26/06/15

Ruídos nas Oficinas Xerais

Os delegados de prevención do Comité de Empresa solicitáronlle ao Concello que tome as medidas oportunas de cara a solucionar un problema do que recibimos queixas nos pasados días relacionado cun exceso de ruído na planta baixa das Oficinas Xerais do Liceo. Hai que lembrar que a exposición é un risco laboral que pode desencadear problemas de saúde, aumento da tensión e producir estrés e dores de cabeza.

Ademais, lembráronlle que os riscos laborais derivados da exposición ao ruído deben eliminarse na súa orixe ou minimizar o risco e solicitóuselle ao goberno municipal que atalle este problema, reduza a exposición ao ruído do persoal, controle e revise os riscos e medidas prevetivas.

Deixámosvos abaixo o escrito presentado:


Entre estardartes, pendóns e música. Queixa dos delegados de prevención

Os delegados de prevención de riscos laborais do Comité de Empresa veñen de pór en coñecemento do Concello que debe de tomar as medidas oportunas para solucionar unha situación que se vén repetindo ano tras ano cando con motivo de diversos eventos e a Feira Medieval o goberno municipal decide converter a entrada das Oficinas da Casa Consistorial nun almacén de instrumentos, estandartes e enseres diversos.
Esta situación dificulta non só a entrada e saída do propio persoal municipal senón tamén da cidadanía e advirten dos riscos existentes no caso de que haxa que realizar unha evacuación no edificio.

Este escrito rexistrouse logo das queixas de varios compañeiros polas incomodidades e riscos que esta situación que se vén repetindo no tempo supón.

A maiores, os delegados de prevención lembran que o edificio está avaliado como oficinas administrativas e en ningún caso destinado para almacén mais de pretender facer deste un almacén o Concello debería tomar as medidas oportunas.

Esta queixa trasladarase, no caso de que o Concello non adopte medidas, ao Comité de Seguridade e Saúde, que levamos meses á espera de que se reúna e que estamos valorando volver denunciar á Inspección de Traballo o incumprimento dos prazos de reunión no caso de que non se reúna proximamente.

A CIG achégalle por rexistro ao Concello que rectifique as bases de patrón e as adecúe á lexislación vixente

A CIG rexistrou onte unha serie de achegas ás bases para a cobertura dunha praza de pratrón inexistente na RPT que o Concello publicou a semana pasada. Cómpre sinalar que desde hai catro anos sempre nos vemos na obriga de rexistrar as nosas apreciacións con posterioridade á publicación das bases porque o Concello non facilita a documentación con anterioridade e para o concelleiro de Persoal informar sobre as convocatorias significa avisar que saen no BOP o mesmo día que se publican.

Solicitude Rectificación e Adecuación Bases Patrón á Lexislación Vixente



24/06/15

Primeira reunión co alcalde: situación extrema do servizo de limpeza, despedimentos e novas convocatorias


Onte ás 10:00 h tivo lugar a reunión co alcalde que o Comité solicitara na semana pasada por iniciativa da CIG. A esta reunión asistiu a representación do Comité de Empresa e por parte do goberno municipal Ramón García e Diego Fernández. Nesta reunión tratáronse varios temas relacionados coa problemática do servizo de limpeza, os despedimentos e as convocatorias de prazas.

A postura do Comité foi desde un principio transmitirlle o seu malestar ao Concello pola vulneración do dereito á información que se cometeu na primeira semana de goberno. O Comité explicoulle que entende que debe estar informado das contratacións e despedimentos e estar informado non significa que o mesmo día que unha praza sae no BOP se avise á presidenta do Comité de tal feito.

Igualmente advertiulle ao Concello das irregularidades tanto na contratación como no despedimento das dúas traballadoras do aulario, transmitiulle o seu malestar pola falta de calidade humana neste caso en concreto cando deberon avisar ás traballadoras nada máis tomar a decisión e non mediante unha notificación a só tres días de botalas á rúa. Faloulle da discriminación que padeceron estas compañeiras deste a súa contratación e que de que o Concello lles adebeda cartos da paga extra de decembro de 2014 que levan meses para cobrar e o Concello dicindo que non hai problema mais que a fin de contas foron despedidas antes de cobrar o que lles debe.

Outra das preocupacións é a situación na que queda a limpeza do colexio e a suposta privatización da limpeza de edificios, pola que tamén se preguntou, ao igual que por diversos aspectos e pola premura e irregularidade de convocatoria de cobertura dunha praza de patrón inexistente na Relación de Postos de Traballo.

A postura e argumentación do Concello abarcou desde o mea culpa no caso das formas, comunicación e prazos de despedimento, onde o propio alcalde entendeu que neste tipo de casos non se debería proceder deste xeito ata escudarse nos informes técnicos para xustificar algunhas decisións que desde a CIG consideramos claramente erradas.

A idea do goberno para a limpeza do aulario é cubrir dúas prazas vacantes por xubilación, unha do Vales e outra de edificios, e destinalas a ese centro de traballo. Entendemos que isto non soluciona o problema na medida en que se estaría facendo un remendo, e eses postos de traballo deberían realmente ser de nova creación, porque se quitas persoal que antes traballaba noutro edificio eses outros centros de traballo tamén necesitarían persoal de limpeza, isto xa sen meternos na enorme dúbida de que iso se pode facer sen sacar unha Oferta de Emprego Público, porque non esquezamos que a completa situación de irregularidade das prazas do persoal laboral e da RPT vai ser un continuo problema á hora de cubrir vacantes.

Se a isto lle sumamos o escándalo de que o Concello admite que privatizou a limpeza de edificios, mais que só o fixo seica de xeito temporal e polas múltiples baixas en limpeza, porque seica os informes “verbais” non lle permiten cubrir as baixas coa listaxe de substitucións de limpeza vixente, encóntrámonos ante un auténtico esperpento e un circo supostamente, sempre en palabras do goberno, avalado polos informes técnicos municipais. É dicir, para explicármonos, din que non se poden cubrir as baixas mediante unha listaxe de substitucións, unha norma que eles mesmos aprobaron, mais pretenden convocar dúas prazas de persoal laboral de limpeza para o que terían que sacar unha Oferta de Emprego Público, que segundo informes do último intento de RPT no ano 2012 do propio secretario municipal é algo que non se podería facer polo marco lexislativo vixente.

Máis un tema que ocupou a reunión foi a sorpresiva convocatoria dunha praza de patrón inexistente na Relación de Postos de Traballo. Desde o Comité expuxemos que non só estaban saltando por riba da Mesa Xeral de Negociación senón tamén do Pleno da Corporación posto que calquera modificación da Relación de Postos de Traballo debe ser aprobada en pleno. O Concello indicou que a súa intención non era crear unha praza senón realizar unha contratación temporal mais para o caso foi unha escusa inútil porque no propio BOP recóllese “cobertura dunha praza de patrón de tráfico interior” por tanto, é obvio, que o se está cubrindo é unha praza que nin está orzamentada nin existe na RPT, curiosamente para a convocatoria desta praza advirten que os informes foron positivos mais logo de ver o expediente e á espera de que nos entreguen copia da documentación solicitada temos moi serias dúbidas de que isto sexa así, especialmente no caso do informe de Intervención, aínda que xa que eles afirman categoricamente que son favorables, polo que vemos agora o goberno municipal tamén se dedica a interpretar informes porque a cousa non fica nada clara.

