o calendario de vacacións e o persoal tendeu a facer traballo que debería facer o propio Concello acordando as quendas de traballo nas vacacións estivais o certo é que deste artigo do Convenio, a falta do que indique a Comisión paritaria de interpretación do texto que o Concello se nega a reunir, enténdese que temos ata finais de marzo para solicitar as vacacións.

Para solicitalas lembra que hai un modelo de documento habilitado para o efecto e que na actualidade existe un rexistro no Departamento de Persoal, polo cal podes entregar a túa solicitude directamente alí, ademais neste caso recorda que o procedemento administrativo indica que o silencio administrativo con respecto á túa solicitude é dun mes e interprétase como positivo, é dicir, que se non che responden tes dereito a coller as vacacións do xeito solicitado. Tes o modelo de solicitude das vacacións aquí:





08/03/15

Resumo Comisión negociadora convenio colectivo (6 de marzo de 2015)

Como sabedes, o pasado venres o Concello de Betanzos convocou ao Comité de Empresa para unha comisión negociadora onde se trataron diversos temas que ficaban pendentes desde hai moitos meses (por non dicir tres anos!). A cousa non comezou moi ben cando o concelleiro comezou advertindo que se debía pechar o que ficaba ese mesmo día porque seica a finais de mes se convocan as eleccións e agora corre présa, o problema radicaba en que a parte social foi convocada con menos de 48 horas de antelación e enviáronselle uns textos con modificacións que por parte da CIG intentamos analizar o máis polo miúdo que puidemos no pouco tempo que o Concello nos deixou.

Antes de ir ao fondo a cuestión a presidenta do Comité dixo que quería que constase en acta unha queixa porque entendía que se estaban vulnerando os principios de negociación e deixando ao Comité de Empresa nunha situación de inferioridade fronte ao goberno municipal cando a negociación dun convenio colectivo debe como ter como principio unha boa vontade que o Concello de Betanzos leva tres anos sen amosar. A maiores advertiu que se agora lle corría présa ao goberno e non se acordaba o convenio a culpa, en todo caso, nunca sería do Comité de Empresa, sería dun Concello que leva tres anos e medio dando voltas e reviravoltas a unha negociación que nunca pareceu importarlle e que levamos meses advertíndolle que o estaba deixando para última hora e iso ía traer problemas no caso de que se chegase a un acordo. 

Logo da tensión do inicio, chegouse a algúns acordos puntuais e houbo algunhas outras cuestións que ficaron que enriba da mesa á espera dunha contraproposta do Comité de Empresa porque non se chegou a un acordo. En principio nesta última (ou penúltima ou antepenúltima, xa non sabemos) proposta engadíronse as melloras do convenio de funcionarios e adecuáronse varios puntos á lexislación de funcionarios (participación en tribunais e órganos de selección ou retribución por desempeño puntual dun posto de responsabilidade) e actualizáronse e adecuáronse algúns puntos que contiñan erros.

Un asunto que finalmente se tivo que adiar foi o anexo de horarios específicos, posto que o debate ía ser moi amplo e se se levaba a cabo neste momento o convenio non sairía para adiante, o principal problema con respecto a este punto é que o Concello parece que ten un descoñecemento moi grande dos horarios dos diferentes servizos e como organizalos para que todo o persoal cumpra a mesma xornada anual, non é nada novo que a organización do persoal é unha materia pendente deste Concello. Finalmente acordouse incluír unha cláusula que indique que en tres meses desde o acordo do convenio haberá que fixar os horarios específicos e sistemas de xestión das quendas dos distintos departamentos.

O tema das retribucións, coma sempre, é o que xera máis debate. Finalmente, tal e como dixemos en varias ocasións, o convenio suporía a solución dalgunhas discriminacións salarias do persoal de diferentes grupos profesionais na medida en que marcará uns salarios mínimos anuais e todo aquel que non chegue incrementaránselle as retribucións até ese mínimo e quen o supera terá complemento que será transitorio e absorbible por vindeiras subas salarias até que todo o persoal teña unhas retribucións equitativas por grupo e se poidan negociar melloras en igualdade de condicións.

