CCOO, UGT, CEOE e CEPYME asinaron
este luns o III Acordo Estatal para o Emprego e a Negociación
Colectiva. A Executiva Confederal da CIG considera que este novo
Pacto “manifesta descaradamente as intencións dos asinantes de
orientar a negociación colectiva para os próximos anos nunha
dirección moi definida e clara de entreguismo sindical á Reforma
Laboral aprobada en 2012 e á política económica neoliberal máis
oficial”.
Neste sentido, o secretario xeral
da CIG, Suso Seixo, denuncia que coa sinatura deste Acordo “CCOO e
UGT fan abstracción do que ocorreu nos últimos anos, das
consecuencias que tivo para a clase traballadora en canto a regresión
de dereitos e das condicións laborais e de vida, motivadas pola
crise económica mais tamén polas políticas neoliberais promovidas
polos gobernos españois, especialmente o PP”.
Considera que se nos presenta de
novo un acordo en materia de negociación colectiva “como se nada
pasara” e denuncia que o que se fai é “asumir o novo marco de
relacións laborais creado a raíz das reformas do PP en materia de
contratación, flexibilización de xornada ou de desmantelamento da
propia negociación colectiva.
En todo caso subliña que o
documento se limita a recoller declaracións de intencións,
reproducir textos de acordos anteriores ou facer referencia a textos
legais, pero “en ningún momento cuestiona as políticas económicas
e laborais dos últimos anos, nin propón alternativas que, a través
da negociación colectiva, permitan reverter a situación e
fortalecer á clase traballadora fronte á patronal”.
Para Seixo, a través deste
acordo, a patronal consegue darlle normalidade ás reivindicacións
que viña facendo nos últimos anos en materia de moderación
salarial, de modificación dos conceptos retributivos, de fomento da
temporalidade e subcontratación, de flexibilización da xornada
laboral, de control do absentismo e mesmo de promoción dos plans
privados de pensións.
Topes nos incrementos salariais
do 1-1,5%
Respecto das propostas en materia
de incremento salarial, Seixo asegura que se trata dun “exercicio
enorme de cinismo”. Explica que se presenta este acordo como se
estiveran pactando incrementos salariais para os próximos anos da
orde do 1% para 2015 e 1,5% para 2016 “cando na práctica o que fan
é pór un tope para os incrementos salariais para este ano, pero
deixando aberto que, en función das circunstancias do sector, poidan
pactarse incrementos moi por debaixo diso, mesmo conxelacións
salariais ou incrementos negativos”.
Denuncia, en consecuencia, que
eses incrementos salariais non están garantidos e prevé que van ser
escasísimos os sectores onde se consiga chegar a esas porcentaxes
“se non é a través da mobilización da clase traballadora”.
Baile de índices de
referencia: PIB-IPC
Seixo denuncia que “o seu nivel
de hipocrisía e de colaboración coa patronal” en todo o que ten
que ver coas políticas de moderación salarial dos últimos anos
ponse de manifesto na fórmula que pactan de revisión. Ademais de
salientar a súa ambigüidade lembra que mentres que para os
incrementos pactados en 2014, colleron como referencia o PIB e para
2017 está previsto que esa sexa novamente o índice de referencia,
“curiosamente para 2015 e 2016 -anos nos que o goberno español
prevé incrementos do PIB da orde do 3%, e incrementos menores do
IPC- de novo toman como referencia para a revisión o IPC e non o
PIB”.
Para o secretario xeral da CIG,
que matiza que a central sindical nacionalista non comparte o PIB
como índice de referencia, “o feito de que en cada momento opten
por aquel que cren que axuda a unha maior moderación salarial,
denota que o nivel de entreguismo de CCOO e UGT é total”.
Reproducimos de seguido o
documento aprobado pola Executiva Confederal.
Avaliación do III Acordo
Estatal para o Emprego e a Negociación Colectiva
Presentase como un Pacto que, se
ben é esencialmente declarativo e de intencións, repetitivo doutros
Acordos anteriores, con moreas de remisións á lexislación laboral,
manifesta descaradamente as intencións dos asinantes de orientar a
negociación colectiva para os próximos anos nunha dirección moi
definida e clara de entreguismo sindical á Reforma Laboral aprobada
no 2012 e á política económica neoliberal máis oficial.
Asentado no falso triunfalismo da
consolidación da recuperación económica, constitue un novo
capítulo do tan practicado Pacto Social, que como é habitual trae
consigo para a clase traballadora máis emprobrecimento de salários,
máis retrocesos nas condicións laborais, desmantelamento progresivo
e ruptura da negociación colectiva, con compromisos de centralizala
máis en Madrid, maiores facilidades para aplicar aspectos centrais
da Reforma Laboral, así como o favorecimento da contratación
precaria e temporal.