Houbo, por tanto, non só unha ocultación deliberada de que esta praza se ía publicar senón que as bases presentar unha serie de condicións que entemos que legalmente non se poderán cumprir como é traballar de luns a domingo sen quendas nin horarios preestablecidos. Con respecto a estas bases a CIG xa preparou tamén unhas observacións sobre as irreguladades existentes.


O Comité, para finalizar, amosou a súa completa vontade de negociación para esta nova etapa mais advertiu que o inicio do camiño non fora o agardado e que esperaba que de aquí en diante as cousas mudasen e se iniciase o diálogo de cara á negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo e non se vulnerase o dereito do Comité de Empresa á información puntual de todo o que ten que ver co persoal laboral do Concello de Betanzos.

O tema das prazas, convocatorias, substitucións, privatizacións converteuse no Concello de Betanzos nos últimos tempos nun auténtico escándalo, seica non se pode substituír en limpeza mais si sacar unha de patrón para as festas, as prioridades deste goberno municipal están claras e a saúde do persoal en activo está claro que non é unha delas porque a sobrecarga laboral é unha sombra que leva tempo detrás das múltiples baixas do servizo de limpeza

As contas son claras, de doce traballadores/as que están adscritos e/ou viñan facendo funcións de limpeza de edificios, 3 xubiláronse, 5 están de baixa (só se cubriu 1), 2 foron despedidas e quedan 3! De 12 fican 3 traballadoras/es de limpeza na actualidade no Concello de Betanzos... coidamos que é obvio que as contas non dan! O primeiro paso para a privatización foi dado ao contratar a unha empresa para limpeza de edificios de costas ao Comité de Empresa cando poden cubrir calquera das catro baixas existentes mediante a listaxe de substitución, tal e como procede, o que ten pensado o goberno municipal para este servizo nos vindeiro catro anos logo de catro anos deixándoo morrer xa o descoñecemos, o tempo demostrará se o goberno socialista é que o mata os servizos públicos do Concello de Betanzos facendo uso da perversa lexislación estatal aprobada polo PP para o desmantelamento dos servizos públicos na Administración.

A CIG inicia unha campaña nas empresas para informar das consecuencias do último pacto entre CCOO e UGT e a patronal

A central denuncia que o novo acordo en materia de emprego e negociación colectiva afonda no empobrecemento da clase traballadora

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de iniciar unha campaña nacional nas empresas para informar os traballadores/as sobre as principais consecuencias que terá o último pacto asinado por CCOO e UGT e a patronal española. Dende a central nacionalista denuncian que o novo acordo en materia de emprego e negociación colectiva afonda no empobrecemento da clase obreira "e amosa unha actitude entreguista e unha clara asunción por parte dos dous sindicatos estatais das reformas laborais do Partido Popular esixidas pola mesma patronal que asina o acordo".

Segundo explican dende a CIG, o contido e os beneficiarios/as deste novo pacto social quedan perfectamente definidos coa frase que utilizou o secretario xeral da UGT na súa presentación pública: <<Al final tocamos todos la misma melodía>>. “Efectivamente, unha vez máis estas dúas centrais terminan tocando a melodía que lles impón a patronal”, critican dende o sindicato nacionalista.

 Deste xeito, a central galega considera necesario realizar unha labor de información pública sobre as consecuencias que o acordo vai ter para as condicións laborais e sociais da clase traballadora. Para isto, distribuirá cartaces e follas explicativas entre os empregados/as das principais compañías do país.

Entre os principais aspectos negativos do pacto, sinalan en primeiro lugar o acordado en materia de incrementos salariais. “Acéptase a postura da patronal, e do Goberno do PP, e decrétase a moderación salarial fixando un tope máximo de incremento do 1% para o ano 2015 e de 1,5% para 2016.

No caso de que o IPC acumulado dos dous primeiros anos supere o 2,5%, funcionaría unha cláusula de garantía salarial que sería proporcional ao incremento pactado inicialmente, o que supón que canto menor sexa o incremento pactado menor será a porcentaxe de revisión dos salarios, o que para a CIG é “un auténtico despropósito”.

En canto á xornada de traballo, censuran que se facilite a implantación dunha ordenación flexíbel e irregular do tempo e da xornada, pola vía de aceptar que a patronal poida dispor libremente da distribución irregular do 10% da xornada anual ordinaria e mesmo dunha bolsa de horas anual para a súa libre utilización.

Outro dos aspectos negativos ten que ver coa flexibilidade das condicións laborais: acéptanse e dáselles carta de normalidade aos mecanismos impostos polas sucesivas reformas laborais referidos a temas como inaplicación dos convenios, mobilidade funcional, modificación substancial das condicións de traballo, distribución irregular da xornada, etc.

No que respecta á incapacidade laboral e ao absentismo, patronal e sindicatos estatais pactaron a necesidade de establecer mecanismos de xestión e control das baixas por IT, vinculando a “racionalización” dos actuais complementos de baixa por enfermidade ou accidente a este tema, “o que indica que queren endurecer as condicións para poder acceder a estes complementos”.

Sistema complementario de pensións

As organizacións asinantes do acordo tamén se comprometen a utilizar a negociación colectiva para favorecer a implantación e o medre dos recursos dos plans privados de pensións, para beneficio da banca e das propias centrais sindicais asinantes, que xa hoxe están metidas no negocio dos plans privados de pensións.

Ademais, aceptan o retroceso que supuxo a reforma do PP en materia de negociación colectiva e asumen como normal a prevalencia do convenio de empresa sobre o de sector e os mecanismos de descolgue dos convenios por parte das empresas; “mesmo se favorece a división dos convenios actuais pola vía de darlle carta de normalidade a asinar e rexistrar acordos sobre aspectos parciais do convenio ou novas unidades de negociación”.

En definitiva, segundo denuncia a CIG, atopámonos diante dun acordo que amosa unha actitude entreguista e unha clara asunción por parte de CCOO e UGT das reformas laborais do PP esixidas pola patronal que asina o acordo. “Ao mesmo tempo, confírmase a nula disposición por parte destas dúas centrais sindicais a mobilizarse, dar a batalla e facerlle fronte ao enorme retroceso en dereitos e ao debilitamento sufrido pola clase traballadora nos últimos anos”.

Orde ESS/1187/2015, do 15 de xuño, pola que se desenvolve o Real Decreto 625/2014, do 18 de xullo, polo que se regulan determinados aspectos da xestión e control dos procesos por incapacidade temporal nos primeiros trescentos sesenta e cinco días da súa duración

Orde ESS/1187/2015, do 15 de xuño, pola que se desenvolve o Real Decreto 625/2014, do 18 de xullo, polo que se regulan determinados aspectos da xestión e control dos procesos por incapacidade temporal nos primeiros trescentos sesenta e cinco días da súa duración.