Un punto de discrepancia sempre foron as retribucións do persoal que cobra por horas, e que ten unhas retribucións que o Concello acordou en Xunta de Goberno local e á marxe do convenio colectivo actual. Hai que deixar claro que desde o inicio o Concello se negou a adecuar as retribucións dunha parte do profesorado da Escola de Folclore e o Conservatorio municipal mais o problema é que o concelleiro de Persoal non quería nin sequera que estas constasen en convenio, ao que desde a CIG nos negamos rotundamente na medida en que esa podería ser a vía para a unha parte do persoal se lle subisen as retribucións anualmente mentres todo o resto non podería até a aprobación dun novo convenio. Finalmente o concelleiro entrou en razón e aceptou que este tipo de retribucións tamén constasen en convenio. O que está claro é que isto é unha inxustiza que non se pretende solucionar e que o Concello segue empeñado en que haxa persoal laboral de primeira e de segunda.

Outro dos problemas históricos deste Concello é a discriminación existente a través do pagamento ben como horas extraordinarias ben como gratificacións de traballos que, en realidade, non son extraordinarios. O Comité propuxo solucionar isto a través do convenio mais a proposta do Concello baseouse en plasmar por escrito as discriminacións existentes e finalmente non se chegou a un acordo sobre a proposta presentada, e acordouse enviarlle pola parte social unha nova proposta. A proposta que realizaremos nos vindeiros días basearase no que levamos tres anos e medio defendendo, que se remuneren os traballos en igualdade de condicións para todo o persoal nas mesmas ou similares condicións laborais e que se deixen a un lado as retribucións subxectivas que ás veces que responden a un criterio alleo ao propio desenvolvemento do traballo, porque do contrario habería o mesmo baremo para todo o persoal.

Unha outra proposta do Comité foi a dispoñibilidade para determinados postos que na realidade lévana a cabo aínda que non a cobran como tal senón como horas extraordinarias, aquí o Concello fixo unha proposta de remuneración coa que non estivemos de acordo basicamente porque en realidade non remuneraba esa dispoñibilidade simplemente obrigaba ao recoñecela a facer unhas horas extraordinarias e remunerábaas moi por baixo doutras que se presentaron para formar parte do complemento enriba mencionado. Con respecto a este punto tamén se acordou que a parte social faga unha nova proposta que estudará o Concello.

Como vedes, milagrosamente, e non sabemos se se debe a que os traballadores, como tantas obras que proliferan nos últimos meses, somos unha obra máis deste Concello, mais parece que a negociación está chegando ao seu fin. En todo caso entendemos que este convenio podería supor o amaño dalgúns dos problemas históricos do persoal laboral do Concello de Betanzos e oxalá hai tres anos o goberno municipal tivese reaccionado coa premura que o fai agora  a dous meses das eleccións municipais. É certo que hai algúns outros puntos cos que amosamos a nosa discrepancia desde o inicio da negociación e foi imposible chegar a un punto en común mais toda a negociación seguiu o seu curso porque o conxunto do persoal laboral deste Concello é quen ten que decidir se o texto que quede ao final do proceso de negociación é aprobado e posteriormente acordado ou non.

Nos vindeiros días seguiremos informando sobre o proceso de negociación.

04/03/15

Proposta de resolución das axudas sociais 2014

Logo da solicitude do Comité de Empresa no pasado mes de xaneiro,  o Concello vén de formular unha proposta de concesión das axudas sociais do ano 2014 ao Comité de Empresa e solicitarlle un informe co obxecto de facelas efectivas coa nómina do mes de marzo e concédelle un prazo de dez días naturais para a emisión deste e proposta de distribución que considere.

Por este motivo este punto será tratado na reunión ordinaria do Comité do mes de marzo que terá lugar o vindeiro luns 9 de marzo e onde se deberá realizar o informe para a proposta de distribución.

Como vedes no oficio achegado polo Concello, un ano máis, a partida orzamentaria é insuficiente e o Concello propón unha redución proporcional á espera da proposta de representantes de persoal laboral e funcionario. Desde a CIG porporemos, tamén, un ano máis, o aumento da partida orzamentaria de cara vindeiros anos para cubrir a totalidade das axudas así como instaremos, unha vez máis, ao goberno municipal  a que cumpra o apalabrado cos representantes dos traballadores de que nesta lexislatura ía haber un novo regulamento de axudas sociais cun reparto das axudas en base a criterios sociais, tal e como leva propoñendo desde o ano 2011 o Comité de Empresa actual logo da proposta da CIG.

A CIG solicítalle ao Concello a adecuación das bases de dinamizador/a á lexislación vixente

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos solicitoulle ao goberno municipal que rectifique as bases para a contratación temporal dun/ha dinamizador/a e as adecúe á lexislación vixente en materia de provisión de postos de traballo na Administración pública.

Como vén sendo costume o Concello convoca procesos selectivos sen contar cos representantes dos traballadores nin informalos sobre a publicación destes, isto vén motivando, ao longo de tres anos e medio, que cada vez que o BOP publica unha convocatoria dunha praza neste Concello vémonos obrigados a lle achegar as nosas propostas de mellora das bases a posteriori. Se o diálogo fose fluído isto non pasaría, pola nosa parte, desde logo, que preferiamos facer o traballo antes e que o Concello tivese en conta as propostas dos representantes dos traballadores e non saber a información á que legalmente temos dereito cando xa está publicada e non hai posibilidades de rectificación nin de ter en conta as propostas dos representantes dos traballadores. Hai cousas, polo que parece, que por moito que transcorran os anos, nunca cambian.

Convocatoria de Comisión Negociadora do convenio e Mesa Xeral de Funcionarios

Seica entrou o turbo e o Concello xa non respecta nin os prazos mínimos de convocatoria para a Comisión Negociadora do Convenio Colectivo nin a Mesa Xeral de Funcionarios, esta debe ser a súa nova postura de espírito dialogante, convocar reunións con menos 48 horas de antelación e achegar por correo electrónico, sen que nin sequera esta información conste na convocatoria, os textos do convenio e o acordo respectivamente con importantes achegas e propostas sobre as que se leva meses esperando unha concreción que parece que chegan agora a última hora e que pretende non darlle tempo de reacción aos representantes do persoal, polo menos no caso do persoal laboral.

En todo caso se desde a CIG temos algo claro é que hai puntos de negociación importantes que deben ser analizados polo miúdo e sobre os que non se deben tomar decisións sen ter en conta a opinión dos traballadores e de todo o Comité de Empresa, por este motivo a presidenta do Comité de convocou reunión de todo o Comité para o vindeiro luns para expor a situación da negociación e as novas propostas presentadas polo Concello sobre as que se solicitará máis información polo miúdo na Comisión Negociadora do vindeiro venres.

O Concello achega nesta versión do texto (que xa non sabemos nin cantas van...) unha proposta de texto para o capítulo retribucións que presenta varias incongruencias que xa detectamos, tamén incorpora, tal e como solicitaramos, todas aquelas melloras que xa foron acordadas para os funcionarios na súa mesa de negociación. A maiores fai unha proposta de horarios específicos e xerais e engade unha cláusula transitoria canto ás consecuencias da aplicación do sistema retributivo, tamén aparece un novo complemento por funcións extraordinarias que fora proposto polo Comité de cara a solucionar algúnhas situacións que se veñen dando nos últimos anos con respecto ao cobro de horas extraordinarias por funcións que realmente non son extraordinarias xa que se realizan con carácter periódico e nalgúns casos mensual incumprindo claramente a lexislación vixente en materia laboral.

Desde a CIG estamos a valorar estes textos e agardamos a Comisión negociadora do venres para que o goberno municipal aclare algunhas das cuestións propostas.




