26/03/13

AVISO


Temos coñecemento de que algún sindicato anda a distribuír pola rede as actas das Mesas Xerais de Negociación do ano 2012 que o Concello pretende aprobar mañá e queremos pór en coñecemento de todo o persoal que esas actas aínda non foron aprobadas e poden sufrir modificacións. Dende a CIG farémolas públicas cando estean aprobadas de xeito definitivo pola Mesa Xeral de Negociación e consideramos unha irresponsabilidade absoluta a súa distribución por parte dalgún delegado sindical antes de que estean aprobadas e que haxa posibles alegacións á súa redacción definitiva, entendemos que haxa sindicatos que pensen que o que pon o Concello vai a misa (sobre todo nestes días) mais non é a primeira vez que hai discrepancias en como se recolle nas actas o exposto nas reunión dos representantes do persoal co Concello.

Mesa Xeral de Negociación o vindeiro mércores

O Concello vén de convocar Mesa Xeral de Negociación para mañá mércores. Logo de que en xaneiro deixase plantada a negociación en aras da convocatoria dunha Mesa dous meses despois convoca este e presenta unha proposta que consideramos dende a CIG, nunha primeira valoración, moi coxa e lesiva para os dereitos dos traballadores do Concello.

Ao longo destes días xa nos puxemos en contacto con persoal de distintos departamentos para lle trasladar as nosas preocupacións con respecto ao que pretende negociar o Concello, o certo é que xa nos parecía lesiva para os nosos dereitos a proposta que entregaron en xaneiro na Comisión Negociadora do convenio mais se aquela o era esta o é moi máis, xa case dubidamos que o PSOE local estea nunha carreira para asemellarse ao PP a nivel autonómico e estatal porque o certo é que xa hai tempo que dicimos que a súa política laboral nada lle ten que envexar á da dereita máis rancia. En todo caso, dende a CIG estamos a analizar polo miúdo a documentación e oporémonos a calquera medida regresiva en materia de dereitos laborais e moitísimo menos se non hai ningunha proposta sobre a mesa, e parece ser que non, de mellora en ningún outro aspecto, aínda así observamos na documentación varios erros, non sabemos se intencionados ou non e porémolos de manifesto no organismo pertinente independentemente na nosa oposición a calquera medida regresiva.

A pesar de todo isto consideramos vergoñento que logo dun ano e medio de negociación do convenio o Concello non sexa quen de elaborar unha proposta con xeito e que inclúa todos os puntos necesarios e sempre intente tapar os furados con chapuzas como sempre se fixo aquí, nós, pola nosa parte, loitaremos por un texto que non deixe á imaxinación o menos posible e sobre o que o persoal se poida basear con firmeza á hora de exercer os seus dereitos.

CIG-Administración alerta da grave destrución de emprego e servizos públicos na comarca da Coruña


Derivados das políticas de desmantelamento e amortización de postos de traballo que está a aplicar a Xunta en todos os departamentos