23/06/15

Solicitude de documentación do expediente da praza de patrón

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou hoxe por rexistro a documentación do expediente do proceso aberto para a cobertura dunha praza de patrón que non existe na Relación de Postos de Traballo e  que o Concello vén de convocar. Nunha primeira ollada que lle puido botar á documentación, tal e como solicitou, a representación do Comité de Empresa, puido comprobar que existen serias dúbidas de que esta convocatoria fose realizada ao abeiro de informes claramente favorables, tal e como indicou o concelleiro de Persoal nun primeiro momento, de aí que solicitase copia por escrito da documentación consultada para poder analizala máis polo miúdo.

18/06/15

O goberno municipal despide a dúas traballadoras de limpeza na primeira semana de goberno

Con data do venres e co alcalde en funcións o goberno municipal decidiu rescindirlle o contrato ás dúas traballadoras de limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín. A comunicación deste despedimento chegoulles catro días máis tarde e con tan só tres días de preaviso e un incumprimento dos prazos recollidos na lexislación vixente. A partir deste venres o aulario fica sen persoal de limpeza.

Desde a CIG levamos catro anos denunciando os problemas que causa a falta de persoal no servizo de limpeza, así coma noutros departamentos, da non cobertura das baixas nin xubilacións e da vontade do goberno de privatizar. Este problema á especialmente grave no colexio CEIP Francisco Vales Villamarín e no aulario, a ambos os centros acoden máis de novecentos alumnos e a carga de traballo denunciada xa polos delegados de prevención da CIG en múltiples ocasións, supón que o traballo que facían sete traballadoras viña sendo realizado por catro que logo destes despedimentos fican en dous os dous edificios onde acode semellante cantidade de alumnado.

As compañeiras están valorando presentar unha demanda por despedimento improcedente e as vías legais de reclamación ás que poden optar para loitar contra esta inxustiza. Xa en setembro de 2014 o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, advertiulle ao Concello que entendía que o contrato por obra ou servizo debe ter autonomía e susbtantividade propia dentro da actividade da empresa e que estes novos contratos se estaban a realizar á marxe da Relación de Postos de Traballo.

A maiores, tivemos coñecemento de que a última xubilación do persoal de limpeza dos edificios municipais foi cuberta cunha traballadora dunha empresa privada e o goberno incumpriu as súas propias normas ao non respectar as listaxes de substitución de limpeza vixentes, coas que poderían cubrir os postos necesarios con empregados públicos. Isto é máis grave aínda se temos en conta que despide a persoal municipal e supostamente cubre as xubilacións a través de privatizacións.

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión de urxencia co alcalde, á vista de que aínda non está nomeado o concelleiro de Persoal, para preguntarlle por estes despedimentos e solicitar información sobre a presunta privatización da limpeza de edificios sobre a que nos informaron algúns compañeiros. Ademais exixiralle explicacións pola falta de información puntual ao Comité, sobre todo o que ten ver coas contratacións, tal e como é preceptivo.

Solicitude de reunión co alcalde con motivo dos despedimentos

O Comité de Empresa solicitou unha reunión co alcalde para coñecer de primeira man os motivos que levaron ao Concello a despedir a dúas compañeiras de limpeza con tan só tres días de preaviso, incumprindo claramente os prazos que marca a lei e cando durante meses evitou aclarar as situación, sempre argumentando que ata despois das eleccións non se tería claro, e tívose, claro que se tivo, aos dous días de entrar a gobernar os dous primeiros despedimentos.

O Comité, por iniciativa da CIG, solicitou unha reunión co alcalde, xa que polo momento non está designado o concelleiro de Persoal para solicitar información e trasladar as queixas sobre a preocupante situación deste servizo.

Extras e gratificacións, as leas e discriminacións de sempre

O Comité de Empresa solicitou, unha vez máis, por inicitiva da CIG, toda a información con respecto ao pagamento de gratificacións e horas extras que o Concello realizou entre os meses de xaneiro a maio de 2015. Unha vez máis continúan as irregularidades e hai persoal ao que lle pagan nun só mes máis de tres mil euros en gratificacións sen xustificar nin sequera o número de horas extras realizadas. No escrito podedes ver toda a información que solicita o Comité.



Aquí tendes un pequeno resumo sobre a documentación entregada que indica claramente que neste Concello se pagan como horas extraordinarias traballos que non o son e que o Concello gasta máis en gratificacións das que non xustifican o número de horas realizadas que en horas extras, beneficiando de xeito claro a unha parte do persoal cun reparto inxusto da partida orzamentaria.

HORAS PAGADAS XANEIRO-MAIO 2015
N.º HORAS: 354
HORAS EXTRAORDINARIAS FORZA MAIOR: 9
HORAS EXTRAORDINARIAS ESTRUTURAIS: 345
CUSTO DAS HORAS EXTRAORDINARIAS: 4646 EUROS (354 horas)
CUSTO DAS GRATIFICACIÓNS: 8770 EUROS (descoñecemos o n.º de horas)

Como outro dos problemas é que descoñecemos a información das gratificacións pagadas ao persoal funcionario, a Sección sindical da CIG, como sindicato que forma parte da Mesa Xeral de Funcionarios solicitou esta información unha vez máis e no caso de que o Concello non no la entregue tomaremos as medidas que legalmente procedan.

Bases da convocatoria para a cobertura dunha praza de patrón de cabotaxe da Mariña Mercante

16/06/15

Dende o ano 2011 van 73 falecementos debidos a accidentes con tractor

Seguridade

Galiza conta con 403.000 tractores, o 15% do parque de vehículos de uso agrícola se temos en consideración o total do parque estatal. Tendo en conta tamén o ámbito estatal, o 15% dos accidentes con tractor no ano 2014 tiveron lugar en Galiza. Dos 73 accidentes mortais que tiveron lugar en Galiza dende o 2011, 48 producíronse en actividades non profesionais, 23 na estrada e 2 en sinistros laborais. No que vai de 2015, xa son nove as persoas falecidas neste tipo de accidente.


A principal causa de falecemento adoita ser o envorco do tractor ou o atropelo polo propio vehículo. Cítase tamén a antigüidade do conxunto dos vehículos, que roza de media os 26 anos, o que implica que en moitos casos non dispoñen dos sistemas de seguridade axeitados.  

O fume tóxico dos incendios

Os fumes producidos nos incendios son os responsables de máis da metade das lesións e mortes que se producen nos incendios. Os riscos para a saúde teñen crecido nos últimos tempos debido ao incremento no uso de materiais construtivos que ao queimarse producen fumes canceríxenos. Os bombeiros están constantemente expostos na súa vida profesional a estos fumes, que en moitos casos son canceríxenos.

O Instituto Nacional para a Seguridade e Saúde Ocupacional norteamericano principiou no ano 2010 un estudo multianual co fin de investigar os efectos dos fumes de combustión nos bombeiros, con intención de comprobar se tiñan un maior risco de padecer cancro ou outros tipos de enfermidades debido a súa exposición laboral.

A mostra tivo en conta a unha poboación de 30.000 bombeiros que estiveron en activo entre o ano 1950 e o 2010, considerando obxeto de estudo as mortes por cancro e os diagnósticos de certos tipos de tumores, como os de testículo e próstata.

Na primeira fase do estudo, se procedeu a comparar os falecementos e diagnósticos de cancro entre o colectivo de bombeiros obxeto de estudo e a poboación en xeral, atopando un pequeno incremento entre os bombeiros para certos tipos de cancro: de pulmón e leucemia. Estos resultados coincidiron cos obtidos noutro estudo realizado case simultáneamente nos países nórdicos; neste último caso tivose en consideración unha mostra de 16.422 bombeiros para realizar a investigación.

Queda pendente unha segunda fase deste traballo, no que se compararán os efectos sobre a saúde dos bombeiros máis expostos cos dos menos expostos.

Nos EEUU, Canadá e Australia o cancro contraído polos bombeiros está considerado como enfermidade profesional; non é así na Unión Europea.

Os resultados da primeira fase do estudo do INstituto Nacional para a Seguridade Ocupacional norteamericano foron publicados recentemente e están dispoñibles na ligazón

O estudo nórdico pode verse a través da ligazón


Abrindo camiños n.º 42 xuño 2015


09/06/15

Constitución do novo Comité de Empresa

O vindeiro venres 12 de xuño ás 12:30 h no Centro de Formación Ocupacional  terá lugar a constitución do novo Comité de Empresa, nesta reunión, convocada pola presidenta do Comité de Empresa en funcións, a CIG proporá unha candidatura para os cargos, un regulamento de funcionamento do Comité de Empresa e o nomeamento dos delegados de prevención, entre outros temas. A orde do día é a seguinte:
  1. Disolución do Comité de Empresa actual
  2. Constitución do Comité de Empresa entrante
  3. Aprobación, se proceder, do Regulamento do Funcionamento do Comité de Empresa
  4. Aprobación, se proceder, das normas de uso do local sindical.
  5. Proposta de nomeamento de delegados de prevención.
  6. Quenda de intervencións
A partir de aí agardaremos o nomeamento do/a concelleiro/a de Persoal e comezaremos a fixar as liñas de traballo para os vindeiros meses e sempre ao abeiro dos compromisos de traballo adquiridos. A Sección sindical da CIG decidirá nas vindeiras semanas as prioridades de traballo tendo en conta as demandas que nos trasladan os compañeiros e compañeiras e decidirá o cronograma de traballo e obxectivos para os vindeiros catro anos no Comité de Empresa.

Máis problemas cos tribunais dos procesos selectivos, incumprimento da lexislación en materia de composición, tramitación e indemnizacións

Nos pasados días o Concello publicou a composición do tribunal da praza de psicólogo/a con carácter temporal que está en proceso. O tema dos tribunais xa foi posto en cuestión en varias ocasións tanto pola Sección sindical da CIG como polo Comité de Empresa na medida en que o Concello sempre carga ao mesmo persoal con esta responsabilidade e sorprendentemente outro persoal de idéntica categoría e titulación nunca é designado para ningún tribunal. 

Se a isto lle sumamos que este goberno municipal non lle paga aos membros dos tribunais as indemnizacións correspondentes cando mesmo se teñen reunido fóra do horario laboral ou mesmo ter que asistir durante as vacacións, hai un claro incumprimento da lexislación vixente, mesmo logo de se ter rexistrado solicitudes ao respecto. 

Desde a CIG convidamos ao goberno a que renuncie ás indemnizacións por asistencia a Plenos e Xuntas de Goberno toda vez que se nega a lle pagar as indemnizacións ao persoal laboral, aquí ou cobramos todos o que indica a lexislación ou que non cobre ningún, mais é un absoluto cachondeo que o goberno cobre o que lle corresponde puntualmente mais canto se trata dos traballadores llo negue pola vía da non resposta cando ata a chegada deste goberno municipal, segundo nos indicaron varios compañeiros, si que se cobraban, tal e como indica a norma, as indemnizacións por asistencia a tribunais. Este é, pois, un problema creado por este goberno que antes non existía, e que pretende recortarlle dereitos ao persoal mediante a non aplicación da lexislación vixente.

A maiores, prodúcese un incumprimento da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza no relacionado co nomeamento do tribunal, posto que todos os membros deben pertencer ao mesmo corpo, escala ou categoría profesional que o posto que vai ser avaliado polo tribunal e isto podería supor reclamacións ao proceso por parte dos e das aspirantes.

A CIG solicitoulle ao goberno en funcións o seguinte:

1. Que o Concello adecúe a composición do tribunal da praza mencionada á lexislación vixente en materia de órganos de selección para a provisión de postos na Administración pública galega.

2. Que realice todos os trámites administrativos necesarios para os nomeamentos e notificacións por escrito aos membros dos tribunais dos procesos selectivos que o Concello convoca, tal e como procede, e para que se poidan realizar as recusacións legalmente previstas no caso de ser pertinente

3. Que lle aboe puntualmente aos membros dos tribunais as indemnizacións correspondentes ao abeiro da lexislación vixente en materia de participación en tribunais de oposicións e concursos.



A CIG considera un “exercicio de cinismo” e de “colaboracionismo” coa patronal o III Acordo de Negociación Colectiva

Valora “moi negativamente” o seu contido e entende que “supón aceptar con normalidade o novo marco de relacións laborais” imposto polo PP e a patronal

CCOO, UGT, CEOE e CEPYME asinaron este luns o III Acordo Estatal para o Emprego e a Negociación Colectiva. A Executiva Confederal da CIG considera que este novo Pacto “manifesta descaradamente as intencións dos asinantes de orientar a negociación colectiva para os próximos anos nunha dirección moi definida e clara de entreguismo sindical á Reforma Laboral aprobada en 2012 e á política económica neoliberal máis oficial”.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denuncia que coa sinatura deste Acordo “CCOO e UGT fan abstracción do que ocorreu nos últimos anos, das consecuencias que tivo para a clase traballadora en canto a regresión de dereitos e das condicións laborais e de vida, motivadas pola crise económica mais tamén polas políticas neoliberais promovidas polos gobernos españois, especialmente o PP”.

Considera que se nos presenta de novo un acordo en materia de negociación colectiva “como se nada pasara” e denuncia que o que se fai é “asumir o novo marco de relacións laborais creado a raíz das reformas do PP en materia de contratación, flexibilización de xornada ou de desmantelamento da propia negociación colectiva.

En todo caso subliña que o documento se limita a recoller declaracións de intencións, reproducir textos de acordos anteriores ou facer referencia a textos legais, pero “en ningún momento cuestiona as políticas económicas e laborais dos últimos anos, nin propón alternativas que, a través da negociación colectiva, permitan reverter a situación e fortalecer á clase traballadora fronte á patronal”.

Para Seixo, a través deste acordo, a patronal consegue darlle normalidade ás reivindicacións que viña facendo nos últimos anos en materia de moderación salarial, de modificación dos conceptos retributivos, de fomento da temporalidade e subcontratación, de flexibilización da xornada laboral, de control do absentismo e mesmo de promoción dos plans privados de pensións.

Topes nos incrementos salariais do 1-1,5%

Respecto das propostas en materia de incremento salarial, Seixo asegura que se trata dun “exercicio enorme de cinismo”. Explica que se presenta este acordo como se estiveran pactando incrementos salariais para os próximos anos da orde do 1% para 2015 e 1,5% para 2016 “cando na práctica o que fan é pór un tope para os incrementos salariais para este ano, pero deixando aberto que, en función das circunstancias do sector, poidan pactarse incrementos moi por debaixo diso, mesmo conxelacións salariais ou incrementos negativos”.

Denuncia, en consecuencia, que eses incrementos salariais non están garantidos e prevé que van ser escasísimos os sectores onde se consiga chegar a esas porcentaxes “se non é a través da mobilización da clase traballadora”.

Baile de índices de referencia: PIB-IPC

Seixo denuncia que “o seu nivel de hipocrisía e de colaboración coa patronal” en todo o que ten que ver coas políticas de moderación salarial dos últimos anos ponse de manifesto na fórmula que pactan de revisión. Ademais de salientar a súa ambigüidade lembra que mentres que para os incrementos pactados en 2014, colleron como referencia o PIB e para 2017 está previsto que esa sexa novamente o índice de referencia, “curiosamente para 2015 e 2016 -anos nos que o goberno español prevé incrementos do PIB da orde do 3%, e incrementos menores do IPC- de novo toman como referencia para a revisión o IPC e non o PIB”.

Para o secretario xeral da CIG, que matiza que a central sindical nacionalista non comparte o PIB como índice de referencia, “o feito de que en cada momento opten por aquel que cren que axuda a unha maior moderación salarial, denota que o nivel de entreguismo de CCOO e UGT é total”.
Reproducimos de seguido o documento aprobado pola Executiva Confederal.

Avaliación do III Acordo Estatal para o Emprego e a Negociación Colectiva

Presentase como un Pacto que, se ben é esencialmente declarativo e de intencións, repetitivo doutros Acordos anteriores, con moreas de remisións á lexislación laboral, manifesta descaradamente as intencións dos asinantes de orientar a negociación colectiva para os próximos anos nunha dirección moi definida e clara de entreguismo sindical á Reforma Laboral aprobada no 2012 e á política económica neoliberal máis oficial.

Asentado no falso triunfalismo da consolidación da recuperación económica, constitue un novo capítulo do tan practicado Pacto Social, que como é habitual trae consigo para a clase traballadora máis emprobrecimento de salários, máis retrocesos nas condicións laborais, desmantelamento progresivo e ruptura da negociación colectiva, con compromisos de centralizala máis en Madrid, maiores facilidades para aplicar aspectos centrais da Reforma Laboral, así como o favorecimento da contratación precaria e temporal.

Os aspectos destacabeis deste Acordo son :

1.- Establecemento dun tope salarial.

Os convenios poden negociarse desde un cero de incremento pero non poden pasar do 1% para o 2015, nin do 1,5% para o 2016. E todo iso para favorecer a competitividade das empresas e a “creación de emprego de calidade”, inda que neste último aspecto non haxa ningún tipo de compromiso medíbel ou avaliábel.

Xunto ao tope salarial, que é o único acordo concreto, establécese tamén unha encuberta cláusula de revisión salarial que, no seu caso, operaría para o 2017. A redacción é realmente escura e difícil de entender pois di así:

Os convenios negociados conforme ás anteriores directrices deberán ter en conta que o sumatorio dos salarios de 2015 e 2016 será maior á suma das inflacións de ambos anos, en función proporcional dos salarios inicialmente pactados.

Os resultados desta previsión son sorprendentes. Imaxinemos un convenio que pacta os incrementos máximos previstos, ou sexa o 2,5% en dous anos e que a suma da inflación nese período fose do 3%. Correspondería unha revisión do 0,5%, unha vez que se constate oficialmente o IPC. Pero si o aumento é menor, por exemplo do 2%, un 0,7% no 2015 e un 1.3% no 2016, a revisión sería de 0,4%, en función proporcional ao salario pactado. Ou sexa que si con un incremento de 2,5 corresponde unha revisión de 0,5, a proporción respecto a un incremento salarial do 2% sería dun 0,4. E si a suma dos incrementos deses dous anos fose de tan so un 1%, a proporción sería de 0,2%. Ou sexa canto menor sexa o incremento inicialmente pactado menor sería a revisión. En definitiva, si a subida pactada é exactamente a do tope salarial, corresponde revisar na contía do exceso de inflación e si o aumento é menor do tope salarial, so se garante que a contía da revisión cubra so unha parte do exceso, a equivalente á proporción que garda o aumento salarial acumulado inicial e o establecido como tope (2,5%).

Entón, so poderán recuperar o poder adquisitivo aquelas persoas afectadas por un convenio que pactase o tope salarial, os demais nunca poderán, sempre perderán unha parte, tanto maior canto menor sexa o aumento salarial pactado.

Resulta especialmente chamativo e significativo o feito de que se fale de coller o PIB como referente para o incremento salarial do ano 2017, ao igual que xa falaba no II ACORDO para o ano 2014, e non se escolla esta posibilidade para os anos 2015 e 2016, volvendo á referencia do IPC que xa abandonaran, xusto cando o Goberno preve incrementos para estes anos moi superiores do PIB respecto do IPC. Sempre terminan elixindo como referencia para pactar os incrementos salariais aquel índice que en cada momento é máis prexudicial para a clase traballadora e que lle garante á patronal unha moderación salarial real.

As empresas sempre propoñen que non haxa revisión porque despois –segundo din- non se pode facer fronte a ela e supón un desequilibrio difícil porque non se pode repercutir nos prezos. Esta fórmula atende, en parte, a eses criterios empresariais. En principio pensan que non vai a haber revisión, xa que a inflación non subirá do 2,5%. Pero si sobe, aquelas empresas que “non poden” chegar a pactar o tope salarial, terán tamén correlativamente unha revisión moito máis baixa. Polo tanto, en previsión de que a inflación aumente nestes dous anos, as empresas teñen que esforzarse en pactar incrementos máis baixos para ter que pagar despois o menos posible en caso de revisión salarial. E, por suposto, as organizacións sindicais asinantes deben facer o contrario, asegurar un incremento salarial o máis próximo ao tope establecido polas cúpulas.

Deste xeito, o normal xogo de intereses enfrontados na negociación colectiva cobra máis virulencia si temos en conta os resultados dunha posible revisión que prima máis aos incrementos salariais máis altos.

Vai ser, polo tanto, especialmente importante manter as cláusulas de revisión salarial actuais, alá onde existan, e non entrar nesta fórmula estrambótica proposta no acordo.

O que é inadmisible é que estas organizacións na práctica impoñan á clase traballadora un tope salarial, sen ter en conta a autonomía das partes negociadoras para acordar o incremento que sexa posible en función da situación do sector ou da empresa, situación que é ben diferente segundo sexan as actividades produtivas e os territorios. O centralismo impón, como de costume, unha igualdade por abaixo para todos.

Por outra parte, queda totalmente aberto o incremento salarial para o 2017. A porcentaxe de incremento “tomará como referencia a evolución do PIB en 2016 e o cadro macroeconómico do Goberno para 2017, e a concretarán nos tres meses seguintes á publicación deste último”.

E finalmente conteñense dúas chamadas a maiores de especial gravidade:

A) Adverténcia de moderación á hora de negociar incrementos salariais, limitandos ao incremento da produtividade e do emprego, para que os sectores e as empresas, en particular ás abertas á competencia internacional, manteñan a súa posición e non sexan prexudicadas fronte aos competidores.

B) “Renovación“ dos conceptos retributivos. Na negociación colectiva, e especialmente nos convenios empresa, chaman a que se cambie a estructura salarial para “racionalizar” e dar entrada a conceptos salariais en base a indicadores cuantificados e que se destinen preferentemente a retribucións de carácter variabel : produtividade, resultados das empresas, conceitos fixo e variabeis, etc...

A filosofía na que se sustenta este tope salarial é ben coñecida. Dise que a consabida recuperación da actividade é inda moi feble e incerta, porque hai moito paro, porque o déficit público é moi grande, porque hai moito endebedamento e dificultades de acceder ao financiamento e, tamén, porque os niveis de desigualdade e de exclusión social son altos. E para solucionar todo iso en vez de aumentar os salarios hai que prendelos, non vaia ser que os beneficios empresariais diminuan.

2.- Fomento da precariedade, a temporalidade e a subcontratación.

Potenciase o contrato a tempo parcial indefinido como alternativa á contratación temporal ou á realización de horas extras, ampliando as porcentaxes máximas de horas complementarias.

Estabelecense impedimentos á contratación atraves de ETT.

En relación coa externalización da producción e a subcontratación, remitese a unha lexislación en vigor inservíbel e incapaz de frear a escravización que se está a dar en cada vez máis sectores.

3.- Promoción da explotación xuvenil sobre a base de validar o Plano de Emprego Xuvenil.

Faise seu, polos asinantes, o Plano de Emprego Xuvenil aprobado polo Goberno español o ano pasado, que convirte á mocidade en “ carne de cañón” de explotación atraves dos contratos formativos e dunha formación dual, convertida na práctica en man de obra barata ou directamente non remunerada ( prácticas non laborais nas empresas).

4.- Fomento das suspensións de emprego e reduccións de xornada

instrumentalizadas atraves das Comisións Mixtas e Paritárias dos convenios sectoriais, que asumirán labores de mediación. Todo retroceso que se ten producido coa Reforma Laboral é asumido e mesmo institucionalisado na negociación colectiva.

5.- Apoio e promoción dos Planos Privados de Pensións.

Através de catro liñas fan unha avaliación positiva dos sistemas de Previsión Social Complementaria e fan unha chamada a que se aborde o seu desenvolvemento na negociación colectiva. Afóndase así na filosofía que xa levou a estas dúas centrais sindicais a asinar no 2011 o acordo sobre pensións, que entre outras cousas, subía a idade ordinaria de xubilación aos 67 anos, diminuía a contía das pensións futuras e puña novas dificultades para o acceso a unha pensión pública. Todo dentro dunha orientación de fortalecer os sistemas privados de pensións e polo tanto o negocio para a grande banca.

6.- Establecemento de instrumentos de flexibilidade das condicións de traballo  para adaptarse internamente ante circunstancias cambiantes.

Acordan a posta en marcha de toda unha serie de mecanismos e procedimentos (potenciando a intervención das seccións sindicais, non dos comités e/ou delegados e delegadas do persoal) para desde os convenios sectoriais ter instrumentos que faciliten a flexibilidade en cuestións claves, como a:

-Clasificación profisional e mobilidade funcional. Concretanse liñas de actuación para garantir o comprimento dos obxetivos da reforma laboral no que ten a ver coa eliminación de categorías e a implantación de grupos profisionais. Facilítase a mobilidade funcional no mesmo ou noutro grupo profesional por razóns técnicas e organizativas. Faise unha reiteración da lei, que non val de nada para limitar e impedir a realización de funcións de categoría inferior.

-Xornada de traballo. Preténdense a implantación definitiva da xornada laboral e do tempo do traballo flexíbel e irregular.Poderá afectar á xornada diaria, semanal ou anual, con bolsa de horas. Aceptación sin límites nin matices da distribución irregular do 10% da xornada anual ordinaria imposta na Reforma Laboral.

-Inaplicación de condicións de traballo. Onde non consiga a Patronal a flexibilidade, polas vías anteriores, poderá facela sen límites ao recoñercerse a utilización desta posibilidade ao non considerar modificación substancial a flexibilidade fora do horario ordinario (traballo semanal ou anual), afectando ao calendario laboral pactado.

7.- Incapacidade Temporal e Absentismo

Compromisos para a xestión e control das IT e “racionalización”, das coberturas pactadas en Convenios como complementos ás baixas por enfermidade ou accidente, suxerindo cambialas por pluses de absentismo. Nada en cambio sobre a política de acoso das Mútuas ou das altas indebidas provocadas pola Inspección Médica.

8.- Desmantelamento da negociación colectiva e ruptura do convenio.

A tan cacarexada declaración do comezo do Acordo cando din que “ a negociación colectiva é o espazo natural do exercizo da autonomía colectiva “ traducese na morte da mesma co Capítulo V deste Acordo.

Aceitase como válida a regulación legal imposta pola Reforma Laboral da ultraactividade e como única solución chamase a acordos parciais, rachando asi a unidade do convenio colectivo e rematando os flecos da reforma laboral do PP.

Para máis colmo, en relación cos convenios que poidan ter claúsulas de incremento salarial automático, no caso de prórroga non operaría e o incremento sería do 0%.

No canto de enfrontar de raíz o ataque que se fai á negociación colectiva, apostase por institucionalisar e darlle papel relevante de mediación e arbitraxe ás Comisións Paritárias, como extensión da mecánica do diálogo social aos convenios. Chegase até o extremo de integralos no V ASAC e na Fundación SIMA.

Asi mesmo, de paso, e tal como coñecemos que se constituen e funcionan as Comisións Paritárias, por unha susbtitunse aos protagonistas que son os delegados/as e Comités de Empresa, e por outra excluense ou marxinalizan ás organizacións sindicais como a CIG.

9 .- Outras cuestións destacabeis, son :

- Establecemento nos convenios estatais de criterios e prioridades aplicables á formación sectorial en todo o territorio do Estado.

- Declaración de intencións xenéricas en relación cos direitos de información e consulta aos representantes dos/as traballadores/as.

- Desenvolvemento cínico, hipócrita e nada comprometedor para a Patronal en relación a igualdade de trato e oportunidades ( xenéro, persoas con discapacidade, etc...), así como da conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

- Autocomplacencia e palabrería sen compromisos reais en relación á seguridade e saúde no traballo, con siléncio total en relación as consecuencias que sobre esta matéria ten a recente  Reforma da Lei de Mutuas.

CONCLUSIÓN

De novo, con este ACORDO, o sindicalismo español representado por CCOO/UGT, fai abstración do que pasou nos sete últimos anos, das consencuencias sobre a clase traballadora da crise económica e das políticas neoliberais promovidas polas institucións, partidos políticos e gobernosa o servizo do capital financiero, con recorte de dereitos; perda de salario; desregulación, flexibilización e individualización das condicións de traballo; deterioro da negociación colectiva, en definitiva debilitamento, desmobilzación e perda de capacidade reivincidacativa da clase traballadora. Nin neste III ACORDO, nin no asinado por estes mesmos actores, xunto co goberno do PP, o 29 de xullo de 2014, se fai a máis mínima crítica nin as políticas nin aos responsabeis das mesmas, nin moito menos ao modelo produtivo, económico e social, que nos trouxo e nos mantén nesta situación e, en coerencia, nada se aporta de alternativo que axude á clase traballadora a recuperar os dereitos, a calidade de vida e o poder fronte ao capital.

Unha vez máis tamén, CCOO/UGT préstanse a escenificar un acordo destas características, corroborando a boa marcha da economía e un ambiente de “normalidade “ e recuperación do diálogo social, uns días antes dun proceso electoral no que o Goberno e o PP estaban a xogarse moito. Compre recordar que, despois de moitos meses de negociación, asínase este PREACORDO o día 14 de maio, dez días antes das eleccións municipais e autonómicas do 24 de maio. A CAMBIO DE QUE SERÁ !!.

Galiza, xuño de 2015

EXECUTIVA CONFEDERAL DA CIG



A Sentenza 5221/2014 do Tribunal Supremo declara o síndrome do túnel carpiano bilateral dunha limpadora como enfermidade profisional

XURISPRUDENCIA

O 5 de novembro de 2014 a Sala do Social do Tribunal Supremo cualificou como enfermidade profesional a Síndrome do Túnel Carpiano Bilateral padecido por unha limpadora.

O tribunal considera que se ben a "profesión de Limpiadora non está expresamente incluída na enumeración de actividades capaces de producir a enfermidade profesional "como lavandeiras, cortadores de tecidos e material plástico e similares…", iso non exclúe, en modo ningún, que a Síndrome do túnel carpiano asociado ás tarefas que compoñen o feixe profesional dunha Limpadora poida levar consigo a cualificación de enfermidade profesional, como no seu caso, poderían ter encaixe outras profesións ou actividades, posto que o adverbio "como" indica, sen lugar a dúbidas, que se trata dunha lista aberta, ao igual que xa sucedía coa lista do derrogado Real Decreto 1995/1978, e como xa estableceu esta Sala na súa sentenza do 22 de xuño de 2006 (rcud. 882/2005 ).

En efecto, o transcendente é que se efectúen "Traballos nos que se produza un apoio prolongado e repetido de forma directa ou indirecta sobre as corredías anatómicas que provocan lesións nerviosas por compresión. Movementos extremos de hiperflexión e de hiperextensión. Traballos que requiran movementos repetidos ou mantidos de hiperextensión e hiperflexión do boneco, de aprehensión da man".

E neste sentido, as tarefas de frega, desempoada, varrida, pulidode locais, recintos e lugares, así como cristaleiras, portas, ventás dende o interior dos mesmos, ou en escaparates, que en xeral son as que efectúan as Limpadoras, esixen, na súa execución, a realización de movementos de extensión e flexión do pulso forzados, continuados ou sostidos, para o manexo de vasoiras, fregonas, baetas, baetas, cepillos e demais útiles de limpeza, coa sobrecarga de pulso que iso implica, e coa intensidade e repetitividade necesarias para xerar a citada patoloxía.

E conclúe que "procede cualificar como enfermidade profesional a síndrome de túnel carpiano bilateral, padecida pola traballadora demandante".

STS 5221/2014

04/06/15

Catro anos e 25 000 visitas! Grazas!

Catro anos e 25 000 visitas avalan que cando por primeira vez un sindicato neste Concello decidiu crear unha ferramenta para informar puntualmente ao persoal de toda a información que lle interesaba foi unha decisión atinada.

Esta é a ocasión para agradecerlle aos lectores e lectoras de www.cigconcellobetanzos.blogspot.com que fagan do noso blogue unha ferramenta útil e continuarmos traballando para achegarvos información de todos aqueles temas que vos interesan e mantervos informados puntualmente do traballo da Conferedación Intersindical Galega e da Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos en particular.

Novo criterio do Tribunal Supremo para baremar a indemnización nun accidente de traballo

O noso corpo no seu conxunto e cada unha das súas partes en particular, ten un "valor económico" cuxas cuantías poden consultarse no Boletín Oficial do Estado. A contía axústase en función de valores como a idade, o tamaño da rede familiar máis achegada e os ingresos. No caso dos accidentes laborais, hai un valor fixo para as lesións de carácter definitivo non invalidantes, é dicir aquelas que non teñen cura pero que non impiden seguir traballando; ademáis da valoración destas lesións, que corre a cargo da Mutua, pódese reclamar danos e prexuízos por responsabilidade civil derivados dun accidente de traballo; para este fin, recúrrese como referencia de xeito habitual ao baremo de tráfico, disposición legal de referencia que permite establecer os valores de indemnización .

Este baremo, que se actualiza anualmente, recóllese no Real Decreto Lexislativo 8/2004, texto refundido da ley sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor; actualmente está en tramitación un Proxecto de Lei de reforma do sistema para a valoración dos danos e prexuízos causados ás persoas en accidentes de circulación.

A adaptación do baremo de tráfico para indemnizar ás vítimas de un accidente laboral provoca certas disfuncións, como é o feito de que no mesmo non se contempla se as posibles vítimas teñen actividade laboral, aínda que aparece un factor de corrección segundo os ingresos, que poden ou non depender do traballo.

A xurisprudencia laboral ten establecido a necesidade de ponderar as circunstancias concurrentes para determinar cal é a parte da indemnización que corresponde a lucro cesante, ou cantidade que se deixa de gañar, e cal a danos morais. Ata agora se procedía a descontar do lucro cesante as cantidades que o traballador/a tivese percibido como prestación ou pensión por parte da Seguridade Social derivadas do accidente laboral; así a parte que corresponde a lucro cesante xa está cuberta e queda pendente o dano moral.

No mes de febreiro de 2015 o Tribunal Supremo decidiu en sentenza  considerar o baremo como fórmula para cuantificar o dano moral, sin entrar en concurrencia co lucro cesante, polo que non procede realizar ningún desconto.



2,3 millóns de traballadores morren cada ano por accidente ou enfermidade laboral

OIT

Segundo a OIT, cada ano sofren lesións profesionais non mortais máis de 313 millóns de traballadores e traballadoras, o que equivale a 860.000 persoas feridas no traballo a diario. A cifra de mortes a causa de accidente de traballo ou enfermidade profesional ronda os 2,3 millóns, 6.400 persoas cada día.

A OIT así mesmo fai referencia aos custos económicos que conleva o esquecemento por parte das empresas das tarefas relacionadas coa seguridade e a saúde, cifrando estos custos no 4% do Produto Interior Bruto mundial, ao redor de 2,6 billóns de euros; estes custos están relacionados co tempo de traballo perdido, interrupcións na produción, tratamento de lesións e enfermidades profesionais, rehabilitación e indemnizacións.

A extensión da inseguridade no mercado laboral

OIT

A OIT ven de publicar o informe “Perspectivas sociais e do emprego no mundo en 2015”, no que por exemplo se indica que só unha cuarta parte dos traballadores e traballadoras do mundo teñen un emprego estable; o resto están empregados a través de contratos temporais, traballan en empregos informais sen contrato, en empresas familiares sen recibir remuneración ou por conta propia.

A primeira edición do informe, titulada “O emprego en plena mutación” amosa que aínda que o emprego remunerado está a aumentar no mundo, este só representa a metade do emprego mundial.

Os datos indican un incremento do traballo a tempo parcial, sobre todo entre as mulleres novas.

Tamén amosan o cambio que está a experimentar o mundo laboral, no que as relacións de traballo tradicionais están dando lugar a un maior número de formas de emprego atípicas, cambio que en moitos casos está relacionado co incremento da inseguridade salarial de traballadores e traballadoras, as desiguladades e as taxas de pobreza.

O informe constata que os pasos dados para a ampliación da cobertura das pensións e a protección social, están fundamentalmente disponibles para os traballadores/as estables; ou que as desigualdades nos ingresos entre traballadores permanentes e non permanentes están a aumentar agravadas pola incidencia das formas de traballo non permanentes, o crecemento do desemprego e da inactividade.

Este informe achega datos sobre o oitenta e cinco por cento da poboación activa do mundo.



Grazas! A CIG gaña, máis unha vez, as eleccións sindicais do persoal laboral

O pasado martes 2 de xuño os compañeiros e compañeiras do persoal laboral Concello de Betanzos decidiron que sexa a CIG unha vez máis a que ostente a maioría no Comité de Empresa. Grazas a todos os compañeiros e compañeiras que nos votaron, obtivemos representación e seguiremos traballando catro anos máis e abrindo camiños no Concello de Betanzos.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valoramos positivamente os resultados máis aínda se temos en conta a campaña destrutiva que UGT levou a cabo contra a actual presidenta do Comité de Empresa  e contra un convenio colectivo aprobado democraticamente pola asemblea de traballadores.; aínda que entendemos que un sindicato que defendeu ao goberno catro anos e non moveu un dedo polos traballadores máis que para dificultarlle o traballo aos delegados que si que querían traballar pola igualdade de dereitos e condicións, non podía facer campaña en positivo porque nin fixeron nada nin saben o deben ter claro o que queren facer.

Cómpre destacar o elevado índice de participación especialmente en sectores que nunca antes votaran como persoal do Conservatorio Municipal e a Escola de Folclore, o que denota un crecente interese do persoal polos temas que lle afectan e unha maior participación na toma de decisións, o que sempre é positivo na medida en que nunca nas eleccións sindicais antes de que a CIG chegase a este Concello se conseguira unha tan alta participación que demostra que as cousas verdadeiramente están a mudar.

Os delegados electos pola CIG foron Jorge Amarante Rodríguez, Manuel Román Castro Varela e Silvia Muíño Naveira e a presidenta do Comité en funcións convocará proximamente unha reunión na que se disolverá o Comité actual e constituirase o novo, desta volta integrado só por cinco membros por primeira vez na historia deste Concello. Tamén se reducen o número de delegados de prevención que esta vez serán dous no canto de tres como no anterior mandato, segundo indica a Lei 31/1995.

Desde a Sección sindical da CIG queremos manifestarlle o noso total agradecemento aos compañeiros delegados da CIG que deixan de selo logo de catro anos de mandato, Raquel, Marcos e Mónica, e recoñecerlles o traballo desenvolvido durante os pasados anos, os primeiros de andaina do noso sindicato neste Concello, e, sen dúbida, os máis duros para todos e todas polo que supoñía tentar ir aprendendo e facendo coas constantes cambadelas do goberno municipal e do outro sindicato con representación en laborais.

Comezan catro anos máis tentando mellorar a situación do persoal laboral porque aínda que o camiño está iniciado son moitas as frontes abertas e as desigualdades existentes aínda na actualidade e desde a CIG traballaremos unha vez máis ao abeiro dos compromisos de traballo cos que nos presentamos ás eleccións sindicais neste ano 2015 e que nos deron a maioría no Comité de Empresa para os vindeiros anos.

Mesa Xeral de Negociación do pasado luns 1 de xuño

Tal e como vos informabamos o venres, o Concello convocou unha Mesa de Negociacion onde parecía que ía tratar temas con respecto á Relación de Postos de Traballo mais que resultou ser un fiasco total.

A postura da CIG foi indicarlle ao goberno que non era o momento de convocar unha mesa a un día das eleccións sindicais cando a representatividade dos sindicatos podía variar ao día seguinte e menos cun goberno en funcións e logo de catro anos de lexislatura sen negociar unha Relación de Postos de Traballo.

Cal foi a nosa sorpresa cando o pouco que dixo o concelleiro de persoal en funcións, Diego Fernández, foi que lles desexaba moita sorte aos representantes sindicais nas eleccións que tiveron lugar ao día seguinte e valorou o traballo dos representantes sindicais nos pasados catro anos, que é algo os traballadores e traballadoras xa fan e deben facer nas eleccións tal e como aconteceu, non para nada un goberno local. Canto ao tema para o que nos convocaban supostamente, o concelleiro simplemente indicou que se seguían gobernando iniciaríase o proceso de negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo.

A CIG indicou que unha vez máis, como en anos anteriores, non se respectaran os prazos da convocatoria e que as Mesas de Negociación son organismos para negociar e que o Concello co que fai continuamente, non negociando as cuestións importantes e convocando mesas para informar, como no caso da OPE aprobada ou da RPT frustada no 2012, o que intenta é perverter os organismos de negociación colectiva, que debe ser convocados coa finalidade de negociar non para "felicitar as festas" para o que pode convocar unha reunión informal cos representantes dos traballadores.

O triste disto é que levamos catro anos e aínda hai que explicar para que serven os organismos legais de negociación cos representantes dos traballadores.