Sen emigración e infraemprego a cifra de mulleres desempregadas en Galiza chegaría ás 300.000

A Secretaria Confederal de Muller da CIG chamou a participar na manifestación unitaria do 8 de marzo, con saída ás 12:00 horas da estación de tren de Compostela


A Secretaría da Muller da CIG presentou este luns a campaña coa que, baixo o lema “Traballo digno, salario xusto”, a central sindical conmemorará este ano o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Un lema que Margarida Corral considerou especialmente acaído, á vista dos datos recollidos no informe elaborado polo Gabinete Confederal de Economía, “A Muller no Mercado Laboral en Galiza” do que se tira que 92.839 galegas teñen ingresos inferiores aos 1.861€ brutos ao ano e 71.783 emigraron desde 2008. Cifras que, de ser sumadas ao número de desempregadas que estima a EPA, 132.000, elevarían o número de mulleres no paro en Galiza ás 300.000.


O Informe elaborado pola responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, vén desmontar a falacia de que o ano 2014 rematou cun descenso do desemprego. “Redúcese o desemprego entre as mulleres non porque aumentase a ocupación entre estas, senón porque hai menos mulleres. 

Descendeu a poboación activa feminina, sobre todo entre as mulleres máis novas, as menores de 35 anos, que abandonaron o mercado de traballo porque emigran”, explicou.

E é que segundo os datos que se tiran do informe só en 2014 marcharon de Galiza un total de 13.600 mozas e desde o 2008 reduciuse o número de mulleres de entre 16 e 35 anos en 71.783. Para López Gromaz esta situación dáse porque “non teñen máis opcións que a emigración” diante dun mercado de traballo que só lles ofrece infraemprego, precariedade e pobreza”.

Tal é así que os datos son, cada ano que pasa, máis demoledores: o 75% dos traballos a xornada parcial foron desempeñados, en 2014, por mulleres e un 23,7% das asalariadas tiñan un contrato a tempo parcial. E se isto non fora abondo, desde o ano 2009 ao 2013, o salario medio das traballadoras reduciuse  un 1,4% e das 447.647 mulleres que presentaron a declaración de IRPF, nin máis nin menos que o 20,7%, isto é 92.839 mulleres, tiveron uns ingresos inferiores aos 1.861 € brutos anuais. Co agravante de que este grupo foi o único que medrou desde o ano 2009 e no cal os ingresos medios se reduciron, en concreto nun 1,9%.
Parello a isto, entre as que obtiñan máis ingresos hai un 37,1% menos que en 2009 pero as que permanecen nese grupo aumentaron os ingresos. Isto constata, segundo explicou López Gromaz, un forte medre das desigualdades entre as mulleres e de media en 2013 o salario dunha traballadora pertencente ao intervalo de maiores ingresos é 77 veces superior ao dunha de menores ingresos.

Taxa de paro do 37%

Diante desta situación, a responsábel do Gabinete de Economía afirmou que “non entendemos que unha muller se poida considerar ocupada cando os seus ingresos non chegan a  140 € mensuais. Cremos que deberían ser consideradas desempregadas e se isto fose así estariamos a falar dun total de 224.000 mulleres desocupadas en Galiza e dunha taxa de paro do 37%”.

A isto engadiu que de sumar estas ás 71.000 mulleres que emigraron desde 2008 “estariamos falando de 300.000 mulleres desempregadas en Galiza e unha taxa de paro aínda maior”. Uns datos que López Gromaz considerou que se prefiren agochar por intereses electorais xa que “a EPA non reflicte, nin con moito, a durísima realidade das mulleres no mercado laboral en Galiza”.

 “Traballo digno, salario xusto”

Diante desta situación, Margarida Corral arrincou a súa intervención denunciando que “non é algo singular do ano que rematou o feito de que desde o momento en que as mulleres nos incorporamos ao mercado laboral até que o abandonamos, a desigualdade laboral está presente nas nosas vidas: desigualdade salarial e nas prestacións, maior nivel de contratación precaria e a tempo parcial, maiores dificultades en atoparmos o primeiro emprego e tamén para conseguirmos outro traballo, dificultades para conciliarmos o emprego coa maternidade... "

Considerou as cifras “demoledoras” e asegurou que constatan “o empobrecemento e a precariedade do emprego en Galiza, lonxe dos datos achegados por organismos oficiais, que pretenden amosar unha imaxe de recuperación e saída da crise”.

Atribuíu esta situación non só á crise, senón tamén ás políticas levadas a cabo polos distintos gobernos, que “crearon un desemprego masivo e estrutural que aínda que non interrompeu a progresión da actividade laboral feminina, si fixo que esta teña lugar en condicións de desigualdade e precariedade”.

Para Corral trátase dunha fenda que, ano tras ano, “vaise alargando e que apenas se nivela ao igualarse cos homes(por abaixo), cun empobrecemento xeneralizado, tras os recortes, a perda de dereitos, e as reformas levadas a cabo polos gobernos, que, aproveitando a crise económica como escusa, empeoraron as condicións de traballo para incrementaren os beneficios do capital”.

Respecto dos salarios lembrou que o principio de igualdade retributiva para un mesmo traballo ou para un traballo de igual valor está recollido desde o ano 1957 nos Tratados e Directivas pero, denunciou “segue sen aplicarse”. Neste sentido subliñou que “as mulleres que actualmente teñen unhas cualificacións iguais ou mellores que os homes, en moitos casos debido a unha formación máis extensa, seguen a ser valoradas de distinto xeito e a súa carreira profesional é máis lenta. Así, nos sectores nos que as mulleres predominan, os salarios son máis baixos que naqueles nos que son os homes os que teñen unha presenza maioritaria”.

Unha discriminación que considerou que xorde a raíz de distintos factores culturais e históricos que inflúen no xeito en que se fixan os salarios. “As competencias e capacidades das mulleres están a miúdo infravaloradas. Hai unha predisposición, baseada no xénero, á hora de avaliar o traballo que realizan homes e mulleres: gaña menos unha caixeira dun supermercado que un home que traballa no almacén do mesmo supermercado ou unha limpadora que un traballador do lixo...”, asegurou.

Subliñou que moitas veces agóchase esta discriminación salarial a través de pagas extras e complementos salariais arbitrarios, vencellados ao tipo de xornada, sistema de clasificación ou ao rendemento, non hai información sobre os salarios, e os sistemas de clasificacións son opacos. Un “teito de cristal que impide que moitas mulleres accedan aos postos mellor retribuídos”, dixo.

A isto engadiu que as responsabilidades familiares non son compartidas de xeito equitativo, “as mulleres interrompen máis frecuentemente a súa carreira profesional e teñen un maior número de contratos a tempo parcial que os homes”. Isto supón, ao seu entender, que as carreiras profesionais sexan peor remuneradas, situándose, de media, a diferenza salarial entre mulleres e homes na UE no 16%, o que repercute nos dereitos de pensión futuras e poden provocar que máis mulleres que homes sufran pobreza tras a xubilación.
Mobilización.

Por estes motivos, considerou necesario mobilizarse polo emprego, contra a precariedade laboral, a desigualdade salarial, a temporalidade, o desmantelamento do estado de benestar, “mais reivindicando tamén un reparto igualitario das responsabilidades do coidado, esixindo que os nosos dereitos sexuais e reprodutivos non se vexan limitados por cuestións eleitoralistas e ideolóxicas, porque a loita polos nosos dereitos segue máis vixente ca nunca”. 

Por iso reivindicou a conmemoración do 8 de Marzo como unha data “combativa”que visibilice o esforzo das mulleres que “loitan contra a opresión” e animou a participar na manifestación nacional unitaria do movemento feminista galego o vindeiro 8 de marzo que sairá da estación do tren ás 12 h en Compostela, así como nas manifestacións da CIG que terán lugar o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega en distintas comarcas e vilas do país.

A CIG reivindicará emprego e salarios dignos contra a pobreza no Día da Clase Obreira Galega

A central chama a participar nas mobilizacións convocadas nas sete cidades o 10 de Marzo


A CIG aproveitará a conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reivindicar “emprego e salarios dignos” como único xeito de frear o empobrecemento da maioría social a causa das políticas que está a aplicar o PP en Galiza e no conxunto do Estado. A central nacionalista fai un chamamento a participar nas mobilizacions convocadas ao longo da xornada nas sete cidades galegas. O acto central da xornada, no que participará o secretario xeral, Suso Seixo, terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha ofrenda floral en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla e nunha manifestación.  