Os aspectos destacabeis deste
Acordo son :
1.- Establecemento dun tope
salarial.
Os convenios poden negociarse
desde un cero de incremento pero non poden pasar do 1% para o 2015,
nin do 1,5% para o 2016. E todo iso para favorecer a competitividade
das empresas e a “creación de emprego de calidade”, inda que
neste último aspecto non haxa ningún tipo de compromiso medíbel ou
avaliábel.
Xunto ao tope salarial, que é o
único acordo concreto, establécese tamén unha encuberta cláusula
de revisión salarial que, no seu caso, operaría para o 2017. A
redacción é realmente escura e difícil de entender pois di así:
Os convenios negociados conforme
ás anteriores directrices deberán ter en conta que o sumatorio dos
salarios de 2015 e 2016 será maior á suma das inflacións de ambos
anos, en función proporcional dos salarios inicialmente pactados.
Os resultados desta previsión son
sorprendentes. Imaxinemos un convenio que pacta os incrementos
máximos previstos, ou sexa o 2,5% en dous anos e que a suma da
inflación nese período fose do 3%. Correspondería unha revisión
do 0,5%, unha vez que se constate oficialmente o IPC. Pero si o
aumento é menor, por exemplo do 2%, un 0,7% no 2015 e un 1.3% no
2016, a revisión sería de 0,4%, en función proporcional ao salario
pactado. Ou sexa que si con un incremento de 2,5 corresponde unha
revisión de 0,5, a proporción respecto a un incremento salarial do
2% sería dun 0,4. E si a suma dos incrementos deses dous anos fose
de tan so un 1%, a proporción sería de 0,2%. Ou sexa canto menor
sexa o incremento inicialmente pactado menor sería a revisión. En
definitiva, si a subida pactada é exactamente a do tope salarial,
corresponde revisar na contía do exceso de inflación e si o aumento
é menor do tope salarial, so se garante que a contía da revisión
cubra so unha parte do exceso, a equivalente á proporción que garda
o aumento salarial acumulado inicial e o establecido como tope
(2,5%).
Entón, so poderán recuperar o
poder adquisitivo aquelas persoas afectadas por un convenio que
pactase o tope salarial, os demais nunca poderán, sempre perderán
unha parte, tanto maior canto menor sexa o aumento salarial pactado.
Resulta especialmente chamativo e
significativo o feito de que se fale de coller o PIB como referente
para o incremento salarial do ano 2017, ao igual que xa falaba no II
ACORDO para o ano 2014, e non se escolla esta posibilidade para os
anos 2015 e 2016, volvendo á referencia do IPC que xa abandonaran,
xusto cando o Goberno preve incrementos para estes anos moi
superiores do PIB respecto do IPC. Sempre terminan elixindo como
referencia para pactar os incrementos salariais aquel índice que en
cada momento é máis prexudicial para a clase traballadora e que lle
garante á patronal unha moderación salarial real.
As empresas sempre propoñen que
non haxa revisión porque despois –segundo din- non se pode facer
fronte a ela e supón un desequilibrio difícil porque non se pode
repercutir nos prezos. Esta fórmula atende, en parte, a eses
criterios empresariais. En principio pensan que non vai a haber
revisión, xa que a inflación non subirá do 2,5%. Pero si sobe,
aquelas empresas que “non poden” chegar a pactar o tope salarial,
terán tamén correlativamente unha revisión moito máis baixa. Polo
tanto, en previsión de que a inflación aumente nestes dous anos, as
empresas teñen que esforzarse en pactar incrementos máis baixos
para ter que pagar despois o menos posible en caso de revisión
salarial. E, por suposto, as organizacións sindicais asinantes deben
facer o contrario, asegurar un incremento salarial o máis próximo
ao tope establecido polas cúpulas.
Deste xeito, o normal xogo de
intereses enfrontados na negociación colectiva cobra máis
virulencia si temos en conta os resultados dunha posible revisión
que prima máis aos incrementos salariais máis altos.
Vai ser, polo tanto, especialmente
importante manter as cláusulas de revisión salarial actuais, alá
onde existan, e non entrar nesta fórmula estrambótica proposta no
acordo.
O que é inadmisible é que estas
organizacións na práctica impoñan á clase traballadora un tope
salarial, sen ter en conta a autonomía das partes negociadoras para
acordar o incremento que sexa posible en función da situación do
sector ou da empresa, situación que é ben diferente segundo sexan
as actividades produtivas e os territorios. O centralismo impón,
como de costume, unha igualdade por abaixo para todos.
