24/01/13

Horas extraordinarias: que agocha o Concello ao non facilitar información completa sobre este tema?

Antes de nada...

Horas extraordinarias: cales son? (Estatuto dos traballadores)

Terán consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria.

A súa prestación é voluntaria.

Prohíbese a súa realización durante o período nocturno, salvo en actividades especiais debidamente especificadas e expresamente autorizadas.

A efectos do cómputo de horas extraordinarias, a xornada de cada traballador rexistrarase día a día e totalizarase no período fixado para o pago das retribucións, entregando copia do resumo ao traballador na nómina correspondente.

Os representantes dos traballadores terán dereito a ser informados mensualmente polo empresario das horas extraordinarias realizadas polos trabajadores, calquera que sexa a súa forma de compensación, recibindo para tal efecto copia dos resumos.

Horas extraordinarias por forza maior:

Son as que veñan exixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como nos casos de risco de perda de materias primas.

É obrigatoria a súa realización polo traballador.

Non se terán en conta para o límite máximo anual de horas extraordinarias.

Retribución e número máximo de horas extraordinarias

Aboaranse económicamente o compensaranse con descanso.

A contía a percibir por cada hora extraordinaria en ningún caso poderá ser inferior ao valor da hora ordinaria.

O número máximo de horas extraordinarias ao ano a realizar por un traballador será de 80. Non se computarán a estes efectos as que fosen compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

O número de horas extraordinarias máximas a realizar polos traballadores con xornada de cómputo anual inferior á xornada xeral na empresa reducirase na mesma proporción que exista entre tales xornadas.

Non se aplica o límite de 80 horas extraordinarias anuais ás que se realicen para previr ou reparar danos extraordinarios e urxentes, isto é, ás horas extraordinarias por forza maior, aínda que terán que aboarse como horas extraordinarias, sendo obrigatoria a súa realización para o traballador.

O que indica o convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos con respecto a estas:

Art. 25.º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias son aquelas horas ou fraccions que excedan da xornada laboral de traballo e teñan un carácter excepcional.

2. Se tenderán a eliminar polo xeral, de xeito que sóio se fagan aquélas debidas a imprevistos e excepcionalmente, non poidiendo sobrepasa-las 80 horas en cómputo anual.

3. Na realización de horas extraordinarias primará a voluntariedade. 

4. As horas extras, procuraran compensarse por tempo de descanso, computandose de xeito que unha hora extra computará por unha hora e trinta minutos de descanso si e en días laborais, por 2 horas si e en horario nocturno ou festivo e por 2 horas e media se e en horario nocturno e festivo. Poderanse acumular estes tempos en xornadas completas.

5. A efectos económicos, o valor da hora extra será o resultante de incrementar un 25%, en horario normal, un 75% en horario nocturno ou festivo e nun 150% en horario nocturno e festivo, o valor da hora ordinaria. O sea cálculo farase en relación a retribución anual do salario mais os complementos de posto e específico en relación o cómputo anual de horas. 

Este convenio, aprobado no ano 2005, non foi quen de ser cumprido polo Concello a día de hoxe, no 2013.
1. As horas extraordinarias non teñen un carácter excepcional para o persoal deste Concello posto que hai persoal que debe realizar traballos fóra da xornada laboral e lle son pagados/ compensados como horas extraordinarias porque en oito anos este Concello non foi quen de reflectir as dispoñibilidades correspondentes nos complementos específicos que se reflicten na Relación de Postos de Traballo.
2. Nunca neste Concello se tendeu a eliminar as horas extras a casos excepcionais, e, pola contra, hai traballadores que realizan horas extras de xeito periódico e mensual a pesar de que isto está prohibido pola lexislación correspondente en materia laboral.
3. A voluntariedade non prima dende o momento que hai postos de traballo que realizan funcións nun horario diferente a pesar de non as ter recollidas na Relación de Postos de Traballo, a maiores, e debido á que nos últimos meses o Concello se nega a cubrir as baixas laborais hai persoal dalgúns departamentos que se ve na obriga de realizalas.
4. O convenio indica que as horas extras tenderán a compensarse en tempo de descanso mais o certo é que a día de hoxe existen claras discriminacións canto á compensación e os criterios para que a compensación sexa económica e/ou temporal non son públicos e o Concello teima en reservarse para si mesmo as respostas. Non é comprensible que haxa persoal que se vexa na obriga de facer continuas modificacións de xornada porque se lle nega a posibilidade de compensación económica das horas extras mentres que outro cobra con perioricidade estas horas e mesmo nalgúns casos varios miles de euros anuais.
Dende hai un ano e medio o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG, leva rexistrando moitos escritos pedindo os informes de horas extras que o Concello lle debe achegar mensualmente ao Comité de Empresa e pedindo aclaracións sobre diversos aspectos relacionados con este tema. Entre eles podemos destacar algunhas das peticións que reciben a calada por resposta mesmo nas propias reunións co concelleiro de Persoal.
Estamos pendentes dende hai meses das aclaración con respecto ás horas extras do último ano, posto que na listaxes entregadas polo Concello non se especifica o número de horas extras realizadas por cada traballador e o motivo extraordinario de realización do traballo. Solicitamos esta aclaración de cara a comprobar o cumprimento do artigo 35.2 do Estatuto dos Traballadores, que limita o número máximo de horas que se poden realizar en 80 e lembramos que a superación deste límite legal podería dar lugar á oportuna denuncia na Inspección de Traballo.

Ademais, o Comité de Empresa solicitou que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa unha relación co importe das horas extras de todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, debido a que as horas extras se cobran segundo o salario e en ningún documento público está reflectida os euros/hora de cada un dos postos de traballo e que se especifiquen os criterios de compensación económica e en tempo da realización de horas extras, posto que nos consta que hai persoal ao que se lle indica que non se poden pagar e só compensar cando á vista dos datos de que dispón o Comité de Empresa hai traballadores que cobran as horas extra, e, por tanto, existe partida orzamentaria para isto.

A día de hoxe o Concello segue sen aclarar porqué hai traballadores que cobran miles de euros en gratificacións e outros só lles dan a posibilidade dos cambios de xornada, sen achegar puntualmente os informes mensuais que lle debe achegar ao Comité sobre as horas extraodinarias (e iso que un informe do propio asesor xurídico lembra o dereito do Comité a dispor desa información) e sen aclarar se incumpre o teito de horas extras marcado pola lexislación e por iso non indica o número de horas realizadas por determinados traballadores. A maiores, nin sequera pretendía amañar algúns destes problemas recoñecéndolle a algúns colectivos de laborais os traballos festivos ou a especial dispoñibilidade na última RPT que non sei chegou a aprobar, e teimaba en non lle recoñecer este traballo a determinado persoal o que demostra a súa escasa vontade en amañar moitos dos problemas históricos do persoal laboral neste Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario