1. O pasado 18 de xaneiro, na última reunión, logo de máis de seis meses, por instancia da CIG o Concello comprometeuse a convocar para hoxe a seguinte reunión e achegar coa antelación suficiente os textos do Concello á representación sindical.
2. O martes 29 achéganos a convocatoria sen ningún texto tal e como acordara.
3. O mércores 30 ás 14:20 h achega por correo electrónico as súas propostas para negociar os capítulos correspondentes a menos de 24 h da Comisión.
4. O xoves 31 ás 10:00 h chegamos á Comisión coa proposta do Concello e perplexos ante a proposta de que a negociación dos artigos 41 a 54 que pretenden que se trasladen á Mesa Xeral de Negociación para tratarárense en común para laborais e funcionarios.
A primeira pregunta que se nos veu á cabeza foi: convócannos para dicir que non queren negociar hoxe e que proximamente convocarán unha Mesa de Negociación para acordar co funcionariado estes temas? Isto parece unha broma! Pero non o era e esa era a pretensión e finalmente levárona a cabo porque esta negociación dependen exclusivamente da vontade do goberno municipal e o goberno municipal decidiu que xa que por primeira vez unha negociación de laborais ía por diante dunha de funcionarios había que botarlle o freo non fose ser que os empregados de segunda chegasen a ser empregados de primeira.
Con respecto á todo o acontecido dende a CIG temos moi clara a postura neste proceso e así llo deixamos claro ao goberno municipal.
-Por moito que o goberno defenda que levar todo isto á Mesa Xeral ten a base de igualar a funcionarios e laborais deixámoslle claro que se é a idea debería ter algunha proposta de cara a igualar as retribucións posto que por moitos que en calendarios, xornadas, vacacións, permisos etc teñamos os mesmos dereitos O PERSOAL LABORAL SEMPRE ESTARÁ DISCRIMINADO A NIVEL RETRIBUTIVO EN COMPARACIÓN CO FUNCIONARIADO. O propio concelleiro de persoal calou a boca admitindo así que realmente os laborais seguirán estando discriminados e ese non é un argumento válido para a negociación.
-Se a pretensión do goberno era primeiro acordar todo na Mesa Xeral e logo trasladalo aos respectivos convenios puido convocar hoxe a Mesa e deixar de marear a perdiz. Ademais a falta de vontade por parte da representación política é clara porque practicamente non intervén nas reunións nin toma ningunha decisións sobre as propostas que se poñen enriba da mesa.
-O Concello ten hai máis dun ano a proposta do Comité de Empresa e sempre se falou de negociar sobre esa proposta mais en cada nova reunión achega textos diferentes, o que avala a pouca seriedade que está a ter nesta negociación, e máis cando non é quen de cumprir os prazos que el mesmo marca.
-A maiores estamos moi sorprendidos con algunhas das propostas achegadas que non lle terían nada que envexar ás políticas laborais da dereita que tanto critica o PSOE mais que logo pretende aplicar alí onde goberna, mais se algo temos claro é que a negociación do convenio non vai ser un cheque en branco e se non se chega a acordo non haberá acordo, mais dende logo pola nosa parte intentaremos negociar en todo momento o que sexa negociable.
Por último, lamentamos que o concelleiro de Persoal no canto de falar durante a negociación e intentar botar esta para diante se dedique a vir con recados para os delegados e delegadas sindicais e indicarlles o que deben e non deben facer no seu traballo sindical. O conto xa é vello, dende o principio a este goberno nunca lle gustou que o persoal tivese coñecemento de todo canto en materia laboral lle atinxe mais iso simplemente é un indicio claro de falta de democracia que quixemos corrixir dende que a CIG ten representación neste Concello.