Por outra parte, queda totalmente
aberto o incremento salarial para o 2017. A porcentaxe de incremento
“tomará como referencia a evolución do PIB en 2016 e o cadro
macroeconómico do Goberno para 2017, e a concretarán nos tres meses
seguintes á publicación deste último”.
E finalmente conteñense dúas
chamadas a maiores de especial gravidade:
A) Adverténcia de moderación á
hora de negociar incrementos salariais, limitandos ao incremento da
produtividade e do emprego, para que os sectores e as empresas, en
particular ás abertas á competencia internacional, manteñan a súa
posición e non sexan prexudicadas fronte aos competidores.
B) “Renovación“ dos conceptos
retributivos. Na negociación colectiva, e especialmente nos
convenios empresa, chaman a que se cambie a estructura salarial para
“racionalizar” e dar entrada a conceptos salariais en base a
indicadores cuantificados e que se destinen preferentemente a
retribucións de carácter variabel : produtividade, resultados das
empresas, conceitos fixo e variabeis, etc...
A filosofía na que se sustenta
este tope salarial é ben coñecida. Dise que a consabida
recuperación da actividade é inda moi feble e incerta, porque hai
moito paro, porque o déficit público é moi grande, porque hai
moito endebedamento e dificultades de acceder ao financiamento e,
tamén, porque os niveis de desigualdade e de exclusión social son
altos. E para solucionar todo iso en vez de aumentar os salarios hai
que prendelos, non vaia ser que os beneficios empresariais diminuan.
2.- Fomento da precariedade, a
temporalidade e a subcontratación.
Potenciase o contrato a tempo
parcial indefinido como alternativa á contratación temporal ou á
realización de horas extras, ampliando as porcentaxes máximas de
horas complementarias.
Estabelecense impedimentos á
contratación atraves de ETT.
En relación coa externalización
da producción e a subcontratación, remitese a unha lexislación en
vigor inservíbel e incapaz de frear a escravización que se está a
dar en cada vez máis sectores.
3.- Promoción da explotación
xuvenil sobre a base de validar o Plano de Emprego Xuvenil.
Faise seu, polos asinantes, o
Plano de Emprego Xuvenil aprobado polo Goberno español o ano pasado,
que convirte á mocidade en “ carne de cañón” de explotación
atraves dos contratos formativos e dunha formación dual, convertida
na práctica en man de obra barata ou directamente non remunerada (
prácticas non laborais nas empresas).
4.- Fomento das suspensións de
emprego e reduccións de xornada
instrumentalizadas atraves das
Comisións Mixtas e Paritárias dos convenios sectoriais, que
asumirán labores de mediación. Todo retroceso que se ten producido
coa Reforma Laboral é asumido e mesmo institucionalisado na
negociación colectiva.
5.- Apoio e promoción dos Planos
Privados de Pensións.
Através de catro liñas fan unha
avaliación positiva dos sistemas de Previsión Social Complementaria
e fan unha chamada a que se aborde o seu desenvolvemento na
negociación colectiva. Afóndase así na filosofía que xa levou a
estas dúas centrais sindicais a asinar no 2011 o acordo sobre
pensións, que entre outras cousas, subía a idade ordinaria de
xubilación aos 67 anos, diminuía a contía das pensións futuras e
puña novas dificultades para o acceso a unha pensión pública. Todo
dentro dunha orientación de fortalecer os sistemas privados de
pensións e polo tanto o negocio para a grande banca.
6.- Establecemento de instrumentos
de flexibilidade das condicións de traballo para adaptarse
internamente ante circunstancias cambiantes.
Acordan a posta en marcha de toda
unha serie de mecanismos e procedimentos (potenciando a intervención
das seccións sindicais, non dos comités e/ou delegados e delegadas
do persoal) para desde os convenios sectoriais ter instrumentos que
faciliten a flexibilidade en cuestións claves, como a:
-Clasificación profisional e
mobilidade funcional. Concretanse liñas de actuación para garantir
o comprimento dos obxetivos da reforma laboral no que ten a ver coa
eliminación de categorías e a implantación de grupos profisionais.
Facilítase a mobilidade funcional no mesmo ou noutro grupo
profesional por razóns técnicas e organizativas. Faise unha
reiteración da lei, que non val de nada para limitar e impedir a
realización de funcións de categoría inferior.
-Xornada de traballo. Preténdense
a implantación definitiva da xornada laboral e do tempo do traballo
flexíbel e irregular.Poderá afectar á xornada diaria, semanal ou
anual, con bolsa de horas. Aceptación sin límites nin matices da
distribución irregular do 10% da xornada anual ordinaria imposta na
Reforma Laboral.