A CIG-Administración da Coruña vén de denunciar en rolda de prensa as consecuencias que están as ter as políticas privatizadoras e de amortización da Xunta do PP, que suporán a perda de emprego público e a desaparición de moitos servizos públicos na comarca. Unha política de desmantelamento da administración, explicou a Secretaria Nacional da Federación da CIG, Maricarme López Santamariña, que está comezando a reflectirse mesmo nos datos da EPA, pois xa recolle un acelerado ritmo de destrución de emprego de carácter público.
Así, denunciouse que o Goberno do PP pretende unha reorganización da administración galega na que desaparecerán un elevado número de postos de traballo e servizos públicos, nun proceso no que a cidadanía “acabará pagando dúas e tres veces por uns servizos encarecidos, de peor calidade e que, dende logo, non serán públicos”.
Como exemplo destas políticas, López Santamariña expuxo os casos do Complexo Xuvenil das Mariñas (dependente da Consellaría de Traballo e Benestar), do laboratorio de saúde pública (da Consellaría de Sanidade), o CIAM (da Consellaría de Medio Rural) ou dos centros de ensino.
Recortes en todos os departamentos
A respecto do Complexo Xuvenil das Mariñas, onde os traballadores/as se están a mobilizar dende hai semanas, a Consellaría de Traballo e Benestar vai amortizar 11 postos de persoal fixo e confirmou que só abrirá as instalacións nos meses de xullo e agosto. “Esta medida significa que, ademais dos 11 postos de traballo e o peche e externalización do servizo, tamén quedarán afectadas as preto de 200 persoas contratadas para as campañas”, alertou.
A Xunta tamén acordou eliminar os laboratorios de saúde pública de Pontevedra, Coruña e Ourense, que controlan os produtos que comemos e bebemos, e centralizar todo no único laboratorio de Lugo. Esta manobra deixa nunha situación de incerteza absoluta ás 20 persoas que traballan no centro herculino, que ademais é a referencia para toda a provincia. Así mesmo, a desaparición destas instalacións provocará o encarecemento do servizo “porque haberá que trasladar todas as probas a Lugo e posibelmente se aplicarán recargos e taxas para estas análises”.
Outros dos centros cuxa subsistencia preocupa á Federación da CIG é o histórico Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Un centro que nos últimos anos ten sufrido diversos ataques, pois non compre esquecer que no PXOM de Abegondo xa lle subtraeron preto de 30.000m2 para usos urbanos do concello e dende a chegada do PP á Xunta a dotación económica para os proxectos de investigación .
Desta volta o desmantelamento do centro vai pola vía de baleiralo de persoal. Se comparamos o anexo de persoal da Lei de Orzamentos de 2012 coa de 2013, compróbase que se produce un recorte do 36% nos postos de persoal investigador. No caso dos postos nos que se require o título de doutor a redución aínda é meirande, chegando até o 44%, pasando de 16 a 9 postos dotados orzamentariamente. Isto significa que se pasa de 22 a só 14 postos dotados. Do mesmo xeito, se o centro queda sen actividade tampouco terán bo futuro os traballadores/as eventuais contratados/as para asistencia dos proxectos.
A este respecto, subliñouse que o tipo de investigación que se realiza no CIAM non se vai abordar desde a esfera privada, porque non crea un espazo de negocio, xa que non xeran patentes farmacéuticas, por exemplo. Porén, si que persegue o interese xeral.
"Estanse vendendo os servizos públicos"
No referido á Educación, López Santamariña lembrou que xa hai tempo que a Xunta comezou a desmantelar os comedores dos colexios públicos coa amortización de prazas de persoal de cociña e a conseguinte externalización dos servizos mediante a contratación de cáterings. Agora, a Consellaría vén de pór enriba da mesa tamén a supresión de postos de carácter administrativo (persoal de apoio á dirección, subalternos e administrativos).
Neste senso, Eduardo Freire, da Sección Sindical da CIG, apuntou tamén á desaparición dos orientadores laborais das oficinas de emprego, e denunciou a hipocrisía do Goberno galego que anuncia a apertura das listas de contratación, ao mesmo tempo que amortiza postos de interinos e eventuais e asegura que non haberá contratacións. “Alguén se aproveitará disto”, matizou, mentres lembraba que para anotarse nas listas de substitucións da Xunta hai que pagar unha taxa.
Ante esta panorama desolador, a CIG esixe da Xunta que paralice de inmediato este desmantelamento das administracións e o emprego público, aplicado baixo a escusa dun aforro irreal. “A realidade é que se están vendendo os servizos públicos ao mellor ofertante e hai determinadas empresas -que todos/as coñecemos- que están levando unha boa tallada. Ao final o resultado é que se deterioran os servizos públicos, se encarece a súa prestación e se destrúen centos de postos de traballo”, alertou López Santamariña.

Lembra! Últimos días para solicitar as vacacións

Segundo o artigo 10.5 do Convenio colectivo do persoal laboral o plan de vacacións anuais debe ser elaborado antes do 1 de abril de cada ano. A pesar de que neste Concello nunca foi de coñecemento público o calendario de vacacións e o persoal tendeu a facer traballo que debería facer o propio Concello acordando as quendas de traballo nas vacacións estivais o certo é que deste artigo do Convenio, a falta de Comisión paritaria de interpretación do texto que nunca se reuniu, enténdese que temos ata finais de marzo para solicitar as vacacións.

Para solicitalas lembra que hai un modelo de documento habilitado para o efecto e que na actualidade se creou un rexistro no Departamento de Persoal, polo cal podes entregar a túa solicitude directamente alí, ademais neste caso lembra que o procedemento administrativo indica que o silencio administrativo con respecto á túa solicitude é dun mes e interprétase como positivo, é dicir, que se non che responden tes dereito a coller as vacacións do xeito solicitado.

Tamén é importante lembrar que no caso de baixa por enfermidade ou accidente interrómpese o cómputo vacacional e reanúdase unha vez que o/a traballador/a recupera a alta e que logo da aprobación do Decreto 20/2012 por parte do PP ningún traballador/a ten dereito a máis días de vacacións por antigüidade e todo o persoal, pois, poderá desfrutar de 22 días hábiles por ano.

