Desde a CIG vimos de saber que o xulgado lle deu a razón á compañeira de limpeza despedida do aulario e que foi substituída por persoal dunha empresa privada e que recoñece a improcedencia do despedimento, ademais de instar ao Concello a que proceda a readmitila ou indemnizala coa contía que lle corresponde por despedimento improcedente.
Hai só unhas semana tiña lugar o xuízo da demanda dunha traballadora logo de que en xuño de 2015 fose cesada sen mediar palabra do seu posto de traballo para que poucos meses despois o Concello privatizase a limpeza do aulario do colexio municipal no que na actualidade traballa unha empresa cuxo nome descoñecemos porque nin sequera saíu a concurso público. Xa en outubro de 2014, o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG, advertiu da presunta fraude duns contratos por obra ou servizo que obviamente non eran tal, tal e como vén indicar o xulgado do social, posto que a limpeza dun centro de ensino non é unha obra ou servizo determinada porque mentres o Concello teña esa concesión deberá seguir prestándose o servizo ao longo do tempo.
O goberno municipal, pois, despediu de xeito improcedente e privatizou de inmediato por capricho propio, e o xulgado vén de lle dar a razón, unha vez máis, á Confederación Intersindical Galega. Neste caso, ao igual que nos anos 2012, 2013 e 2014, agardamos que o Concello proceda á readmisión da compañeira despedida e a limpeza do centro público volva ser realizada de novo por empregados municipais, toda vez que foi a propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, e mais o alcalde, Ramón García, os que sempre lle indicaron ao Comité que a privatización da limpeza foi unha solución de urxencia (a pesar de que xa levamos seis meses con isto) e a intención é que ese traballo fose desenvolvido por empregados e empregadas públicas. Agora, tamén, poderemos comprobar se os acordos do pleno se levan a cabo e lles fan o mínimo caso ás reclamacións dos partidos da oposición ou volven os tempos do nepotismo ilustrado do goberno municipal.
Ademais, e tendo en conta que recentemente tivemos coñecemento dun claro caso de favoritismo no xulgado a favor do representante da UGT no Concello de Betanzos, cun ascenso de dúas categorías profesionais (de grupo 4 a grupo 2) e que lle supuxo unha suba de salario anual de moitos miles de euros (mais os que lle corresponderán pola nova categoría no momento en que o convenio co que tanto está en contra entre en vigor) grazas á non comparecencia do Concello de Betanzos no xuízo, grazas a que o Concello decidiu non asistir a este xuízo mentres que en todos os casos de demandas realizadas por traballadores e traballadoras nestes últimos anos non só asistiu senón que tivo unha defensa das irregularidades cometidas en material laboral que de nada lle serviu á vista das sentenzas favorables á CIG e mais aos traballadores que demandaron por despedimento improcedente; agardamos que o Concello recapacite e non sexa quen de volver discriminar ao persoal en función de nomes e apelidos, e que se readmitiu a todos os compañeiros do anterior GRUMIR aos que o xulgado lles deu a razón e nin foi quen de asistir ao xuízo do delegado representante da UGT para facilitarlle a suba de salario e categoría profesional, non discrimine neste caso á compañeira cunha sentenza favorable e a readmita de inmediato ao posto de traballo que tiña na limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín.
Por certo, logo de saber que o Concello decidiu non asistir ao xuízo do representante da UGT, o que claramente o favoreceu para gañar, a representación do Comité de Empresa preguntoulle ao propio concelleiro de Persoal se é que desde outubro de 2014, data en que na sentenza do devantido delegado se indica "que a parte demandada (ou sexa, o Concello), non comparece a pesar de constar debidamente citada e que se celebra o xuízo na súa ausencia" o Concello tiña como nova estratexia non asistir aos xuízos para darlle a razón ao persoal, mais non só Diego Fernández indicou que non é así, senón que se escusou indicando que a culpa foi do asesor xurídico que non puido asistir, escusa que obviamente é de "mal pagador" porque sabemos que no caso de non poder asistir o xuízo pode adiarse e logo a sentenza recorrerse, e ningunha das dúas cousas o goberno fixo, mais o que está claro é que neste último xuízo da compañeira da CIG o Concello e o seu letrado si que asistiu, aínda que de pouco lle valeu, posto que o xulgado do social lle deu a razón á compañeira de limpeza.
Se ao goberno municipal lle quedase algo de decencia, logo do escándalo de trato preferente ao representante da UGT no Concello de Betanzos pola non comparecencia nun xuízo que supuxo que un traballador ascendese dúas categorías profesionais e tivese unha considerable suba salarial, debería apandar cos erros, tal e como fixo cos compañeiros con sentenzas favorables nos últimos anos, e readmitir á compañeira de limpeza coa idea de que sexan empregados públicos os que limpen os edificios municipais para o acordo plenario contra a privatización da limpeza municipal aprobado por unimidade hai só uns meses.
CONTRA A PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS
READMISIÓN XA!
Aquí tendes unha relación de novas relacionadas desde o mesmo momento desta contratación fraudulenta e que dan conta do grave conflito pola privatización da limpeza municipal que comezou o goberno do PSOE de Betanzos:
Ningún comentario:
Publicar un comentario