-Inaplicación de condicións de
traballo. Onde non consiga a Patronal a flexibilidade, polas vías
anteriores, poderá facela sen límites ao recoñercerse a
utilización desta posibilidade ao non considerar modificación
substancial a flexibilidade fora do horario ordinario (traballo
semanal ou anual), afectando ao calendario laboral pactado.
7.- Incapacidade Temporal e
Absentismo
Compromisos para a xestión e
control das IT e “racionalización”, das coberturas pactadas en
Convenios como complementos ás baixas por enfermidade ou accidente,
suxerindo cambialas por pluses de absentismo. Nada en cambio sobre a
política de acoso das Mútuas ou das altas indebidas provocadas pola
Inspección Médica.
8.- Desmantelamento da negociación
colectiva e ruptura do convenio.
A tan cacarexada declaración do
comezo do Acordo cando din que “ a negociación colectiva é o
espazo natural do exercizo da autonomía colectiva “ traducese na
morte da mesma co Capítulo V deste Acordo.
Aceitase como válida a regulación
legal imposta pola Reforma Laboral da ultraactividade e como única
solución chamase a acordos parciais, rachando asi a unidade do
convenio colectivo e rematando os flecos da reforma laboral do PP.
Para máis colmo, en relación cos
convenios que poidan ter claúsulas de incremento salarial
automático, no caso de prórroga non operaría e o incremento sería
do 0%.
No canto de enfrontar de raíz o
ataque que se fai á negociación colectiva, apostase por
institucionalisar e darlle papel relevante de mediación e arbitraxe
ás Comisións Paritárias, como extensión da mecánica do diálogo
social aos convenios. Chegase até o extremo de integralos no V ASAC
e na Fundación SIMA.
Asi mesmo, de paso, e tal como
coñecemos que se constituen e funcionan as Comisións Paritárias,
por unha susbtitunse aos protagonistas que son os delegados/as e
Comités de Empresa, e por outra excluense ou marxinalizan ás
organizacións sindicais como a CIG.
9 .- Outras cuestións
destacabeis, son :
- Establecemento nos convenios
estatais de criterios e prioridades aplicables á formación
sectorial en todo o territorio do Estado.
- Declaración de intencións
xenéricas en relación cos direitos de información e consulta aos
representantes dos/as traballadores/as.
- Desenvolvemento cínico,
hipócrita e nada comprometedor para a Patronal en relación a
igualdade de trato e oportunidades ( xenéro, persoas con
discapacidade, etc...), así como da conciliación da vida laboral,
persoal e familiar.
- Autocomplacencia e palabrería
sen compromisos reais en relación á seguridade e saúde no
traballo, con siléncio total en relación as consecuencias que sobre
esta matéria ten a recente Reforma da Lei de Mutuas.
CONCLUSIÓN
De novo, con este ACORDO, o
sindicalismo español representado por CCOO/UGT, fai abstración do
que pasou nos sete últimos anos, das consencuencias sobre a clase
traballadora da crise económica e das políticas neoliberais
promovidas polas institucións, partidos políticos e gobernosa o
servizo do capital financiero, con recorte de dereitos; perda de
salario; desregulación, flexibilización e individualización das
condicións de traballo; deterioro da negociación colectiva, en
definitiva debilitamento, desmobilzación e perda de capacidade
reivincidacativa da clase traballadora. Nin neste III ACORDO, nin no
asinado por estes mesmos actores, xunto co goberno do PP, o 29 de
xullo de 2014, se fai a máis mínima crítica nin as políticas nin
aos responsabeis das mesmas, nin moito menos ao modelo produtivo,
económico e social, que nos trouxo e nos mantén nesta situación e,
en coerencia, nada se aporta de alternativo que axude á clase
traballadora a recuperar os dereitos, a calidade de vida e o poder
fronte ao capital.
Unha vez máis tamén,
CCOO/UGT préstanse a escenificar un acordo destas características,
corroborando a boa marcha da economía e un ambiente de “normalidade
“ e recuperación do diálogo social, uns días antes dun proceso
electoral no que o Goberno e o PP estaban a xogarse moito. Compre
recordar que, despois de moitos meses de negociación, asínase este
PREACORDO o día 14 de maio, dez días antes das eleccións
municipais e autonómicas do 24 de maio. A CAMBIO DE QUE SERÁ !!.
Galiza, xuño de 2015
EXECUTIVA CONFEDERAL DA CIG
Ningún comentario:
Publicar un comentario