O acto central deste 10 de Marzo, que se celebra baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos', terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha manifestación e na tradicional ofrenda floral aos pés da estatua que lembra os sucesos de 1972, en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas mortais da brutal represión fascista que acompañou a loita obreira e popular daquelas semanas.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participará tanto na ofrenda floral, prevista para as 12.30 horas, como na manifestación que arrincará do local sindical, na Avenida de Esteiro, ás 20.00 horas.

10 DE MARZO. DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos

Meses atrás, a Axencia Tributaria (Facenda) daba a coñecer por medio dun informe os ingresos por rendas do traballo dos asalariados e asalariadas no Estado e tamén en Galiza. Os datos desvelan unha situación de precariedade extrema e de pobreza que se instala no mundo do traballo, co perigo de se converter en estrutural e definitivo.

Galiza conta na actualidade con 969.000 asalariados/as, dos/as cales 301.000 -o 31%- ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648€/mes) e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un salario menor a 200€/mes, o 18,2% do total. No Estado máis de 2 millóns e medio de persoas están nesta situación. O salario en Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos.

A causa desta fractura que mantén a xente con traballo na indixencia, está na brutal reforma laboral aprobada no ano 2012. Aquela reforma solicitada polas grandes empresas e a Banca, que son os que realmente mandan no Partido Popular, orixinou unha multiplicación da precariedade, con masivos contratos de 1 ou 2 horas á semana ou menos de 10 horas ao mes. Estas persoas non contan como desempregados/as; se contasen e sumásemos os 80.000 mozos e mozas que marcharon á emigración nestes 5 anos, o paro en Galiza superaría o 40%. Esta é a mellora nas estatísticas de paro que presentan o Goberno español e a Xunta.

O Goberno do Partido Popular coas reformas impostas está empobrecendo a clase traballadora de tal maneira que, xa hoxe, ter traballo non garante unha vida digna. O PP, inzado pola corrupción, segue adiante coas súas políticas antisociais desaloxando miles de familias das súas vivendas, provocando que o 25% dos/as menores de 14 anos teñan problemas severos de alimentación ou dificultando o acceso aos medicamentos a moitos cidadáns como as persoas afectadas pola hepatite C. A isto súmase o recorte das liberdades públicas, unha forte represión contra os movementos sociais e a modificación de leis como o Código Penal e a Lei de Seguridade Cidadá.

A conmemoración do 10 de Marzo é unha data de referencia de loita da clase obreira galega, que no ano 1972 deu un exemplo de loita, especialmente en Ferrol e Vigo, contra a ditadura, para ter dereito a negociar convenios en Galiza, para mellorar os salarios, para reducir a xornada de traballo de 6 días á semana; cunha dura represión que custou dúas vidas obreiras e centos de persoas detidas. Agora, 43 anos despois, unha nova ditadura dos máis ricos, dos capitalistas castizos de Madrid, da banca e das grandes empresas, que defraudan máis de 80.000 millóns ao ano a través de filiais en paraísos fiscais -tal e como denuncian os inspectores da Facenda-, ten o noso pobo nunha situación crítica de emerxencia.

É preciso seguir a oporse con firmeza a esta situación de opresión e de explotación. Necesitamos decidir nós mesmos/as o noso futuro, ter a soberanía sobre o que nos é vital para unha vida digna. Defender os nosos intereses como nación fronte a España e Europa, que non contan coa nosa opinión, que nos usan como consumidores/as e como fonte de recursos e man de obra barata, que nos asimilan no seu idioma atacando o que nos é propio. Ou seguimos o exemplo de loita da clase obreira galega do 72 ou deixaremos de ter futuro como pobo. Mobilízate coa CIG o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega!

Lugar e hora das mobilizacións

FERROL: Manifestación nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.

A CORUÑA: Manifestación, 20.00 horas, dende a Praza de Vigo.

COMPOSTELA: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.

LUGO: Manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.

OURENSE: Asemblea de delegados/as no edificio sindical (Parque de San Lázaro) e manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.

PONTEVEDRA: Asemblea de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00 horas.

VIGO: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas.