O CONCELLO DE BETANZOS DESPIDE A
UNHA TRABALLADORA DE LIMPEZA PARA PRIVATIZAR A LIMPEZA DO COLEXIO
Desde a federación de
Administración Pública da CIG queremos denunciar a discriminación
que vén de cometer o goberno municipal socialista ao despedir a unha
traballadora de limpeza cunha sentenza favorable para a readmisión e
que abría a posibilidade a que a limpeza dos centros de ensino
volvese a ser un servizo público. O goberno de Ramón García vén
de decidir rescindirlle o contrato á traballadora que denunciou e
indemnizala coa cantidade á que o condena o xulgado por un caso
claro de despedimento improcedente. Con esta decisión o goberno do
PSOE demostra unha clara actitude de distinción entre os
traballadores e traballadoras xa que cando se trata de membros do
sindicato afín ao PSOE nin sequera vai ao xuízo e cando se trata
dunha compañeira non representada polo seu sindicato mesmo vai en
contra dun acordo plenario contra a privatización con tal de
despedila.
A semana pasada a CIG daba a
coñecer a sentenza e lembraba a gravidade do despedimento toda vez
que a traballadora do servizo de limpeza municipal foi substituída
de inmediato por unha empresa privada sen concesión. Semanas despois
do despedimento, e logo de que o Comité de Empresa informase da
delicada situación do servizo de limpeza municipal e os
traballadores do Concello de Betanzos se manifestasen diante do Pleno
contra a privatización deste servizo, o Pleno da Corporación
acordou por unanimidade o mantemento do servizo de limpeza como
público e comprometeuse a adoptar as medidas necesarias para que
fose desempeñado por empregados públicos nas mellores condicións
posibles. Cinco meses logo o goberno do PSOE decide medidas
totalmente contrarias ás adoptadas no acordo plenario e despide aos
traballadores propios en vez de eliminar a empresa privada de
limpeza.
Desde a federación de
Administración Pública da CIG consideramos esta decisión aínda
máis grave aínda se temos en conta a clara discriminación entre
traballadores dependendo da afinidade sindical que ten demostrado nos
últimos tempos o goberno socialista, e que pode facernos interpretar
este despedimento como unha represalia ás manifestacións públicas
contra a privatización da limpeza municipal que a CIG encabezou nos
pasados meses. Non obstante, nin esta nin outras represalias
conseguirán que cesemos na nosa a loita contra a privatización dos
servizos públicos municipais e na denuncia pública das
discriminacións e irregularidades do goberno municipal do Concello
de Betanzos.
Betanzos, 29 de decembro de 2015
Roberto Tizón Miguéns
Responsable comarcal da Federación
de Administración Local