20/03/13

O CONCELLO INICIA AS REPRESALIAS CONTRA UN TRABALLADOR READMITIDO



 O Concello ábrelle un expediente por unha falta moi grave a un traballador recentemente readmitido do GRUMIR. Nun caso que parece achegarse ao acoso laboral o Concello pretende botar a un traballador que readmitiu hai pouco máis dun mes. O prego de cargos baséase en que hai dous anos non lle solicitou a compatibilidade ao Concello e no ano 2010 tiña outro traballo e iso constitúe unha falta moi grave. Resulta, cando menos, curioso que o goberno daquel momento, o PP, non quixese botar a ningún traballador por ter outro traballo e o goberno actual, o PSOE, pretenda botalo por algo acontecido hai dous anos e xusto despois de que este compañeiro o demandase por despido improcedente e tivese a obriga de readmitilo, aínda que certo é que foi o traballador que máis tardou en volver ao Concello.

Dende a CIG consideramos gravísimo que cando fomos co traballador falar co Alcalde e mesmo antes en conversa teléfonica co concelleiro de persoal ambos admitisen que na actualidade teñen coñecemento de varios traballadores na mesma situación mais non teñen intención de abrir nungún expediente máis por este motivo. É máis, a representante da CIG no Concello díxolle ao alcalde que se querían regular esta situación podían enviar unha circular a todo o persoal indicando que solicitasen a compatibilidade por escrito no caso de que lles afectase a situación e informándoos do procedemento correspondente, mais non o deben nin considerar necesario á vista de van a por este traballador readmitido e isto non parecen máis que represalias porque este compañeiro demandou ao Concello.

Todos e todas as que traballamos neste Concello sabemos o mal que funcionou nos últimos anos o Departamento de Persoal onde dependendo de quen foses tiñas que solicitar todo ou nada por escrito, ou che dicían non hai problema cando informabas de algo só verbalmente, basicamente porque neste Concello non hai case papeis de nada e nin consta a existencia dunha Mesa Xeral de Negociación antes da chegada da CIG, que nos van contar aos delegados sindicais cando o propio concelleiro de Persoal admitiu en múltiples ocasións que non hai papeis de moitas cousas. Este compañeiro cometeu o “erro” de solicitar permiso verbalmente, e NINGUÉN NO CONCELLO O INFORMOU DO PROCEDEMENTO CORRESPONDENTE, QUE PASA AQUÍ O CONCELLO TAMPOUCO TEN RESPONSABILIDADE POLO SEU MAL FUNCIONAMENTO OU SÓ PAGAMOS AS CONSECUENCIAS OS TRABALLADORES E SUFRIMOS AS REPRESALIAS POSTERIORES POLO TRABALLO MAL FEITO?

Hai que lembrar que o ano pasado nunha situación moito peor o Concello non abriu nin sequera un expediente informativo logo da presión que a presidenta do Comité de Empresa por parte do secretario municipal. Daquela, non só non se abriu un expediente senón que mesmo o Concello foi quen de ocultarlle ao pleno a existencia da queixa, todo para preservar a un funcionario, agora, á vista dos feitos a un laboral por moito menos non importa darlle unha patada no cú e tentar librarse del á primeira de cambio. Neste Concello, semella que hai funcionariado é omnipotente e se pode permitir o luxo de tratar de xeito intimidante e agresivo a calquera traballador sen que haxa máis consecuencias que o Alcalde intente gardarlle as costas, e, pola contra, se es laboral, tes un contrato por meses, en precario que alternas con outros traballos debido á temporalidade contractual e ás paupérrimas retribucións dos laborais, o Concello intentará botarte como represalia logo de telo demandado e de que un xuíz o obrigue a pagar o correspondente por un despedimento improcedente. 

Vergoña lles debería dar levar a palabra obreiro no seu nome porque nunca ningún goberno exercera tanto de patrón ata o punto de intentar despedir a un compañeiro, e non podemos esquecer que a ÚNICA PROMESA QUE O ALCALDE CUMPRIRA ATA O MOMENTO foi non botar a ningún traballador, se isto se leva a cabo poderemos directamente chamalos mentireiros á cara e pediremos publicamente a dimisión de quen corresponda pola mala xestión.

Non nos equivoquemos, no momento en que o Concello admite ter coñecemento de máis casos e só abre un expediente iso son represalias e vinganza contra un traballador que acaba de ser readmitido e o peor do caso é que hoxe foi el mais mañá pode ser calquera outro que non lle encha o ollo, porque visto o visto este Concello funciona así.


El PP de Betanzos exige medidas contra el secretario

«Intentou coaccionarme para que lle dese o visto bo a uns contratos»


14/03/13

Os delegados de prevención denuncian ao Concello de Betanzos ante a Inspección de Traballo

Un ano e nove meses despois de entrar a gobernar esta corporación o Concello non foi quen de constituír o Comité de Seguridade e Saúde cuxas reunións teñen que ser por Lei 31/95 cada tres meses. Logo de múltiples promesas e adiamentos e de que propio alcalde afirmara na Mesa Xeral de Negociación do pasado mes de febreiro de 2012 que se constituiría proximamente os traballadores do Concello de Betanzos seguimos sen a constitución do máximo órgano en materia de seguridade e saúde laboral. Por este motivo os delegados de prevención da CIG propuxeron na reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de febreiro denunciar ao Concello de Betanzos ante a Inspección de Traballo para que tomase cartas no asunto.

O pasado 4 de marzo a denuncia contra o responsable de recursos humanos/prevención de riscos laborais do Concello de Betanzos fíxose efectiva ao rexistrala na Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña por parte da Oficina Técnica de Prevención de Riscos da CIG. Nesta denuncia infórmase á Inspección de que os delegados de prevención foron nomeados e se lle comunicou ao Concello en outubro do ano 2011 e a día de hoxe o Comité de Seguridade e Saúde non se constituíu, carecendo o Concello de Betanzos o organismo eixe central da integración da prevención de riscos laborais e dous elementos fundamentais para a xestión do risco, a avaliación de riscos laborais e a planificación da actividade preventiva. Na denuncia ínstase á Inspección de Traballo a que tome as medidas que considere oportunas.

Así mesmo, os delegados de prevención da CIG estanlle a requirir toda a documentación que o Concello debe ter relacionada coa saúde laboral, o Plan de prevención de riscos laborais, información sobre o Servizo de Prevención, os Plans de Emerxencia etc. Tamén están pendentes de que o Concello poña ao día os botiquíns de todos os centros de traballo, tal e como lle requiriron por rexistro e de que comece as revisións de vixilancia da saúde canto antes logo de catro anos aforrando os cartos destas ao non permitirlle ao persoal realizalas.

A CIG porá en marcha un plan de axuda alimentaria solidario para os afiliados/as con menos recursos


Ante a “situación de emerxencia social” na que se atopan milleiros de persoas no noso país

A Confederación Intersindical Galega (CIG) está a traballar na posta en marcha dun plan de axuda alimentaria solidario dirixido aos afiliados/as con menos recursos económicos. A central nacionalista impulsa este iniciativa ante a “situación de emerxencia social” na que se atopan milleiros de persoas no noso país e con ela pretende fomentar a solidariedade entre a súa afiliación.
Segundo explican dende a CIG, o plan funcionará de xeito similar a un banco de alimentos e da súa xestión encargaranse grupos de afiliados/as voluntarios/as.
A central recollerá alimentos non perecedeiros entre a súa afiliación que serán repartidos entre os afiliados/as ou entre aquelas persoas que deixaron de abonar a cuota sindical nos últimos nove meses por razóns económicas. Tamén se recollerán achegas económicas que se destinarán á adquisición de alimentos para repartir.
A iniciativa, de cuxo funcionamento se está a informar por carta a toda a afiliación, responde á “situación de emerxencia social” na que se atopan milleiros de familias no noso país a causa da crise económica e busca fomentar a solidariedade entre os afiliados/as da CIG.


Informe do Comité sobre as axudas sociais 2012

Logo de que o pasado luns o Concello lle requirise ao Comité de Empresa un informe con respecto á proposta de axudas sociais do ano 2012, onte mesmo, o Comité lle comunicou a súa postura ao Concello. A présa viña dada porque logo de case dous meses e medio agardando a que o Concello lle entregase a documentación ao Comité seica debía ir a Xunta de Goberno hoxe mesmo para poder cobrar as axudas coa nómina de marzo.

A pesar de que este Concello sempre se demora en todo o que ten que ver con persoal ata o inimaxinable o Comité fixo o seu traballo de xeito áxil para que de ningún xeito a ninguén se lle ocorrese volver inventar que as axudas sociais non se cobraban por culpa do Comité de Empresa. É máis, a propia convocatoria indica que quen resolve é a Xunta de Goberno Local á vista dos informes que non entenderá como vinculantes, por tanto, toda a responsabilidade cae no Concello e o Comité limítase a denunciar as discriminacións no caso de que as haxa e instar á Administración a que cumpra as bases das axudas e recorrer ás vías xudiciais correspondentes no caso de que así non o fixese. 

No informe o Comité de Empresa indícalle a Concello a súa conformidade na proposta de distribución de axudas sociais achegada polo concelleiro de Persoal con respecto ás axudas socias do ano 2012, mais advirte dun posible incumprimento das bases das axudas sociais no que ten que ver coa publicidade da resolución destas e a información aos traballadores e traballadoras que as solicitaron, e considera pertinente, que, como mínimo, se informe a todo o persoal que as solicitou sobre as contías e os conceptos concedidos.
 


Agora pois, unha vez rexistrado o informe do Comité, está en mans do Concello o pagamento das axudas que, de feito, agardamos que sexa este mes, tal e como nos trasladou o concelleiro de Persoal. Tal e como dixemos en anteriores ocasións, cada traballador/a que o solicitou recibirá a cantidade máxima de cada un dos conceptos, que vos lembramos que son as seguintes:



BOLSA DE ESTUDOS

Ensino primario: 90,15 euros

ESO, Bacharelato e FP: 150,25 euros

Universidade, escolas técnicas e equivalentes: 210,35 euros

GARDARÍA: 48,08 euros

ODONTOLOXÍA: 270,46 euros

LENTES: 120, 20 euros

PRÓTESES ORTOPÉDICAS E DISPOSITIVOS ESPECIAIS

Calzado ortopédico: 225, 38 euros

Plantillas: 60, 10 euros

Muletas: 90,15 euros

Vehículos de discacitados/as: 450, 76 euros

Aparello auditivo: 210, 35 euros



11/03/13

Axudas sociais 2012: última información

Logo de que o Comité urxise a información sobre as axudas sociais do ano 2012, o Concello vén de entregar hoxe mesmo a documentación ao Comité de Empresa, que xa acordou reunir de urxencia a Comisión executiva para informar de inmediato ao Concello sobre a documentación entregada a fin de que o Concello non demore máis o pagamento das axudas sociais.

A primeira vista, e antes de analizar a documentación polo miúdo, consideramos que os pasos dados nestes dous últimos anos con respecto a este tema son de importancia, non só porque conseguimos que xa non haxa ningún conflito con respecto ao pagamento das devanditas axudas a todo o persoal independentemente do seu contrato, hai que lembrar que ata hai pouco o Concello lle denegaba o dereito ás axudas ao persoal subvencionado, senón tamén porque a pesar de ter aturar non hai tanto informes do secretario municipal que cualificaban o Comité de "colectivo axurídico sen capacidade de decisión" nesta cuestión ou que mesmo intentaban excluír a determinados membros do Comité de Empresa de toda decisión relativa ás axudas sociais, a día de hoxe o Concello recuou e actúa de xeito correcto ata o punto de que pon á disposición da consulta do Comité os expedientes correspondentes no Departamento de Persoal. Por este e outros motivos  a priori, dende a CIG proporemos informar a conformidade con respecto á proposta de concesión de axudas achegada polo Concello, aínda lembrando algúns aspectos que canto a publicidade das listaxes e información sobre a concesión de axudas para todo o persoal se recollen nas bases aprobadas en pleno e que o Concello aínda non foi quen de corrixir, aínda que agardamos que si que o faga en vindeiras convocatorias ao igual que fixo con outros tantos aspectos que se corrixiron en todo o que ten a ver coas axudas sociais dende a concesión das do ano 2010.

O Comité urxe a entrega de información e a resolución sobre as axudas sociais 2012

Un ano máis, e despois do acontecido no ano anterior, o Concello de Betanzos esgota os prazos administrativos que el mesmo marca para o pagamento das axudas sociais, segundo indican as propias bases como moi tarde este mes debemos cobrar as axudas mais dende a CIG cada vez dubidamos máis que isto se produza cando o Concello nin sequera debe ter o traballo feito porque ao Comité de Empresa nin sequera foi quen de pasarlle unha listaxe coas solicitudes. 

Segundo o propio convenio colectivo o Comité de Empresa debe elaborar un informe sobre as devanditas axudas mais dificilmente o poderá facer se o Concello lle oculta a información e non fai a súa parte do traballo. Por iso, e logo de múltiples reunións co concelleiro de Persoal onde afirmou que isto se ía resolver este tema sen problemas e á vista de imos cara a mediados de mes e nin sequera se publicou unha listaxe provisional coas axudas solicitadas nin un prazo para as enmendas de documentación decidimos urxirlle ao Concello a resolución deste tema canto antes para que non volvan a xurdir conflitos con respecto a este tema que moito teñen dado que falar en anos pasados. O propio alcalde o ano pasado mediou no conflito logo de que o Concello metese a pata ata o fondo ao pagarlle as axudas a funcionarios antes que a laborais, agardamos que o Concello sexa quen de aprender dos erros do pasado e non obrigue de novo aos traballadores a buscar vías externas para a solución dos problemas laborais do Concello.


04/03/13

A CIG solicita, unha vez máis, que se convoque a Mesa Xeral de Negociación


O Concello vén de responder á solicitude da CIG de convocatoria da Mesa Xeral de Negociación dicindo que se convocará "en próximas datas". A tan socorrida expresión deste Goberno municipal de “en próxima datas” comeza a ser un pouco cansina. En febreiro do ano pasado o Alcalde dixo que “en próximas datas” se constituiría o Comité de Seguridade e Saúde e seguimos compostos e sen que se constitúa. En novembro do ano pasado o concelleiro de persoal dicía que “en próximas datas” se negociaría o novo regulamento de axudas sociais e en marzo de 2013 seguimos sen regulamento, neste caso É OBVIO QUE HAI QUEN TEN INTERESES EN QUE AS AXUDAS SOCIAIS NON SE COBREN EN FUNCIÓN DA SITUACIÓN ECONÓMICA DOS TRABALLADORES e quen teña tales intereses é quen está a frear iso, porque dende mediados do ano pasado houbo tempo a facer informes e máis informes sobre o tema, porque a escusa que pon o Concello é que sempre estamos pendentes dos informes. Agora o Concello responde que en próximas datas haberá Mesa Xeral de Negociación, mais o certo é que levamos un ano e medio a voltas coa negociación do convenio e isto empeza a ser cansino, se non queren negociar deberían ter a valentía de o dicir e non escorrer o vulto de absolutamente todas as negociacións importantes para próximas datas. O mesmo lles fan aos traballadores, mesmo a algunha das traballadoras ás que lle denegaron a conciliación chegaron a afirmarlle que proximamente lle responderían, e un ano e un acordo plenario despois segue sen resposta.

A CIG dende que forma parte do Comité de Empresa sempre puxo todo da súa parte para negociar cun Concello que evita sentar cos representantes do persoal e dar a cara ante as políticas laborais nefastas que leva intentando levar a cabo dende que chegou a este Concello, e así seguiremos recorrendo a onde temos que recorrer cando sexa necesario e sentándonos a negociar cando o Concello se digne a nos recibir, entre tanto non fai máis que pasar o tempo, a casa segue sen varrer e os problemas cada vez son máis e máis graves, tal e como lle poñemos de manifesto ao goberno municipal cada vez que temos oportunidade, mais o certo é o que demostra isto é que o persoal do Concello, o que fai que funcione día o día esta Administración, é o derradeiro na cadea de prioridades do goberno municipal, por moito que ás veces sexa difícil entender como se pode predicar fóra o que non se aplica na propia casa.

Día internacional da muller traballadora, 8 de marzo

A Secretaría da Muller da CIG vén de presentar, en rolda de prensa, a campaña do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, que se desenvolve este ano baixo o lema de “FARTAS!”. Margarida Corral, secretaria confederal de Muller e Mocidade anunciou as diversas mobilizacións que con este motivo convoca, ou nas que participa, a central sindical e denunciou as “celebracións e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas administracións e poderes que recortan os nosos dereitos”. Ademais presentouse o informe “A situación da Muller no Mercado Laboral en Galiza no ano 2012”, elaborado polo Departamento de Economía, no que se constata que, alén do paro, as condicións laborais da muller en Galiza son cada vez peores.

 

A secretaria confederal de Muller lembrou que malia levar máis dun século conmemorando o día 8 de Marzo, “en pleno ano 2013, as mulleres de hoxe saímos á rúa para denunciarmos a mesma opresión. Porque o sistema capitalista segue abrindo fendas entre as clases sociais, e segue artellando unha división sexual da sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes”. Corral chamou a facerlle fronte a esta situación “como fixeron as nosas avoas” para dicir que “estamos fartas de sermos discriminadas; da situación de desvantaxe histórica que sufrimos; de cobrarmos menos salarios ca os homes; da temporalidade dos nosos contratos; de que sexan a tempo parcial e da persecución por exercermos o noso dereito a compatibilizar traballo e vida persoal e familiar”. Denunciou que as medidas que se van adoptando, como os protocolos e plans de igualdade en empresas “non son máis ca declaracións de intencións, por imperativo legal ou co único obxectivo de acceder a subvencións” e que a inclusión da perspectiva de xénero na negociación colectiva é “inexistente ou residual”.

A CIG ten convocadas nas cidades concentracións, no marco dunha xornada nacional de loita, o propio 8 de marzo, ás 12:00 da mañá:
-Coruña, diante da empresa EUROCEN,
-Compostela, diante da oficina da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, en Área Central
-Lugo, diante do Gran Hotel de Lugo
-Ourense, en resposta ao convenio do téxtil
-Pontevedra, na chamada praza 8 de marzo, logo dunha asemblea de delegadas
-Vigo e Ferrol, en resposta ás duras condicións laborais impostas no convenio das grandes superficies comerciais (en Vigo diante do Corte Inglés, e en Ferrol diante do Centro Comercial Odeón)
O informe fai un percorrido pola situación laboral da Muller no ano 2012 pero tamén polas mudanzas que se deron nas condicións laborais desde que comezou a crise. Nese sentido, a economista Natividade López Gromaz, salientou o incremento da poboación activa, provocado polo aumento do número de mulleres que pasan a ser demandantes de emprego. “Maiores de 55 anos que eran amas de casa e que teñen que saír ao mercado laboral a buscar un posto de traballo, nunha situación na que non hai emprego para ninguén. Ten que ser por mor dunha situación familiar moi precaria”.

A taxa de paro duplicouse nestes anos e pasou dun 10 a un 20% en cinco anos. Un dato que matizou que non medra máis grazas á emigración porque “durante este período marcharon de Galiza 37.500 mulleres de entre 15 e 34 anos, no mellor da idade laboral e reprodutiva”. En conxunto foron 77.000 persoas as que emigraron nesta franxa de idade. “Sen esta emigración, a taxa de paro incrementaríase até chegar ao 25%. Evidentemente á Xunta de Galiza non lle interesa nada que se coñezan estes datos e segue a presumir de que temos un diferencial de cinco puntos coa media do estado pero se sae isto á luz a situación sería ben distinto”

03/03/13

O Pleno aprobou por unanimidade concederlle o cambio de horario por conciliación a varias traballadoras ás que o goberno municipal lla denegara hai pouco máis dun ano

O pasado martes algúns delegados da CIG asistimos ao pleno municipal porque se trataba un tema relativo ao cambio de horario por conciliación de varias traballadoras municipais. O BNG levou unha moción para que se lle concedese o cambio de horario por conciliación laboral e familiar a varias traballadores e que se corrixisen na próxima RPT algunhas das discriminacións salariais existentes. O Pleno ao completo, incluído o propio goberno municipal que hai un ano lle denegara, acordou concederlle a conciliación laboral e familiar a estas tres traballadoras.

A pesar de que isto acontece así resulta vergoñento que un tema que debería supor unha cuestión de trámite teña que chegar ao Pleno porque o Concello non foi quen de lle responder ás traballadoras afectadas. Igualmente non está de máis deixar claro que o argumento esgrimido pola concelleira de Servizos Sociais para xustificar a denegación do horario non se axusta para nada á realidade, posto que dúas das traballadoras tiñan a conciliación concedida polo goberno anterior e realizaban un horario diferente e foi o PSOE quen llo cambiou e lles denegou a realización dun horario que lles permitise a conciliación da vida laboral e familiar, por tanto sería demasiada casualidade que por motivos de servizo se puidese facer durante tres anos sen se resentir o servizo e do día para a mañá coa chegada do PSOE non.

A maiores consideramos completamente aberrante que a concelleira se Servizo Sociais  xustificase a discriminación salarial existente entre as traballadoras de limpeza e os traballadores de limpeza posto que a Relación de Postos de Traballo é a que define os complementos específicos e na RPT as funcións asignadas son as mesmas para todo o servizo, é verdade que os varredores traballan na rúa mais non é que é menos certo que as traballadoras dos edificios tamén traballan con produtos tóxicos, teñen xornadas partidas nalgúns casos e unha maior dispoñibilidade ao longo de todo o día polos distintos horarios dos edificios municipais e maiores sempre que cubren as baixas ou vacacións de compañeiras o Concello as somete a modificacións de horario en función de a quen cubran, cambiándolles a xornada de xeito verbal nalgúns casos dun día para outro. Cada posto ten as súas especificidades mais a traballo semellante debe haber igual remuneración, do contrario prodúcese unha discriminación salarial, e este é só un exemplo mais neste Concello hai moitos máis.

A día de hoxe o Concello aínda non se puxo en contacto coas traballadoras afectadas para explicarlle cando , como e en que concidicións vai cumprir o acordo plenario mais agardamos que proximamente así o faga.

01/03/13

O Estado español condenado por violar o dereito dunha nai á xornada reducida


O Tribunal Europeo de Dereitos Humáns recoñece o dereito das nais a reducir a xornada laboral para coidar aos seus fillos. A institución, con sede en Estrasburgo, dá a razón a unha muller que chegou a pedir amparo ao Tribunal Constitucional porque o supermercado no que traballaba a tempo completo non aceptou a proposta de redución de xornada que ela presentou para encargarse do seu fillo, menor de seis anos. O Estado deberá agora indemnizala con 16.000 euros máis intereses de demora.


O caso remóntase a febreiro de 2003, cando a traballadora Raquel García Mateos, residente na localidade madrileña de Perales do Río, pediu traballar media xornada, distribuída en tres tardes á semana, de luns a mércores, para conciliar a súa vida laboral e familiar. O empregador, cuxa identidade non facilita a sentenza, rexeitou concederlle esa quenda e no seu lugar ofreceulle rotación de mañás e de tardes, de luns a sábado. García Mateos decidiu entón acudir aos tribunais. O Tribunal Europeo de Dereitos Humáns apoia a queixa da demandante e obriga ao Goberno español, como responsable último de que non se aplicou correctamente a decisión do Tribunal Constitucional, a indemnizar á muller. "O Tribunal lembra que o Estado debe pór a disposición dos demandantes un sistema que permita lograr a execución correcta das decisións xudiciais", asegura a sentenza. Ademais, engade que a intención inicial de García Mateos non foi obter unha indemnización, senón exercer o seu dereito á redución de xornada, pero nunca puido velo realizado. A violación do dereito constitucional non puido ser reparada pola xustiza española, conclúe.O tribunal, no entanto, rebaixa sensiblemente a cantidade reclamada pola muller, até 16.000 euros, e obriga ao Goberno a abonala en tres meses. A decisión é recurrible ante a gran sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.





Unha mostra máis da inoperancia deste Concello: Comité de Seguridade e Saúde

 O 25 de outubro de 2011 o Comité de Empresa escolleu os delegados de prevención que polo de número de traballadores lle correspondían, que eran tres, de inmediato isto se lle comunicou ao Concello para instalo á Constitución do Comité de Seguridade e Saúde. A obriga de constitución deste Comité de Seguridade e Saúde foi na tratada mesmo na Mesa Xeral de Negociación que tivo lugar o 7 de febreiro de 2012, onde o propio alcalde, tal e como consta na acta afirmaba que este Comité se constituiría proximamente. A día de hoxe, máis dun ano despois desa mes, e un ano e medio despois de que o Comité fixese a súa parte do traballo ao lle comunicar ao Concello os delegados o Comité de Seguridade e Saúde segue sen se constituír no Concello de Betanzos, carecendo así non só do organismo “eixe central” da integración da prevención de riscos laborais, senón tamén de dous elementos (avaliación de riscos laborais e planificación da actividade preventiva) fundamentais para a xestión do risco.

Debido a esta situación e á total inoperancia do Goberno municipal avalada porque un ano e nove meses despois de entrar a gobernar non foi quen de constituír  o organismo base da prevención de riscos laborais segundo a Lei 31/95, que a maiores debería reunirse cunha periodicidade trimestral, os delegados de prevención da CIG decidiron dar os primeiros pasos para poñer en coñecemento da Inspección de Traballo esta situación e formular a denuncia correspondente, tema que comentaron na reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de febreiro e que lle propuxeron apoiar ao delegado de prevención da UGT. Logo disto, e no caso de que o Concello non convoque proximamente o Comité de novo os representantes de traballadores veranse na obriga de asistir a organismos superiores para mediar na mala ou inexistente) xestión, neste caso relacionada coa prevención de riscos laborais, do Concello de Betanzos.

Os delegados de prevención da CIG comezan o seu traballo

Os delegados de prevención da CIG comezan a dar os primeiros pasos no seu traballo relacionado coa saúde laboral, para isto, e á vista de que o Concello de Betanzos non foi quen de constituír o Comité de Seguridade e Saúde, que ten que se reunir cada tres meses, logo de case dous anos, decidiron comezar o traballo á marxe de agardar a constitución do devandito Comité e dar os pasos necesarios para intentar forzar a convocatoria.

Por unha banda, e logo de falar con compañeiros de distintas dependencias decidiuse solicitarlle ao Concello que dote do material mínimo exixido e/ou renove todos os botiquíns de primeiros auxilios dos distintos centros de traballo, que se repoña o material usado periodicamente e se verifique a data de caducidade do material necesario de primeiros auxilios em cumprimento da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais, á vista de que consideraron se estaba a cometer que unha neglixencia por parte do Concello no relativo á Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais no que tiña a ver cos botiquíns e o descoido total e absoluto do necesario para os primeiros auxilios neste Concello.

A maiores, na solicitude indicáronlle ao Concello que no anexo VI do Real decreto 486/97, de 14 de abril, sobre lugares de traballo establécense as condicións mínimas dos locais e o material necesario para a prestación dos primeiros auxilios e que na grande maioría dos centros de traballo dependentes do Concello non hai nos botiquíns de primeiros auxilios o material mínimo exixido no RD 486/1997, non se repón o material usado nin se verifica a data de caducidade do material necesario de primeiros auxilios.



Ademais, solicitaron tamén que o Concello informe puntualmente sobre as vindeiras revisións médicas a todos os traballadores e os prazos e que se van realizar, igualmente que axilice os trámites necesarios para levalas a cabo debido á necesidade destas logo de levar máis de catro anos sen se levar a cabo.





Tamén lle solicitaron ao Concello o Plan de prevención de riscos laborais do que debe dispor toda empresa e toda a documentación que teña que ver coa prevención de riscos e á que teñen dereito a acceso os delegados de prevención













CIG-Saúde laboral

Dende a CIG estamos comezando a dar os primeiros pasos, á vista da total e absoluta inoperancia do Concello de Betanzos en materia de prevención de riscos laborais, e queremos deixar ao voso dispor todos os número editados dos boletíns da CIG sobre saúde laboral editados polo Gabinete Confederal de Saúde Laboral. Algúns deles xa os repartimos polas distintas dependencias municipais tamén.